Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Tres voluntarios do Concello de Carballo viaxan á rexión da Puglia italiana co proxecto europeo do Banco Europeo de Tempo Sénior

CON ESTA ACTIVIDADE COMPLÉTASE A ÚLTIMA FASE DO PROXECTO

Tres voluntarios do Concello de Carballo viaxan á rexión da Puglia italiana co proxecto europeo do Banco Europeo de Tempo Sénior

Luns 29 de abril do 2013

Tres veciños e veciñas veñen de ser seleccionados para participar na última fase do proxecto "Senior BoT: European Bank of Time based on Senior Volunteers", unha iniciativa europea de voluntariado financiada polo Programa de Aprendizaxe permanente Grundtvig da Comisión Europea, que o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar, dirixida por Silvana Castro, e a Asociación "Sud-Est Donne" de Conversano (Italia) están levando a cabo nun partenariado internacional europeo. Os voluntarios Néstor, Dolores e María, están a vivir estes días unha experiencia inesquecible, xa que o día 10 de abril partían de Carballo rumbo a Bari, desde onde se desprazarían até Locorotondo, unha localidade pintoresca da rexión da Puglia, onde terán o seu centro de operacións. Na maleta, as persoas voluntarias levan experiencia en proxectos de voluntariado e asociacionismo local, pois todas teñen colaborado con asociacións como Cruz Vermella, o Banco de Sangue da Coruña ou o Banco do Tempo do Concello de Carballo, entre outras moitas asociacións. Como proposta, cada unha delas leva un proxecto para realizar nas tres semanas que dura a súa estadía en Italia. Na imaxe pode verse un momento da visita a Carballo que tres voluntarios italianos realizaron en novembro de 2012 tamén como parte deste programa, na que están co Alcalde, Evencio Ferrero, e coa directora do Centro de Información á Muller, Nieves Castañón.

Primavera enDanza cumpre once anos no escenario do Pazo da Cultura achegando esta disciplina ao público carballés

ENTRE O 3 E O 12 DE MAIO

Primavera enDanza cumpre once anos no escenario do Pazo da Cultura achegando esta disciplina ao público carballés

Luns 29 de abril do 2013

Despois dun mes de abril no que a través dos Venres Culturais o público carballés puido gozar de catro espectáculos de teatro de adultos -que colleitaron grande interese e intensas ovacións por parte dos espectadores do Pazo da Cultura-, de dous espectáculos de música e teatro infantís e de dous concertos de Rockarballo, agora no inicio do mes de maio comeza a programación de danza contemporánea destinada tanto a público adulto como infantil: Primavera enDanza 2013, que transcorre entre o 3 e o 12 de maio e que segue a apostar por espectáculos interesantes e orixinais. A programación ten dúas partes diferenciadas, o programa de sala e as actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea. Estas últimas pretenden achegar de novo aos espectadores esta manifestación artística de tan alto potencial creativo a través dos coreógrafos e bailaríns con diversas actividades en diferentes espazos públicos. Así, haberá presentacións dos espectáculos no Xardín municipal por parte da compañía Entremans (na imaxe) que presenta "Amediomentrados"; e da compañía Thomas Noone Dance, que introduce "Lugares extrañamente desastrosos". Así mesmo, haberá os encontros "Como se crea un espectáculo de danza?", que terán lugar ao finalizar cada un dos espectáculos no mesmo auditorio do Pazo da Cultura.

O CEIP Fogar da capital municipal conta con novos xogos no patio para os nenos e nenas de Educación Infantil

O CONCELLO CONTRIBUÍU COA COLOCACIÓN DA CORTIZA PARA O CHAN

O CEIP Fogar da capital municipal conta con novos xogos no patio para os nenos e nenas de Educación Infantil

Luns 29 de abril do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Concelleira de Educación, Mar Eirís, visitou hoxe o CEIP Fogar da capital municipal para ver os novos xogos do patio para os cativos e cativas de Educación Infantil do centro de ensino. Así, a pasada semana instalouse un novo balancín, así como un mini autobús e unha casiña-tobogán que conta ademais cun mini rocódromo. O investimento realizado polo colexio é de 9.000 euros, mentres que o Concello cedeu a cortiza protectora para o chan que acabará de colocarse nos próximos días. Os novos xogos, da empresa Galopín, cumpren con toda a normativa de seguridade, ademais de contaren con madeira tratada para satisfacer o requisito de durabilidade e ao mesmo tempo ser seguro para os nenos e nenas. O director do CEIP Fogar, Fernando Garea Vidal, quixo agradecerlle ao Concello a súa colaboración coa cesión da cortiza, así como "pola atención que tendes sempre co centro", mentres que a Concelleira Mar Eirís manifestou a vontade da administración local de seguir colaborando co centro no futuro en todo aquilo que sexa posible. Hai que subliñar que nos últimos tempos o centro ten experimentado diversas melloras, especialmente dende que se realizaron os traballos para a eliminación das súas barreiras arquitectónicas.

Carballo e Uruguai seguen a unir lazos coa visita do Embaixador Francisco Bustillo, que mantivo unha reunión cos seus compatriotas

ESTIVO ACOMPAÑADO POLA CONSULESA MARTA ECHARTE

Carballo e Uruguai seguen a unir lazos coa visita do Embaixador Francisco Bustillo, que mantivo unha reunión cos seus compatriotas

Venres 26 de abril do 2013

O Embaixador de Uruguai en España, Francisco Bustillo, vén de visitar o Concello de Carballo acompañado da Consulesa en Galicia, Marta Echarte -así como da Directora Comercial da Embaixada e persoal do Consulado- nunha estadía na que, ademais de ser recibido polo Alcalde, Evencio Ferrero, e numerosos membros da corporación, tivo a oportunidade de saúdar un por un ao arredor de medio centenar de compatriotas que se interesaron polo seu país e que se congregaron no salón de plenos da Casa do Concello. Bustillo, que leva tan só uns meses no cargo, expresou o seu "agradecemento por esta primeira visita a Carballo", un lugar "no que tantos uruguaios teñen encontrado o seu fogar", unha "terra fraterna e de acollida" á que quixo expresar con esta visita o seu "enorme recoñecemento". O Embaixador quixo mencionar a próxima visita do presidente de Uruguai, José Mujica, que estará en Galicia a primeiros de xuño e, aínda que manifestou que Mujica non poderá visitar a vila, invitou a todos os uruguaios que o desexen a acudir a Santiago de Compostela, onde o Presidente "departirá con toda a colonia uruguaia en Galicia". Despois de asinar no Libro de Honra do Concello, Bustillo entregou como agasallo o libro "Uruguay: el país, su historia y su gente", mentres que recibiu de mans do Alcalde un carballo en cerámica de Sargadelos, unha árbore que Ferrero desexou "que produza moitas landras" e consolide a amizade con Uruguai.

O pleno aborda a aprobación ou modificación de seis ordenanzas e o convenio de traslado das dependencias da Xunta ao Fórum

CREACIÓN DUN FONDO SOCIAL DE VIVENDAS

O pleno aborda a aprobación ou modificación de seis ordenanzas e o convenio de traslado das dependencias da Xunta ao Fórum

Venres 26 de abril do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de abril, que ten lugar o luns 29 ás 20.30 horas, inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación ou modificación de seis ordenanzas municipais. Entre elas, hai que subliñar a modificación da Ordenanza fiscal nº 23, reguladora das taxas de terrazas de hostalería para 2013. Trátase dunha normativa que non se modifica dende o ano 2001 en que foi aprobada. Dende entón tense producido unha variación no uso das terrazas, especialmente pola Lei Anti Tabaco, polo que con esta modificación realízanse cambios na regulación dos prezos. A partir de agora pasarase de pagar 9,62 euros por metro cadrado ao ano a pagar 15 euros no caso das terrazas que estean abertas os doce meses. No caso das terrazas na tempada de verán serán 12 euros por metro cadrado; e en días soltos, pagaríanse 0,40 céntimos por metro cadrado cada día. Ademais da modificación de prezos, a ordenanza regula a situación das terrazas por categorías. As de categoría especial serían aquelas situadas nas rúas Coruña, Hórreo e Praza do Concello, que multiplicarían o importe por un coeficiente de 1,33; o resto do centro da vila multiplicaría o importe por 1; mentres que os coeficientes redutores de prezo aplicaríanse para terrazas máis apartadas situadas nas saídas do pobo; nos locais hostaleiros do rural, multiplicaríase por un coeficiente de 0,5, polo que pagarían a metade.

O "Foro sobre o Camiño Escolar" reflexiona sobre os mecanismos para mudar Carballo nunha vila amábel para infancia e cidadanía

A MOSTRA "CARRAPUCHIÑA CAMIÑA SOA": NO FÓRUM CARBALLO

O "Foro sobre o Camiño Escolar" reflexiona sobre os mecanismos para mudar Carballo nunha vila amábel para infancia e cidadanía

Venres 26 de abril do 2013

O Fórum Carballo vén de acoller o primeiro "Foro sobre o Camiño Escolar", un espazo de información e debate para reflexionar sobre as dificultades que atopan os nenos e nenas a cotío na súa relación co medio urbano e sobre a importancia de aumentar a autonomía infantil a través de iniciativas que transformen as rúas nun lugar máis seguro e agradable para os escolares, pero tamén para todos os veciños e veciñas. Este foro compleméntase coa exposición "Carrapuchiña camiña soa", na que se recollen claves para reintroducir a infancia na cidade, xa sexa a través de xogos como a mariola, ou a través de paneis informativos para os adultos. O xermolo desta iniciativa naceu en decembro de 2012, cando a Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira presentou o Pedibús, unha iniciativa para avanzar nunha alternativa de mobilidade para o alumnado dos colexios do casco urbano carballés, creando rutas peonís de acceso aos centros de ensino nas que os cativos e cativas teñan contacto directo coas nenas e os nenos da súa contorna cotiá, o seu barrio e as súas xentes. No Foro afondouse neste concepto, co obxectivo, en verbas de Regueira, de "transformar Carballo nunha vila moito máis segura e cun hábitat urbano moito máis amábel" xa que "unha cidade que é óptima para a vida dos nenos e nenas é óptima para a vida de todas as persoas".

Rapaces e rapazas de Canarias, Badajoz, Valladolid e Valencia conviven con alumnado do Parga Pondal grazas á Agrupación ARCE

ESTADÍA DUNHA SEMANA VISITANDO A COMARCA E A VILA

Rapaces e rapazas de Canarias, Badajoz, Valladolid e Valencia conviven con alumnado do Parga Pondal grazas á Agrupación ARCE

Xoves 25 de abril do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir no salón de plenos da Casa do Concello a un grupo de arredor de 20 rapaces e rapazas chegados de centros de ensino de Tordesillas (Valladolid), Hornachos (Badajoz), Puçol (Valencia) e Jandía (Fuerteventura) que visitan a vila dentro do proxecto Agrupación ARCE (Agrupación en Rede de Centros Educativos). Acompañados de profesores dos seus institutos, así como de profesorado do IES Parga Pondal e alumnos e alumnas deste centro que actúan como anfitrións de ARCE en Carballo, foron recibidos pola Concelleira de Educación, Mar Eirís; o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; e o Alcalde carballés, Evencio Ferrero. O Alcalde aproveitou para falarlles un pouco do municipio, especialmente das feiras e feiróns, xa que tiveron a oportunidade de visitar o mercado tradicional ao tratarse dun xoves. Así mesmo, lembrou a historia da vila, explicando a súa orixe grazas ás augas termais ou a presenza do volframio e a importancia da súa explotación nos anos 40. Despois de invitar aos rapaces e rapazas a preguntar o que quixeran sobre a vila, desexou que "a actitude mediadora" do programa ARCE no que participan "teña un reflexo na sociedade" no futuro xa que é algo necesario "para avanzar e solucionar conflictos". Por último, agradeceu a visita esperando que "teña continuidade".

A Irlanda de Martin McDonagh con Il Maquinario Teatro e as composicións do cantautor Roger de Flor: nos Venres Culturais

VENRES 26 E DOMINGO 28 DE ABRIL

A Irlanda de Martin McDonagh con Il Maquinario Teatro e as composicións do cantautor Roger de Flor: nos Venres Culturais

Mércores 24 de abril do 2013

O programa dos Venres Culturais ofrece para a última fin de semana de abril unha mestura de ofertas, com música e teatro; e de idades, xa que os espectáculos están dirixidos para público adulto e infantil. A primeira das propostas chega o venres 26 da man de Il Maquinario Teatro. En "O home almofada" unha escritora de macabros contos infantís está sendo interrogada por unha parella de policías a causa da aparición de cadáveres de nenos. O modus operandi do asasino é sospeitosamente similar ao que ela describe nos seus relatos. Con todo, ela loita por defender a súa inocencia. Mais todo cambia cando descobre que na cela contigua está presa a súa irmá. Este thriller trepidante transporta ao espectador da risa ao medo e da emoción á reflexión, nunha peza onde tamén está presente o contido social. Intriga, humor negro, realidade e ficción que se dilúen como nun grotesco pesadelo. "O home almofada" é a peza máis exitosa do prestixioso dramaturgo irlandés Martin McDonagh, un veño coñecido da escena carballesa que xa estivo presente coas adaptacións por parte de PT Excéntricas de "Oeste solitario" e "Un cranio furado", que visitaron o FIOT en pasadas edicións. Neste caso, a cita é o venres 26 de abril ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. O prezo da entrada é de 4 € (3 € con desconto) e a duración do espectáculo é de 90 minutos.

Carballo prepara no Fórum as primeiras xornadas dedicadas integramente á formación profesional e á empresa

VENRES 31 DE MAIO E SÁBADO 1 DE XUÑO

Carballo prepara no Fórum as primeiras xornadas dedicadas integramente á formación profesional e á empresa

Martes 23 de abril do 2013

O Fórum Carballo vén de acoller unha xuntanza na que se están ultimando os detalles do I Foro da Formación e a Empresa que está previsto que se celebre o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño. Esta cita ten como obxectivo buscar un punto de unión entre os centros de ensino, as familias, o alumnado e os empresarios para favorecer a reflexión sobre a Formación Profesional, así como facilitar contactos cara a inserción laboral e crear un marco para o futuro que beneficie tanto ao mundo académico como ao empresarial. Segundo a organización, na que están representados o Concello de Carballo, Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños), a Cámara de Comercio da Coruña e os tres institutos de Carballo -IES Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme- este Foro sería un primeiro paso para poder ampliar o marco nos próximos anos e crear unha verdadeira feira empresarial na comarca. O recinto Fórum Carballo acollería a iniciativa converténdose no verdadeiro punto de encontro para o foro, no que está previsto que teñan lugar obradoiros, conferencias, mesas redondas e actividades lúdicas para que participe o alumnado dos institutos, especialmente os de Bacharelato e Ciclos Formativos, pero tamén profesorado e empresarios.

Aberto dende o mércores 1 de maio o prazo para anotarse na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

PODEN FORMALIZARSE AS INSCRICIÓNS ATÉ O 10 DE XUÑO

Aberto dende o mércores 1 de maio o prazo para anotarse na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo

Luns 22 de abril do 2013

O Concello, a través do organismo autónomo Padroado Deportivo Municipal, organiza a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que ten lugar o domingo 16 de xuño de 2013. Trátase dunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) cunha distancia homologada de 10.000 metros, e baixo o control técnico do Comité de Xuíces da FGA. A proba está incluída no calendario do I Circuito Provincial de Carreiras Populares da Coruña da Deputación Provincial, que xunto con Carballo inclúe aos concellos de Ribeira, Ares, Cambre, Mugardos, Ferrol, A Coruña, Santiago, Bertamiráns e Negreira. Colaboran na organización da proba a FGA, a Asociación Deportiva Media Ducia de Carballo, o Colexio Oficial de Fisioterapias de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo. Na III Carreira Popular "10 Km Concello de Carballo", pode participar toda persoa nada nas datas correspondentes por categoría, estea ou non federada, ate un máximo de 1.000 inscritos, con excepción de atletas federados estranxeiros, agás os portugueses que non fosen internacionais co seu país e de todas as participacións que fosen contrarias ás disposicións da FGA. As inscricións son gratuítas e poden realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com, onde pode obterse máis información.

Adxudicado en Xunta de Goberno Local o contrato de obra para unha "Rede de saneamento en Pedra Furada"

LUZ VERDE PARA A CONVOCATORIA DE CATRO SUBVENCIÓNS

Adxudicado en Xunta de Goberno Local o contrato de obra para unha "Rede de saneamento en Pedra Furada"

Luns 22 de abril do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar o contrato de obra para a creación dunha "Rede de saneamento en Pedra Furada" -na imaxe a Rúa Pedra Furada-, unha actuación incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, POS Adicional 2012. O prezo de adxudicación é de 31.460 euros con IVE sobre un valor estimado do contrato de 38.527,37 euros. Os traballos serán realizados por Construcciones Vázquez y Reyno SL e o prazo de execución é de cinco meses a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación e replantexamento. Así mesmo, e dentro do apartado de contratación, a Xunta de Goberno sacou adiante o expediente do contrato administrativo para o "Servizo de prevención alleo do persoal do Concello de Carballo". A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto e o contrato ten por obxecto a realización das actividades preventivas de vixilancia da saúde e especialidades técnicas que engloban a seguridade, hixiene e ergonomía no traballo incluíndo: recoñecementos médicos, medicina no traballo, plans de prevención de riscos laborais e plans de emerxencia e memoria anual de actividades. O orzamento anual do contrato é de 12.110 euros con IVE, sendo o seu período de duración inicial de catro anos.

O Concello emprende a mellora da capa de rodadura e o rebacheo de vías en máis de 15 quilómetros de estradas en 14 parroquias

O ORZAMENTO DAS ACTUACIÓNS SUPERA OS 300.000 EUROS

O Concello emprende a mellora da capa de rodadura e o rebacheo de vías en máis de 15 quilómetros de estradas en 14 parroquias

Sábado 20 de abril do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, vén de comezar esta semana, aproveitando o bo tempo e o cese das choivas, varios traballos de rebacheo e mellora de vías en todo o municipio, unhas melloras que afectan a 14 parroquias e a máis de 15 quilómetros de estradas do Concello. En primeiro lugar estanse desenvolvendo os traballos de rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Carballo (rúa Nardos), Goiáns, Oza, Lema, Rebordelos, Sofán, Sísamo, Berdillo, Rus e Entrecruces incluídos no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2012 por un importe de 95.698 euros. Así mesmo, e tamén no ámbito do rural, está en marcha o proxecto de Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños nas parroquias de Rus, Artes, Bértoa, Lema, Goiáns, Sísamo, Sofán e Carballo por un prezo de adxudicación de 74.620,70 euros. Por último, tamén está en marcha o proxecto de Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo por un prezo de adxudicación de 134.310 euros. As dúas últimas actuacións están incluídas no Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, "Unha Deputación para todos os concellos".

Compartir: