SÁBADO 27 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS
Venres 26 de outubro do 2012
A organización do Festival Internacional Outono de Teatro, formada pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, fai entrega o sábado 27 de outubro do Xograr de Outono 2012 ao deseñador e creativo carballés, Alberto Gende, a quen se lle concede este galardón honorífico a título póstumo. O acto terá lugar antes do inicio da función de Sarabela Teatro "Viaxe a ningunha parte" ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Nunha reunión celebrada o pasado 11 de outubro, os anteriores galardoados co "Xograr de Outono", -entre os que destacan Artur Trillo, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó ou Kukas, entre outros- decidiron conceder o premio a Alberto Gende, falecido hai uns meses, xa que durante case dúas décadas foi o autor da imaxe do FIOT. O anuncio da concesión realizouse xusto un día antes do 40 aniversario do homenaxeado e durante a inauguración pública da mostra retrospectiva "Alberto Gende: dezanove anos de percorrido xuntos" (na imaxe). Esta é a primeira ocasión que co "Xograr de Outono" se recoñece o labor dunha persoa que non está relacionada directamente coa profesión teatral ou que destaca pola súa traxectoria de promoción do teatro en Galicia; e a segunda que o galardón se concede a título póstumo. En 2002 o xurado decidiu entregar este título honorífico ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño o mesmo ano da súa morte.
O ALCALDE VÉN DE RATIFICAR O ACORDO EN SANTIAGO
Xoves 25 de outubro do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de ratificar en Santiago de Compostela a adhexión do Concello á APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) -organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- coa sinatura dun convenio que permitirá que o municipio delegue nesta Axencia o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza ou sen axustarse ás súas condicións. As actuacións deberán estar situadas nalgunhas das seguintes clases de solo: rústico e urbanizable, mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados. A APLU é un ente público de natureza consorcial, dotado de personalidade xurídica, patrimonio e orzamento propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións, para o desenvolvemento en común pola Administración autonómica e os municipios que voluntariamente se integren nela das funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo. Os ingresos obtidos por multas coercitivas e sancións administrativas impostas en exercicio das competencias delegadas serán repartidos a partes iguais de modo que o 50 por cento pasará á administración autonómica e o 50 por cento restante ao Concello.
ACTIVIDADES PARALELAS: "QUERES SER UN PERSONAXE TEATRAL"
Martes 23 de outubro do 2012
O FIOT entra na súa recta final con catro funcións seguidas entre o xoves 25 e o domingo 28 de outubro e pon o colofón con Els Joglars o mércores 31. Nestes momentos aínda quedan entradas para asistir a "Acto cultural" (na imaxe), dos venezolanos Grupo Actoral 80, e para os dous espectáculos que restan do OTNI: "Calla y come", de La Cocina, e "Fingir" dos cataláns Colectivo 96º. No caso de "Acto cultural" (venres 26 ás 21.00 horas), a proposta conta cómo nunha pequena vila, os membros da xunta directiva dunha Sociedade Cultural celebran os seus 50 anos cun acto no que representan o drama histórico "Colón Cristóbal, el genovés alucinado", ao que teremos a honra de asistir. Durante a representación, os patéticos protagonistas van desvelando ante os asistentes as súas vidas precarias, abandonos, desexos e miserias. Un retrato dun pobo que encerra un pasado, un presente e un futuro que os afoga. O divertido texto do popular dramaturgo venezolano José Ignacio Cabrujas parodia unha sociedade paralizada ante unha situación de crise que fantasea ou falsea a realidade, ata que ésta se impón. Grupo Actoral 80 é unha das referencias do teatro en Iberoamérica e na súa traxectoria atopamos premios internacionais e máis de corenta montaxes. As entradas, por 6,80 €, en <www.servinova.es> ou no 902 504 500.
LUZ VERDE PARA O PROGRAMA ANUAL DE ACTIVIDADES CULTURAIS 2012
Luns 22 de outubro do 2012
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases reguladoras para a creación dunha Bolsa de Traballo do Concello de Carballo. Así, o Centro Municipal de Formación, no seu labor de facilitar a inserción laboral da cidadanía, ofrece a toda a poboación activa unha Bolsa de Traballo Municipal que será de utilidade para as persoas en situación de desemprego que desexen regresar ao mundo laboral, para os que busquen o seu primeiro emprego ou para quen desexen mellorar a súa situación laboral actual. O obxectivo prioritario desta Bolsa será o de realizar unha función de intermediación laboral, constituíndo unha ferramenta de conexión entre a demanda e as ofertas de emprego que se xeran na contorna do Concello. Esta ferramenta permitirá a divulgación de información en materia de emprego, recursos humanos e promoción económica, e contribuirá á dinamización da actividade económica para incentivar a creación de emprego e a implantación de empresas no municipio. O proxecto tamén recolle a posibilidade de elaborar, de forma independente ou en colaboración con outros organismos, programas específicos que incidan no desenvolvemento local, establecer e afirmar contactos co sector empresarial da zona como estratexia facilitadora de acceso ao mercado de traballo ou mellorar a transparencia de información á cidadanía e redundar na igualdade de oportunidades. Ademais, será un servizo adicional ao que presta o Servizo Público de Emprego da Xunta a través da Oficina de Emprego.
ENTRE OUTOBRO E FEBREIRO NO FÓRUM E CON RUTAS NO MUNICIPIO
Sábado 20 de outubro do 2012
Vén de arrincar no recinto do Fórum Carballo o obradoiro infantil Sendas Carballo, organizado pola Asociación Ambiental Senda Nova coa colaboración do Concello, no que o obxectivo é que os participantes pasen un bo rato aprendendo todo o esencial sobre o patrimonio cultural e ecolóxico do municipio carballés, incluíndo castros, mámoas, bosques, ríos ou humedais. Nestes momentos xa están anotados unha decena de rapaces e rapazas, aínda que a entidade espera cubrir o cupo de 25 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria. Está previsto que a actividade teña unha duración de cinco meses (entre outubro e febreiro) e ten un custo de 9 euros ao mes. Durante o obradoiro desenvolveranse actividades de aula con temarios específicos, saídas ao medio, xogos, actividades e manualidades como a realización de maquetas e herbarios. As sesións de aula son os sábados de 10.00 a 13.30 horas e as saídas ao medio, con rutas polo municipio, levaranse a cabo os domingos. O presidente de Senda Nova, José Manuel Menéndez, quixo agradecer a colaboración do Concello para poñer en marcha esta iniciativa, así como a participación dos rapaces e rapazas que xa iniciaron a súa actividade no obradoiro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, amosou a súa satisfacción por ver que "en Carballo hai persoas comprometidas co medio e co territorio", nun municipio "que ten moitos recunchos atractivos e interesantes".
ENTRE O 21 DE OUTUBRO E O 23 DE DECEMBRO
Xoves 18 de outubro do 2012
A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello e de Protección Civil de Carballo, organiza o I Outono en Marcha, unha iniciativa que pretende realizar percorridos por lugares de especial valor patrimonial, histórico, natural e paisaxístico, mudando o punto de vista para observar a comarca a través da choiva, das follas secas e do outono. O programa propón un total de cinco rutas, a maioría delas por Carballo, pero tamén tocando algúns concellos da comarca e limítrofes, tendo como outro dos seus obxectivos fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia no marco da contorna natural. O presidente da entidade, Xose Manuel Menéndez, quixo subliñar durante a presentación da actividade a elevada afluencia do seu anterior proxecto, a III Primavera en ruta, que conseguir reunir a máis de 90 persoas nalgún dos seus percorridos entre marzo e xuño deste mesmo ano. Desexou que a xente se anime tamén no outono, a pesares das posibles inclemencias meteorolóxicas, xa que, segundo explica "se chove, teremos a oportunidade de gozar da choiva" e ver as paisaxes dun xeito diferente. O Alcalde, Evencio Ferrero, transmitiu os seus parabéns a Senda Nova por esta iniciativa, contribuíndo a "desterrar a idea de que Carballo é feo", e aproveitando as rutas para "coñecer o territorio doutra maneira". Así mesmo, quixo felicitar aos voluntarios de Protección Civil pola súa colaboración.
O ALCALDE RECIBIU AOS REPRESENTANTES DESTE CONCELLO FRANCÉS
Mércores 17 de outubro do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Tenente de Alcalde e representante do Concello no Consello Escolar Municipal, Milagros Lantes, vén de recibir na Casa Consistorial a unha delegación formada por representantes do Concello bretón de Vannes (Mairie de Vannes), do Comité para as relacións entre Bretaña e Galicia (Comité Bretagne Galice) e do Colexio Notre Dame de Vannes (Collège Notre Dame Le Ménimur), ademais de a membros do equipo directivo e do profesorado do IES Monte Neme carballés. Esta visita enmárcase dentro do Proxecto Comenius Regio "Échangeons notre échange scolaire" ("Intercambiemos o noso intercambio escolar") que busca promover o desenvolvemento de actividades de cooperación entre autoridades activas no eido da educación en Europa e contribuír así a mellorar a súa oferta de ensino, participando por parte de Carballo o IES Monte Neme. Nunha mestura entre galego, castelán e francés, os presentes contaron algunhas anécdotas, como que o alumnado do instituto amosou a súa sorpresa ao ver a banda que levan en Francia os representantes das alcaldías; ou algunhas experiencias de Ferrero e Lantes nas súas visitas á Bretaña. Así mesmo, Latifa Bakthous Ben Abdallah, Tenente de Alcalde de Vannes en materia de Educación, insistiu en invitar a unha delegación do Concello carballés a visitar Bretaña e Vannes, e agradeceu a hospitalidade galega e carballesa, manifestando a súa intención de recibir coa mesma amabilidade aos representantes carballeses cando viaxen a Francia.
INSCRICIÓNS ATÉ 26 DE OUTUBRO ÁS 13.00 HORAS
Mércores 17 de outubro do 2012
O Concello de Carballo informa de que a Antena Local da Cámara de Comercio da Coruña organiza a actividade formativa gratuíta "Marketing e finanzas para o comerciante", unha iniciativa enmarcada dentro do programa "Emprendedores no comercio" e que está especialmente dirixida tanto a novos emprendedores, coma a comerciantes xa establecidos que precisen formación para procurar a sostibilidade do seu negocio. Esta cita conta coa colaboración do Concello, ademais do CCA Carballo (Centro Comercial Aberto) e Axober (Asociación Xóvenes Empresarios de Bergantiños). A actividade consiste en impartir formación (presencial e online) e consultaría individualizada, sen ningún tipo de custo tanto para emprendedores que teñan un proxecto de empresa como para comerciantes en activo. A formación presencial impartirase en clases de luns a xoves no Viveiro de Empresas de Carballo situado no Polígono de Bértoa en horas de tarde sen interferir no horario laboral (de 20.30 a 22.00 horas), entre os días 29 de outubro e 9 de novembro de 2012. As inscricións poden formalizarse até as 13.00 horas do venres 16 de outubro nas instalacións do CCA e Axober (Rúa Fomento, 21-23, 1ºL, Telf.: 981 701 613 / 981 756 313); ou na Antena Local da Cámara de Comercio (Rúa Bronce, Esquina Rúa Cobre, s/n, Polígono de Bértoa, Telf.: 981 757 599); así como no correo: <carballo@camaracoruna.com>.
VÉN DE REMATAR O DESBROCE DAS VÍAS ASFALTADAS
Martes 16 de outubro do 2012
O Concello de Carballo, a través das Concellarías de Medio Ambiente e Servizos, informa de que a Brigada de Medio Ambiente está realizando estes días labores de desbroce e de retirada de maleza na Ruta das Férvedas (PR-G 142), que transcorre entre A Brea e San Paio de Entrecruces e que conta con preto de 19 quilómetros de lonxitude, incluíndo dous saltos de auga: a Férveda de Rus (no rego da Férveda) e a Férveda de Entrecruces. Os tractores xa teñen despexado máis de 12 quilómetros e está previsto que os traballos estean rematados a próxima semana. O Club Ciclista Carballo ten previsto realizar un Circuíto BTT (Bicicleta Todo Terreo) pola Ruta das Férvedas a primeiros de novembro, cando a zona estará en perfectas condicións para o percorrido. Así mesmo, os operarios da Brigada teñen principiado o desbroce das pistas forestais do Concello. Nestes momentos as máquinas están traballando na parroquia de Cances e faltan as de Sísamo, Ardaña, Rus e a metade da parroquia de Sofán, dentro dos labores periódicos que a Brigada de Medio Ambiente realiza anualmente para manter en perfectas condicións a rede viaria do municipio. Por último, o Concello informa de que xa remataron os traballos de desbroce das vías asfaltadas e a limpeza de beirarrúas do municipio despois dunha ruta que incluíu todas as parroquias de Carballo e que comezou en xuño.
FUNCIÓNS: VENRES 19, SÁBADO 20 E DOMINGO 21 DE OUTUBRO
Luns 15 de outubro do 2012
Xa non hai entradas para as tres funcións que o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) ofrece a fin de semana do 19 ao 21 de outubro. Se ben as primeiras en venderse foron as de "Juicio a una zorra", de Kamikaze Producciones -prevista para o domingo 21 de outubro e unha das representacións máis esperadas do FIOT-, e as de "El Montaplatos", de Animalario -venres 19 de outubro-, nestes momentos xa está colgado tamén o cartel de "non hai billetes" para "A función do tequila", de Teatro do Morcego -sábado 20 de outubro-. Continúa pois o éxito de público despois dunha fin de semana que desfrutou co bo facer de Talía Teatro en dúas funcións consecutivas na súa estrea de "O método Gronhölm" e coa sorprendente versión de La Machina Teatro de "En alta mar" do polaco Slawomir Mrozek nun auditorio practicamente cheo. Esgotáronse tamén as entradas para ver a Cándido Pazo abrindo o ciclo OTNI (Obxecto Teatral non Identificado) con "Decamerón, historias para tempos ruíns", unha sucesión de divertidos e críticos contos baseados na célebre obra de Bocaccio nun espectáculo de Abracadabra Creacións Escénicas. O público non escatimou en aplausos e gargalladas para premiar o seu bo facer no escenario. E, por último, a segunda fin de semana do FIOT tamén foi testemuña do remate da XIV edición da Rúa dos Contos (na imaxe a actuación de Mentalini no pub O'Patacón), que un ano máis congregou aos seus seguidores máis fieis nos principais locais hostaleiros da vila.
TALÍA TEATRO RECIBIU O PREMIO DO PÚBLICO POR "VOLPONE"
Venres 12 de outubro do 2012
A segunda fin de semana do FIOT caracterízase pola grande cantidade de propostas para o espectador, ademais da estrea da segunda coprodución do FIOT, "O método Gronhölm", a cargo de Talía Teatro, a programación complétase con sete novos espectáculos da Rúa dos Contos, co terceiro espectáculo de sala a cargo da compañía cántabra La Machina Teatro e coa apertura do Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) por parte de Cándido Pazó. O sábado 13, ao escenario do Pazo sube un premio Max ao espectáculo revelación deste mesmo ano 2012. La Machina Teatro estrea en Galicia "En alta mar", do texto do dramaturgo Slawomir Mrozek, un dos nomes máis universais das letras polacas. A obra, dunha hora de duración, aborda con ironía e baixo un singular prisma humorístico e absurdo unha crítica do mundo contemporáneo desde a perspectiva de tres náufragos que teñen que tomar decisión "políticas" para sobrevivir. Unha temática que enlaza co fío argumental do FIOT 2012, o convulso século XXI. Aínda hai entradas para asistir a este espectáculo na plataforma <www.servinova.es> e no 902 504 500 ata o día antes da función. Logo, se non se esgotaron, é posible adquirilas no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo día da obra de 19.30 a 21.00 horas. Ademais, o Pazo da Cultura acolle a partir das 19.30 horas unha nova cita de "Café con…" para compartir uns momentos coa compañía.
O PAZO ACOLLE A MOSTRA "DEZANOVE ANOS DE PERCORRIDO XUNTOS"
Xoves 11 de outubro do 2012
O FIOT 2012 vén de acordar distinguir ao recentemente falecido artista carballés Alberto Gende co premio Xograr de Outono, un nomeamento honorífico entregado pola organización do festival a unha persoa ou entidade que destaque pola súa promoción do teatro en Galicia. En anteriores edicións do FIOT foron merecedores deste premio Artur Trillo, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó ou Kukas, entre outros. Artistas que tamén forman parte do xurado que decidiu distinguir a unha persoa moi vinculada ao Outono de Teatro e que pasou a metade da súa vida creando os carteis promocionais do FIOT. O anuncio da concesión do Xograr fíxose un día antes do que tería sido o seu 40 cumpreanos, durante a inauguración da mostra "Alberto Gende: dezanove anos de percorrido xuntos", na que precisamente se recolle unha selección dos traballos que o gran creativo, pintor e recoñecido deseñador gráfico realizou para o FIOT ata o seu falecemento hai só uns meses, contribuíndo a transmitir unha imaxe do festival "impactante, moderna, moi actual", en verbas do presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Juan Gende, irmán de Alberto, amosou a súa sorpresa e agradecemento ao coñecer a concesión do galardón e desexou que o público "desfrute cunha exposición que reúne todas as creacións de Alberto realizadas durante tanto tempo".