O 1 DE OUTUBRO PRINCIPIA A VENDA DE MINIBONOS E ENTRADAS
Martes 25 de setembro do 2012
En menos dunha hora, desde que ás 9.00 se abriu a venda a través da plataforma servinova.es, e tamén no teléfono 902 504 500, esgotáronse a totalidade dos 160 bonos para asistir ás nove representacións de sala do XXI Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Esta é a primeira edición na que os organizadores do Festival habilitan a televenda para mercar os bonos, minibonos e entradas soltas o que, á vista dos resultados, se confirma como unha canle de acceso universal e equitativa para os usuarios que, desde a súa propia casa ou desde o lugar onde estean, poden iniciar o proceso de compra en calquera momento do día. Dos 160 bonos postos á venda, o 66,25 por cento deles adquiríronse por Internet e o resto, o 33,75 por cen, a través do teléfono. A recollida dos bonos pode facerse na entidade de NovaGalicia Banco que o usuario elixira durante o proceso de compra ou na taquilla do Pazo da Cultura os días de función. No caso das entradas soltas, a aplicación permitirá a impresión do billete no mesmo momento. As entradas soltas e do Ciclo OTNI e os minibonos do Programa de sala tamén estarán dispoñibles a través de <www.servinova.es> ou no 902 504 500 desde o luns 1 de outubro ás 9.00 horas. Os minibonos tipo A, poderanse comprar entre o 1 e o 5 de outubro e os tipo B, ata o 17 de outubro.
SAEN ADIANTE UNHA OPERACIÓN DE PRÉSTAMO E O PLAN DTC 94
Martes 25 de setembro do 2012
O pleno da corporación vén de dar luz verde na sesión ordinaria do mes de setembro á aprobación inicial dunha modificación da Ordenanza fiscal número 6 da taxa de lixo para 2012. O cambio supón unha suba dun 2,5 por cento na taxa para vivendas, un incremento inferior ao do IPC, estimado xa nun 2,7 por cento para este período. No que respecta ao lixo de establecementos comerciais, o líder do PSOE, José Antonio Viña, foi o encargado de elaborar un baremo e de crear novas fórmulas que permitan a aplicación de taxas que o goberno considera máis progresivas. Coas modificacións, sube o importe que abonan os bancos por metro cadrado, ou o dos grandes autoservizos como Froiz, Día, Gadis, etc. e establecementos que xeran un elevado nivel de residuos, como os almacenistas de alimentación. Porén, baixan outras taxas como as das perruquerías, froitarías, carnizarías ou panadarías. A modificación saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e do PSOE. No que respecta á xestión do lixo, aprobouse por unanimidade o contrato de xestión do "Servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e Canceira do Concello de Carballo". A proposta da mesa de contratación é a adxudicación do servizo por un prazo de 16 anos e por un importe de 740.746,57 euros cada anualidade á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Urbaser e Servicios Gallegos de Lacería SL.
O OBXECTIVO DA INICIATIVA É SENSIBILIZAR SOBRE O MEDIO AMBIENTE
Luns 24 de setembro do 2012
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar unha solicitude para participar no proxecto da Unión Europea LIFE + 2012, unha iniciativa na que a administración local participaría xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e os concellos de Allariz (Ourense) e Ribadeo (Lugo). Entre os obxectivos específicos da convocatoria está o de Información e Comunicación LIFE +, que ten como cometido o de divulgar información e fomentar a sensibilización acerca de temas medioambientais, con especial atención á prevención de incendios forestais, ademais de de apoiar medidas como a difusión de información e de actividades, o desenvolvemento de campañas de comunicación ou a celebración de conferencias e actividades formativas, incluída a formación en prevención de incendios forestais. A Xunta de Goberno acordou presentar diante da Comisión Europea unha proposta para participar neste proxecto, no que se levarían a cabo actividades concretas como a de crear un folleto sobre biodiversidade, realizar visitas de intercambio entre os tres concellos participantes, realizar obradoiros sobre técnicas gandeiras e biodiversidade, celebrar un congreso sobre esta temática, executar un estudo ambiental, realizar enquisas de seguimento, realizar un documental ou desenvolver unha páxina web. A convocatoria recolle que a data na que podería principiar o proxecto sería o 1 de xullo de 2013, sendo a duración do programa ata 2016.
NOVO SISTEMA DE VENDA DE ENTRADAS: A TRAVÉS DE SERVINOVA.ES
Sábado 22 de setembro do 2012
"Unha proposta artística irrefutable" e "impresionante". Así resume Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do festival xunto co Concello de Carballo, o programa do FIOT 2012. Máis de 30 espectáculos teatrais repartidos entre a Rúa dos Contos, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), as funcións de sala e a animación de rúa, que se verán apoiados por numerosas actividades paralelas. Segundo Sueiro, os criterios para a selección de propostas son a "calidade dos espectáculos" e o "apoio incondicional ao teatro galego", este ano de novo cunha coprodución, desta volta con Talía Teatro. Nomes como Els Joglars, Carmen Machi, Alberto San Juan, Guillermo Toledo ou Tantakka encherán o auditorio do Pazo da Cultura. Todos arredor dun fío conductor, os cambios que acompañan ao século XXI, no que o FIOT tamén cumpre 21 anos, propoñendo unha reflexión sobre as mudas sociais, económicas, políticas e culturais ás que asistimos. Ademais, a maior novidade desta edición na que o FIOT acada unha segunda maioría de idade, é o cambio no sistema de venda de entradas. O motivo, "eliminar os problemas de anos anteriores" e "facilitar que o público adquira as localidades da mellor maneira posible". Así, a partir que agora xestionarase todo unicamente a través da televenda por Internet en <www.servinova.es>; e tamén no teléfono 902 504 500.
O PLAN PROVINCIAL SUPORÁ MELLORAS EN CAMIÑOS E NO SANEAMENTO
Venres 21 de setembro do 2012
A corporación carballesa celebra o luns 24 de setembro una sesión plenaria ordinaria na que un dos principais asuntos da orde do día e a aprobación dunha operación de préstamo en 2012 por un importe de 900.000 euros. O motivo da realización desta operación é a liquidación do orzamento de 2011, que contou cun remanente de tesourería negativo de 1.801.326,55 euros, xa que a lei esixe que se tomen medidas para corrixir esa situación. Hai que lembrar que ese remanente vén dado por unha situación conxuntural, segundo explica un informe emitido por Intervención e Tesourería, xa que o Concello está pendente de recibir 2.798.717,77 euros, así como 401.378,74 euros de fondos FEDER (Fondeo Europeo de Desenvolvemento Rexional) correspondentes con dúas certificacións polas obras do Fórum Carballo. A pesares de que o Concello ten recibido unha notificación por parte do Goberno de España de que os fondos para abonar esta cantidade será liberados por Bruxelas de xeito inmediato e poderían chegar ás arcas municipais antes dun mes, o préstamo debe formalizarse igualmente por motivos de equilibrio orzamentario. Xa que a cantidade que se debe equilibrar é de 1.801.326,55, ademais do préstamo por 900.000 euros, o Concello deberá sufragar os outros 901.326,55 a través de superávit no orzamento de 2013. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que, a pesares desta operación de crédito, a carga financeira do Concello é de tan só dun 6,32 por cento, moi lonxe do tope legal do 25 por cento.
ESTRÉASE COMO PATROCINADORA DO FIOT
Xoves 20 de setembro do 2012
A Fundación Luís Calvo Sanz será unha das entidades patrocinadoras da XXI edición do Festival Internacional Outono de Teatro. A entidade carballesa que promove a familia da multinacional Conservas Calvo mostra así o seu apoio a un dos eventos teatrais máis salientables do noroeste peninsular, sendo ademais unha das súas primeiras accións de mecenado dende a súa recente constitución. O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, considera que a elección do Outono de Teatro coma o primeiro proxecto cultural no que inviste a Fundación Calvo é "unha aposta decidida e un compromiso de futuro coa cultura, cun festival consolidado coma o FIOT e coas inquedanzas da xente de Carballo e de toda a Costa da Morte". A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, entidades organizadoras do FIOT, manifestan o seu agradecemento á Fundación Luís Calvo Sanz e danlle a benvida para integrarse de pleno na promoción dun dos eventos teatrais máis importantes actualmente na nosa comunidade. Nestes tempos difíciles de crise económica, tamén é de resaltar, máis que nunca, o forte compromiso das administracións que mantiveron os seus apoios ao Festival Outono de Teatro, así como o de patrocinadores privados, empresas e comerciantes carballeses.
ENTRE O 27 E O 30 DE SETEMBRO NA CONTORNA DA RÚA PERÚ
Xoves 20 de setembro do 2012
A festa máis coñecida e internacional da cervexa, a Oktoberfest, cumpre en Carballo a súa terceira edición neste ano 2012. Comida típica bávara, cervexa e música para amenizar a festa durante toda a tarde e a noite. Este ano a cita celébrase os días 27, 28, 29 e 30 de setembro na explanada da rúa Perú, detrás da antiga estación de autobuses. Dentro da carpa climatizada están programadas cada día actuacións musicais en directo, concertos e sesións de dj, ademais da degustación de produtos típicos alemáns xunto coa cervexa Paulaner. Así mesmo, está previsto habilitar unha zona infantil para o entretemento dos máis cativos e cativas. Os principais pratos e produtos que se poden encontrar na Oktoberfest van dende salchichas ata patacas fritidas ou albóndegas. Así, está o hot dog xigante, con salchicha alemá de 50 centímetros de longo que se complementa con diversas salsas, leituga, cebola, etc.; hot dog alemán, un combinado de salchichas alemás de diversos tipos e acompañadas de puré entre diversas gornicións; e cocktail de salchichas, patacas fritas, albóndegas de atún, etc. Está por confirmar a dispoñibilidade de racións de callos. A carpa estará aberta cada día a partires das 18.00 horas e ata ben entrada a noite, excepto o día da apertura, o xoves 27, en que será a partires das 20.00 horas.
É A PRIMEIRA VISITA AO FESTIVAL DA COMPAÑÍA CATALANA
Mércores 19 de setembro do 2012
Els Joglars, a compañía privada máis estable e lonxeva de Europa, trae ao XXI Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) a montaxe "El Nacional". Segundo se fixo público a semana pasada, este será o último espectáculo que dirixirá o dramaturgo Albert Boadellla quen, xunto con Carlota Soldevila e Antón Font, constituíu o grupo teatral en 1962 en Cataluña, hai agora 50 anos. Esta é a primeira vez que Els Joglars visita o Outono de Teatro. Para a organización do festival é todo un orgullo acoller a unha das compañías máis emblemáticas de España que desde a súa fundación segue mantendo a súa relevancia. Neste medio século, o grupo destacou pola súa constante actitude crítica directamente relacionada coa realidade máis inmediata e por combinar a investigación e a vangarda coa popularidade, xa que os seus espectáculos sempre tiveron o recoñecemento de público e de crítica. "El Nacional" é unha sátira demoledora sobre a cultura elitista, a crise nos teatros e o malgasto da clase política estreada en 1993, xusto durante outra crise. Esta montaxe pecha o programa de sala do FIOT 2012 o mércores 31 de outubro.
O LUNS 24 PRINCIPIA A PARTE PRÁCTICA
Martes 18 de setembro do 2012
Un total de 15 alumnos participan xa dende o martes 11 de setembro no segundo curso de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras para desempregados, unha actividade que finaliza o 15 de decembro e que está incluída no Plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Xunta de Galicia. Neste momento os participantes na actividade formativa, de 458 horas de duración, están desenvolvendo o módulo de prevención de riscos laborais -que imparte Bergantiños Solucións Laborais-, mentres que a partires do luns 24 de setembro pasarán a realizar a parte práctica do curso. Esta actividade completa o primeiro curso de Soldador de Estruturas Metálicas Lixeiras -neste caso de 653 horas- que, dentro do mesmo plan da Xunta, se desenvolve tamén no Fórum Carballo. Comezou a primeiros de agosto con outros 15 alumnos, momento no que o recinto empezou a impartir a súa oferta formativa e a ocupar os talleres do complexo, neste caso os de soldadura (na imaxe). Os dous cursos contan cos contidos establecidos no convenio sobre seguridade e saúde, técnicas básicas de prevención, primeiros auxilios e dereitos e obrigas dos traballadores, así como cun módulo de inserción laboral e outro de igualdade de oportunidades. A parte práctica céntrase no corte para construcións metálicas e outras actividades relacionadas coa soldadura. Entre o orzamento de formación e o módulo de axudas, as actividades teñen unha subvención de 168.461,65 euros.
VENRES 21 E SÁBADO 22 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN
Xoves 13 de setembro do 2012
Como cada mes de setembro, o Xiria Pop volve á Sala Dublín de Carballo para ofrecer un gran cartel de actuacións escollendo o mellor do panorama pop-rock nacional e internacional. O festival festexa 15 anos de vida adelgazando un pouco a oferta, pasando de catro a tres grupos por día. Segundo explica Xabier Graña, responsable da cita a través da Asociación O Molete Psicopop, o festival "non pode estar á marxe da situación económica", aínda que non se subiu o prezo das entradas: 10 euros por día e un abono de 15 euros para as dúas xornadas. Os cabeza de cartel desta edición son o estadounidense John Paul Keith e os británicos The Breakdowns. Os segundos encabezan a actuación do venres, proceden de Nottingham e caracterízanse por boas melodías, a expresividade do mellor pop e a enerxía e luminosidade dun chispeante e poderoso son guitarrero. O guitarrista e cantante residente en Memphis John Paul Keith pecha o festival cun amplo abano de temas e influencias que van dende o Tex-Mex, o garage rock, o countrypolitran, o soul/pop de mediados dos 60, o rockabilly, e mesmo o jazz-blues. Completan a oferta do venres o madrileño Lukah Boo e os coruñeses The Twin-Sets; e a do sábado os australianos Midnight Wolf e os vascos The Fakeband. Fóra do cartel, haberá a actuacion incorporada a última hora dos coruñeses Busking Folks para abrir as actuacións da noite do sábado.
OS BOTIQUÍNS ATENDERON A PRETO DE 1.000 PERSOAS
Mércores 12 de setembro do 2012
Esta semana vén de rematar o traballo da Unidade de Salvamento Acuático do Concello de Carballo que actúa nas praias do municipio durante a tempada de verán entre os meses de xuño e setembro. Este ano o balance inclúe unha única operación de salvamento realizada o 25 de xullo na praia de Razo, cando foi necesario rescatar a dous veciños de Carballo: J.G.M., de 61 anos; e M.M.R., de 73 anos. Hai que subliñar a diminución de operacións respecto do ano 2011, cando a Unidade de Salvamento tivo que participar en seis rescates nos areais de Razo e As Saíñas (tres en cada praia). Ademais, hai que mencionar que a agrupación de Protección Civil e os 32 socorristas que vixiaron os areais de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal rexistraron un total de 990 atencións de botiquín, o que supón duplicar as intervencións respecto de 2011 (con 428). O motivo pode ser a meteoroloxía máis benigna rexistrada esta tempada, xa que o ano pasado contou con tan só 24 días despexados en todo o verán. A afluencia ás praias carballesas foi moi elevada durante este período estival, especialmente durante a segunda quincena de xullo e a primeira de agosto, sendo a meteoroloxía máis inestable en xuño e a primeira quincena de xullo. Os responsables de Protección Civil de Carballo lembran aos veciños e veciñas que a partir de agora non está dispoñible o servizo de socorrismo e vixilancia nos areais do Concello, polo que reiteran que o baño non é recomendable.
LUZ VERDE AO CONVENIO PARA ORGANIZAR O XV XIRIAPOP
Luns 10 de setembro do 2012
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar fóra dos asuntos da orde do día a adxudicación dos traballos para crear unha rede de saneamento en Rus, un proxecto incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2012, que ten un importe total de 672.191,75 euros e foi aprobado polo pleno municipal nunha sesión ordinaria en novembro de 2011. O prezo de licitación para a actuación en Rus era de 81.856,16 euros (sen IVE) e as obras serán realizadas pola empresa Ramón Vázquez. Os outros dous proxectos incluídos no POS 2012 son: rede de saneamento na parroquia de Artes, nestes momentos en proceso de adxudicación por 68.312,67 euros; e o rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Carballo (rúa Nardos), Goiáns, Oza, Lema, Rebordelos, Sofán, Berdillo, Rúa e Entrecruces por 114.832,81 euros. O resto do importe do POS destínase a gasto corrente. Tamén fora da orde do día adxudicouse o "Servizo de Ensino para a especialidade de violín que se está a prestar por parte do Concello de Carballo, no Conservatorio Profesional de música", un contrato que tiña un importe de licitación de 19.067,80 euros (sen IVE) e unha vixencia de dous anos coa posibilidade de dúas prórrogas anuais até catro anos, especificando como lugar de traballo o Pazo da Cultura.