Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O pleno aborda a aprobación do orzamento de 2013 e do Inventario Municipal de Bens, que ascende a 262 millóns de euros

O RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO BAIXA UN 88 POR CENTO

O pleno aborda a aprobación do orzamento de 2013 e do Inventario Municipal de Bens, que ascende a 262 millóns de euros

Venres 22 de marzo do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de marzo -que se celebra o luns 25- inclúe na orde do día a aprobación do Inventario Municipal de Bens do Concello de Carballo, que recolle a existencia de 16.091 bens por un importe de 262.512.290,05 euros. Desa cantidade, a ampla maioría correspóndese con bens inmobles, xa que hai recoñecidos 7.823 por un valor de 257.430.204,47 euros. O Concello conta con 69 mobles histórico artístico de considerable valor económico, por 290.183,51 euros; así como con 47 vehículos valorados en 356.720,54 euros. O segundo apartado en importancia dentro do inventario é o de bens mobles, como aparatos informáticos, mobiliario, etc., por un importe de 4.386.970,78 euros. Outro dos asuntos que aborda o pleno é o visto bo para o segundo Recoñecemento extraxudicial de crédito do exercicio de 2012 do Concello de Carballo, un mecanismo polo que se recoñecen para o seu pago as facturas presentadas no Rexistro do Concello antes do 31 de decembro de 2012 e que por diversos motivos non se puideron abonar antes do remate do exercicio. O importe é de 37.867 euros, que sumados aos 37.287,36 euros do primeiro recoñecemento de 2012, aprobado nun pleno o 10 de xaneiro, suma un total de 75.155,56 euros, un 88 por cento menos que o importe do exercicio anterior, que ascendía a 482.877,35 euros. Respecto do total do orzamento, o recoñecemento de 2012 supón un 0,39 por cento.

Senda Nova incorpora dous novos percorridos de sendeirismo para a cuarta edición do programa Primavera en ruta

DOMINGOS ENTRE O 24 DE MARZO E O 9 DE XUÑO

Senda Nova incorpora dous novos percorridos de sendeirismo para a cuarta edición do programa Primavera en ruta

Xoves 21 de marzo do 2013

A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo, organiza unha nova edición, por cuarto ano consecutivo, de "Primavera en ruta", unha iniciativa que propón un total de nove percorridos de sendeirismo co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia no marco da contorna natural. Este ano conta coa novidade da incorporación de dúas rutas inéditas, unha polo Concello de Coristanco seguindo as pegadas dunha vía romana e titulada Vía Alcaianus. E outra como peche da actividade denominada A ruta do río Xabriña, no concello do Covelo (Pontevedra). O presidente de Senda Nova, Xosé Manuel Menéndez, quixo lembrar as orixes do programa Primavera en Ruta, cunha semente que se plantou en 2007 con 12 persoas que se xuntaban as fins de semana para percorrer a comarca e "cos mesmos obxectivos que os de agora, unir os puntos de interese ambiental, cultural e paisaxístico" da zona, ademais de "fomentar a práctica deportiva e o espírito de convivencia dentro da contorna natural". O Concelleiro de Promoción Económica, Xose Regueira, agradeceu "que existan entidades como Senda Nova, que poñen en valor os nosos recursos" xa que "se nós non sabemos valorar o que temos, dificilmente poderemos transmitirllo aos demais".

As participantes no curso "Muller e vida" organizado polo CIM con motivo do 8 de marzo, recolleron os seus diplomas

A INICIATIVA CONTOU CUN TOTAL DE 30 MULLERES

As participantes no curso "Muller e vida" organizado polo CIM con motivo do 8 de marzo, recolleron os seus diplomas

Xoves 21 de marzo do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da responsable do CIM (Centro de Información á Muller) Nieves Catañón, e da encargada de impartir a actividade, vén de entregar no Pazo da Cultura os diplomas do curso "Muller e vida", de 18 horas de duración, que se desenvolveu dende primeiros deste mes con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Un total de 30 mulleres do municipio participaron nesta iniciativa, que tivo lugar cada xoves no Pazo da Cultura e que afondou nos seguintes contidos: "Son unha muller e teño autoestima", "Dereito civil, os meus dereitos", "Dereito administrativo, as miñas relacións coas administracións", "Relacións paterno-filiais, resolución de conflitos", "Saúde sexual e enfermidades de transmisión sexual", "Métodos anticonceptivos", "Hábitos de vida saudable", "Axudas saudables" e por último "Organización de compras e do fogar". Así mesmo, todas elas asistiron ao Cinefórum no que se proxectou a película "Globos de agua" (2006), unha curtametraxe de ficción sobre conciliación laboral e familiar producida polo proxecto europeo Equal Camp de Túria Concilia. Durante o acto, as mulleres aproveitaron para plantexarlle ao Alcalde algunha das súas necesidades, especialmente polas dificultades que atravesan a raíz da crise económica.

O municipio conta con 121 novos colectores de papel e cartón pregado instalados a través do programa Carballo Limpo

CONTACTO CO SERVIZO NO 981 754 917

O municipio conta con 121 novos colectores de papel e cartón pregado instalados a través do programa Carballo Limpo

Martes 19 de marzo do 2013

Seguindo a liña das últimas accións do novo plan de limpeza que se está levando a cabo a través do programa Carballo Limpo, estase procedendo á instalación de 121 novos colectores de papel e cartón pregado. O reparto destes colectores azuis faise en función da poboación, polo que 61 deles están sendo instalados no centro urbano e os 60 restantes estanse ubicando no rural do municipio carballés co obxectivo de mellorar a recollida selectiva nestas zonas. Así, hai que lembrar que Carballo dispón dun servizo de recollida selectiva de lixo co que os habitantes do municipio poden contribuír á defensa do medio, separando os refugallos no seu domicilio. Así, os restos orgánicos deben depositarse no colector verde, os bricks e as latas no colector amarelo e o papel e o cartón no azul. O vidro vai aos iglús verdes. As baterías e os medicamentos son recollidos nos establecementos colaboradores e nas farmacias da Vila, respectivamente. O Concello dispón, ademais, dun servizo de recollida de aceite de cociña usado nos colectores laranxas. Desde as entidades implicadas en Carballo Limpo recordan que se anima á poboación a colaborar co proxecto e facer as súas achegas e suxestións. Para poñerse en contacto co servizo pódese chamar ao teléfono 981 754 917, consultar a web www.carballolimpo.com e agora tamén a través da conta de Twitter @CarballoLimpo.

Última semana para presentar alegacións ao documento para aprobación inicial do PXOM: até o venres 22 de marzo

MÁIS DE 5.000 VISITAS NA PÁXINA WEB PARA CONSULTAR O PLAN

Última semana para presentar alegacións ao documento para aprobación inicial do PXOM: até o venres 22 de marzo

Luns 18 de marzo do 2013

Principia a última semana na que os interesados e interesadas poderán formular as alegacións que consideren pertinentes para a defensa dos seus dereitos e intereses ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. O período está aberto até o venres 22 de marzo, despois de dous meses de exposición pública tanto a través da páxina web municipal como con toda a documentación e planos relacionados co PXOM no recinto Fórum Carballo, ademais de nas diferentes parroquias do municipio. O horario de consulta no Fórum é de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas, e martes e xoves de 17.00 a 20.00 horas. Os cidadáns son atendidos por técnicos municipais que poden solucionar as súas dúbidas, ademais de poder contar os xoves, a través de cita previa, coa presenza de membros do equipo redactor. Segundo os datos do Rexistro Municipal actualizados a venres 15 de marzo de 2013, xa se teñen presentado un total de 667 alegacións. Por outra banda, a través da web municipal -e segundo cifras do luns 18 de marzo- téñense contabilizado un total de 5.004 visitas de 2.494 direccións web diferentes nos 55 días que o documento leva exposto ao público. Destas visitas, en xaneiro rexistráronse 2.144, mentres que no mes de febreiro houbo 1.893 e no que vai do mes de marzo contabilizáronse 967.

Carballo presenta un orzamento centrado no benestar, na dinamización económica e no emprego por 21,9 millóns de euros

OS INVESTIMENTOS REAIS SUPOÑEN O 20,8 POR CENTO DO PRESUPOSTO

Carballo presenta un orzamento centrado no benestar, na dinamización económica e no emprego por 21,9 millóns de euros

Sábado 16 de marzo do 2013

O goberno municipal vén de presentar unhas contas para 2013 que, segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, "repectan a normativa e cumpren coa regra de gasto e cos requisitos económico financeiros para o equilibrio orzamentario". O importe ascende a 21.936.446,61 euros no apartado de ingresos e de 21.057.765,23 euros no de gastos, cun incremento dun 7,25 por cento e dun 5,4 por cento respectivamente en cada un dos apartados respecto das contas do exercicio anterior e un superávit, esixido polo plan económico financeiro, de 878.681,38 euros. Lendoiro explica que se trata "dun presuposto realista e moi prudente", que ten en conta "a situación económica xeral", garantindo "a eficiencia na xestión dos servizos" ao mesmo tempo que pensa no "benestar das persoas", en "dinamizar a economía do Concello" e en "impulsar a formación e o emprego", especialmente coa potenciación do Fórum Carballo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou de que en 2012 se ingresou máis do previsto, nun 108,23 por cento, e houbo contención do gasto, xa que se consumiu o 80 por cento do orzamentado. Os ingresos do Concello por habitante son de 770,97 euros e os gastos de 566,72 euros, mentres que a carga financeira é "moi baixa", dun 3,96 por cento, cuns índices de aforro neto do 17 por cen, e do 20 por cen de aforro bruto. Uns números que reflicten "a excelente situación financeira, cun orzamento que permitirá manter o nivel de servizos e ademais incrementar os investimentos".

Preto dun centenar de obras conforman a exposición do XV Certame Xosé Manuel Eirís que gañou Marcos Rodríguez

NO TERCEIRO ANDAR DO PAZO DA CULTURA ATÉ O 25 DE ABRIL

Preto dun centenar de obras conforman a exposición do XV Certame Xosé Manuel Eirís que gañou Marcos Rodríguez

Venres 15 de marzo do 2013

O Concello de Carballo vén de inaugurar na sala da baixocuberta do Pazo da Cultura a Exposición do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, conformada por unha escolma de 90 obras das 178 imaxes que se teñen presentado ao concurso. Nesta selección atópanse as catro imaxes gañadoras: o primeiro posto é para "Cóntamo todo", premiada con 700 euros e diploma, e realizada polo fotógrafo ceense Marcos Rodríguez. Para o segundo premio, dotado con 450 euros e diploma, resultou elixida a fotografía que leva por título "El tiempo espera" presentada por Xavier Ferrer Chust, de Vila-Real (Castellón). O Premio Especial Carballo, que distingue as imaxes centradas no municipio e dotado con 450 euros e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Auxilio" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de Laracha. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar dous accésits dotados con 125 euros cada un e diploma ás seguintes obras: á fotografía "Bosque de arena" presentada por Áurea Malvido, de Pontevedra; e á fotografía "Lake" presentada por Laura Cuba, de Oleiros. Esta edición ten rexistrado 75 participantes e dáse o caso de que Marcos Rodríguez gaña por segunda vez o concurso, tengo resultado vencedor coa imaxe "Toda unha vida" na edición de 2010.

Difundir a cultura emprendedora e mellorar as infraestruturas tecnolóxicas: algúns dos retos da innovación empresarial

ESTUDO ELABORADO POLO OBSERVATORIO ECONÓMICO LOCAL

Difundir a cultura emprendedora e mellorar as infraestruturas tecnolóxicas: algúns dos retos da innovación empresarial

Mércores 13 de marzo do 2013

A difusión dunha cultura empresarial e de innovación, a mellora das infraestruturas tecnolóxicas e o fomento da implantación de sistemas de xestión avanzados baseados nas novas tecnoloxías son algúns dos principais retos da innovación empresarial tanto no Concello de Carballo como na súa área de influencia para os próximos anos. Así o reflicten as conclusións do estudo "A innovación empresarial en Carballo e a súa área de influencia" realizado polo Observatorio Económico Local do municipio durante o ano 2012 e que vén de ser presentado no Viveiro de Empresas da Antena Local da Cámara de Comercio coa presenza do seu presidente, Marcelo Castro-Rial Schuler e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tamén asistiu ao acto o director xeral da Cámara, Gonzalo Ortiz Amor, así como representantes da vida comercial e empresarial da zona. Este estudo consiste nunha análise detallada da innovación empresarial en Carballo e a súa contorna, tendo en conta que forma parte dun sistema de innovación máis amplo que abarca toda Galicia. Segundo Marcelo Castro-Rial, "a innovación é algo que afecta a todos os aspectos dunha empresa para que sexa máis competitiva", pero é necesario "esforzo e cultura innovadora" así como a colaboración institucional.

Xuntanza entre todos os Alcaldes de Bergantiños e representantes da plataforma de afectados polas participacións preferentes

MOCIÓN CONXUNTA DE APOIO POR PARTE DOS CONCELLOS DA COMARCA

Xuntanza entre todos os Alcaldes de Bergantiños e representantes da plataforma de afectados polas participacións preferentes

Martes 12 de marzo do 2013

Un grupo de representantes da Plataforma de afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas veñen de reunirse na Casa do Concello de Carballo con todos os alcaldes da comarca de Bergantiños para solicitar o seu apoio. Un total de oito afectados expuxeron a súa situación diante do Alcalde carballés, Evencio Ferrero, que actuou como anfitrión, e dos rexedores de Cabana, Manuel Muíño; Coristanco, Antonio Pensado; Laxe, Antón Carracedo; Malpica, Eduardo Parga; A Laracha, José Manuel López Varela; e Ponteceso, José Luis Fondo. Todos eles adquiriron o compromiso de aprobar nos plenos das súas corporacións unha moción conxunta de apoio aos afectados, na que se lle solicita á Xunta de Galicia a que se dirixa aos distintos organismos e autoridades políticas e monetarias competentes para, no caso das comercializacións indebidas destes produtos híbridos, eliminar as quitas e evitar que se realicen trocos por outro tipo de produto financeiro que non poida ter liquidez a curto prazo ou poida supoñer perda no valor nominal dos títulos dos seus produtos; e tamén que se manteña, axilice e reforce o sistema de arbitraxe. Precisamente nesto último fixo fincapé Xan Fernández Carrera, voceiro da plataforma, que considera que a arbitraxe é o sistema que mellor defende os seus dereitos para que poidan recuperar o seu diñeiro.

Os voceiros municipais debaten unha proposta para regular os fondos edificables e incorporala ao PXOM

CONVOCARASE UNHA XUNTANZA DA COMISIÓN DE URBANISMO

Os voceiros municipais debaten unha proposta para regular os fondos edificables e incorporala ao PXOM

Venres 8 de marzo do 2013

A Oficina Técnica Municipal, en colaboración co equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -documento que nestes momentos está sendo sometido ao período legal de exposición pública de dous meses que remata o 22 de marzo-, vén de elaborar varias propostas sobre os fondos edificables co obxectivo de reducir o máis posible o número de edificios que quedarían fóra de ordenación unha vez que o PXOM reciba a aprobación definitiva. Así, debido á diferenza existente entre os fondos edificables (distancia máxima entre a fachada do inmoble e a parte posterior) permitidos tanto polas normas subsidiarias dos anos 80 como polo PXOM aprobado en 2003 e os fondos autorizados polo planeamento que está en proceso de aprobación, un certo número de vivendas do casco urbano quedarían fóra da ordenación. Nas normas anteriores, a distancia permitida era de 30 metros para as plantas baixas e 20 para as plantas altas, mentres que agora o PXOM estipula que sexan 20 e 15 metros, respectivamente. Por este motivo, os técnicos do Concello xunto cos responsables de redactar o Plan veñen de presentarlle ao goberno unha das propostas estudadas que será debatida pola Comisión Municipal de Urbanismo (que inclúe menbros de todos os grupos municipais) para poder incorporar ao PXOM en proceso de aprobación provisional estas novas directrices.

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade visita Aspaber e interésase pola limpeza viaria

RECEPCIÓN NO CONCELLO CO ALCALDE E MEMBROS DA CORPORACIÓN

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade visita Aspaber e interésase pola limpeza viaria

Venres 8 de marzo do 2013

O presidente do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), Luis Cayo Pérez Bueno, acompañado do ex presidente de CEPES (Confederación Empresarial Española de Economía Social) e membro do Padroado da Fundación Carlos Martín (que traballa a prol da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual) Marcos de Castro, vén de visitar as instalacións de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) na Brea para interesarse tanto polo seu labor, como polo contrato da entidade co Concello para realizar o servizo municipal de limpeza viaria a través do seu Centro Especial de Emprego. No seu percorrido tamén visitaron o Concello, acompañados pola directora de Aspaber, Dolores Fernández, así como por outros membros da directiva da asociación, e sendo recibidos polo Alcalde, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; e o Concelleiro de Servizos, Luís Lamas. Cayo Pérez quixo gabar ao Concello polo "valor" que ten manter un contrato con Aspaber UTE para realizar o traballo de limpeza viaria, pero tamén se interesou pola posibilidade de introducir no futuro cláusulas sociais nos pregos de contratación municipais de acordo coa lexislación española e as directrices europeas que así o permiten.

O ceense Marcos Rodríguez volve a gañar o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís na súa XV edición

O SEGUNDO PREMIO RECAEU NUN ARTISTA DE CASTELLÓN

O ceense Marcos Rodríguez volve a gañar o Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís na súa XV edición

Venres 8 de marzo do 2013

O xoves 7 de marzo ás 16.00 horas reuníronse no Pazo da Cultura de Carballo os membros do xurado do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís para fallar os premios que este ano teñen un importe total de 1.850 euros. Con este concurso o Concello de Carballo quere contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Nesta última edición presentáronse un total de 177 imaxes de 75 participantes, e os galardoados son: co 1º Premio, dotado con 700 € e diploma, a fotografía que leva por título "Cóntamo todo" presentada por Marcos Rodríguez Cotelo (na imaxe), de Cee, que gaña o certame por segunda vez; co 2º Premio, dotado con 450 € e diploma, resulta elixida a fotografía que leva por título "El tiempo espera" presentada por Xavier Ferrer Chust, de Vila-Real (Castellón); o Premio Especial Carballo, dotado con 450 € e diploma, recaeu na fotografía que leva por título "Auxilio" presentada por Eduardo Verdes Pereira, de Laracha. Por último, o xurado tamén decidiu outorgar dous accésits dotados con 125 € cada un e diploma ás seguintes obras: á fotografía "Bosque de arena" presentada por Áurea Malvido, de Pontevedra; e á fotografía "Lake" presentada por Laura Cuba, de Oleiros.

Compartir: