VENRES 23, SÁBADO 24 E DOMINGO 25 DE NOVEMBRO
Mércores 21 de novembro do 2012
O Novembro con Música (NCM) 2012, o programa elaborado pola Concellaría de Cultura coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña, prepárase para unha intensa fin de semana con moitas e variadas opcións de ocio relacionado coa música. As citas comezan o venres 23 de novembro con música folk. Logo da inauguración da exposición "Ondas de Irmandade", o auditorio do Pazo da Cultura acolle a partir das 21.00 horas un concerto no que actúan o grupo Faltriqueira e os carballeses Fol de Veneno (na imaxe). Este último é un grupo de música tradicional galega formado por sete compoñentes da Costa da Morte. O seu traballo baséase na información sobre diversas pezas recollida nos pobos da zona. Logo entre todos arranxan esas composicións para crear actuacións cun toque divertido e festeiro. Faltriqueira, pola súa banda, son un grupo de cantareiras de Pontedeume que se caracterizan pola heteroxeneidade das súas propostas. O sábado 24, tamén ás 21.00 horas no Pazo, é a quenda da Coral Polifónica de Bergantiños, encargada de festexar o día dos músicos e da música co tradicional concerto na honra de Santa Cecilia. Están convidadas á cita, ademais da agrupación anfitriona, o Orfeón Herculino da Coruña e a Coral Polifónica de Santa Cruz de Montaos de Ordes.
BANCO EUROPEO DE TEMPO DE VOLUNTARIOS SÉNIOR
Luns 19 de novembro do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da responsable do Centro de Información á Muller (CIM), Nieves Castañón, despediu na Alcaldía ao grupo de tres persoas procedentes de Italia que estivo durante as tres últimas semanas na vila para coñecer a cultura, a historia, as tradicións e a realidade galega e carballesa a través da realización de actividades de voluntariado relacionadas con servizos da vida cotiá grazas ao programa Senior BoT, Banco Europeo de Tempo de Voluntarios Sénior. A delegación que acaba de deixar Galicia pertence á Asociación Sud-Est Donne, xestora do proxecto en Italia, e procede da rexión de Puglia (Apulia), situada xeograficamente no "tacón" da "bota" italiana. Durante a súa estadía levaron a cabo intercambios coas persoas e entidades que colaboran co Banco de Tempo carballés, apoiando a cooperación informal para o desenvolvemento de diversas actividades e obradoiros. Así, tiveron a oportunidade de visitar o mercado carballés e puntos de interese do municipio como o Pazo de Vilardefrancos ou a Férveda de Entrecruces; visitaron a Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, así como Verdes, Razo-Baldaio, Fisterra, Buño, o Dolmen de Dombate ou o Castro de Borneiro; e participaron en obradoiros de cociña, de escritura ou de masaxe facial. Durante a despedida, agasallaron tanto ao Alcalde como á directora do CIM con libros de recordo e falaron da súa experiencia nos últimos días.
PRÓRROGA PARA OS TRABALLOS DA BIBLIOTECA
Luns 19 de novembro do 2012
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente de contratación para o arrendamento do local destinado a bar-cafetería no Mercado Municipal de Carballo, situado na planta baixa do edificio e que ten unha superficie útil de 95 metros cadrados. A renda que como tipo de licitación se fixa é de mil euros (1.000 €) mensuais (IVE engadido), sendo o prezo total do contrato, tendo en conta a súa duración inicial, de dez anos, de 120.000 euros. O contrato poderá prorrogarse, por acordo mutuo de ambas partes, nas condicións iniciais en períodos de dous anos, cun máximo de dúas prórrogas. En todo caso, as eventuais prórrogas que poidan ter lugar deberán ter carácter expreso e formalizarse convenientemente mediante unha addenda ao contrato inicial. Para a execución do investimento preciso para a dotación do equipamento completo que resulte necesario para a posta en funcionamento da instalación, establécese un prazo máximo dun mes, a contar dende o día seguinte á data da sinatura do contrato. Para a valoración das propostas dos licitantes teranse en conta a maior renda mensual ofertada (o criterio máis valorado); os medios materiais destinados ao servizo; a garantía de calidade, variedade e prezo dos menús; a prestación de produtos preparados; e o mantemento, limpeza e conservación das instalacións, maquinaria e enxoval.
A VILA CONTA CON CASE 3.500 APARCAMENTOS GRATUÍTOS
Venres 16 de novembro do 2012
O Concello de Carballo acondicionará unha nova área de estacionamento no centro da capital municipal nuns terreos que suman unha superficie de arredor de 3.600 metros cadrados. Os futuros aparcadoiros están situados en dúas parcelas a ambas marxes da rúa Perú: a primeira na confluencia coa rúa Pontevedra e a segunda no cruce coa rúa Chile. Os solares permitirán a creación, unha vez acondicionados, de preto de 200 novas prazas de estacionamento libre, sen límite de tempo. Ao longo desta semana os operarios municipais estiveron realizando labores de aplanamento do terreo e está previsto que nos próximos días se coloque a sinalización e as ramplas de acceso para abrir o aparcadoiro ao público. Esta nova área vén a complementar os aparcadoiros xa existentes na mesma Rúa Perú e en Rego da Balsa e súmase aos espazos que xa están dispoñibles noutros puntos da capital municipal, como a Horta do Casino, o parque do San Martiño, o Pazo da Cultura, a Vila de Negreira, a confluencia das rúas Río e Xirona, a contorna do CEIP A Cristina ou a contorna do IES Alfredo Brañas. Os terreos foron cedidos temporalmente a través dun convenio de colaboración cos propietarios e con esta nova incorporación, a capital municipal conta xa con preto de 3.000 prazas de estacionamento libre en solares privados, ás que hai que sumar as máis de 550 prazas de zona azul, que tamén son gratuítas aínda que conten con regulación horaria.
O OBXECTIVO É FAVORECER O EMPREGO DO GALEGO
Venres 16 de novembro do 2012
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de asinar no Concello de Santiago de Compostela -no Pazo de Raxoi-, acompañado do Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, un protocolo de colaboración xunto con outros nove concellos galegos para a posta en marcha dun Club de Debate no que poden participar equipos dos centros de ensino do municipio. Os concellos que colaboran nesta iniciativa son, ademais de Carballo, Ames, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo. O Club de Debate é unha actividade organizada desde os servizos de normalización lingüística dos diversos concellos participantes, e leva desenvolvéndose varios anos. Carballo xa colaborou coa difusión da actividade na edición anterior, mais sen a participación de ningún equipo. Este ano súmase á organización e acollerá tamén unha fase no propio municipio. No certame poderán participar todos os centros de Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos, dirixíndose ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) de Carballo (981 704 304), situado no primeiro andar do Pazo da Cultura. A actividade está dirixida a alumnado matriculado en 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato ou nun curso equivalente de Ciclos Formativos e nunca para maiores de 18 anos. Os equipos, que deberán ser mixtos, estarán formados por un mínimo de catro rapaces/rapazas e un máximo de dez.
REALIZARÁN LABORES DE MANTEMENTO E LIMPEZA
Venres 16 de novembro do 2012
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Formación e Emprego que dirixe Marcos Trigo, informa de que a administración local se beneficiará do Programa de Emprego Xunta-Deputación Provincial da Coruña 2012, mediante a contratación de catro peóns para a Brigada de Medio Ambiente durante un prazo de tres meses. Os catro seleccionados son persoas desempregadas que asinaron o seu contrato co organismo provincial o pasado xoves día 15 de novembro. A selección foi realizada pola propia Deputación mediante os datos facilitados polo Servizo Público de Emprego de Galicia. A vindeira semana os traballadores comezan un Curso de prevención de riscos laborais de 33 horas de duración que se impartirá nas instalacións do Fórum Carballo, como entidade sede seleccionada polo organismo provincial, e que finalizará o martes 27 de novembro. Acudirán ao curso os traballadores contratados para o municipio carballés e os dos municipios veciños. Unha vez finalizada a súa formación en prevención de riscos laborais, comezarán a desempeñar en cada concello os programas solicitados no seu momento á Deputación da Coruña. No caso do Concello de Carballo, colaborarán coa Brigada de Medio Ambiente (na imaxe, a Brigada traballando) en labores de mantemento e limpeza de rúas e xardíns, parques, zonas recreativas e zonas públicas en xeral.
SÁBADO 17 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS
Xoves 15 de novembro do 2012
Despois de que o Novembro con Música (NCM) 2012 -o programa musical elaborado pola Concellaría de Cultura do Concello, coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña- arrincara con rock e música tradicional, a segunda fin de semana céntrase na música coral. Así, A partir das 21.00 horas do sábado 17 de novembro o Pazo da Cultura acolle o Festival de Corais, unha das citas anuais con este tipo de música, en concreto e nesta ocasión, con dúas das agrupacións máis importantes de Carballo e da comarca de Bergantiños: o Coro Aires de Bergantiños (na imaxe) e a Coral Polifónica de Bergantiños. O Coro Aires de Bergantiños ten un carácter marcadamente tradicional e conta con máis de 25 anos de historia recuperando e divulgando a música tradicional e o patrimonio cultural no máis amplo sentido da palabra. Tanto no eido material, co vestiario ou cos instrumentos cos que interpretan parte do seu repertorio; como no inmaterial, composto por todas a melodías que se van devolvendo á vida para volver a escoitalas e dese xeito, preservar a música e os cantos tradicionais. A Coral Polifónica de Bergantiños é unha veterana e recoñecida agrupación musical, todo un referente en Galicia e un exemplo a seguir para moitas outras do seu estilo alén da comarca de Bergantiños, onde é de sobra coñecida. A entrada é de balde.
NO PAZO DA CULTURA DE CARBALLO ATÉ O 20 DE DECEMBRO
Xoves 15 de novembro do 2012
Chegan a Carballo desde Brasil, Chile, Colombia, Cuba, México, Nixeria, Paraguai, República Checa, República Dominicana, Romanía, Senegal, Uruguai, Venezuela e de diversos puntos do estado español e queren aprender galego. Un total de 30 persoas de todas esas nacionalidades comezan o xoves 15 de novembro un Obradoiro de integración lingüística e cultural. Xente que non naceu en Galicia, mais á que lle apetece coñecer os nosos costumes ao mesmo tempo que dá a coñecer os seus. Persoas que queren saber o que é un carballo, o agarimo, o Antroido ou a choiva. Mulleres e homes aos que lles gusta coñecer a lingua e cultura galegas, para saber máis ou para intentar acceder mellor a un traballo aquí. Neste obradoiro práctico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, que ten lugar entre o 15 de novembro e o 20 de decembro de 2012, desenvolveranse diversas actividades para coñecer a lingua (escrita e oral), a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa. As sesións terán lugar os luns, mércores e xoves de 19.30 a 21.30 horas. O xoves 15 de novembro, ás 19.30 horas na aula 4 do segundo andar do Pazo da Cultura acolle o inicio das clases. Ao comezo está previsto que interveña, a modo de benvida e presentación, o Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira.
AS PRINCIPAIS MODIFICACIÓNS REFÍRENSE AO SOLO URBANO
Venres 9 de novembro do 2012
Despois dun longo traballo por parte do equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación (PXOM) de Carballo, así como dos grupos políticos da corporación e dos técnicos municipais, finalmente o Concello espera que a aprobación inicial do documento poida realizarse nunha sesión plenaria antes de que remate o ano. O xoves 8 de novembro tivo lugar unha nova xuntanza da Comisión Informativa de Urbanismo na que o equipo redactor presentou un informe no que se recollen todas as achegas e propostas realizadas, tanto polos técnicos como polos grupos políticos, respecto do solo urbano da vila de Carballo, a costa e os núcleos rurais. As modificacións están clasificadas en erros detectados no documento, condicións da ordenación, capacidade residencial, artigos na normativa e reformas dos sistemas viarios, dotacións e accións de interese público. A proposta dos redactores é introducir as modificacións baseándose en conseguir a seguridade xurídica do documento e evitar erros que afecten aos dereitos dos propietarios e á clasificación do solo. Durante a reunión, relatáronse aquelas propostas que finalmente se incorporarán á documentación, afectando os cambios fundamentalmente ao solo urbano e tamén á normativa, neste último caso en canto a condicións de ordenación e edificación para aclarar os contidos. Despois da xuntanza, o seguinte paso e incorporar de feito estas achegas ao PXOM, algo que o equipo redactor espera facer antes de que remate o mes de novembro.
AS OBRAS REALIZARANSE EN 14 PISTAS MUNICIPAIS
Xoves 8 de novembro do 2012
O Concello de Carballo emprendeu hai uns días uns traballos para mellorar a Ruta das Férvedas (PR-G 142) uns labores que remataron esta semana. A actuación consistiu na creación dun treito de chanzos (na imaxe) nunha zona de pronunciado desnivel na ruta, situada entre as Férvedas de Rus e Entrecruces, cerca do castro de Ouxas. O motivo foron as queixas dos usuarios e usuarias, que tiñan dificultades para salvar ese tramo do percorrido debido á súa pendente. Os traballos consistiron na creación de escaleiras ao longo do camiño pero sen ocupalo por completo, para permitir o tránsito dos sendeiristas e ao mesmo tempo facilitar o paso de bicicletas por un dos laterais. Hai que lembrar que precisamente a mediados de outubro a Brigada de Medio Ambiente estivo realizando labores de desbroce e de retirada de maleza na Ruta, que transcorre entre A Brea e San Paio e que conta con preto de 19 quilómetros de lonxitude, incluíndo dous saltos de auga: a Férveda de Rus (no rego da Férveda) e a Férveda de Entrecruces. Coa colocación dos chanzos e os labores de mantemento a PR-G 142 está xa en perfectas condicións para que o Club Ciclista Carballo desenvolva a súa II Marcha Cicloturista o domingo 11 de novembro, na que está previsto que participen arredor de 100 deportistas da zona, pero tamén de lugares como Ferrol ou A Coruña, que poderán desfrutar do percorrido.
VISITA DO XEFE TERRITORIAL: INDALECIO CABANA
Mércores 7 de novembro do 2012
O Concello de Carballo e a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria colaborarán para realizar melloras no CEIP Gándara-Sofán. Así transcendeu despois dunha visita que realizou hoxe o Xefe Territorial, Indalecio Cabana Leira, ao centro educativo, e na que estivo acompañado polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pola Concelleira de Educación, Mar Eirís, e polo director do centro, Mariano Dopico, entre outros. Durante o percorrido realizado polas instalacións do colexio, examináronse os peches, xa que algúns están en mal estado, con gretas e pouco estables. Finalmente, os deteriorados serán repostos con materiais facilitados pola Consellería. Así mesmo, Cabana puido observar un dos aseos da planta baixa, en estado bastante deficiente. O acordo inclúe a separación deste aseo en espazos para nenos e nenas, xa que nestes momentos é mixto, e a creación dun sanitario adaptado. Por último, os técnicos da Xunta e do Concello estudarán a realización dunha reforma da planta baixa para poder dotar o centro cunha nova aula de Educación Infantil para que o CEIP conte con tres en lugar das dous que ten na actualidade. Baralláronse varias posibilidades, como reducir o tamaño do despacho de dirección ou modificar varios tabiques para facer espazo. Porén, serán os técnicos os que concreten o proxecto nos próximos días. O obxectivo é precisar a natureza das reformas e a consignación orzamentaria o antes posible para que os traballos poidan principiar antes de que remate o ano.
ACTIVIDADES ENTRE O 9 DE NOVEMBRO E O 1 DE DECEMBRO
Mércores 7 de novembro do 2012
Carballo honra un ano máis a Santa Cecilia co programa Novembro con Música (NCM) que aglutina a preto de 450 intérpretes en 30 agrupacións que ofrecen nove concertos ao longo de todo o mes. Moitas das actividades constitúen citas xa consolidadas como o festival de rock 'Live in Cances' -que abre o programa o venres 9 de novembro- , 'Sons de aquí', o concerto do Conservatorio Profesional de Música, o concerto de Santa Cecilia, o Festival de Corais, o concerto da Banda Municipal ou o ciclo 'En Familia', dirixido aos máis cativos e cativas e que nesta edición conta con dúas citas. Máis dunha ducia de actividades organizadas polo Concello e por moitas das asociacións culturais e agrupacións musicais do municipio, coas que colaboran organismos como a Deputación da Coruña. Este ano, ademais, o programa conta co patrocinio de Primera Persona Editorial ou coa presenza da Obra Social La Caixa. A maioría das citas, que se complementan con tres exposicións, aglutínanse nas instalacións do Pazo da Cultura, e todas son de balde ata completar o aforo dos espazos nos que se celebran. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, Mar Eirís, Concelleira de Cultura, e Jessica Herranz, de Primera Persona, presentaron un programa que "está dirixido non só para o público de toda a comarca, senón tamén para todas as idades", en verbas de Ferrero, colaborando a crear unha sociedade "máis viva".