REXEITADA A POSTA EN MARCHA DO PROGRAMA TES+BUS
Xoves 24 de xaneiro do 2013
O Director Xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, vén de comprometerse hoxe co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a realizar un estudo de viabilidade para poder incluír a Carballo no Plan de Transporte Metropolitano tanto da Coruña como de Santiago de Compostela. Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da que depende a Dirección Xeral de Mobilidade, recompilará datos tanto do número de viaxeiros como dos custos que se derivarían do servizo para poder ofrecer os resultados antes de dous meses. Unha vez o estudo estea rematado, e de ser o informe favorable, redactaríase un convenio que debería ser ratificado tanto polo pleno da corporación como pola propia Consellería e finalmente se formalizaría a súa sinatura. De saír adiante a iniciativa, os usuarios e usuarias contarían -en función do uso- con importantes descontos nos seus desprazamentos tanto á capital provincial como á capital de Galicia. Tan só terían que adquirir unha tarxeta que, ademais, permitiría facilitar os desprazamentos non só a Santiago e A Coruña, senón tamén empregar o transporte urbano de ambas cidades e incluso aproveitar todas as vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano nas cidades galegas a nivel autonómico.
OS INTERESADOS/AS PODEN DESCARGAR O IMPRESO TIPO NESTA NOVA
Mércores 23 de xaneiro do 2013
Despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase o martes 22 de xaneiro o anuncio de aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Carballo, hoxe principia de forma oficial o período de dous meses no que os interesados e interesadas poderán formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus dereitos e intereses, até o venres 22 de marzo de 2013. O goberno ten posto a disposición dos veciños e veciñas dende o luns 21 de xaneiro, e ata que remate o período de exposición pública, toda a documentación e planos relacionados co PXOM nas instalacións do Fórum Carballo no barrio da Milagrosa. O horario de consulta é de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas. Os cidadáns será atendidos por técnicos municipais que poderán solucionar as súas dúbidas, ademais de poder contar os xoves, a través de cita previa, coa posibilidade de consultar a membros do equipo redactor do documento. No caso de presentarse alegacións, dende a Oficina Técnica pregan aos interesados e interesadas que acheguen o plano da parcela sobre planos do PXOM e ou do Catastro, localizándoa mediante unha trama e a súa referencia catastral. O modelo de alegación tipo pode descargarse en pdf aquí.
A CITA É O MARTES 29 DE XANEIRO A PARTIR DAS 10.00 HORAS
Martes 22 de xaneiro do 2013
O Padroado Deportivo Municipal do Concello de Carballo, dentro do programa DXT na Escola e en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Atletismo organiza unha proba da fase local de Campo a través. Estaba previsto celebrar esta cita o venres 18 de xaneiro, pero a alerta laranxa a causa do temporal "Gong" provocou o aprazamento da carreira, que finalmente está prevista para o martes 29 de xaneiro ás 10.00 horas. A cita terá lugar no Campo Municipal de As Eiroas, en lugar do circuíto do Parque Empresarial de Bértoa, debido ás condicións meteorolóxicas dos últimos días. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, explicou que esta proba adoita contar coa dificultade das condicións meteorolóxicas, pero non é posible cambiar as datas -habitualmente en inverno- porque o Concello depende do calendario marcado polo programa DXT na Escola. Porén espera que as carreiras, nas que participarán un total de 532 rapaces e rapazas de categorías benxamín, alevín, infantil e cadete (dos colexios Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, A Cristina, Bergantiños, Fogar, Artai e Asociación Deportiva Fogar) poidan transcorrer con normalidade.
QUEN COLABORASEN ESTARÍAN EXENTOS DOS IMPOSTOS MUNICIPAIS
Martes 22 de xaneiro do 2013
A Comisión de Coordinación Social do Concello de Carballo vén de manter unha xuntanza na que se acordou dar os pasos necesarios para crear unha bolsa de vivenda municipal con alugueres reducidos destinada a axudar a aquelas persoas en dificultades a causa de situacións de desafiuzamento, producidas a consecuencia tanto do non pagamento de hipotecas como por non poder afrontar os seus alugueres. A comisión naceu en decembro de 2012 co obxectivo de axudar aos máis necesitados e a responder ante as situacións de emerxencia social nos tempos de crise que vivimos e nesta a súa segunda reunión contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Silvana Castro; representantes de todos os grupos políticos municipais con José Antonio Viña, polo PSOE; Manuel Andrade, por TEGA; Miguel Ángel Ferreiro, polo PP; e Xosé Regueira, polo BNG; representantes de Cruz Vermella, de Cáritas Parroquial e dos Servizos Sociais Municipais. Durante a cita expuxéronse datos que recollen que dende outubro de 2012 non se ten rexistrado ningún outro desafiuzamento, a pesares do elevado número de casos rexistrados en meses anteriores. Porén, os integrantes da comisión estiveron dacordo en poñer en marcha mecanismos para axudar a paliar a situación das familias xa afectadas ou que poidan estalo no futuro.
A DISTINCIÓN PREMIA OS SEUS 72 ANOS DE HISTORIA
Martes 22 de xaneiro do 2013
A Mercería As Plateiras vén de recibir o diploma "A semana do teu comercio" como protagonista da campaña que realiza a Dirección Xeral de Comercio da Xunta para promocionar os locais máis lonxevos dos Centros Comerciais Abertos, e, neste caso, do CCA Carballo. Durante as 52 semanas de 2013 cada un dos 52 Centros Comerciais Abertos de toda Galicia escolle ao seu comercio más antigo, que recibe unha homenaxe en representación do comercio local tradicional. Neste caso recolleu o diploma e o premio Pilar Ferreiro Santos, máis coñecida como "Pila das Plateiras", de 88 anos de idade e que leva xa 72 ao frente da súa tenda. Unha "fazaña" que tanto ela como as súas fillas consideran que sería difícil volver a repetir, aínda que brindaron con cava "para que sexa posible que a tenda siga aberta outros 72 anos máis". Entregaron a distinción a Directora Xeral de Comercio, Sol María Vázquez Abeal, xunto coa Delegada Territorial da Xunta da provincia da Coruña, Belén do Campo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, e do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, entregoulle así mesmo como lembranza e homenaxe unha escultura de Sargadelos con forma de Carballo. Tamén estivo presente no acto o concelleiro Miguel Ángel Ferreiro Suárez.
O PERÍODO DE EXPOSICIÓN PÚBLICA COMEZA A PRÓXIMA SEMANA
Venres 18 de xaneiro do 2013
Arredor de medio centenar de profesionais relacionados co sector da construción e do urbanismo asistiron no auditorio do Fórum Carballo a unha xuntanza cos representantes do equipo redactor do documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -Álvaro Fernández Carballada e Verónica Cernadas- para coñecer as principais claves do planeamento. Nunha cita presidida polo Alcalde, Evencio Ferrero, e que contou coa presenza da Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, do Arquitecto Municipal, Alfredo Garrote, e doutros técnicos municipais e membros da corporación, expúxose o "intenso proceso", en verbas de Ferrero, para elaborar esta proposta que contou coas achegas de todos os grupos da corporación, que supuxo máis de 60 xuntanzas da comisión informativa de urbanismo e que leva perfilándose dende o ano 2005. O documento propón, segundo explica Fernández Carballada, unha capacidade residencial de aproximadamente 26.000 vivendas co obxectivo de, no caso da capital municipal, colmatar o chan urbanizable, facilitar a culminación daqueles ámbitos que xa tiñan comezado o seu desenvolvemento e "realizar un documento claro, dentro do posible". Tamén se falou especificamente da costa, na que moitas zonas de Arnados e Razo pasan de ser chan urbanizable a chan de núcleo rural, unha "modificación de calado", sedundo o técnico, pero que mantén "a tipoloxía de edificación que se buscaba".
INSCRICIÓNS ATÉ O LUNS 25 DE FEBREIRO
Venres 18 de xaneiro do 2013
Por segundo ano consecutivo, o Concello de Carballo e o Conservatorio Profesional de Música poñen en funcionamento o curso "Música e movemento". Esta iniciativa, que naceu o ano pasado baixo a coordinación da Concellaría de Cultura e que ten como obxectivo achegar aos máis cativos e cativas á música e ao descubrimento das familias instrumentais, persegue a finalidade de que cando poidan acceder aos estudos musicais oficiais, teñan unha pequena base musical e un coñecemento das distintas ferramentas musicais que lles facilite a elección do instrumento que poidan estudar. A esta convocatoria poden concorrer todos aqueles rapaces e rapazas de 2º curso de Educación Primaria, prioritariamente veciños/as de Carballo, que desexen iniciarse no mundo da música. O curso é de carácter gratuíto e ten un límite de 30 prazas que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. Para anotarse nesta convocatoria, os/as interesados/as teñen un prazo que vai dende o luns 18 até o luns 25 de febreiro (ambos os dous días incluídos) e deberán facelo a través dunha solicitude que pode recollerse nas Oficinas de Cultura (situadas no 1º andar do Pazo da Cultura) ou descargarse nesta mesma nova nun documento en pdf.
ESTÁ EN MARCHA UN CONCURSO ESCOLAR
Xoves 17 de xaneiro do 2013
A empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, que dende o pasado mes de xullo ten posto en marcha no Concello carballés un servizo de recollida de aceite de cociña usado para a súa reciclaxe, emprende agora unha campaña para sensibilizar aos escolares do municipio da importancia de evitar que o aceite acabe nos sumidoiros dos seus fogares. Así, ademais da celebración dun concurso entre os centros de ensino do municipio carballés, a empresa ten pensado realizar obradoiros nos que se explicará aos alumnos e alumnas como se recolle e trata o aceite usado, os problemas medioambientais que supón unha mala xestión ou o mellor xeito de empregar os funís que Reave ten repartido para facilitar a recollida nas botellas (e que tamén serán entregados durante os obradoiros aos rapaces e rapazas). Así, hai que subliñar que a reciclaxe do aceite usado é moi beneficiosa para o medio ambiente, non só porque evita a súa presenza nas canalizacións de auga, senón porque pode dárselle unha nova vida e reconvertelo, principalmente en produtos cosméticos ou incluso para xerar combustible biodiésel. Respecto do concurso, o venres 18 de xaneiro remata o prazo para que os centros interesados formalicen a súa participación, e está previsto entregar un primeiro premio, que consiste nun lote de material escolar e de libros, e un segundo, consistente nun lote de libros.
PODE CONSULTARSE E/OU DESCARGARSE A PARTIR DE HOXE
Mércores 16 de xaneiro do 2013
O Concello de Carballo pon a disposición de toda a cidadanía os tomos ao completo do documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) a través da páxina web <www.carballo.org>. Dende hoxe, e ata que finalice o período de exposición pública que marque o DOG (Diario Oficial de Galicia) todos os veciños e veciñas que o desexen poderán consultar e/ou descargar a información dos once tomos, así como do índice para facilitar as buscas. Nunha sesión con numeroso público e despois de dúas horas e media de pleno, a corporación carballesa outorgoulle o visto e prace á aprobación inicial do PXOM o xoves 10 de xaneiro. A partir de agora, e despois da publicación da resolución no DOG, comeza un período de exposición pública de dous meses, no que tanto os representantes dos partidos políticos, como as asociacións do municipio ou calquera veciño ou veciña que o desexe, poderán presentar as alegacións que consideren oportunas para incorporalas, de ser estimadas, ao planeamento definitivo. Así mesmo, a aprobación inicial do PXOM leva aparellada unha suspensión de licenzas que se aplicará fundamentalmente nos puntos do termo municipal nos que as normas subsidiarias dos anos 80, en vigor nestes momentos, entren en contradición co recollido no novo planeamento. Para consultar a documentación do PXOM, premer aquí.
CONTARON CUNHA REPRESENTANTE DA SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO
Martes 15 de xaneiro do 2013
A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza da Comisión de seguimento -de carácter trimestral- e da Comisión Técnica -que celebra reunións mensuais- da Violencia de Xénero do Concello de Carballo. Estiveron presentes nas comisións representantes da Garda Civil, o Xefe da Policía Local de Carballo, Constantino Vázquez, así como a responsable do CIM (Centro de Información á Muller) Nieves Castañón, e a Xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Subdelegación da Coruña, María Garaboa, así como membros das forzas de seguridade e de Servizos Sociais do Concello que realizan o seguimento diario de cada caso rexistrado no municipio. Durante toda a mañá analizaron esta problemática, planificando liñas de acción e atendendo a situación concreta das vítimas. Desde o ano 2010 o Concello está adherido a un protocolo de colaboración co Ministerio do Interior e a Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para a creación dunha rede de entidades locais en contra desta lacra social e co compromiso de crear comisións de seguimento dos casos de violencia machista. Esta rede está concibida como unha plataforma para favorecer o rexeitamento social, unha maior sensibilización e, consecuentemente, un compromiso real contra esta lacra, contribuíndo a crear modelos de convivencia igualitarios.
XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Luns 14 de xaneiro do 2013
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, aprobou fóra da orde do día o contrato de servizos para a coordinación de seguridade e saúde da obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso). Fase I". O orzamento de execución por contrata ascende a 16.335 euros, IVE incluído. O prazo de execución será o da execución das obras ata a súa recepción, contados a partir da formalización do contrato. O único criterio esixido é o prezo, adxudicándose o contrato á oferta económica máis baixa. Hai que lembrar que nestes momentos está aberto o proceso para adxudicar os traballos de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo: Anllóns-Bardoso", con máis de 30 empresas optando á súa execución. O proxecto -elaborado en agosto de 2012 pola consultora Egis-Eyser SA- inclúe a execución dun novo depósito regulador de auga de 5.000 metros cúbicos en Seixo Branco, conectado co actual depósito de Paraíso. Así mesmo, suporía a instalación dunha nova condución de 400 mm de diámetro de 1.630 metros de lonxitude dende este novo depósito de Seixo Branco ata o lugar de A Ponte de Bértoa. O orzamento previsto para a Fase I é de 1.153.754 euros (IVE engadido) e estes traballos están cofinanciados pola Unión Europea a través das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
COA PUBLICACIÓN NO BOP COMEZARÁ A EXPOSICIÓN PÚBLICA
Venres 11 de xaneiro do 2013
Nunha sesión con numeroso público e despois de dúas horas e media de pleno, a corporación carballesa outorgoulle o visto e prace á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo (PXOM). O documento recibiu o apoio dos grupos municipais do BNG e PSOE e a proposta contou coa abstención de PP e TEGA. A partir de agora, e despois da publicación da resolución no DOG (Diario Oficial de Galicia), comezará un período de exposición pública de dous meses, no que tanto os representantes dos partidos políticos, como calquera veciño ou veciña que o desexe, poderá presentar as alegacións que consideren oportunas para incorporalas, de ser estimadas, ao planeamento definitivo. Durante a sesión, acordouse por unanimidade a incorporación ao documento dunha emenda proposta por PP, TEGA e PSOE para incluír no PXOM unha prolongación da Vila de Negreira e a creación dunha vía entre a rúa Luís Calvo e a comarcal AC-552 á altura da Revolta. Así mesmo, todos os grupos acordaron a inclusión dunha emenda transaccional presentada polo líder do PSOE, José Antonio Viña, na que se recolleron varias das 21 propostas presentadas por TEGA durante a sesión para ser incorporadas ao documento, referidas fundamentalmente a pequenas modificacións e ampliación de anchos nalgunhas rúas. Rexeitáronse en cambio, outras relativas á Agra da Lagoa, ao desenvolvemento de Arnados ou á suba de alturas en Bértoa.