A MOSTRA: NO PAZO DA CULTURA ATÉ O XOVES 15 DE NOVEMBRO
Martes 6 de novembro do 2012
O andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o xoves 15 de novembro a exposición "Móvete por África: as mulleres, futuro dun continente". Principian con esta mostra os actos programados pola Concellaría de Benestar para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Así, ademais da exposición, que pode visitarse en horario de 18.00 a 21.00 horas, está previsto que ao longo de todo o mes os institutos e centros de educación Primaria do municipio acollan obradoiros centrados na prevención da violencia de xénero. Ademais, programarase unha sesión de teatro para sensibilizar sobre esta situación aos máis cativos e cativas e está previsto que o propio 25 de novembro, que este ano cadra coa feira dominical, se celebre a Feira das Asociacións. Ao igual que na anterior edición, estará situada no segundo andar do Mercado Municipal e acollerá stands cunha representación das principais entidades asociativas do municipio para amosar o traballo que desenvolven a prol dos servizos sociais e da defensa dos dereitos das mulleres. Así mesmo, na sesión plenaria do pasado mes de outubro, a corporación aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional contra a violencia de xénero (25 de novembro). Nela o Concello comprométese, entre outras cousas, a impulsar unha política municipal activa, integral e coordinada a favor de igualdade e contra a violencia de xénero.
INDALECIO CABANA VISITA O CENTRO O MÉRCORES 7 DE NOVEMBRO
Martes 6 de novembro do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Educación, Mar Eirís, do director do CEIP Gándara-Sofán, Mariano Dopico, e de tres nais integrantes da ANPA do centro, vén de entrevistarse co Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, para expoñerlle as necesidades do colexio, que precisa de diversas melloras. Entre elas, hai que destacar a mala situación dos peches do centro ou dos aseos das instalacións. Así mesmo, os responsables do CEIP consideran que sería necesaria unha redistribución das aulas ou a modificación do servizo de comedor para que dependera directamente da Xunta e eliminar o catering co que conta o centro na actualidade, que supón un custo elevado. Por último, os representantes da comunidade educativa falaron sobre a posibilidade de implantar a xornada única. O Alcalde e a Concelleira de Educación axuntaron un informe realizado pola Oficina Técnica Municipal no que se reflicten as principais eivas, non só do CEIP Gándara-Sofán, senón do CEIP Nétoma-Razo, que tamén precisa melloras no peche, ou outras problemáticas existentes en todos os centros do municipio. O Xefe Territorial amosou a dispoñibilidade de ver en persoa as instalacións do CEIP Gándara-Sofán, polo que está previsto que visite o mércores 7 de novembro ás 9.30 horas o colexio para comprobar in situ a situación do centro educativo e ver cales das demandas expostas poden ser atendidas pola Consellería.
OS MÉRCORES 21 E 28 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA
Luns 5 de novembro do 2012
O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un obradoiro de nanas dirixido a nais e pais, presentes ou futuros, así como a outr@s familiares e formadores que queiran aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés. Este pequeno obradoiro ten catro horas de duración, e desenvólvese o mércores 21 e o mércores 28 de novembro, en horario de 17.00 a 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. Nel poden participar un máximo de 25 persoas, ben soas, ben acompañadas do seu bebé. A inscrición é gratuíta e pode facerse no Servizo de Normalización Lingüística (no Pazo da Cultura) ou no teléfono 981 704 304, en días laborables en horario de mañá. De impartir o obradoiro encárgase o músico bergantiñán Xabier Díaz, que é cantante do grupo Berrogüetto e que, entre outros proxectos, publicou o ano pasado o disco "Arrolos de salitre", un álbum que contén precisamente 11 cantos de berce en galego e que foi presentado, con grande éxito, no mes de agosto na Praza dos Libros de Carballo. Este disco foi editado xunto co músico Guillerme Fernández, que tamén participa no obradoiro de nanas. Nas dúas sesións das que consta este obradoiro, as persoas participantes aprenderán a cantarlles aos bebés diversas nanas galegas, tanto de autoría como populares.
PRINCIPIAN OS TRABALLOS PARA UNHA REDE DE SANEAMENTO EN ARTES
Luns 5 de novembro do 2012
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a contratación da Fase I da obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo: Anllóns-Bardoso". O proxecto -elaborado en agosto de 2012 pola consultora Egis-Eyser SA- inclúe a execución dun novo depósito regulador de auga de 5.000 metros cúbicos en Seixo Branco, conectado co actual depósito de Paraíso, así como a instalación dunha nova condución de 400 mm de diámetro de 1.630 metros de lonxitude dende este novo depósito ata o lugar de A Ponte de Bértoa sobre o Río Anllóns. O orzamento previsto é de 1.153.754 euros (IVE engadido) e estes traballos están cofinanciados pola Unión Europea a través das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O sistema de adxudicación é o procedemento aberto con varios criterios de valoración, entre os que se atopan: a proposta económica (o de máis peso), a identificación dos condicionantes externos da obra, o programa de construción, o plan de control de calidade, a memoria das condicións ambientais, a memoria descritiva, a porcentaxe para o control externo de calidade e as melloras técnicas e de obra. O prazo total de execución previsto para a Fase I é de oito meses. O "Proxecto Anllóns-Bardoso. Posta en valor dos ríos" ten un orzamento global, incluíndo as dúas fases, de 4.145.796,5 euros, dos cales 2.902.057,59 euros serán achegados polos fondos europeos. Esta iniciativa mellorará considerablemente o subministro e a calidade das augas na capital carballesa, ademais da protección do Anllóns en situacións de seca.
A ORGANIZACIÓN ESPERA A PARTICIPACIÓN DE MÁIS DE 100 PERSOAS
Venres 2 de novembro do 2012
O Club Ciclista Carballo-Placasa, coa colaboración do Concello, organiza por segundo ano consecutivo unha Marcha Cicloturista que transcorre pola Ruta das Férvedas, un percorrido que principia na capital municipal e que remata en Entrecruces no que se poden contemplar importantes paraxes a nivel ambiental, como as férvedas de Rus e Entrecruces, pero na que tamén están incluídos bens patrimoniais como as igrexas das parroquias de Ardaña, Rus e Entrecruces, destacando sobremaneira a barroca de Sta. María de Rus (a máis importante do Concello a nivel artístico). A cita é o domingo 11 de novembro, e a saída está prevista para as 9.00 horas dende o Pavillón Vila de Noia (Zona Escolar) onde estará situada a Oficina Permanente e o Parque Pechado desde dúas horas antes. A proba inclúe servizo de duchas, vestiarios, aparcamento reservado para coches, lavadeiro de bicicletas, avituallamento durante a marcha e uns pinchos ó finalizar para repor forzas, que falta fará xa que a marcha é dunha dificultade media-alta. A inscrición, de 12 euros para federados, e de 24 para non federados, pode formalizarse na páxina web do Club Ciclista Carballo <cccarballo.com> ata o mesmo día da proba pouco antes da saída, e nas oficinas Carballo Deporte.
BANCO EUROPEO DE TEMPO DE VOLUNTARIOS SÉNIOR
Mércores 31 de outubro do 2012
Un grupo de tres italianos maiores de 50 anos visita Carballo durante tres semanas dentro do proxecto "Senior BoT", Banco Europeo de Tempo de Voluntarios Sénior, que pretende dar a oportunidade aos seus integrantes de coñecer a cultura, a historia, as tradicións e a realidade doutros países a través da realización de actividades de voluntariado relacionadas con servizos da vida cotiá. Este é o segundo grupo de italianos que visita o municipio e un grupo de carballeses e carballesas xa tiveron a oportunidade de visitar Italia para intercambiar coñecementos, proxectos e ideas. Os participantes -que estarán até o 19 de novembro na vila- pertencen á Asociación Sud-Est Donne, xestora do proxecto en Italia, e proceden da rexión de Puglia (Apulia), situada xeograficamente no "tacón" da "bota" italiana con provincias como Tarento ou Brindisi. O proxecto Senior BoT corre cos gastos de desprazamento e manutención dos participantes durante a súa estadía no estranxeiro, dándolles ademais unha preparación previa antes da súa partida sobre o país de destino. Durante as próximas semanas, a delegación italiana levara a cabo intercambios coas persoas e entidades que colaboran co Banco de Tempo carballés, apoiando a cooperación informal para o desenvolvemento de diversas actividades e obradoiros. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; a responsable do CIM (Centro de Información á Muller) Nieves Castañón; e dúas carballesas que xa viaxaran a Italia co programa estiveron na Alcaldía para falar cos participantes e darlles a benvida.
O ACTO DE SINATURA TIVO LUGAR NO SALÓN DE PLENOS CARBALLÉS
Mércores 31 de outubro do 2012
O Concello de Carballo, así como a parroquia, as funerarias do municipio e unha escolma de persoas en representación da vida política, social, cultural e empresarial do municipio subscribiron o martes 30 de outubro, en vésperas do día de Todos os Santos, a declaración Galeg@ para sempre, na que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que se quere facer público o desexo de, unha vez chegada a morte, ser lembrad@ en galego en posibles actos, funerais, recordatorios, lápidas, necrolóxicas, etc. O cura párroco, José García Gondar, realizou unha declaración sobre o compromiso e a importancia do uso do galego nos actos relixiosos; e as funerarias con presenza en Carballo (Pompas Fúnebres San Antonio, Pompas Fúnebres Bergantiños, Funeraria San José, Funeraria Santa Marta e Funeraria A Milagrosa) asinaron un compromiso co fomento do galego e de preguntarlles ás familias, en cada caso, que lingua queren que se use na lápida, recordatorio, necrolóxica, flores, etc. durante as honras fúnebres. O obxectivo desta acción é fomentar o galego nas cuestións relacionadas coa morte, visibilizando a lingua como factor principal da galeguidade e procurando que todas as persoas que viven en galego, tamén poidan morren en galego, xa que, na actualidade, a presenza da lingua galega despois da morte é moito inferior que ao longo da vida.
UNANIMIDADE PARA A DECLARACIÓN CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Martes 30 de outubro do 2012
A corporación carballesa vén de celebrar a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de outubro na que un dos puntos da orde do día que xerou máis debate foi o relativo á aprobación do complemento de prestacións ao persoal funcionario e laboral do Concello de Carballo en situación de incapacidade temporal. Dende o pasado 15 de outubro a norma establece que calquera traballador en situación de incapacidade temporal non ten dereito a percibir o 100 por cen da nómina. Porén, a administración local chegou a un acordo polo que en Carballo os traballadores nesas circunstancias si terán dereito á totalidade do seu salario, recorréndose a fondos municipais para asumir o custo correspondente. O acordo plenario ratifica esta resolución. Así mesmo, e tamén no relativo a cuestións de persoal, aprobouse o acordo obrigatorio da non dispoñibilidade de crédito para a paga extraordinaria dos traballadores do Concello de Carballo e do Padroado Deportivo Municipal, e que supón a inmobilización do diñeiro derivado da supresión desta paga. No caso dos traballadores do Concello, o importe é de 205.329,44 euros; e nos do Padroado de 20.412,30 euros. Entre os asuntos aprobados por unanimidade, destaca a Declaración Institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero con motivo da conmemoración do 25 de novembro, que manifesta a vontade da administración local de seguir traballando para eliminar esta lacra, tentando implicar a todos os sectores da sociedade.
MÉRCORES 31 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS
Martes 30 de outubro do 2012
O FIOT 2012 afronta o seu peche tras un mes de intensa actividade e dunha programación na que se deron cita compañías galegas, nacionais e internacionais que confirman o Festival como a cita teatral do noroeste peninsular tras 21 edicións de andadura. Entre estas compañías estiveron Tantakka Teatroa, que abriu a programación de sala con "Contra el viento del norte"; Talía Teatro, que estreou a coprodución "O método Grönholm"; Animalario Teatro, que trouxo a Carballo aos actores Willy Toledo e Jesús Barranco; ou Kamikaze Producciones que representou "Juicio a una zorra" coa televisiva Carmen Machi como actriz protagonista. O peche desta edición pono Els Joglars, a compañía privada máis estable e lonxeva de Europa, coa montaxe "El Nacional". Antes do inicio da función (ás 21.00 horas), parte do elenco compartirá co público unha relaxada charla sobre o proceso creativo do espectáculo na actividade libre "Café con…" que ten lugar no Pazo da Cultura coa presenza de Ramón Fontserè a partir das 18.30 horas. Esta é a primeira vez que Els Joglars visita o Outono de Teatro e a expectación creada ante o espectáculo quedou patente hai un mes, cando as entradas soltas para a cita quedaron esgotadas en menos dunha hora. Para a organización do FIOT é un orgullo acoller a unha das compañías máis emblemáticas de España que desde a súa fundación hai medio século mantén a súa relevancia.
ELS JOGLARS PECHAN O FESTIVAL O MÉRCORES 31
Luns 29 de outubro do 2012
Juan Gende foi o encargado de recoller o Xograr de Outono 2012 concedido ao seu irmán, o deseñador e creativo carballés Alberto Gende, que recibiu este galardón honorífico a título póstumo, acompañado polo presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e das mans do Xograr de Outono 2011, Kukas. Tanto a organización como Kukas dedicáronlle sentidas verbas a Alberto Gende. Así, o Xograr de 2011 quixo reivindicar o labor dos que elaboran as imaxes promocionais para o teatro "porque o primeiro que se ve non é unha obra, é un cartel", un elemento que ten "moita importancia" para levar ao público ás salas. Abafado pola emoción, Juan Gende explicou sentirse como "unha cara que chora e outra que ri", porque "non querería estar aquí, ao igual que non o quererían nin meus irmáns ni miña nai", a pesares da emoción que sentiron coa concesión do premio. Juan subliñou que aínda que Alberto non formaba parte de xeito literal das artes escénicas, "compartía cos actores e actrices a súa sensibilidade creativa", quedando "sen palabras" para describir o labor do seu irmán, e agradecendo á "xente do FIOT" o galardón, no seu nome e no da súa familia. Para rematar, case entre bágoas, quixo lembrar que "Alberto camiñou durante 19 anos co festival", polo que "mentres un dos dous siga vivo, o outro non morrerá" e desexou "longa vida a Alberto, onde estea, e longa vida ao FIOT".
O ALCALDE FORMALIZOU A SINATURA DO ACORDO NO CONCELLO
Venres 26 de outubro do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representante da UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Urbaser e Servigal veñen de asinar na Casa do Concello o contrato de xestión do "Servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto a recollida de lixo, transporte, Punto Limpo e Canceira do Concello de Carballo". A UTE manifestou a súa vontade de manter a próxima semana unha xuntanza co Concelleiro de Servizos, Luís Lamas, para ultimar detalles e facilitar o período de adaptación da nova xestión, xa que Urbaser e Servigal teñen seis meses de prazo dende o 1 de novembro, momento en que entra en vigor o contrato, para axustar o servizo, adaptar a maquinaria e realizar a dotación de persoal, entre outras cousas. Hai que mencionar que Lamas estivo ausente do acto de sinatura xa que nestes momentos está asistindo á Feira Internacional de Bioenerxía de Valladolid para afondar nas últimas novidades no aproveitamento de masa bioforestal e agrícola e a súa aplicación para o aforro de enerxía. Acompañaron ao alcalde na sinatura a Tenente de Alcalde e Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; e o Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo. Hai que lembrar que a adxudicación do servizo a Urbaser e Servigal foi ratificada na sesión plenaria do mes de setembro, que a UTE asumirá a xestión do servizo durante os próximos 16 anos e que supón un importe anual de 740.746,57 euros.
ADXUDICACIÓN DO PRÉSTAMO DE 900.000 EUROS A CAIXABANK
Venres 26 de outubro do 2012
A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro inclúe entre os asuntos da orde do día o Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co terceiro trimestre de 2012, un informe do que as administracións locais deben dar conta obrigatoriamente cada tres meses. Segundo este documento, o Concello abonou un total de 894 facturas entre o 1 de xullo e o 31 de setembro, das que 818 -por un importe de 1.578.176,83 euros-, foron pagadas nunha media de 16,93 días; as restantes 76 facturas -por un importe de 68.900 euros- foron satisfeitas nun prazo medio de 66,12 días. Os servizos municipais informan de que durante os 76 días hábiles contabilizados no pasado trimestre entraron unha media de 11,76 facturas diarias no Rexistro de Entrada, e o prazo medio de pago, contabilizando a totalidade de facturas presentadas entre xullo e setembro, é de 21,11 días, case a metade do que marca a Lei, que impón un prazo máximo de 40 días para o abono das contas. Nese mesmo período quedaron rexistradas dúas facturas -por 1.066 euros- que se pagaron despois de máis de tres meses a causa de problemas administrativos. O Alcalde, Evencio Ferrero, cualifica este informe como "unha radiografía perfecta do bo momento económico do Concello", subliñou que Carballo é a única administración local da Costa da Morte que cumpre coa elaboración deste informe e transmitiu os seus parabéns aos Servizos Económicos polo seu dilixente traballo.