Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Máis de 900 persoas teñen solicitado a súa inclusión na Bolsa de Traballo Municipal que está en marcha desde novembro

A LISTAXE DE ESPERA É DE ARREDOR DE 450 DEMANTANTES

Máis de 900 persoas teñen solicitado a súa inclusión na Bolsa de Traballo Municipal que está en marcha desde novembro

Venres 8 de marzo do 2013

A Bolsa de Traballo Municipal, que está en marcha dende o pasado novembro, xa conta a día de hoxe con máis de 900 solicitudes de demandantes de emprego, das que 477 persoas xa están dadas de alta, e arredor de 450 están en listaxe de espera, con citas concertadas para manter entrevistas coas técnicas responsables do servizo, situado no complexo Fórum Carballo na Milagrosa. Así mesmo, a Concellaría de Formación e Emprego ten realizado un estudo estatístico sobre o funcionamento da Bolsa durante os seus primeiros tres meses de vida (entre o 19 de novembro e o 15 de febreiro). Segundo estes datos, neste período téñense rexistrado un total de 389 persoas dadas de alta, mentres que durante este tempo, o número de postos de traballo ofertados pola Bolsa foron un total de 15, para os que o servizo tramitou para as empresas un total de 31 currículums. O número de postos cubertos pola Bolsa de Traballo foron 5, mentres que ao remate do trimestre quedaron dúas ofertas pendentes de cubrir con candidatos. Ademais neste intervalo téñense realizado 55 modificacións de currículums por parte dos usuarios e usuarias. Atendendo á discriminación por sexo, o número de homes no servizo é de 217 (55,78 por cento) fronte a 172 mulleres (44,22 por cento).

"Rosalías. Daquelas que cantan" homenaxea a Rosalía de Castro e a todas as mulleres con motivo do 8 de marzo

VENRES ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

"Rosalías. Daquelas que cantan" homenaxea a Rosalía de Castro e a todas as mulleres con motivo do 8 de marzo

Xoves 7 de marzo do 2013

O venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Pazo da Cultura de Carballo acolle ás 21.00 horas o espectáculo "Rosalías. Daquelas que cantan". Organizada pola Asociación Cultural Lumieira, a cita consiste nun acto musical e poético en homenaxe a Rosalía de Castro no que participan as cantantes Uxía e Dolores Platas, o grupo feminino Habelas hainas ou a poetisa carballesa Rosalía Fernández Rial. Da escenografía encárgase a artista Chiña e tamén está prevista algunha que outra sorpresa enriba do escenario. Este espectáculo multidisciplinar organizado por Lumieira, conta coa colaboración do Concello de Carballo e, ademais do Día da Muller, tamén conmemora o 150 aniversario da publicación de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro. A Asociación Lumieira desenvolve este "acto musical e poético desde unha perspectiva que conxuga tradición e actualidade". Segundo salienta a presidenta da entidade e participante no espectáculo, Rosalía Fernández Rial, "partimos, asemade, da idea de que todas nós somos, dalgún xeito, Rosalías (de aí o nome do acto) e temos en común as letras e as músicas, nosas e súas, de todas". Así o espectáculo, de acceso libre para todos os veciños e veciñas ata completar o aforo, ten un fío condutor coherente e conxunto.

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cunha serie de charlas e a celebración dun Cinefórum

PROXECCIÓN DA PELÍCULA: O 8 DE MARZO NO FÓRUM CARBALLO

Carballo conmemora o Día Internacional da Muller cunha serie de charlas e a celebración dun Cinefórum

Martes 5 de marzo do 2013

A Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do Centro de Información á Muller (CIM) conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a través dun ciclo de ponencias que se desenvolven durante todo o mes. Profesionais de distintos ámbitos informan ás mulleres acerca de temas xurídicos, sociais, psicolóxicos, de saúde, de resolución de conflitos, de relacións paterno filiais, de economía doméstica, etc. A cita é todos os xoves de 10.00 a 13.30 horas no Pazo da Cultura (Rúa do Pan, s/n). Nestas ponencias participan as profesionais do CIM de Carballo e a Educadora Familiar. Haberá dous grupos de 20 mulleres. Por outra banda, o mesmo día 8 de marzo o Fórum Carballo (situado na Praza dos Bombeiros Voluntarios, s/n - barrio da Milagrosa) acolle un Cinefórum coa película "Globos de agua" (2006), unha curtametraxe de ficción sobre conciliación laboral e familiar producida polo proxecto europeo Equal Camp de Túria Concilia. A través dunha historia de ficción, aínda que moi real, Fernando Canet reflicte a necesidade que teñen todas as persoas de conciliar a súa vida laboral coa familiar e persoal. A sesión ten lugar de 10.00 a 13.30 horas. Esta actividade está aberta a calquera persoa que queira participar, e consiste na proxección da película e un debate a continuación dirixido por unha profesional da Asociación Faraxa que colabora neste acto.

O Concello de Carballo asina convenios de prácticas profesionais con 40 empresas do municipio e a súa contorna

SOLICITADAS NOVE ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O FÓRUM

O Concello de Carballo asina convenios de prácticas profesionais con 40 empresas do municipio e a súa contorna

Martes 5 de marzo do 2013

O Concello de Carballo, a través do Centro Municipal de Formación (situado no complexo Fórum Carballo), solicitou á Consellería de Traballo e Benestar un total de nove accións formativas para desenvolver nas instalacións da Milagrosa ao longo do presente exercicio. O Concello faino ao abeiro da orde do 31 de decembro pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma para o ano 2013, e os cursos aos que opta Carballo son os seguintes: cociña, soldadura con electrodo revestido e TIG, operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrónicas e telecomunicacións en edificios, servizos de restaurante, soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG, colocación da pedra natural, montaxe de mobles e elementos de carpintería, programación de sistemas informáticos e administración de servizos de Internet. Todas as accións formativas solicitadas están encamiñadas á obtención dun novo certificado de profesionalidade, o que supón a acreditación das cualificacións profesionais recollidas en cada un deles.

Viki Rivadulla expón a súa visión dun mar "rexo", "forte" e "reivindicativo" no andar -1 do Pazo da Cultura

HORARIO HABITUAL: ATÉ O 30 DE MARZO DE 18.00 A 21.00 HORAS

Viki Rivadulla expón a súa visión dun mar "rexo", "forte" e "reivindicativo" no andar -1 do Pazo da Cultura

Venres 1 de marzo do 2013

A artista muxiá Viki Rivadulla expón no andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo a mostra "O meu mar". Titulada a partir dun poema de Gonzalo López Abente, esta exposición , segundo explica a propia autora, pretende recoller a través de 24 pinturas e 7 esculturas unha visión dun mar "creador dunha eterna traxedia", pero tamén un mar "rexo e forte" ao que hai que "devolverlle moito do que nos dá". Para Rivadulla tamén é unha presenza "reivindicativa" de "tribos mariñeiras", xente "traballadora e humilde que quere seguir vivindo do mar" porque "non pode haber futuro na Costa da Morte que non teña en conta o mar e as súas xentes". Ademais de no título, a autora subliña que a poesía e a literatura tamén teñen unha fonda pegada nesta mostra, xa que contén unha parte dedicada ás "Viúvas de vivos e mortos" de Rosalía de Castro, e outra sección para "A árbore da lingua". As obras de "O meu mar" pobóanse de mulleres e homes da Costa da Morte, recollendo "esa potencia creativa que somos", en verbas de Rivadulla, porque "o meu mar tamén é o mar dos poetas". E por iso, a mostra pechouse cun pequeno recital coa colaboración dos poetas Miro Villar, Suso Bahamonde, Paco de Tano, X. H. Rivadulla Corcón, Rosalía Fernández e Paco Souto.

Presentadas máis de 250 alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dende o comezo do período de exposición pública

REXISTRADAS PRETO DE 4.000 VISITAS NA WEB MUNICIPAL

Presentadas máis de 250 alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dende o comezo do período de exposición pública

Mércores 27 de febreiro do 2013

Despois de que teña transcorrido pouco máis dun mes dende o comezo do período de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo -coa publicación no DOG o 22 de xaneiro de 2013-, xa se teñen presentado un total de 255 alegacións ao documento, segundo datos do Rexistro de Entrada a 27 de febreiro de 2013. Por outra banda, a través da web municipal -e segundo cifras da mesma data- téñense contabilizado un total de 3.917 visitas de 1.969 direccións web diferentes nos 34 días que o documento leva exposto ao público. Destas visitas, en xaneiro rexistráronse 2.144, mentres que no mes de febreiro que está a piques de rematar xa houbo 1.773. No que respecta aos visitantes, dos 1.969, un total de 1.016 rexistráronse en xaneiro e 953 en febreiro. Así, aínda que o documento xa leva a disposición de todos os veciños e veciñas máis dun mes, o goteo de persoas solicitando información, xa sexa no Fórum Carballo (edificio onde se poden realizar as consultas de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas) ou a través da web municipal continúa a ser constante. Hai que lembrar que os interesados e interesadas aínda poden formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus intereses, até o 22 de marzo de 2013.

O pleno apoia aos afectados polas preferentes, ás universidades públicas e o mantemento de Carballo como base do Grumir

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DO PROGRAMA CONCILIA

O pleno apoia aos afectados polas preferentes, ás universidades públicas e o mantemento de Carballo como base do Grumir

Martes 26 de febreiro do 2013

A corporación vén de celebrar a sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro na que saíron adiante varias mocións relativas a diferentes asuntos e na que a maioría dos puntos foron aprobados por unanimidade en pouco menos de media hora. Así, recibiron luz verde dúas mocións co visto e prace de todos os grupos. A primeira, que quedara sobre da mesa no pleno anterior, plasma o apoio dos concelleiros aos afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas, moitos deles presentes no salón de plenos da Casa do Concello. No texto, ínstase á Xunta de Galicia a que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes e que se adopten as modificacións legais oportunas para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen canxes por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe. A segunda moción unánime esixe o mantemento de Carballo como base do Grumir (Grupo Municipal de Intervención Rápida). Así, solicítaselle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a inclusión do municipio como base de atención na nova distribución dos servizos de emerxencias.

Luz verde na Xunta de Goberno para a demolición da estrutura dun edificio situado no número 19 da Rúa Valle Inclán

SOLICITADA UNHA SUBVENCIÓN PARA A LIMPEZA DE PRAIAS

Luz verde na Xunta de Goberno para a demolición da estrutura dun edificio situado no número 19 da Rúa Valle Inclán

Luns 25 de febreiro do 2013

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar a demolición da estrutura dun edificio situado no número 19 da Rúa Valle Inclán da capital municipal (na imaxe) fronte á Casa da Xuventude. Así, as propietarias veñen de solicitar a licenza urbanística para derrubar esta construción inacabada de formigón armado, de planta baixa e tres forxados e que conta con más de 40 anos de antigüidade, para deixar o solar baleiro. A estrutura está formada por muros, piares e vigas de formigón e bovedillas cerámicas e, segundo a documentación técnica achegada, o seu estado de conservación é deficiente. Así mesmo, a sesión supuxo a aprobación da demolición dunha estrutura no número 40 da Rúa Vázquez de Parga, situada entre medianeiros de planta baixa, primeiro andar e baixo cuberta e que está parcialmente derruída. A superficie construída total desta última estrutura a demoler é de 127 metros cadrados e o volume da construción de 303 metros. No apartado de licenzas de obra, a sesión tamén supuxo luz verde para a correspondente á mellora do subministro eléctrico en Vilar do Carballo, Oza Vella e Os Canedos; outra para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en San Miguel de Vilela e outra para a construción dunha vivenda unifamiliar na Avenida das Flores.

A conta ordinaria de recadación supón 8,5 millóns de euros para as arcas municipais cunha media de cobro de 625 recibos diarios

MOCIÓNS SOBRE A UNIVERSIDADE, AS PREFERENTES E O GRUMIR

A conta ordinaria de recadación supón 8,5 millóns de euros para as arcas municipais cunha media de cobro de 625 recibos diarios

Venres 22 de febreiro do 2013

A corporación municipal celebra o luns 25 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria na que entre os asuntos da orde do día consta a aprobación da Conta de recadación do exercicio 2012. Segundo os datos achegados polo Alcalde, Evencio Ferrero, e a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, o "control rigoroso do gasto" por parte do goberno, así como "o grande esforzo recadatorio" fan posible a incorporación ás arcas municipais de 8.534.517,80 euros, cunha media porcentual de recadación dun 91,3 por cento. Polo miúdo, a porcentaxe de cobro en cada apartado para o período de 2012 é dun 93 por cento (94 en 2011) para o Imposto de Bens Inmobles (IBI) de natureza urbana; tamén dun 93 por cento, ao igual que en 2011, para o IBI de natureza rústica; dun 100 por cen para o Imposto sobre bens inmobles de características especiais; dun 90 por cen para a Taxa de lixo para vivendas (91 en 2011); dun 94 por cento pola Taxa de vaos permanentes (fronte ao 93 por cento en 2011); dun 90 por cen para a Taxa por venta na feira da Milagrosa (79 por cen en 2011); cun cobro dun 86 por cento para o Imposto sobre vehículos de tracción mecánica (87 en 2011); e dun 83 por cento na Taxa de lixo comercial (93 por cen en 2011). Nestes dous últimos casos o Alcalde subliña a repercusión da crise, que afecta especialmente ao sector comercial.

O Concello ofrécelle o Fórum á Consellería de Traballo para desenvolver accións formativas e favorecer a creación de emprego

MALESTAR POLA NON CONCESIÓN DO OBRADOIRO DE HOSTALERÍA

O Concello ofrécelle o Fórum á Consellería de Traballo para desenvolver accións formativas e favorecer a creación de emprego

Xoves 21 de febreiro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, así como do responsable do Centro Municipal de Formacion, Juan Lorenzo, vén de manter unha entrevista con Ana María Díaz, Directora Xeral de Emprego, na que lle expuxo as posibilidades do complexo Fórum Carballo como centro formativo de referencia. Así, trátase da única instalación con estas características en toda a comarca, equipada con talleres de soldadura e pintura, módulos de electricidade, taller de automoción, de carpintaría de madeira e metálica, de cantería ademais dun módulo de hostalería, aulas e servizos asociados e unha aula de informática, tendo espazo dispoñible, así mesmo, para celebrar congresos e exposicións. Neste complexo, a Xunta -que vai trasladar alí en breve as dependencias na vila da Oficina de Emprego dependentes da Consellería de Traballo e Benestar e das consellerías de Medio Rural e Mar e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas- podería ofertar multitude de actividades relacionadas coa formación e a inserción laboral e dotar o complexo de contido para contribuír a reducir as elevadas taxas de desemprego do municipio (con preto de 4.500 parados segundo datos da Consellería do mes de xaneiro) e da comarca.

A V Feira das Oportunidades congrega a máis de 30 establecementos comerciais da vila no Parque do San Mariño

SÁBADO 9 E DOMINGO 10 DE MARZO DE 10.00 A 21.00 HORAS

A V Feira das Oportunidades congrega a máis de 30 establecementos comerciais da vila no Parque do San Mariño

Mércores 20 de febreiro do 2013

O Centro Comercial Aberto (CCA) coa colaboración do Concello de Carballo e da Dirección Xeral de Comercio organiza a V Feira das Oportunidades, unha cita que ten como obxectivo dinamizar o comercio local e que ten lugar a primeira fin de semana de feira de marzo, o sábado 9 e domingo 10, en horario continuo de 10.00 a 21.00 horas. Un total de 33 establecementos comerciais do municipio poñen á venda nunha carpa no Parque do San Martiño excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés, xa que nesta cita só participan establecementos do municipio que sexan socios do CCA. Este ano hai tres comercios máis que na edición anterior, e os stands son un total de 36 para máis de 500 metros cadrados, xa que tamén asiste La Voz de Galicia e está habilitada unha área de descanso e un stand para o CCA. María del Carmen Freire, xerente do CCA, subliña a variedade de sectores que concorren a esta cita, xa que ademais de moda e complementos, os veciños e veciñas poderán mercar mobles, tecnoloxía e equipamentos ou entrar en espazos de masaxe e fontanería.

A Mesa Local de Comercio ultima a organización da Feira das Oportunidades e realiza un balance do exercicio 2012

O FÓRUM POTENCIARÁ A PROMOCIÓN DO SECTOR

A Mesa Local de Comercio ultima a organización da Feira das Oportunidades e realiza un balance do exercicio 2012

Martes 19 de febreiro do 2013

A Casa do Concello acolleu ás 12.00 horas unha xuntanza da Mesa Local de Comercio na que, entre os asuntos da orde do día, figuraba ultimar os detalles da Feira das Oportunidades 2013, que terá lugar a fin de semana do 9 e 10 de marzo nunha carpa situada no Parque do San Martiño. Así mesmo, realizouse un balance sobre a situación do sector durante o exercicio de 2012 que acaba de rematar. No caso da Feira das Oportunidades, os comerciantes ven nesta cita unha boa ocasión para conseguir colocar os stocks que non se venderon nas rebaixas, que, segundo se comentou durante a reunión, foron bastante frouxas. Así, María del Carmen Freire, xerente do CCA (Centro Comercial Aberto Carballo) expresou a inquedanza do sector ante os malos resultados rexistrados no último trimestre do ano 2012, que foi especialmente negativo en comparación con meses e anos anteriores. Nese sentido, tense detectado a apertura constante de novos negocios, mais a maioría non conseguen facerse un oco e superar os primeiros meses de vida, non só a causa da difícil situación económica, senón tamén a causa da apresurada planificación inicial.

Compartir: