SOGAMA PROMOVE BOAS PRÁCTICAS MEDIOAMBIENTAIS NO NADAL
Xoves 20 de decembro do 2012
A Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que durante estes días estanse realizando traballos de desbroce nas beirarrúas da capital municipal e a súa contorna (na imaxe). Os operarios levan arredor de dúas semanas retirando a maleza e os labores tamén inclúen a limpeza dos solares de titularidade municipal. Os traballos realízanse de xeito mecánico cun tractor e tamén manual nun ancho aproximado de dous metros a pé de beirarrúa. Está previsto que esta actuación, que se realiza cada ano en dúas ocasións -dentro do programa de limpeza cotiá do municipio a primeiros de verán e no mes de decembro- estea rematada en breve. Tamén coincidindo coas vacacións de Nadal o Concello carballés recolle as recomendacións de Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente) para estas datas -xa que o Nadal é, xunto coas vacacións estivais, a época do ano na que máis residuos se producen- e quere transmitirllas aos veciños e veciñas. Así, a entidade quere divulgar pequenos xestos que senten as bases do que deben ser as condutas dos cidadáns de cara ao 2013. Entre estas boas prácticas está o consumo responsable, a racionalidade á hora de realizar as compras ou non usar vaixelas, vasos ou cubertos desbotables que xeran unha grande cantidade de residuos.
O ORZAMENTO ASCENDE A MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS
Mércores 19 de decembro do 2012
Unha vez rematado o prazo de presentación de ofertas, ás 14.00 horas do 18 de decembro, despois de ser contabilizadas as propostas entregadas no Rexistro de Entrada e as que finalmente chegaron por correo, un total de 32 empresas optan a realizar a Fase I da obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo: Anllóns-Bardoso". Agora será a mesa de contratación a encargada de examinar a extensa documentación presentada por cada empresa e elixir a que mellor se adapte ao prego de condicións. O sistema de adxudicación é o procedemento aberto con varios criterios de valoración, entre os que se atopan: a proposta económica (o de máis peso), a identificación dos condicionantes externos da obra, o programa de construción, o plan de control de calidade, a memoria das condicións ambientais, a memoria descritiva, a porcentaxe para o control externo de calidade e as melloras técnicas e de obra. Entre as melloras, hai que mencionar a instalación dunha válvula redutora de presión no depósito da Avenida de Bergantiños, o peche do circuíto de abastecemento na Avenida de Bértoa ou a creación dunha rede de saneamento en Zarrallo (Sofán). Hai que lembrar que o proxecto -elaborado en agosto de 2012 pola consultora Egis-Eyser SA- inclúe a execución dun novo depósito regulador de auga de 5.000 metros cúbicos en Seixo Branco, conectado co actual depósito de Paraíso.
RETÁRDASE A RETIRADA DO CARTÓN PREGADO A PÉ DE PORTA
Martes 18 de decembro do 2012
Dende o pasado 1 de novembro a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Urbaser e Servigal ten asumido a xesión do servizo de recollida de lixo, Punto Limpo e Canceira do Concello de Carballo despois da sinatura do contrato e de superar un proceso de adxudicación que comezou en xaneiro de 2012. Dende ese día contan con seis meses para axustar o servizo, adaptar a maquinaria e realizar a dotación de persoal, entre outras cousas. Pero hai algúns cambios que xa se teñen rexistrado coa nova xestión e que recollen as demandas de moitos veciños e veciñas, como é o caso da ampliación do horario do Punto Limpo do parque empresarial de Bértoa ou o incremento de días de recollida do Punto Limpo Móbil. Así, no primeiro caso a apertura é xoves e sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas, incorporándose o horario de tarde. No segundo, amplíase substancialmente a recollida de voluminosos a domicilio, prestándose a partir de agora o servizo todos os mércores entre as 7.00 e as 13:40 horas, cando antes se limitaba aos primeiros martes de mes. Para facilitar o funcionamento do servizo, prégase a todos os usuarios/as que depositen os enseres os martes pola noite e chamen antes ao 981 75 49 17 ou o fagan no Twitter <@CarballoLimpo>. Así mesmo, respecto da recollida do cartón pregado a pé de porta, mantense os luns, mércores e venres diante dos comercios, só que principa ás 23.00 horas para non obstaculizar o tráfico.
CONTRATO PARA A DIRECCIÓN DA BANDA DE GAITAS
Luns 17 de decembro do 2012
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar os expedientes de contratación para tres obras incluídas no Plan DTC 94 "Unha Deputación para todos os concellos" da Deputación da Coruña. Trátase, en primeiro lugar, do contrato administrativo para as obras de "Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo". O orzamento estimado de execución por contrata é de 149.513 euros con IVE, sendo os criterios de adxudicación a oferta económica, o programa de traballo, o programa de control medioambiental, o plan de control de calidade, ou o esquema do plan de seguridade e saúde. En segundo lugar, saíu adiante o expediente para o contrato de obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Rus, Artes, Bértoa, Lema, Goiáns, Sísamo, Sofán e Carballo no Concello de Carballo", cun orzamento que ascende a 91.001 euros con IVE. Os criterios de adxudicación son similares aos da obra anterior. Por último, tamén dentro do DTC 94, a Xunta de Goberno sacou adiante o expediente de contratación para as obras de "Mellora da rede de saneamento nas parroquias de Ardaña e Rus", que teñen un orzamento de adxudicación de 92.586 euros con IVE e cuns criterios similares aos dos procedementos anteriores. En todos os expedientes se recolle, así mesmo, a posibilidade de que a empresa adxudicataria reduza os prazos de execución previstos.
A PRIMEIRA ETAPA INCLÚE OBRADOIROS E A CREACIÓN DE RUTAS A PÉ
Venres 14 de decembro do 2012
Representantes das ANPAS (Asociacións de Nais e Pais) dos centros educativos de Carballo asistiron o xoves 13 de decembro no Fórum Carballo á presentación de Pedibús, unha iniciativa da Concellaría de Tráfico que dirixe Xosé Regueira e que pretende avanzar nunha alternativa de mobilidade para o alumnado dos colexios do casco urbano carballés. Durante a cita, na que tamén estivo o Alcalde, Evencio Ferrero, e outros membros do goberno municipal, expuxéronse as principais claves deste proxecto que persegue mellorar os problemas de tráfico que se rexistran cada día ás horas de entrada e saída dos centros de ensino, pero que tamén ten outros obxectivos. Así, o Pedibús pretende favorecer que as rúas sexan ámbitos máis seguros para os peóns, fomentar hábitos de mobilidade sostibles e saudables, diminuír o consumo de enerxía e o emprego dos vehículos a motor ou favorecer a aprendizaxe en educación viaria. O Pedibús percorrerá andando as rutas máis empregadas polo alumnado camiño do centro educativo, facilitando que ir ao colexio sexa unha experiencia de autonomía e contacto directo coas nenas e os nenos da súa contorna cotiá, o seu barrio e as súas xentes. Durante a presentación, Regueira subliñou que a implantación pode levar moitos meses, porque se trata de modificar hábitos moi arraigados, pero o Concello espera "que non sexa unha proposta unilateral, senón que todos e todas colaboremos no proxecto".
O CENTRO PROMOVE CAMPAÑAS DE RECICLAXE E RECOLLIDA DE ALIMENTOS
Mércores 12 de decembro do 2012
O CEIP Gándara-Sofán xa conta con novos aseos na planta baixa grazas uns traballos realizados con dotación económica municipal e que supoñen, ademais da renovación dos baños, a súa separación con espazos para nenos e nenas -xa que até o de agora o servizo era mixto- e a creación dun sanitario adaptado. Nunha xuntanza celebrada hai pouco máis dun mes no propio centro na que estiveron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a Concelleira de Educación, Mar Eirís, o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, e o director do centro Mariano Dopico, acordouse a renovación destes aseos, así como a creación dunha nova aula de Educación Infantil e a mellora do peche perimétrico do colexio. Mentres que a primeira das melloras xa está rematada e correu a cargo do Concello, nestes momentos estase á espera da dotación de materiais por parte da Consellería de Educación para poder reparar os peches en mal estado, xa que algúns contan con gretas e son pouco estables. Respecto da nova aula de Educación Infantil, para non interromper a actividade cotiá, dende o centro informan de que está previsto que as obras se leven a cabo ao longo do próximo verán. Para crear este novo espazo tíñanse estudado varias posibilidades, como reducir o tamaño do despacho de dirección ou modificar varios tabiques para facer lugar. Finalmente a aula crearase aproveitando a superficie de varios dos despachos e de parte do corredor.
ENTRE O 15 DE DECEMBRO E O 6 DE XANEIRO
Mércores 12 de decembro do 2012
Un ano máis Carballo festexa o Nadal cun programa de actividades para todos os públicos, pero que presta especial atención aos cativos e cativas. Coa colaboración do Concello, de moitas das entidades culturais do municipio e dos centros educativos, o Nadal Cultural está centrado na Cabalgata de Reis e nos espectáculos do Nadal Pequespectacular, pero tamén inclúe a presentación dun libro, contacontos, teatro ou a tradicional chocolatada na Ludoteca. O programa do Nadal Pequespectacular desenvólvese entre o mércores 26 e o venres 28 de decembro e as entradas poden reservarse a partir do mércores 19 de decembro nas oficinas do Pazo da Cultura ou no 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas. Porén, as actividades principian xa o sábado 15 coa entrega de premios do Concurso do Cartel e Postal de Nadal, que irá acompañado de Cantos de Nadal a cargo das Cantareiras e Cantareiros da AC Argazo, do Coro O Candil, das Cantareiras e Cantareiros de Arume de Berdillo e do Coro Vagalume. A cita é a partires das 18.30 horas e está patrocinada por Todo Lar. Na primeira fin de semana do programa, o domingo 16 é a quenda do Festival de Nadal para a Terceira Idade, no Pazo da Cultura ás 18.00 horas co Dúo Libertad e co sorteo de 15 lotes de Nadal.
ATÉ O 21 DE DECEMBRO NO FÓRUM CARBALLO
Martes 11 de decembro do 2012
A planta baixa do Fórum Carballo acolle até o venres 21 de decembro "O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción", unha mostra que reflexiona sobre o cambio climático a través da problemática do sector enerxético e os efectos sobre o quecemento global. Así, moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá provocan, directa ou indirectamente, emisións de gases de efecto invernadoiro, e por tanto contribúen a un dos principais problemas ambientais deste século: o cambio climático. A subida do nivel do mar, as vagas de calor, tormentas, inundacións, etc., son algunhas das consecuencias, que por todo o planeta, provoca este fenómeno. Nas nosas mans está impedir que isto aconteza, pero, é preciso que todos os actores sociais se involucren na loita contra esta problemática global. A exposición está aberta a visitas guiadas dos escolares dos centros de ensino do municipio, e tamén está dispoñible para o público en xeral en horario de 9.00 a 14.00 horas. A produción da exposición correu a cargo do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) e INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) coa colaboración da Consellería de Innovación e Industria, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, o Ministerio de Medio Ambiente, a Alianza del clima, a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea e o propio Concello carballés.
NOVA XUNTANZA DA COMISIÓN INFORMATIVA DE URBANISMO
Luns 10 de decembro do 2012
A Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, acompañada do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e de responsables do equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) veñen de manter unha reunión, xunto co arquitecto municipal, Alfredo Garrote, e outros técnicos e membros do goberno para examinar a documentación íntegra do PXOM, que foi entregada hoxe, luns 10 de decembro, no Concello. Despois de varios meses de traballo, esta proposta de planeamento, que será incluída nunha sesión plenaria ao longo do mes de decembro para a súa aprobación inicial, recolle todas as achegas e suxestións realizadas tanto polos técnicos como polos grupos políticos, respecto do solo urbano da vila de Carballo, a costa e os núcleos rurais. Os redactores procuraron estas incorporacións nun traballo realizado ao longo de todo o mes de novembro e intentando manter a seguridade xurídica do documento e evitar erros que afecten aos dereitos dos propietarios e á clasificación do solo. O seguinte paso agora antes da celebración do pleno é manter unha nova xuntanza da Comisión de Urbanismo nos próximos días coa presenza de todos os grupos municipais para ditaminar o documento. De recibir o PXOM o visto e prace no pleno, abriríase o período de exposición pública e presentación de alegacións, no que os veciños e veciñas teñen a oportunidade de presentar as súas propias modificacións para o documento.
MÉRCORES 12 DE DECEMBRO ÁS 20.30 HORAS
Venres 7 de decembro do 2012
O vindeiro mércores 12 de decembro ten lugar no Forum Carballo ás 20.30 horas unha charla-obradoiro dirixida ao empresariado carballés e bergantiñán sobre a vantaxe das empresas galegas para a internacionalización no incipiente mercado brasileiro e lusófono. Debido á crise en Europa, as empresas precisan procurar novos mercados internacionais. Estes novos mercados encóntranse principalmente nos BRIC (grupo de países con máis potencialidades de crecementos, formado por Brasil, Rusia, India e China). O principal desafío co que se atopa unha empresa é xerar confianza no mercado destino. Para iso debe comunicarse ben. Os galegos e as galegas temos dúas linguas que nos serven para comunicarnos internacionalmente con máis de 600 millóns de persoas, e isto para as empresas é moi importante, principalmente pensando no Brasil, toda unha potencia económica en crecemento. Para que as empresas de Carballo e Bergantiños lles poidan sacar mellor rendemento a esta vantaxe e potencialidade, organízase este pequeno obradoiro de unha hora e media de duración, que está organizado polo Concello de Carballo en colaboración coa Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), a Comunidade de Propietarios do Polígono de Bértoa e a Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (Aptcm).
A NOVA ÁREA RECREATIVA ROLDA OS 3.000 METROS CADRADOS
Mércores 5 de decembro do 2012
O Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, informa de que o Concello de Carballo está emprendendo estes días labores de mellora e arranxo en varias beirarrúas en distintos puntos da capital municipal. Os traballos consisten, ademais de na reposición de lousas crebadas ou en mal estado, no cambio das conducións do subministro de auga, xa que serán substituídas as actuais de uralita por outras de polietileno. Os lugares onde se están desenvolvendo as melloras, que seguirán nos próximos días, son: a rúa Vila de Ordes entre a Avenida de Bergantiños e a Gran Vía; na marxe dereita da rúa Alfredo Brañas entre a Vázquez de Parga e a rúa Muíño (na imaxe os operarios levantando o pavimento); e tamén se fará na confluencia da rúa Médico Manuel Regueiro coa Avenida de Razo nun pequeno treito. Precisamente na contorna das rúas Médico Manuel Regueiro e Muíño da Pintura veñen de rematar os primeiros traballos para acondicionar unha nova zona verde arredor do Rego da Balsa, a carón do IES Isidro Parga Pondal, que conta cun total de 2.900 metros cadrados de superficie. Nos últimos días realizáronse labores de desbroce, de limpeza e aplanamento do terreo, ademais de realizarse unha achega de terra, de sementarse novo céspede e de habilitarse unha senda peonil de zahorra. Unha vez que medre a vexetación está previsto colocar mesas, bancadas e papeleiras que xa son de propiedade municipal para habilitar un pequeno merendeiro.
PRÓXIMA XUNTANZA: O 22 DE XANEIRO
Martes 4 de decembro do 2012
Representantes dos catro grupos políticos da corporación municipal presididos polo Alcalde, Evencio Ferrero, e acompañados de responsables do Departamento de Servizos Sociais de Carballo, así como de membros de Cruz Vermella e Cáritas Diocesana veñen de constituír unha Comisión de coordinación social destinada a axudar aos máis necesitados e a responder ante as situacións de emerxencia social nestes tempos de crise. Durante a xuntanza, dunha hora e media de duración, tanto as entidades como os Servizos Sociais municipais expuxeron a situación actual, na que numerosas persoas e familias forman parte da súa rede de atención. Unha das conclusións ás que se chegou é que polo de agora están cubertas as necesidades relacionadas co reparto de alimentos, atendidas por Cruz Vermella, Cáritas e Concello. Porén acordouse que haxa unha nova reunión o 22 de xaneiro para tratar máis en profundidade e analizar as situacións derivadas dos desafiuzamentos, producidos a consecuencia tanto do non pagamento de hipotecas como de alugueres. Os representantes dos grupos políticos valoraron, así mesmo, o traballo realizado até o de agora tanto por parte do Concello como por parte de Cruz Vermella e Cáritas e acordaron que é necesario seguir avanzando na axuda, incluso solicitando medidas como que a Xunta de Galicia acurte os prazos de atención da RISGA.