Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Máis de 1.200 nenos e nenas dos centros de ensino do municipio participaron no Concurso de Cartel e Postal de Nadal

A GAÑADORA É UNHA ALUMNA DO CEIP A CRISTINA

Máis de 1.200 nenos e nenas dos centros de ensino do municipio participaron no Concurso de Cartel e Postal de Nadal

Luns 3 de decembro do 2012

O luns 3 de decembro tivo lugar no Pazo de Cultura a reunión do xurado encargado de fallar o Concurso de Cartel e Postal de Nadal 2012, convocado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo. O xurado estivo constituído por alumnado dos centros de ensino, representados, neste caso, por Raquel Martínez Blanco e Eduardo Castro Fernández, alumnos do Colexio Artai; e por Daniel Otero Suárez e Iria Gundín Cerviño, alumnos do CEIP Fogar; así como por un representante dunha asociación cultural, este ano Adelina Fernández Taibo, membro da AC A Braña de Rus; unha artista local que ten gran experiencia no mundo da arte plástica, Eva Facal Lazo; e en nome do Concello de Carballo estivo presente a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Contratación e Feiras e Mercados, Milagros Lantes Seara. Logo das oportunas deliberacións, resultou elexida como Postal gañadora a presentada por Nerea Vilariño Cabeza, de 11 anos e alumna do CEIP A Cristina, outorgándoselle un premio de 175 euros en libros e xoguetes educativos e un diploma. Tal e como se recolle nas bases, o centro educativo ao que pertenza o gañador deste galardón, outórgaselle un premio por valor de 150 euros en material didáctico e que este ano recae no CEIP A Cristina. Na imaxe pode verse a postal gañadora do ano 2011. A imaxe gañadora deste ano farase pública cando se presente o programa do Nadal Cultural 2012.

Novo convenio de colaboración do Concello para a realización de prácticas de alumnado nas dependencias municipais

APRAZAMENTO DE SOBRECÁNONES DO MERCADO

Novo convenio de colaboración do Concello para a realización de prácticas de alumnado nas dependencias municipais

Luns 3 de decembro do 2012

A Xunta de Goberno Local en sesión ordinaria vén de dar conta dun Convenio de colaboración coa Academia Enter para a realización de prácticas non laborais en empresas. Por este acordo, o Concello acolle nas súas dependencias a dúas alumnas que realizarán prácticas non remuneradas no edificio do Fórum Carballo (tendo como titor a Juan Lorenzo, director do Centro Municipal de Formación) e no Departamento de Cultura (tendo como titora a Carmen Castro, Animadora Cultural e Xefa de Programas do Concello) durante 60 e 80 horas respectivamente entre o 28 de novembro e o 12 de decembro de 2012. O obxectivo destas prácticas é o de complementar a adquisición por parte do alumnado da competencia profesional acadada no centro formativo mediante un conxunto de actividades produtivas no centro de traballo, contribuír ao logro das finalidades xerais na súa formación profesional, facilitar a avaliación dos aspectos máis relevantes da competencia profesional adquirida polo alumnado e facilitar a súa futura inserción profesional. O seguimento e avaliación do alumnado será realizado polo profesorado do centro en colaboración co instrutor do centro de traballo. O convenio aclara que a relación entre o alumnado e o centro de traballo non terá en ningún caso natureza xurídica laboral ou funcionarial e que non recibirá retribución algunha pola súa actividade formativa.

Máis de 250 cativos e cativas asisten no Pazo da Cultura a un Contatoncos a prol da igualdade e contra a violencia de xénero

A CITA PECHOU OS ACTOS CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO

Máis de 250 cativos e cativas asisten no Pazo da Cultura a un Contatoncos a prol da igualdade e contra a violencia de xénero

Venres 30 de novembro do 2012

Máis de 250 nenos e nenas de 1º de Primaria dos centros de ensino do municipio asistiron no auditorio do Pazo da Cultura a unha sesión de Contatontos pola Igualdade e a Convivencia no marco do programa de actos da Concellaría de Igualdade e Benestar para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. O obxectivo da actividade é o de tratar de maneira sinxela a barreira de xénero, para que os cativos e cativas rompan con ela, e tamén loitar contra a xerarquización dos estereotipos e roles asignados arbitrariamente a un e outro sexo, e así contribuír a educar nos valores do respecto, a tolerancia e a igualdade. Durante a sesión fomentouse a educación en igualdade de oportunidades entre nenas e nenos desde a animación á lectura, así como a coeducación para previr a violencia de xénero. Ao longo dunha hora despregouse un repertorio de contos cos que se fixo reflexionar aos máis pequenos sobre as diferenzas entre homes e mulleres, a integración, a cooperación, a corresponsabilidade, etc. Con esta cita péchanse os actos de todo un mes dedicado á loita pola igualdade con obradoiros para o alumnado dos centros de ensino, exposicións e a Feira das Asociacións que, como cada ano dende 2004, contou coa presenza de distintas entidades que traballan en Carballo con e a prol das mulleres.

O Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012 arrinca coa arela de axudar aos profesionais do sector

O SÁBADO 1 DE NOVEMBRO ESTÁN PREVISTAS EXHIBICIÓNS DE RESCATE

O Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012 arrinca coa arela de axudar aos profesionais do sector

Venres 30 de novembro do 2012

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, acompañaron aos responsables da organización do Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012 durante o acto de inauguración desta cita que ten lugar nas instalacións do Fórum Carballo e en distintos puntos do municipio até o domingo 2 de decembro. Segundo Nuria Rodríguez, presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga), o obxectivo é que as actividades "sirvan para o facer profesional" dos arredor de 150 socorristas, deportistas, voluntarios e responsables da medicina que se dan cita durante tres días para reflexionar sobre o salvamento, os primeiros auxilios e o salvamento deportivo. Marcos Trigo subliñou que xa hai 25 anos que o salvamento comezou a súa historia en Carballo e espera que o Congreso sexa útil, non só para reivindicar a profesión, senón tamén para "que sexa recoñecida e valorada pola responsabilidade e o papel que xoga nas nosas vidas". O Alcalde, pola súa banda, desexou que, despois dos primeiros 25 anos na vila, "o socorrismo siga durante moitos anos máis e se tome como exemplo de superación". Ferrero tamén resaltou o feito de que Carballo sexa a única vila de Galicia con dous clubs de salvamento deportivo e espera que os asistentes ao Congreso, algúns chegados dende lugares como Noruega, Brasil, Portugal ou Holanda, desfruten da Costa da Morte, "lugar difícil onde golpean as augas do Atlántico pero no que tamén vemos saír o sol".

O Novembro con Música 2012 remata cos concertos do Conservatorio Profesional e da Banda Municipal

VENRES 30 DE NOVEMBRO E SÁBADO 1 DE DECEMBRO

O Novembro con Música 2012 remata cos concertos do Conservatorio Profesional e da Banda Municipal

Xoves 29 de novembro do 2012

O Novembro con Música 2012, o programa musical elaborado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo, coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña, chega á súa fin esta fin de semana con dúas propostas organizadas polo propio Concello. O venres 30 de novembro o auditorio do Pazo da Cultura acolle o Concerto do alumnado e das agrupacións do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, no que intervirán alumnos e alumnas do centro, así como grupos musicais que tamén dirixen mestres do Conservatorio. A cita é a partir das 20.00 horas e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforo. O sábado día 1 de decembro pecha oficialmente o programa a Banda Municipal de Música de Carballo que, baixo a dirección de Vicente Pérez Planells, ofrece un variado programa onde non faltarán temas clásicos, contemporáneos, obras de autor e como non, os pasodobres. Este concerto ten lugar o sábado 1 de decembro ás 21.00 horas e, como no caso anterior, a entrada ao auditorio é libre e gratuíta ata completar aforo. Péchase así o Novembro con Música 2012, un programa que se desenvolveu durante todo o mes de novembro, e no tiveron cabida todo tipo de estilos musicais: desde o pop-rock ata a música clásica ou desde a música tradicional á música coral ou incluso os cantos de berce.

Doutores e especialistas de Holanda, Brasil ou Noruega danse cita no Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012

NO FÓRUM CARBALLO ENTRE O 30 DE NOVEMBRO E O 2 DE DECEMBRO

Doutores e especialistas de Holanda, Brasil ou Noruega danse cita no Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012

Mércores 28 de novembro do 2012

Arredor de 150 persoas participan entre o venres 30 de novembro e o domingo 2 de decembro no Congreso Internacional de Salvamento e Socorrismo 2012 que se celebra no Fórum Carballo e que está organizado pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (Fessga) coa colaboración da Deputación da Coruña, o Concello, Carballo Deporte, Protección Civil e o Consorcio Provincial de Bombeiros. Doutores, profesores e relatores expertos na materia chegados de Holanda, Brasil, Portugal, Noruega e de moitos puntos da xeografía española e galega analizan durante tres días as claves do salvamento, os primeiros auxilios e o salvamento deportivo. Segundo explica a presidenta da Fessga, Nuria Rodríguez, un dos maiores atractivos do programa céntrase nas exhibicións do sábado 1 de decembro que están dirixidas non só aos participantes no Congreso senón a todos os veciños e veciñas que queiran asistir. Así, está previsto que a partir das 14.00 horas, e coa presenza da Axencia Galega de Emerxencias, Asociación de Cans de Salvamento de Galicia, Protección Civil de Carballo e o Consorcio de Bombeiros lugares como Verdes, as praias de Razo e Baldaio e a explanada do Fórum Carballo acollan un obradoiro de rescate en ríos e acantilados, un simulacro de rescate coa participación do helicóptero Helimer Galicia, un simulacro de rescate con embarcacións, unha exhibición de rescate con cans ou un obradoiro de excarceración.

O pleno ratifica a aprobación da Ordenanza reguladora da taxa do lixo e dá luz verde ao financiamento do proxecto Anllóns-Bardoso

ACTUALÍZANSE OS PREZOS DE USO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS

O pleno ratifica a aprobación da Ordenanza reguladora da taxa do lixo e dá luz verde ao financiamento do proxecto Anllóns-Bardoso

Martes 27 de novembro do 2012

O pleno da corporación vén de aprobar a modificación da Ordenanza fiscal nº 6, reguladora das taxas de recollida de lixo para 2013 -cos votos a favor do goberno, en contra de PP e TEGA e a abstención do PSOE- e despois de desestimarse a única alegación presentada, unha emenda que no seu momento recibiu un informe negativo da Oficina Técnica e que se refería fundamentalmente ás condicións para o cobramento da taxa a vivendas desocupadas. Unha vez rexeitada a alegación e tan pronto se publique no BOP (Boletín Oficial da Provincia) entrará en vigor esta modificación da normativa pola que en 2013 comezarán os trámites para cobrar o recibo a arredor de 2.200 vivendas baleiras do municipio. Será a Oficina Técnica a que, en caso de dúbida ou presentación de alegacións, ditamine a condición de habitabilidade das vivendas, xa que o que determinará que unha vivenda deba contribuír ao pago da taxa é que estea en condicións de obter unha licenza de primeira ocupación. A modificación tamén supón unha suba dun 2,5 por cento para ter en conta o IPC (que ascende a un 3,8 por cento). Así mesmo, recolle cambios nos importes para establecementos comerciais co obxecto de aplicar taxas máis progresivas. Deste xeito, sube o importe que abonan os bancos por metro cadrado, ou o dos grandes autoservizos como Froiz, Día, Gadis, etc. e establecementos que xeran un elevado nivel de residuos. Porén, baixan outras taxas como as das perruquerías, froitarías, carnizarías ou panadarías.

Declaración Institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero con motivo da conmemoración do 25 de novembro

SUBSCRITA POR UNANIMIDADE DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN

Declaración Institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero con motivo da conmemoración do 25 de novembro

Domingo 25 de novembro do 2012

A violencia de xénero é un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres, e salienta as desigualdades aínda existentes na sociedade entre mulleres e homes. Manifestada a través de violencia física e mortes, tamén inclúe episodios de violencia psicolóxica e emocional que se manifesta na desvalorización da muller, no menosprezo do seu traballo e no illamento social. Cada ano, centos de vítimas son atendidas polos servizos públicos, aos que hai que engadir moitos casos que ocultan a súa condición de maltratadas, así como a moitas outras mulleres que, desgraciadamente, son asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas. Todas estas vítimas fan que a violencia de xénero se converta nun drama de grandes dimensións que afecta a toda a sociedade. Para prever e erradicar esta lacra social temos que sumar todas as forzas: rexeitala enerxicamente por medio da tolerancia cero, amosarlle ás mulleres que non están soas, e enviarlle unha mensaxe clara aos maltratadores, que non contan co apoio nin de homes nin de mulleres. Por todo isto é necesaria a implicación do conxunto dos poderes públicos e da sociedade en xeral. A sociedade galega non debería aceptar ningunha forma de violencia de xénero, e as institucións locais teñen que responsabilizarse nesta tarefa.

A exposición "Ondas de Irmandade II" conmemora no Pazo da Cultura o centenario do asociacionismo mariñeiro

NA SALA DO ANDAR -1: DE 18.00 A 21.00 HORAS

A exposición "Ondas de Irmandade II" conmemora no Pazo da Cultura o centenario do asociacionismo mariñeiro

Sábado 24 de novembro do 2012

A mostra "Ondas de Irmandade II", organizada pola Deputación da Coruña, chega a Carballo para estar na sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura até o 10 de decembro. A exposición consta de diversa documentación histórica, maquetas, fotografías, videos, esculturas, cancións e material audiovisual co que se pretende conmemorar o centenario do asociacionismo mariñeiro, rendendo unha particular homenaxe aos pescos e pescas de Galicia, unha xente que estivo toda a súa vida ligada ao mar. O acto de inauguración, o venres 23 de novembro, contou coas explicacións do comisario da mostra, Xabier Brisset Martin, que desvelou as claves de boa parte desta historia mariñeira, caracterizada pola reivindicación e a loita dun grupo de homes e mulleres que apostaron pola pesca tradicional e que conseguiron levar a revolución tecnolóxica ao mar, impulsando a pesca galega para achegala á era industrial. A inauguración, na que estiveron a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e numerosos membros da corporación, tamén estivo acompañada pola actuación das cantareiras Faltriqueira e de Fol de Veneno. Ademais, o xoves 29 ás 20.00 horas está programada unha visita guiada e a proxección dun documental, unha cita que está aberta de balde a todos os públicos. A exposición pode visitarse de 18.00 a 21.00 horas.

O pleno aborda a adaptación dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas ao IPC e a aprobación do POS 2013

APROBACIÓN DEFINITIVA DA ORDENANZA DA TAXA DE LIXO

O pleno aborda a adaptación dos prezos públicos polo uso das instalacións deportivas ao IPC e a aprobación do POS 2013

Venres 23 de novembro do 2012

A corporación carballesa celebra o luns 26 de novembro unha sesión plenaria ordinaria na que un dos asuntos recollidos na orde do día refírese á modificación da Ordenanza fiscal nº 22, reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais para 2013. Así, adáptanse as cotas á suba do IPC, estimada nun 3,8 por cento, polo que os ingresos previstos polo Padroado Deportivo Municipal para 2013 serían de 683.703,80 euros, o que supón o 61 por cento do orzamento do organismo, achegando o Concello a cantidade restante. O anteproxecto do orzamento previsto para 2013, xa estudado polo Consello Reitor do Padroado, reflicte un importe de 1.120.203,80 euros. Así mesmo, para o ano 2013 o organismo asume o gasto de gas do Campo Municipal de As Eiroas, estimado nuns 10.000 euros. Os prezos públicos para 2013 serían os seguintes, xa aplicada a suba do IPC: cota de matrícula, 20,00 € (permanece invariable); abono individual (de 18 a 59 anos): 16,31 €/mes; abono individual xove (ata 18 anos): 13,04 €/mes; abono familiar: 21,74 €/mes; abono a partir de 60 anos: 13,04 €/mes; abono para colectivos desfavorecidos: 9,78 €/mes; e abono de mañá: 14,13 €/mes. Tendo en conta os datos actualizados a 14 de novembro de 2012, o número de aboados das instalacións deportivas municipais ascende a 4.443.

A corporación apoia de forma unánime a creación dunha comisión de coordinación social para atender aos máis necesitados

INAUGURADO O ALBERGUE DE TRANSEÚNTES SAN XOÁN BAUTISTA

A corporación apoia de forma unánime a creación dunha comisión de coordinación social para atender aos máis necesitados

Xoves 22 de novembro do 2012

Os voceiros de todos os grupos políticos da corporación carballesa prestaron onte o seu apoio unánime para a creación dunha comisión de coordinación social cuxo obxectivo será o de dar resposta a situacións de emerxencia social que poidan afectar a familias do municipio, especialmente en casos de desafiuzamento, non pagamento de alugueres ou vales de alimentos. O obxectivo fundamental desta comisión será o de coordinar as actuacións que se leven a cabo en materia social, contando coa colaboración do departamento de Servizos Sociais do Concello, pero tamén pedindo o apoio de Cáritas e Cruz Vermella, dúas das entidades que máis están traballando cos colectivos afectados. Así, a comisión poderá mediar entre inquilinos e persoas en aluguer que non poden asumir o pago da renda, ou incluso coas entidades financeiras no caso dos desafiuzamentos, para tentar paliar no posible estas situacións. Tamén coordinará o reparto xusto dos vales de alimentos entre os máis necesitados. Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar informan de que levan atendido xa a máis de setenta persoas que se teñen quedado sen vivenda, ademais de que o Concello xa duplicou no que vai de 2012 os recursos que destina a vales de alimentos respecto do ano pasado. O acordo para a creación desta nova comisión coincidiu hoxe coa inauguración dun Centro de día de inclusión social e Albergue para transeúntes do Centro Social San Xoán Bautista.

Carballo conmemora o 25 de novembro coa tradicional Feira das Asociacións, contacontos e obradoiros contra a violencia de xénero

ACTOS ENTRE O 5 E O 30 DE NOVEMBRO

Carballo conmemora o 25 de novembro coa tradicional Feira das Asociacións, contacontos e obradoiros contra a violencia de xénero

Mércores 21 de novembro do 2012

Un 25 de novembro máis, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar, o Concello de Carballo manifesta a súa repulsa contra a violencia de xénero cun programa de actos no que se inclúen obradoiros, exposicións, contacontos e a Feira das Asociacións que, como cada ano dende 2004, conta coa presenza de distintas entidades que traballan en Carballo con e a prol das mulleres e da igualdade. Esta cita serve no só para rexeitar a violencia, senón tamén para dar a coñecer o traballo que as asociacións participantes desenvolven nesta loita, e para ofrecer información ás mulleres que así o desexen. O acto oficial de apertura da Feira, que permanecerá no segundo andar do Mercado Municipal durante toda a mañá do domingo 25 de novembro, está previsto para as 13.00 horas. Durante o acto procederase á lectura da Declaración Institucional do Concello de Carballo con motivo do 25 de novembro, aprobada por unanimidade na sesión plenaria da corporación celebrada no mes de outubro. Estarán presentes na cita autoridades de distintas institucións, incluído o goberno municipal, os corpos e forzas de seguridade e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno en A Coruña. Así mesmo, hai que lembrar que o Concello presentou este ano o III Plan de Igualdade de Oportunidades, un documento que loita pola eliminación dos roles de xénero e pola erradicación da violencia como a mostra máis brutal das desigualdades.

Compartir: