CARBALLO DEPORTE CONTA CON MÁIS DE 4.300 ABONADOS
Venres 1 de febreiro do 2013
A Memoria Anual de 2012 do Padroado Deportivo Municipal recolle que as instalacións deportivas municipais (pavillóns, piscinas, campos de fútbol, salas fitness e sala de actividades) rexistraron durante o anterior exercicio máis de 360.000 usos por parte dos veciños e veciñas, ben de forma individual, ben a través dunha entidade deportiva ou club. As piscinas Vila de Noia e Carballo Calero son as instalacións máis empregadas, xa que copan o 55 por cento dos usos cun total de 199.887. A 1 de xaneiro de 2013 o número de abonos activos ascende a 2.251, cunhas cifras xa estabilizadas, mentres que o número de abonados que se beneficia dos abonos (que co abono familiar pode incluír a varios membros) é de 4.338 persoas, cun incremento dun 2 por cento respecto do exercicio anterior. Así, despois duns anos de crecemento notable e continuado -pasándose de 1.037 abonados en 2005 a 4.260 a finais de 2011-, agora estabilízanse as cifras de usuarios. Hai que mencionar, así mesmo, que ao longo de 2012 un total de 3.421 persoas participaron nas actividades organizadas polo Padroado entre cursos de natación, ximnasia e salas fitness. Neste último caso, sublíñase o espectacular incremento dos accesos, que pasaron de 5.698 en 2011 a 27.608 en 2012, en parte pola apertura dunha segunda sala fitness no Complexo Deportivo Vila de Noia.
DOMINGO 3 DE FEBREIRO NA PISCINA CARBALLO CALERO
Venres 1 de febreiro do 2013
A Piscina Carballo Calero situada na Zona Bergantiños da capital municipal acolle o domingo 3 de febreiro o Campionato Galego Open de Natación Master de Inverno organizado pola Agrupación Deportiva Fogar Natación Carballo coa Federación Galega e a colaboración do Concello. Un total de 232 competidores de 17 clubs de entre 20 e 81 anos -a idade dunha veterana de Mos- que participan en 25 probas a partir das 10.00 horas e durante toda a xornada. Alberto Tomé, delegado master de Fogar Natación, subliña que veñen nadadores de toda España, e incluso de Portugal, incluído el mesmo, un dos 28 competidores (21 homes e 7 mulleres) que achega o seu club. A Agrupación Fogar é o segundo club de Galicia que entre todos os membros do seu equipo suman máis de 240 anos, unha cifra difícil de acadar. Ramón Mosquera, secretario da Federación Galega de Natación, quixo agradecer a colaboración tanto do Fogar como do Concello, que achega unhas moi boas instalacións. Así mesmo, subliñou o elevado nivel do Campionato, que contará con ex campións de España que adoitan participar en competicións a nivel europeo e mundial, sumándolle á categoría master un carácter competitivo, ademais do lúdico e de beneficio para a saúde que xa ten.
CARBALLO REMATOU 2012 CON 130 HABITANTES MÁIS QUE EN 2011
Xoves 31 de xaneiro do 2013
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, veñen de presentar os datos do Barómetro municipal, un documento que compila as principais estatísticas do ano 2012 recollidas polos servizos informáticos do Concello referentes ao Padrón Municipal ou aos documentos computados nos Rexistros de Entrada e Saída. Estes datos reflicten a situación actual de crise, tanto no caso dos movementos poboacionais como dos trámites administrativos. Así, no primeiro caso, o saldo de 2012 é o máis baixo dende 1997, cun incremento de tan só 130 habitantes respecto do ano anterior, facendo un total de 31.466 veciños e veciñas a 31 de decembro de 2012. Porén, Carballo segue a gañar habitantes procedentes doutros municipios, con 806 chegados en 2012, aínda que diminúen as altas procedentes do estranxeiro, con tan só 68, a máis baixa dende 1996, en que se rexistraron 90 altas doutros países. En 2011 tíñanse rexistrado 111. No que respecta aos trámites administrativos, o descenso respecto de 2011 é dun 11,55 por cento, con 22.6154 trámites realizados a través do Rexistro fronte aos 25.568 do ano anterior, volvéndose a niveis de 2004. En cambio, o descenso respecto do Portelo Único da Xunta e moi reducido, dun 0,63 por cento. O trámite máis realizado é o de presentación de facturas, con 4.536, aínda que son 578 menos que en 2011.
O PRAZO DE PRESENTACIÓN REMATA O 26 DE FEBREIRO
Mércores 30 de xaneiro do 2013
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que está aberto o prazo para participar nunha nova edición do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que xa cumpre quince anos. Con este concurso o Concello de Carballo quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Así mesmo esta iniciativa pretende perpetuar o recordo do que foi animador cultural de Carballo a través dunha das súas afeccións. As obras presentaranse en branco e negro ou cor, e nun formato comprendido entre 25x35 como mínimo e 40x50 como máximo, debendo ir montadas sobre cartón pluma ou soporte similar. O importe total dos premios e de 1.850 euros, establecéndose un primeiro premio de 700 euros e diploma, un segundo de 450 euros e diploma, e o Premio Especial Carballo dotado con 450 euros e diploma á mellor fotografía que faga referencia directa ao municipio de Carballo e en calquera dos seus aspectos e así o indique, ademais o xurado poderá conceder accesits por importe de 250 euros. Cada autor ou autora poderá presentar un número máximo de tres obras, aínda que cada imaxe non poderá obter máis dun premio. As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor e o tema é libre.
CORRERON MÁIS DE 500 ALUMNOS E ALUMNAS
Mércores 30 de xaneiro do 2013
Os rapaces e rapazas dos centros de ensino Colexio Artai e CEIP A Cristina coparon a maioría dos primeiros postos -con nove e cinco podios, respectivamente- da carreira da fase zonal de Campo a Través do programa XOGADE que vén de celebrarse no Parque Empresarial de Bértoa e que está organizada polo Padroado Deportivo Municipal, o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia e coa colaboración da Federación Galega de Atletismo. Houbo carreiras nas categorías de benxamín masculino e feminino, alevín masculino a feminino, infantil masculino e feminino e cadete masculino e feminino, coa participación dun total de 526 atletas representantes das seguintes entidades e colexios: AD Fogar de Carballo, CEIP Bergantiños de Carballo, CEIP San Luís Romero de Carballo, CEIP Gandara-Sofán de Carballo, CEIP A Cristina de Carballo, Colexio Artai, CEIP Fogar de Carballo e CEIP Nétoma-Razo de Carballo. O percorrido trasladouse, debido ao mal estado do circuíto do Parque Empresarial de Bértoa deteriorado polas recorrentes choivas dos últimos días, ao Campo Municipal de Fútbol de As Eiroas, no que os participantes tiveron que dar voltas arredor dun circuíto de 600 metros.
INSCRICIÓNS: ENTRE O 30 DE XANEIRO E O 6 DE FEBREIRO
Martes 29 de xaneiro do 2013
A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira abre dende o mércores 30 de xaneiro e até o 6 de febreiro o prazo para anotarse nos catro módulos dun Plan de Formación integral do Fórum Carballo dirixido a emprendedores en situación de desemprego que conten cunha idea de negocio empresarial ou comercial que queiran poñer en marcha. O Módulo 1 conta con 20 horas de duración e aborda a Motivación e iniciativa para o proxecto a través do Coaching para o desafío profesional e desenvólvese entre o 13 e o 28 de febreiro; o Módulo 2, tamén de 20 horas, titúlase Reflexión estratéxica e plan de viabilidade e ten lugar entre o 4 e o 19 de marzo; o Módulo 3 conta con 40 horas e aborda os Coñecementos básicos en Administración de Finanzas a través da Xestión económico-financeira (20 horas), a Negociación coa banca (10 horas) e a Xestión laboral (10 horas), desenvolvéndose entre o 1 de abril e o 13 de maio; por último, o Módulo 4 de Requisitos legais para a apertura dun establecemento, ten 60 horas de duración entre o 14 e o 30 de maio e céntrase nun Curso básico de Prevención de Riscos Laborais no sector. Trátase dun total de 140 horas de formación gratuíta para emprendedores que terá lugar no Fórum.
PROPOSTA DE ADXUDICACIÓN PARA ARRENDAR O BAR DO MERCADO
Martes 29 de xaneiro do 2013
A corporación carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria ordinaria de menos dunha hora de duración na que foron aprobados por unanimidade todos os asuntos da orde do día, excepto o referido a unha serie de pequenas modificacións no Expediente de contratación da xestión do servizo público da recollida de lixo, que contou coa abstención do PP. Así recibiu o apoio de todos os grupos a modificación da Ordenanza nº 22 de prezos públicos pola utilización das instalacións deportivas para ampliar o abono familiar. A partir de agora o abono, ademais de incluír aos proxenitores e a todos os fillos e fillas menores de 18 anos por 21,74 euros, permitirá a inclusión doutros tramos de idade achegando pequenos importes. No caso dos menores de 22 anos, a familia pagará a cota de 21,74 € máis 6,5 € polo primeiro fillo ou filla menor de 22, e 3,25 polos seguintes incluídos neste tramo de idade; no caso dos fillos de 22 a 25 anos, o primeiro pagaría 9 € e se houbese máis comprendidos neste tramo de idade pagarían 4,5 €. Estes prezos aplícanse de forma universal, co único requisito de que os fillos ou fillas estean empadroados no domicilio familiar. Dentro dos asuntos relacionados co Padroado Deportivo Municipal, tamén se recoñeceu o dereito do persoal deste organismo a solicitar o anticipo da paga extra de xuño de 2013, ao igual que o resto dos traballadores e traballadoras do Concello.
REPARTIRANSE PRETO DE 7.000 EUROS ENTRE PREMIOS E SUBVENCIÓNS
Luns 28 de xaneiro do 2013
O Antroido é "tempo de transgresións", de "superar os momentos de dificultades económicas" para desfutar "na mesa e na rúa" cos familiares e amigos. Así resume o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o espírito dunhas festas que encherán a vila de máscaras e disfraces entre o 8 e o 16 de febreiro e que pretende "ofrecer actividades para todos os públicos", segundo a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, e crear un ambiente animado e de lecer. O programa mantén practicamente o mesmo número de actividades que en anos anteriores e a mesma contía nas subvencións e premios a pesar dos axustes marcados pola crise. A Concellaría quere agradecer a colaboración das entidades e asociacións do municipio, así como da Policía Local e Protección Civil, sen quen o programa non sería posible. Respecto das actividades, repítense as tradicionais citas que contan cun gran poder de convocatoria, como son o Concurso e desfile de disfraces, comparsas e carrozas do domingo 10 de febreiro; e o tradicional Enterro da Sardiña, o Martes de Antroido (día 12), unha actividade que vai gañando seguidores convocatoria tras convocatoria e que na última edición contou cun cortexo fúnebre no que participaron arredor de 200 veciños e veciñas.
LUZ VERDE ÁS BASES DO CERTAME FOTOGRÁFICO XOSÉ MANUEL EIRÍS
Luns 28 de xaneiro do 2013
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para a creación dunha "Rede de saneamento en Pedra Furada" cun prezo de licitación de 39.506,88 euros. A actuación está incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, POS Adicional 2012. Entre os criterios para a adxudicación do contrato, o de máis peso é a oferta económica, aínda que tamén se terán en conta o programa de traballo e o programa de actuación medioambiental, así como a redución de prazos de execución. Dentro do apartado de contratación, a sesión tamén supuxo a adxudicación do Contrato administrativo de subministro por renting para a "Implantación dun servizo integral de impresión no Concello de Carballo". A responsable será a empresa Fornecementos Galegos SL e o prezo de adxudicación, por un prazo de 48 meses, é de 55.991,04 euros. O prezo de exceso de copias por páxina en branco e negro é de 0,011 €, mentres que o prezo por páxina impresa ou copiada en cor é de 0,079 €. O licitador comprométese á entrega e instalación dos bens ofertados no prazo máximo dun mes a contar dende o día seguinte ao da formalización do contrato. Así mesmo, executará á súa costa as melloras técnicas ofertadas.
COMPARECENCIA NO PLENO DOS AFECTADOS POLAS PREFERENTES
Venres 25 de xaneiro do 2013
A corporación carballesa celebra o luns 28 de xaneiro ás 20.30 horas unha sesión plenaria ordinaria que inclúe entre os asuntos da orde do día a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería de cumprimento da Lei 3/2004 de loita contra a morosidade correspondente co último trimestre de 2012, un informe que as administracións locais deben facer público obrigatoriamente. Segundo este documento, o Concello abonou un total de 1.440 facturas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, das que 1.378 -por un importe de 2.273.077,36 euros-, foron pagadas nunha media de 14,94 días; e as restantes 62 facturas -por un importe de 115.682,78 euros- foron satisfeitas nun prazo medio de 56,40 días. O prazo medio de pagamento, contabilizando a totalidade de facturas presentadas entre outubro e decembro, é de 15 días xustos. Hai que lembrar que no trimestre anterior esta media era de 21,11 días, polo que en tan só tres meses os servizos económicos municipais reduciron a media en máis de 6 días. Nestes momentos, o Concello non ten pendente de pago ningunha factura fóra do período legal, xa que as que había pagáronse de acordo cun recoñecemento extraxudicial de crédito aprobado por un pleno extraordinario da corporación celebrado o 10 de xaneiro. Por tanto, están cumpridas, a 25 de xaneiro de 2013, todas as obrigas por facturas do exercicio 2012.
O PROGRAMA TRANSCORRE ENTRE O 8 E O 16 DE FEBREIRO
Venres 25 de xaneiro do 2013
A partir do martes 29 de xaneiro está aberto o prazo de inscrición no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas (na imaxe un dos gañadores de 2012) organizado polo Concello de Carballo e que se celebra o domingo 10 de febreiro na Praza do Concello ás 18.00 horas. Para a inscrición, os interesados e interesadas poden facelo até o día 8 de febreiro para as modalidades de comparsas e carrozas, e até o día 10 de febreiro ás 17.00 horas nas modalidades de grupos e individual tanto en categoría adulto como infantil. Este ano, e como novidade, as solicitudes de participación no Concurso deberán estar asinadas e terán que estar entregadas no Rexistro de Entrada do Concello. Para obter máis información sobre como facelo, os interesados e interesadas poden poñerse en contacto co persoal da Concellaría de Cultura no teléfono 981 704 300 ou achegarse ás oficinas do primeiro andar do Pazo da Cultura na rúa do Pan s/n. Co obxetivo de fomentar a participación, un ano máis volven a concederse un máximo de 20 subvencións na modalidade de Comparsas e Carrozas que se outorgarán por rigorosa orde de inscrición.
OS COLEXIOS PARTICIPAN NO CONCURSO "CARBALLO TAMÉN EN BOTELLA"
Xoves 24 de xaneiro do 2013
Durante toda esta semana responsables da empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, e de Urbaser, concesionaria do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo, están impartindo obradoiros nos centros de ensino do municipio sobre reciclaxe, recollida selectiva de residuos e recollida e reciclaxe de aceite de cociña usado. A iniciativa forma parte dunha campaña posta en marcha por Reave entre os colexios carballeses para dar a coñecer entre os escolares a importancia do tratamento axeitado dos residuos, especialmente do aceite, altamente contaminante cando se desbota polos sumidoiros das vivendas. Neste marco está previsto que teña lugar dende o 28 de xaneiro ata o 31 de maio o concurso "Carballo tamén en botella", que ten como obxectivo principal fomentar entre os nenos e nenas criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día e na súa contorna, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Despois de que rematase o prazo de inscrición o 18 de xaneiro, está confirmada a participación de todos os centros de ensino do municipio, incluíndo o CEIP Canosa-Rus e a excepción do Artai. Gañará o centro que posúa a ratio máis elevada de aceite por alumno/a ao final da campaña, sendo o primeiro premio un lote de material escolar e lote de libros; e o segundo un lote de libros.