A PEZA COLGARASE NAS REDES SOCIAIS
Venres 11 de xaneiro do 2013
O Concello de Carballo, a través do Servizo de Normalización Lingüística, informa de que xa se pode ver en Youtube o vídeo "Nov@s galeg@s que queren falar galego", realizado por algunhas das persoas participantes no Obradoiro de integración lingüística e cultural, unha actividade que se vén realizando dende o ano 2005. O obradoiro clausurouse o xoves 10 de xaneiro cunha visita á feira carballesa, así como cun pequeno ágape (na imaxe) con comidas e produtos propios dos lugares das persoas participantes. Nesta pequena peza audiovisual, pensada para difundir nas redes sociais, algunhas das persoas participantes nese obradoiro sinalan de maneira moi breve algunhas das súas motivacións para aprenderen galego, como por exemplo "para ser máis de aquí", "para entender as letras dos grupos de música galegos", "por motivos laborais" ou "para ensinarlle á miña filla a falar a lingua de aquí". Durante o obradoiro, que tivo lugar entre o 15 de novembro e o 20 de decembro de 2012, desenvolvéronse diversas actividades para coñecer a lingua, a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega e carballesa. Os interesados e interesadas en ver o vídeo, premer aquí
A ORDE DO DÍA RECOLLE UN RECOÑECEMENTO DE CRÉDITO DE 37.000 EUROS
Mércores 9 de xaneiro do 2013
A corporación carballesa celebra o xoves 10 de xaneiro un pleno extraordinario que recolle, como principal punto da orde do día, a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Carballo. Despois da celebración da comisión informativa correspondente o xoves 3 de xaneiro- na que o acordo se ditaminou favorablemente cos votos de BNG e PSOE- finalmente todos os grupos da oposición (PP, TEGA e PSOE) presentaron o martes 8 de xaneiro unha emenda ao documento na que se solicita a inclusión de dúas novas vías no planeamento como sistemas xerais, a conseguir por expropiación. Por un lado, solicítase a incorporación dunha prolongación para a rúa Vila de Negreira cunha vía de 20 metros de ancho dende o Ferradal ata a parte posterior da Igrexa de Bértoa; e por outra a inclusión dunha vía de 16 metros de ancho entre a Avenida Rodríguez de Castelao (na contorna do CEIP a Cristina) e a estrada comarcal AC-552 á altura da estación de servizo da Revolta (na contorna da Parrillada Olga). Ante esta emenda de última hora, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, mantiveron hoxe unha xuntanza co Secretario, o Arquitecto Municipal e o asesor xurídico do Concello. O obxectivo do goberno é axilizar os trámites para poder incluír a emenda -que previsiblemente sairá adiante co apoio da oposición- no PXOM e aprobalo como estaba previsto para evitar demoras.
XOVES 10 DE XANEIRO ÁS 11.00 E ÁS 20.00 HORAS
Mércores 9 de xaneiro do 2013
O xoves 10 de xaneiro reuniranse por última vez as persoas participantes no obradoiro de integración lingüística e cultural que durante os últimos dous meses estivo tendo lugar no Pazo da Cultura de Carballo. Primeiro, pola mañá, un grupo dos integrantes na iniciativa reúnese a partir das 11.00 horas na parte posterior do Concello (pola zona da entrada de Servizos Sociais) para facer unha visita á feira e interaccionar alí en galego (na imaxe). Xa pola tarde, ás 20.00 horas, no Salón de actos do Pazo da Cultura, reuniranse para compartir un pequeno ágape con produtos propios dos distintos lugares das persoas participantes, que levarán elas mesmas. Nese acto de despedida, recibirán os seus diplomas de participación e presentarase, ademais, un pequeno vídeo para difundir nas redes sociais que algunhas das persoas participantes gravaron durante o obradoiro, no que sinalan de maneira moi breve algunhas das súas motivacións para aprenderen galego. Neste obradoiro práctico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, que tivo lugar entre o 15 de novembro e o 20 de decembro de 2012, desenvolvéronse diversas actividades para coñecer a lingua, a música, a literatura, a prensa, a xeografía, etc., galegas, e para facilitar o acceso ao mundo laboral, e a integración na sociedade galega.
EN 2012 TRAMITÁRONSE UN TOTAL DE 17 PARA UNIFAMILIARES
Luns 7 de xaneiro do 2013
O Concello de Carballo ten rexistrado ao longo dos últimos dez anos, con datos rexistrados dende 2003 a través dos servizos da Oficina Técnica Municipal, un total de 3.735 solicitudes de licenzas para a construción de vivendas no municipio. No que respecta ao exercicio que acaba de rematar, 2012, rexistráronse un total de 17 solicitudes, todas elas peticións referidas a vivendas unifamiliares. Hai que aclarar que estes datos recollen as solicitudes que se contabilizan no Rexistro municipal, o que non quere dicir que se concederan todas as licenzas solicitadas nin que se edificaran todas as vivendas que recibiron licenza. Dende o ano 2008 non se rexistra ningunha solicitude para a construción de edificios de vivendas no casco urbano, solicitándose nese ano un total de 662 e outras 80 para vivendas unifamiliares. Respecto da evolución das peticións para a construción de vivendas unifamiliares, en 2009 contabilizáronse 30 peticións fronte ás 22 de 2010, as 36 de 2011, e as 17 de 2012, con un descenso dun 52,7 por cento en 2012 respecto do exercicio anterior, rompéndose a tendencia positiva de 2011, exercicio no que se rexistrara un incremento do 38,8 por cento. Hai que sinalar, así mesmo, o número de solicitudes de licenzas de primeira ocupación contabilizadas en 2012, que ascende a 72, tanto para vivendas, como para edificios e locais comerciais.
APLICARASE UNHA SUSPENSIÓN DE LICENZAS OBRIGATORIA
Venres 4 de xaneiro do 2013
Xusto un mes despois de que a documentación íntegra do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo fose entregada no Concello está previsto celebrar un pleno extraordinario no que se abordará a aprobación inicial do planeamento. A cita é o xoves 10 de xaneiro ás 20.30 horas, logo dunha xuntanza da comisión informativa de urbanismo -celebrada o xoves 3 de xaneiro- na que os representantes dos catro grupos políticos da corporación tiveron a oportunidade de expoñer as súas posturas. En caso de ratificarse a aprobación inicial do documento durante a sesión, procederase a publicar a resolución no DOG (Diario Oficial de Galicia) para que comece un período de exposición pública de dous meses, no que tanto os representantes dos partidos políticos, como calquera veciño ou veciña que o desexe, poderán presentar as alegacións que consideren oportunas para incorporalas, de ser estimadas, ao planeamento definitivo. Así mesmo, a lei estipula que a aprobación inicial do PXOM leve aparellada a suspensión automática da concesión de licenzas. A Oficina Técnica Municipal ten decidido aplicar esta suspensión nos puntos do termo municipal nos que as normas subsidiarias dos anos 80 que están en vigor nestes momentos entren en contradición co recollido no futuro planeamento.
OS DÍAS 5 E 6 TAMÉN HAI ITINERARIOS NAS PARROQUIAS
Venres 4 de xaneiro do 2013
O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a tradicional Cabalgata de Reis que percorre o 5 de xaneiro as principais rúas da capital municipal. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.00 horas ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois do percorrido, os Reis Magos diríxense á carpa situada na Praza do Concello, onde reciben persoalmente aos cativos e cativas. A chegada á Praza do Concello está prevista para as 19.30 ou 20.00 horas, aproximadamente. A cita conta co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do CCB-Gadis e La Caixa, co reparto de caramelos. Así mesmo, está prevista a colaboración de Protección Civil de Carballo, a Policía Local, a Brigada de Obras, Automóbiles Gonzacar e Alquileres Reneymar, que instalará calefactores baixo a carpa da Praza e achega un camión para a cabalgata. Tampouco hai que esquecer que os Reis Magos teñen previsto visitar as parroquias carballesas, xa que o mércores 5 están en Berdillo, Baldaio, Sísamo, Vilela, Oza, Ardaña, Entrecruces e Bértoa, mentres que o xoves 6 visitan Sofán, Razo, Artes e Cances. Estas cabalgatas están organizadas polas asociacións de cada parroquia e seguen itinerarios e horarios similares aos de anos anteriores.
AS DEMANDAS PODEN EFECTUARSE NO 981 704 700
Xoves 3 de xaneiro do 2013
O ano 2012 deixa un total de 1.473 demandas realizadas por veciños e veciñas do municipio referentes a arranxos e melloras no alumeado público, nos sinais informativos e de tráfico, nos servizos de auga, luz ou teléfono, no deterioro de equipamentos e mobiliario urbano municipal e no sistema viario ou referentes á limpeza de espazos públicos e ao programa Carballo Limpo. As Brigadas de Obras e Medio Ambiente teñen atendido e solucionado estas peticións -e outras que atenden directamente no seu labor diario que non quedan rexistradas neste reconto-, que na súa maioría están referidas ao alumeado público -especialmente ao arranxo ou substitución de puntos de luz-, con 822 demandas. Respecto do ano 2011, tense rexistrado un pequeno incremento dun 3,4 por cento, xa que o ano pasado contabilizáronse 1.422 avisos. Parte deste incremento débese á suba nas peticións de arranxos no alumeado, que pasaron de 808 a 822, cun 1,7 por cento máis que en 2011. Todos os veciños e veciñas que o desexen poden denunciar as deficiencias ou demandar as melloras que consideren oportunas a través do número de teléfono 981 704 700 ou ben no enderezo electrónico <infocarballo@carballo.org>.
OS COLECTORES ESTÁN DISPOÑIBLES EN SEIS EDIFICIOS PÚBLICOS DA VILA
Sábado 29 de decembro do 2012
A empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, ten acumulado nos seis primeiros meses de funcionamento do servizo un total de 1.112 litros e 609 botellas de aceite de cociña usado nos seis colectores situados en distintos puntos da capital municipal carballesa. Entre os lugares nos que se rexistran máis litros, hai que subliñar en primeiro lugar o mercado municipal, cun total de 510 litros (o 45 por cento do total) en 264 botellas. Tamén hai que resaltar o movemento rexistrado nas dúas piscinas da capital municipal, a Carballo Calero e a Vila de Noia, xa que entre as dúas acumulan 265 litros e 155 botellas. Hai que lembrar que Reave e o Concello de Carballo puxeron en marcha no mes de xullo este servizo que persegue evitar que o aceite vexetal producido durante a preparación dos alimentos ou presente nas conservas se tire polos desaugadoiros, xa que obstrúe as canalizacións provocando graves avarías, contamina a auga e prexudica o medio ambiente, ademais de poder dificultar o funcionamento das depuradoras municipais. O único que ten que facer a cidadanía é verter o aceite de cociña usado (de xirasol, de oliva, de millo, de soia, etc.) ou o aceite das conservas nun recipiente de plástico. Logo, deben levar o envase perfectamente pechado aos colectores de cor laranxa situados en varios edificios de titularidade municipal: Casa do Concello, Mercado, Pazo da Cultura, Ambulatorio Vello, Piscina Vila de Noia e Piscina Carballo Calero.
DESENVOLVERANSE MÓDULOS PARA EMPRENDEDORES E PROFESIONAIS
Venres 28 de decembro do 2012
As instalacións e o proxecto Fórum Carballo desenvolverán en 2013 un labor de dinamización para "formar persoas no mercado laboral" e servir para que "as empresas de Carballo atopen novas oportunidades", en verbas do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Unha vez rematada a parte do Fórum relacionada coa construción e equipamento do complexo, e despois de que en 2012 se lle dera vida ás instalacións co traslado do Centro de Formación, a creación da Bolsa de Traballo Municipal ou a celebración dun total de 15 accións formativas -en colaboración con particulares, empresas e incluso organismos oficiais como as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña-, chega o momento de "dinamizar a actividade laboral, empresarial e administrativa" do proxecto, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, e convertelo "nun referente en Galicia e incluso máis aló", en verbas do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo. Comeza, pois, un traballo para dar a coñecer os servizos que se ofrecen no Fórum, que a partir de 2013 irán dende as oficinas de Promoción Económica e de Formación e Emprego, ata a actividade formativa de 20 especialidades homologadas que está previsto ir incrementando en anos sucesivos e que ocuparán os máis de 7.000 metros cadrados das instalacións. Todo para darlle pulo á economía e mellorar a empregabilidade dos veciños e veciñas nun espazo ao seu dispor.
A PARTIR DAS 10.00 HORAS NO PAVILLÓN VILA DE NOIA
Xoves 27 de decembro do 2012
O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle o sábado 29 de decembro a partir das 10.00 e até as 20.00 horas o I Torneo de Balonmán Feminino que organizan as Escolas de Balonmán Xiria. O obxectivo desta cita, en verbas do director técnico das Escolas, Marcos Rodríguez, é o de "fomentar o deporte feminino" e "dar a coñecer a existencia dun equipo sénior" en categoría feminina. Así, este equipo vén de ser reconstituído logo duns anos nos que deixou de existir debido á falta de xogadoras que permitisen configurar un grupo co que cumprir os requisitos para competir na Liga Galega. O torneo conta con encontros en categorías sénior e cadete. No primeiro caso os clubs invitados son o Club Balonmán Lalín, o Unión Balonmán Lavadores de Vigo e o Club Balonmán Narón. En cadete contarase co Xallas FC. Rodríguez subliña que a presenza destes equipos, máis alá da competición e de loitar polo torneo, é que poidan servir de exemplo para as xogadoras e para que poidan aprender e adquirir experiencia. No caso das cadetes, ademais, está previsto que haxa unha convivencia coas compañeiras do Xallas. Polo de agora, o equipo sénior de Balonmán Xiria Feminino está en fase de construción, coa disputa de partidos amigables e adestrando con continuidade para tentar regresar á 1ª Autonómica da Liga Galega a tempada que vén.
RESERVA DE ENTRADAS NO 981 704 300 DE 11.00 A 14.00 HORAS
Mércores 26 de decembro do 2012
Arrinca o programa do Nadal Pequespectacular que este ano conta con tres citas sinaladas nas que hai música, maxia e teatro para nenos e nenas no Pazo da Cultura. O mércores 26 de decembro é a quenda de Elefante Elegante que presenta Nuncabunga (na imaxe), un espectáculo cómico e poético sen palabras dirixido ao público familiar e a cativos e cativas maiores de 4 anos. A acción desenvólvese nun espazo que evoca a proximidade co mar no que vive una persoa que fixo aí o seu fogar. Un día de tormenta aparece un estraño atrapado nunhas redes, coma un refugallo máis dos que o mar bota fóra. Non ten case comida pero está decidido a quedar. Poderán chegar a un acordo? Elefante Elegante é unha compañía que crea espectáculos de teatro visual baseados no xesto e no movemento. As súas creacions buscan a universalidade, xurdindo da fusión de diferentes linguaxes: o teatro físico, a danza, as artes plásticas e as artes visuais. A compañía, de orixe galego-portuguesa, foi creada en 2007 e ten a súa sede na Coruña. A cita é ás 18.00 horas e o prezo é de 2,5 € (2 € con desconto para menores de 12 anos e maiores de 65). Pode reservarse entrada no 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas para esta ou calquera das funcións do Nadal Pequespectacular.
ESTÁ EN FUNCIONAMENTO DENDE O 19 DE NOVEMBRO
Venres 21 de decembro do 2012
A Bolsa de Traballo Municipal, que leva pouco máis dun mes en funcionamento, xa conta con un total de 210 demandantes de emprego e xa ten xestionado a inserción laboral de dúas persoas que introduciron os seus currículos neste servizo. A Bolsa de Traballo ten como obxectivo axudar ás persoas en situación de desemprego que desexen regresar ao mundo laboral, a quen busquen o seu primeiro emprego ou a quen desexen mellorar a súa situación laboral actual. A través do servizo realízase unha función de mediación como unha ferramenta de conexión entre a demanda e as ofertas de emprego que se xeran no Concello e a súa contorna. Situada no Fórum Carballo, a Bolsa de Traballo entrou en funcionamento o luns 19 de novembro, cando se introduciron os primeiros currículos, e atende aos veciños e veciñas todos os días pola mañá de 8.30 a 14.30 h. e dúas tardes á semana que ata o 31 de decembro son os martes e xoves de 16.00 a 19.00 h. De feito, os novos usuarios e usuarias interesados deben agardar até finais de marzo porque ata esa data non hai oco dispoñible para citas, o que demostra a excelente acollida do servizo, ademais de probarse a necesidade dunha Bolsa de Traballo que facilite o contacto entre a oferta e a demanda dunha forma áxil, transparente e eficaz.