Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O goberno presenta unha proposta para aforrar preto de 150.000 euros ano ano no subministro e mantemento do alumeado público

XUNTANZA DE VOCEIROS MUNICIPAIS NA CASA DO CONCELLO

O goberno presenta unha proposta para aforrar preto de 150.000 euros ano ano no subministro e mantemento do alumeado público

Mércores 8 de maio do 2013

A Casa do Concello acolleu unha xuntanza dos voceiros de todos os grupos políticos municipais na que se expuxo un Proxecto de Servizos Enerxéticos do Alumeado Público Exterior do Concello de Carballo no que se estuda sacar unha concesión para o servizo de mantemento do alumeado público do municipio. Neste proxecto recóllense os datos dunha auditoría enerxética na que se plasma a situación actual do alumeado e se propoñen as medidas que deberían tomarse no futuro para que o Concello puidese aforrar preto de 150.000 euros ao ano na factura de subministro enerxético, mantemento, conservación e reposición das instalacións de alumeado. O gasto anual total previsto para o ano 2013 estímase en 979.867,78 euros (IVE incluído) dos que 646.999,95 serían de enerxía eléctrica; 284.118,68 de mantemento; e 48.750 euros de reposicións. O estudo propón varias medidas para reducir este custo, como serían a substitución de todas as luminarias convencionais por luminarias LED reguladas; adaptar as luminarias máis recentes ao sistema LED Retrofit; cumprir coa normativa de alumeado de estradas; realizar un proxecto de legalización de eficiencia e etiqueta enerxética e situar un sistema de información xeográfica. Segundo conclúe o estudo, tan só a instalación da nova tecnoloxía LED, con redución punto a punto, implicaría un aforro superior a un 80 por cento, o que permitiría reducir o gasto anual durante a vixencia do contrato a menos de 830.000 euros.

Mariña Pérez Rei, escritora e profesora, gañadora do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

ENTREGA DO PREMIO: O MÉRCORES 15 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA

Mariña Pérez Rei, escritora e profesora, gañadora do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

Martes 7 de maio do 2013

O xurado do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores reuniuse o luns 6 de maio, para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 46 traballos. Decidiu concederlle por unanimidade o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en De Luns a Venres, Diario de Bergantiños, Dioivo, El Correo Gallego, Galicia Confidencial, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, O Compás da Costa, Praza Pública, Que pasa na Costa, Sermos Galiza e Tempos Novos ao artigo titulado "O sotaque de Aurelia", de Mariña Pérez Rei. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese á súa capacidade de incidencia en públicos amplos e variados, á súa calidade lingüística e estilística, á súa relación coa actualidade, ao manexo axeitado de recursos estilísticos e ao encadramento nun tema de actualidade, o despoxo de Aurelia Rei como metáfora e moito máis, que amplía o campo de incidencia do artigo a outros públicos alén dos estritamente interesados no debate sociolingüístico. O premio será entregado o mércores día 15 de maio nun acto púbico no Pazo da Cultura de Carballo que contará coa presenza do coñecido actor, autor e director teatral Carlos Blanco.

O Concello emprende a mellora da rodadura en varias vías do casco urbano e avisa de tráfico lento en rúas como Gran Vía ou Luís Calvo

ESTÁ PREVISTO QUE OS TRABALLOS DUREN 15 DÍAS

O Concello emprende a mellora da rodadura en varias vías do casco urbano e avisa de tráfico lento en rúas como Gran Vía ou Luís Calvo

Martes 7 de maio do 2013

O Concello informa, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, de que o xoves 9 de maio principian na capital municipal os traballos de mellora do firme incluídos no proxecto de "Conservación do pavimento das rúas do casco urbano de Carballo" do Plan DTC 94 da Deputación da Coruña, "Unha Deputación para todos os concellos". Construcciones López Cao SL é a empresa encargada das obras que teñen un prezo de adxudicación de 134.310 euros, con IVE. A actuación consiste en reparar principalmente o pavimento afectado polo tráfico de vehículos pesados que atravesan a cotío o núcleo carballés. Afectará, por unha banda, á glorieta da rúa Sol, ás rúas Vila de Negreira, Vila de Corcubión, Avenida de Bergantiños, Vila de Ordes e Gran Vía, que é o percorrido habitual que realizan os camións que se dirixen a Santiago e Ordes; e por outro lado, realizaranse melloras nas rúas Vázquez de Parga, Emilio Pardo Bazán, glorieta do Haley, rúas Perú (na imaxe), Luís Calvo e Daniel Rodríguez de Castelao, percorrido habitual dos camións que se dirixen a Fisterra. O Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas, xa que durante as obras, de aproximadamente dúas semanas de duración, está previsto que haxa cortes parciais, de alomenos un carril, das vías afectadas, o que pode derivar en tráfico lento. A administración local solicita aos usuarios e usuarias que traten de empregar rutas alternativas e pide desculpas polas posibles molestias ocasionadas.

As Escolas Infantís públicas de Carballo comezan unha campaña solidaria de recollida de útiles e alimentos

COLABORAN OS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO

As Escolas Infantís públicas de Carballo comezan unha campaña solidaria de recollida de útiles e alimentos

Luns 6 de maio do 2013

Os membros das comunidades escolares das escolas infantís públicas As Landras e A Braña de Carballo veñen de comezar unha campaña de recollida de alimentos e útiles destinados ás crianzas das familias máis desfavorecidas debido á actual situación de crise económica. Segundo informan en cartas enviadas aos pais e nais das dúas escolas infantís, o que se pretende é "devolver aos nenos o benestar necesario con esas pequenas cousas que poidamos achegar". Así, durante o período do curso escolar, as familias poderán achegarse a calquera das dúas escolas infantís e depositar nun espazo denominado "Recanto Solidario" alimentos, roupa, ademais de obxectos cotiás e necesarios para o benestar das crianzas, que non sempre entran dentro das axudas que os Servizos Sociais tramitan, tales como: cueiros, xeles, xampús, xoguetes, colonia, crema, toalliñas, cepillos de dentes, pasta de dentes, bastonciños, útiles de baño, carriños, etc. Tamén haberá un peto para que, todas aquelas persoas que prefiran entregar diñeiro, o poidan depositar alí mesmo. Con estas achegas económicas farase unha compra que se depositará no mesmo Recanto para ser distribuído igualmente entre aqueles que máis o precisen.

Adxudicados os contratos de coordinación de seguridade e asistencia técnica para a Fase I do proxecto Anllóns-Bardoso

APROBACIÓN DO EXPEDIENTE DO PROGRAMA CONCILIA

Adxudicados os contratos de coordinación de seguridade e asistencia técnica para a Fase I do proxecto Anllóns-Bardoso

Luns 6 de maio do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de adxudicar o contrato administrativo de servizos de asistencia técnica e dirección de obra e o contrato administrativo de servizos de coordinación de seguridade e saúde da Fase I da obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)". No primeiro caso, a empresa responsable será Egis-Eyser SA cun prezo de adxudicación de 6.897 euros con IVE e o prazo de execución é equivalente ao da duración dos traballos. No segundo contrato o traballo recae en Pablo Sánchez Matos por un prezo de adxudicación de 4.598 euros, IVE incluído. O prazo máximo de execución material do contrato é, ao igual que no caso anterior, o prazo de execución das obras ata a súa recepción. Así mesmo, e no apartado de contratación, recibiu luz verde o expediente para o contrato administrativo de xestión de servizo público, mediante a "Concesión de programa Concilia de protección, vixilancia e almorzo aos escolares de centros públicos de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do municipio de Carballo". O sistema de adxudicación será o de procedemento aberto mediante varios criterios de adxudicación sendo a duración prevista do contrato de catro anos a partir da data da súa formalización coa posibilidade de dúas prórrogas anuais até un máximo de seis anos. O orzamento base de licitación establécese sobre o que percibirá como máximo o adxudicatario por usuario do servizo e mes.

A campaña "Presume de praceiro/a" repartiu os últimos 150 euros en vales de compra entre tres clientes do mercado

ORGANIZA A DIRECCIÓN XERAL DE COMERCIO COA AXUDA DO CONCELLO

A campaña "Presume de praceiro/a" repartiu os últimos 150 euros en vales de compra entre tres clientes do mercado

Venres 3 de maio do 2013

O Mercado Municipal acolleu esta mañá o último dos dous sorteos que se levaron a cabo dentro da campaña "Presume de praceiro/a" posta en marcha pola Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria en preto dun centenar de prazas de abastos de toda Galicia. Participaron na rifa aqueles clientes e clientas do mercado municipal que nos últimos días mercaron nos postos da praza e depositaron as súas papeletas nunhas urnas destinadas a tal fin incluíndo, ademais dos seus datos persoais, o posto do mercado do seu praceiro/a favorito. No sorteo estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Feiras e Mercados, Milagros Lantes; un representante da Dirección Xeral de Comercio; e a xerente do Centro Comercial Aberto, CCA-Carballo, María del Carmen Freire. Resultaron elixidos 3 gañadores: 1º Premio, vale de 75 euros: Mercedes Lorenzo Rodríguez; 2º Premio, vale de 50 euros: Veva Vázquez Cotelo; e 3º Premio, vale de 25 euros: Jesusa Tuset Costa. Os cheques serán cambiables unicamente no propio mercado en forma de desconto nas próximas compras a través de vales por un importe de 5 euros. A validez dos cupóns para que os afortunados e afortunadas poidan canxealos remata o 31 de maio de 2013.

O primeiro Día Autonómico do Pequebasket congrega en Carballo a máis de 300 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos

VENRES 17 DE MAIO NO PAVILLÓN BERGANTIÑOS

O primeiro Día Autonómico do Pequebasket congrega en Carballo a máis de 300 nenos e nenas de entre 4 e 8 anos

Venres 3 de maio do 2013

Máis de 300 nenos e nenas de arredor de 30 equipos chegados das catro provincias galegas participan o venres 17 de maio no primeiro Día Autonómico do Pequebasket. Trátase dunha cita pioneira e non competitiva dirixida a cativos e cativas de entre 4 e 8 anos e que ten como obxectivo que os participantes desfruten dun día lúdico festivo coa súa familia, de xogar os seus primeiros partidos amigables sen ter en conta os resultados e compartindo actividades nas zonas de xogo e lecer. A xornada tamén estará aberta a calquera neno ou nena que se acerque e desexe participar, para así amosarlles que o xogo a diversión e o deporte están relacionados, sendo a base para formalos como persoas do futuro, segundo explica a organización. Segundo conta o presidente das Escolas de Basket Xitia, Diego Vázquez, a súa entidade levaba xa varias edicións organizando a cita a nivel local e desta volta considerouse a posibilidade de dar o salto co obxectivo de "que se converta nun evento estable a nivel galego e incluso a nivel nacional". Arturo Ferraces, director da actividade, explicou que a cita está organizada en partidos 4x4 para que os nenos e nenas "estean o maior tempo posible en contacto co balón". A cita xira arredor da zona Bergantiños, estando as 5 ou 6 pistas de minibasket necesarias situadas no pavillón.

Alumnado do Parga Pondal participa o sábado 4 de maio en Santiago na final galega do Club de Debate

O TEMA DA CITA É "O GALEGO É UNHA OPORTUNIDADE"

Alumnado do Parga Pondal participa o sábado 4 de maio en Santiago na final galega do Club de Debate

Venres 3 de maio do 2013

Alumnado do IES Parga Pondal da capital municipal participa o sábado 4 de maio en Santiago de Compostela na final galega do Club de Debate, na que participan os equipos gañadores das seis zonas territoriais en que se divide o certame: Santiago, Ourense, Vigo, Bergantiños, Pontevedra e Ferrol. O tema sobre o que os equipos teñen que debater, defendendo aleatoriamente tanto a postura a favor como a postura en contra, é "O galego é unha oportunidade". Os debates son abertos ao público e teñen lugar no Auditorio de Galicia. O primeiro dos debates está previsto para as 10.15 horas e haberá seis ao longo de todo o día. Os dous equipos que máis puntos reciban neses seis debates protagonizarán un debate final, ás 18.45 horas, do que sairá o equipo gañador, que levará como premio unha viaxe cultural dunha fin de semana para 25 persoas. Os equipos participantes nesta final son o CPI dos Dices (Rois), o CPR María Auxiliadora-Salesianos (Ourense), o IES Castelao (Vigo), o IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e o IES Saturnino Montojo (Ferrol), ademais do IES Parga Pondal. O equipo de Carballo está formado por Icía Lista, Alejandro Belo, Anxo Pensado, Patricia Bermúdez, Lidia Manteiga, Alberte Añón, Fidel Fernández, Antía Baget e Mario Santiago, todos/as eles/as alumnos/as de 4º de ESO e 1º de Bacharelato.

Primavera enDanza 2013 comeza a súa programación con "Amediometrados", da compañía galega Entremáns

VENRES 3 DE MAIO ÁS 21.00 HORAS

Primavera enDanza 2013 comeza a súa programación con "Amediometrados", da compañía galega Entremáns

Xoves 2 de maio do 2013

Primavera enDanza arrinca o venres 3 de maio no Pazo da Cultura e continúa até o 12 do mesmo mes con tres propostas para público adulto e infantil e con varias actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea. O primeiro dos espectáculos corre a cargo de Entremans, compañía que ofrece tres debuxos, tres pezas das emocións humanas coa cor común das distancias. "Amediometrados" está composto por "En la cuenca de tus ojos", "39 e medio" e "A medio metro de lo vivido", tres coreografías curtas creadas en diferentes espazos onde o ámbito é o soporte nas súas múltiples formas e o pulso físico se manifesta vertixinosamente. A compañía galega ten como sinal de identidade a dirección artística colectiva, polo que as súas propostas coreográficas está creadas por un colectivo de artistas que traballan exclusivamente para a creación dunha nova peza. Os intérpretes son Ana Beatriz Pérez, Kirenia Martínez, Jordi Vilaseca e David Edreira. A iluminación corre a cargo de Octavio Mas e a producción é de Artestudio Xestión Cultural. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos e o prezo da entrada de 4 €, 3 € con desconto para menores de 12 anos, maiores de 65 e estudantes con carné de estudante. A cita, no auditorio a partir das 21.00 horas, conta coa colaboracion da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

Carballo e L'Isle Jourdain reforzan o seu irmanamento coa visita de medio centenar de franceses que foron recibidos polo Alcalde

PERCORRERÁN A COMARCA E AS RÍAS BAIXAS, PORTUGAL E SANTIAGO

Carballo e L'Isle Jourdain reforzan o seu irmanamento coa visita de medio centenar de franceses que foron recibidos polo Alcalde

Martes 30 de abril do 2013

Arredor de medio centenar de veciños e veciñas da localidade francesa de L'Isle Jourdain visitan Carballo estes días da man do Comité de Irmanamento con esta vila coa que temos vencellos dende hai xa 19 anos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, e de numerosos membros da corporación, recibiu aos liloises que estiveron representados nos discursos pola presidenta do Comité de Irmanamento francés, Marie Delpeyroux; e pola Tenente de Alcalde de L'Isle Jourdain, Angèle Thulliez, xa que o Alcalde, Alain Tourne, non puido estar nesta visita por motivos de saúde, un feito que Ferrero lamentou debido á súa cordial relación co seu homónimo galo. Tanto Delpeyroux como Thulliez fixeron o esforzo de falar en castelán: a primeira para desexar "que continúe este entusiasmo, emoción e cariño" entre ambas vilas, xa que "L'Isle Jourdain síntese realmente unida a Carballo"; a segunda para expresar tamén a súa "emoción" pola súa primeira visita aquí e agradecéndolle a Ferrero por "ter pedido o sol para a nosa chegada". Pola súa banda, o Alcalde carballés lamentou non poder recibir "aos nosos amigos franceses no seu idioma", xa que aínda que "o tivemos que estudar, ensinábase sen pronunciar nin unha palabra en francés". Pero puido expresar a súa gratitude pola visita "dun grupo tan numeroso" e desexando que "o que luza sexa sempre a amizade entre os pobos e entre as persoas".

A VIII Semana do Libro e a Lectura esperta a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria

PASARÁN POLO PAZO DA CULTURA MÁIS DE 1.300 CATIVOS E CATIVAS

A VIII Semana do Libro e a Lectura esperta a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria

Martes 30 de abril do 2013

A Semana do Libro e a Lectura de Carballo cumpre oito anos "como unha cita consolidada que pensamos seguir ofertando", segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, que desta volta aglutina máis de 30 actividades durante seis días. Está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o Concello e vai "dirixida a todos os centros de ensino" do municipio pretendendo "espertar o gusto pola lectura de forma divertida, a imaxinación e a creatividade", en verbas da concelleira. Na iniciativa participan "todos os colectivos implicados no proceso educativo", como son o alumnado, o profesorado e as familias, coa previsión de que máis de 1.300 escolares de Infantil e Primaria visiten o Pazo da Cultura e participen no programa entre o domingo 5 e o venres 10 de maio. Este ano o lema da iniciativa é "A toda máquina", unha inspiración para que os rapaces e rapazas dos centros de ensino elaboren os materiais que conforman unha moi esperada exposición permanente que estará aberta cada día de 10.00 a 14.00 horas para os centros de ensino e de 18.00 a 20.00 horas para o público en xeral. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliña que o obxectivo desta semana é "non só facer lectores, senón tamén lectores críticos, que saiban interpretar a realidade" e quixo agradecer a colaboración dos patrocinadores, a Fundación Luis Calvo Sanz e La Caixa, sen quen non sería posible elaborar o programa.

Luz verde no pleno para a aprobación e modificación de cinco ordenanzas e para a adhesión a un fondo social de vivendas

APRAZADO O VISTO E PRACE PARA A ORDENANZA DA CANCEIRA

Luz verde no pleno para a aprobación e modificación de cinco ordenanzas e para a adhesión a un fondo social de vivendas

Martes 30 de abril do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de abril supuxo a aprobación por parte da corporación da modificación ou aprobación inicial dun total de cinco ordenanzas municipais. Quedou sobre da mesa, en cambio, a Ordenanza fiscal número 28 reguladora das taxas por actividades e servizos de control animal referida ás actividades da canceira municipal. Ante as dúbidas da oposición respecto de varios dos seus puntos, aprazouse a súa aprobación á espera dunha análise máis detallada por parte da xunta de voceiros municipais e poder aprobala nunha próxima sesión. Si saíu adiante a modificación da Ordenanza fiscal nº 23, reguladora das taxas de terrazas de hostalería para 2013 que supón unha regulación nos prezos e unha unificación nos criterios, sendo máis gravosas as terrazas situadas no centro que as que están máis apartadas ou nas parroquias. Xunto con esta normativa, aprobouse a Ordenanza de circulación e utilización das vías públicas no que respecta ás terrazas de hostalería. Neste caso, a modificación estaría destinada a reforzar a seguridade das terrazas en aspectos como a mellora da súa visibilidade. O pleno supuxo luz verde para a Ordenanza fiscal nº 18 reguladora das taxas do Conservatorio Profesional de Música para o curso 2013-2014. Determínase unha suba das taxas do 5 por cento co obxectivo de reducir o déficit no servizo de 200.000 a 189.526 euros. Hai que subliñar que o Conservatorio acolle alumnos de 17 concellos da contorna.

Compartir: