INSCRICIÓNS: ATÉ O 20 DE XUÑO NO MUSEO DE BERGANTIÑOS
Luns 20 de maio do 2013
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís, informa de que a Comisión de Festas inclúe no programa do San Xoán 2013 dúas actividades lúdicas e de elevada participación veciñal que teñen moi boa acollida e cada vez unha maior tradición. Con elas preténdese recuperar e fomentar tradicións tan importantes como as cachelas ou incorporar ás Festas un elemento tan representativo de Carballo como o río Anllóns. Así, xa está aberto o prazo para anotarse na XXVI edición do Concurso de Cachelas. As cachelas deberán estar situadas no casco urbano de Carballo ou zonas limítrofes e non poderán realizarse con materiais plásticos, botes de spray, pneumáticos, combustible, ou árbores autóctonas. Poderán concorrer todos os grupos que o desexen, que deberán inscribirse no Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, 981 702 077; horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas de martes a venres e sábados e domingos de feira de 12.00 a 14.00 horas) antes das 13.00 horas do mércores 20 de xuño de 2013. Así mesmo, está aberto o prazo para inscribirse no XVI Descenso do Anllóns. Poderán concorrer os equipos compostos por 3 ou máis membros que se inscriban no Museo de Bergantiños tamén antes das 13.00 horas do día 20 de xuño.
ESTÁ PREVISTA A PARTICIPACIÓN DA SELECCIÓN ITALIANA
Luns 20 de maio do 2013
Carballo acolle o sábado 25 e o domingo 26 de maio o Torneo Internacional Catro Nacións de Balonmán Feminino no que participan as seleccións de Italia, Cataluña, Euskadi e Galicia e que está organizado pola Federación Galega de Balonmán (FGB) coa colaboración do Concello de Carballo, das Escolas de Balonmán Xiria e da Xunta de Galicia. Este torneo chega xa á súa quinta edición despois de terse celebrado en Cataluña en dúas ocasións, no País Vasco e na Coruña. Bruno López, delegado provincial da FGB, explica que esta cita é unha oportunidade para darlle pulo ao balonmán feminino, "aínda sen explotar" por completo, e pensouse en Carballo para organizala debido ás satisfactorias colaboracións coa Federación en citas pasadas. A competición ten lugar no Pavillón Vila de Noia e divídese en semifinais (o sábado 25 ás 18.30 entre Italia e Cataluña; e ás 20.30 entre Galicia e Euskadi), a loita polo 3º e 4º posto (domingo 26 ás 11.00 horas) e a finalísima (domingo 26 ás 13.00 horas). A entrega de premios está prevista para as 14.30 horas. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliña que este torneo contribúe a reforzar a nova sección de balonmán feminino das Escolas Xiria, e invitou aos carballeses e carballesas a que asistan ao pavillón para vivir "un espectáculo de primeirísimo nivel".
APROBACIÓN DO CONVENIO MUSICAL 2013
Luns 20 de maio do 2013
A sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local supuxo, fóra da orde do día, a adxudicación do contrato administrativo de subministro do "Deseño, construción, decoración e montaxe dun punto de información para o apoio ao turismo de congresos no Fórum Carballo". O prezo de adxudicación con IVE é de 28.387,25 euros e o contrato recae na mercantil Escenoset SL. O licitador comprométese á entrega e instalación dos bens ofertados no prazo máximo dun mes dende o día seguinte ao da formalización do contrato. Así mesmo, a sesión supuxo a adxudicación do contrato administrativo de subministro para a "Elaboración dun punto de información móbil", que tamén recae na empresa Escenoset SL, neste caso por un importe de 31.541,40 euros con IVE. A entrega e instalación tamén debe producirse no prazo máximo dun mes dende a formalización do contrato. Por último, no apartado de contratación, adxudicouse o contrato administrativo de servizos de "Actualización da cartografía informatizada a E:1/5000 (Has 15379) e E:1/2000 dos núcleos rurais incorporados no documento de aprobación inicial do PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) do Concello de Carballo". A empresa adxudicataria é Ditecar Cartografía y Topografía SL por un prezo de 31.702 euros, IVE incluído. O prazo máximo previsto de execución material é de tres meses dende a data de formalización do contrato.
DÍAS 18, 19 E 25 DE MAIO NO PAZO DA CULTURA
Xoves 16 de maio do 2013
Co remate do mes de maio pecha tamén a programación dos Venres Culturais, que tamén completa as celebracións do Día das Letras. Teatro e música mestúranse nunha oferta que comeza coas propostas da Asociación Cultural Coro Vagalume. A primeira delas é "Monster vs. Addams", unha arrepiante e divertidísima obra que enfronta a dúas das familias máis coñecidas do mundo do cómic de terror: a familia Monster e a familia Addams. O carácter dispar de ambas e unha serie de malentendidos desencadearán unha tras outra cómicas escenas que farán rir ao público e pasalo fantasticamente. Este espectáculo está protagonizado polo grupo de teatro xuvenil da AC Coro Vagalume, que conta cunha longa traxectoria no teatro afeccionado. A duración prevista do espectáculo é de 50 minutos e a entrada é de balde, aínda que precisa de invitación previa. Para conseguila, poñerse en contacto con AC Coro Vagalume. A cita é no auditorio do Pazo da Cultura o sábado 18 a partir das 20.00 horas. O mesmo día e no mesmo lugar, pero ás 21.30 horas é a quenda do recen creado grupo de teatro para adultos da mesma asociación, neste caso co seu primeiro espectáculo: "Engominados". Un amor rebelde e imposible é o eixe desta historia que acontece na Norteamérica dos anos 50, onde as bandas marcan cada unha o seu estilo.
PODE VISITARSE ATÉ O 9 DE XUÑO DE 17.00 A 20.30 HORAS
Mércores 15 de maio do 2013
A pintora María Luisa Rojo-Novais Grandío, máis coñecida artisticamente como Novais, expón a súa mostra "Sensacións" no andar -1 do Pazo da Cultura até o 9 de xuño. Novais afirma que o seu estilo bebe do "expresionismo", pero tamén do "impresionismo" e que adoita empregar "diferentes técnicas", xa que en "Sensacións" poden verse ata tres ou catro maneiras de abordar o óleo. A artista asegura que lle "gusta pintar", porque lle ofrece a posibilidade de "dar diferentes posibilidades de min". O público que se achegue ata o Pazo da Cultura poderá desfrutar de máis de vinte obras que se unen entre o expresionismo e a abstracción con cores intensas e formas características da pintora. Con trazo forte e vibrante e variedade de cores e formas, emerxen as figuras transmitindo constante movemento. Novais quixo expresar o seu agradecemento ao Concello de Carballo e ao Pazo da Cultura por cederlle un "espazo tan amplo e impresionante" para expoñer o seu traballo, mentres que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou que dende o Concello "estamos encantados de que calquera persoa que queira transmitir a súa experiencia artística" o faga no Pazo da Cultura. A exposición pode visitarse en horario de 17.00 a 20.30 horas.
VENRES 21 DE XUÑO ÁS 22.00 HORAS NO REGO DA BALSA
Mércores 15 de maio do 2013
Despois de varios anos buscando o seu espazo e a súa propia identidade, o festival Rockin´ chega á súa "maioría de idade", en verbas de José Antonio Deus, membro da Comisión de Festas de San Xoán 2013. Explica que ao longo da súa historia, dende o seu nacemento como Rockin´ Praza en 2008, no festival "sempre houbo actuacións de moita calidade" e despois dun percorrido no que cambiou de formato e localizacións acada por fin "entidade propia" para converterse nun "referente musical de calidade en Carballo xunto co Sereas e Piratas e o Xiria Pop". Polo tanto, na organización da edición de 2013, mantense a "filosofía de primar a calidade musical" como obxectivo en lugar de tentar "encher un recinto" recorrendo a "grupos de radio fórmula". Por iso, ao longo da súa traxectoria, o festival ten acadado o "respecto" por parte do público. A cita deste ano está programada para o venres 21 de xuño a partir das 22.00 horas nunha carpa situada no parque de Rego da Balsa, detrás da antiga estación de autobuses. E os grupos que enchen o cartel son os madrileños Sex Museum e Layabouts, os barceloneses Stay e os vigueses Moon Cresta. Así mesmo, a DJ Sandrita Dinamita será a encargada de pinchar para animar o festival, ao igual que fixera o ano pasado.
A CAMPAÑA "GÚSTAME O GALEGO": NO PAZO A PARTIR DAS 18.00 HORAS
Martes 14 de maio do 2013
O Pazo da Cultura de Carballo acolle o mércores 15 de maio, unha tarde completa para dicir que gusta o galego. Alí estará, a partir das 18.00 horas, o fotocol da campaña Gústame o galego, no que todas as persoas que queiran poderán fotografarse con fotos con lemas suxestivos a prol da lingua, como por exemplo "Gústame que nos pubs poñan música en galego", "Gústame que me entren en galego"; "Gústame que no deporte o galego non quede fóra de xogo", "Gústame que me digan "qrt m8" ;-)", etc. E, as persoas que participen, levarán de agasallo unha chapa. Esta campaña, que xa recorreu boa parte do territorio galego, estivo tamén recentemente nos centros de ensino carballeses IES Alfredo Brañas e Isidro Parga Pondal, e todas as fotos difúndense nas redes sociais e pódense ver no Facebook www.gustame.gl. A partir das 21.00 horas, con entrada libre e gratuíta, será a vez de Carlos Blanco, que fará unha actuación ao vivo no auditorio para dicir tamén o moito que gusta o galego. Esta actuación dun dos mellores monologuistas e actores galegos centrada na lingua servirá de marco excepcional para a entrega do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recibirá a gañadora desta edición, a escritora compostelá Mariña Pérez Rei.
DÍA 24 DE XUÑO NA PRAZA DO CONCELLO
Luns 13 de maio do 2013
A Comisión das Festas de San Xoán 2013 vén de confirmar un dos pratos fortes do programa deste ano, o concerto que o grupo El sueño de Morfeo ofrecerá o día grande, o luns 24 de xuño, ás once da noite na Praza do Concello. El sueño de Morfeo é un grupo de música pop-rock con influencias folk formado en Asturias en 2002. Está integrado por Raquel del Rosario (voz), Juan Luis Suárez (guitarra) e David Feito (guitarra). Publicaron o seu primeiro disco, que levaba o nome actual do grupo, en 2005, e ao que seguiron "Nos vemos en el camino" e "Cosas que nos hacen sentir bien", cos que tiveron numerosos éxitos e conseguiron diferentes premios. O seu último disco é "Buscamos sonrisas", e inclúe cancións tan coñecidas como "Depende de ti" ou "Lo mejor está por llegar". El Sueño de Morfeo representará a España no festival de Eurovisión en Malmö, Suecia, baixo o nome de ESDM, interpretando a canción "Contigo hasta el final". Esta programación musical complementaras co festival Rockin, cuxo programa será presentado proximamente, e cos concertos que terán lugar no transcurso da Festa do Bosque, coa que se pecharán, como vén sendo tradicional, as Festas de San Xoán.
ACTIVIDADES ENTRE O 10 E O 26 DE MAIO
Venres 10 de maio do 2013
Carballo celebra o Día das Letras a través dun programa de actividades que transcorre entre o 10 e o 26 de maio e que se centra nunha serie de citas arredor da promoción da lingua, o libro e a lectura, pero que tamén propón citas teatrais, musicais, gastronómicas, deportivas ou artísticas. O Programa das Letras 2013 está organizado pola Concellaría de Cultura, aínda que tamén conta coa colaboración das asociacións culturais do municipio, que contribúen coa celebración de diversos actos, e de organismos como a Deputación provincial. Como cada ano, o momento máis esperado é o maratón "As letras en voces", o venres 17 de maio no Xardín Municipal (se chove, no segundo andar do Mercado Municipal) de 11.00 a 13.30 horas. Trátase dunha lectura pública e colectiva dos autores homenaxeados no Día das Letras na que calquera que queira participar le un fragmento literario de calquera dos cincuenta autores que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño. Como novidade desta edición, os alumnos e alumnas da Aula Municipal de Teatro realizarán unha lectura dramatizada de textos da obra "Criaturas" do propio Vidal Bolaño. Os interesados e interesadas en reservar horario para ler no maratón un texto de calquera dos autores homenaxeados, poden facelo no Pazo da Cultura ou no teléfono 981 704 300; e no fax 981 704 302.
SÁBADO 11 E DOMINGO 12 DE MAIO
Xoves 9 de maio do 2013
A programación de Primavera enDanza remata esta fin de semana con dúas pezas coreográficas destinadas a público adulto e infantil. A primeira das citas é o sábado 11 de maio coa compañía catalá Thomas Noone Dance, que regresa de novo a Carballo, esta vez para presentar a súa última creación "Lugares extrañamente desastrosos". Un espectáculo de danza contemporánea moi dinámica e explosiva, cunha linguaxe moi expresiva, onde tamén hai sitio para o humor e a ironía. No escenario hai tres parellas e un músico. Cada unha das parellas baila a súa relación, as súas emocións. Comparten certo sentido dun inminente desastre, unha danza dinámica e explosiva e unha intensa linguaxe expresiva. Os elementos escenográficos eluden esta ruta cara ao desastre emprendida polos seis bailaríns. O coreógrafo británico Thomas Noone Dance crea esta compañía en Barcelona, coa intención de que as súas coreografías transmitan emocións a partir dunha forte habilidade técnica. Este espectáculo comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura e conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. O prezo da entrada é de 5 € (de 3,5 € con desconto para maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné) e a duración prevista do espectáculo é de 60 minutos.
OS DÍAS 10, 11, 12 E 17, 18 E 19 DE MAIO
Mércores 8 de maio do 2013
A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober), coa colaboración do Concello de Carballo, pon en marcha "Carballo por etapas", unha cita organizada dende o sector da hostalería que pretende ampliar as liñas dinamizadoras do sector empresarial a outros sectores como o do turismo e o dos produtos autóctonos como a horta, o mar e o pan, promocionando Carballo e a súa comarca e dando a coñecer a súa variedade gastronómica e cultural. A cita consiste na elaboración e comercialización para a súa degustación durante dúas fins de semana de menús especiais con produtos orixinarios da zona servidos en forma de tapa. Nos distintos locais tamén se ofrecerá o mesmo produto en forma de menú. Cada establecemento participante, cun total de 19 inscritos, poderá elaborar con total liberdade e creatividade a súa propia receita. Cada tapa terá un custo dun euro e o menú de 18 euros. A fin de semana do venres 10,11 e 12 de maio o evento está dedicado á comarca coas Xornadas do Atún Calvo e produtos da horta. A fin de semana do 17, 18 e 19 de maio realízase unha homenaxe á festividade das Letras Galegas con Cociña Pondaliana. Os horarios son de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00 horas, agás o 10 de maio en que é só de 20.00 a 22.00 horas.
DÍAS 16, 17 E 18 DE MAIO NA SALA A RESERVA
Mércores 8 de maio do 2013
O Concello de Carballo , a través das concellarías de Normalización Lingüística, Cultura e Xuventude do Concello de Carballo, e coa colaboración da Sala A Reserva, pon en marcha o programa "enCántame! en galego". Trátase dunha iniciativa que propón música en galego en directo e que nace cos obxectivos de visibilizar que se fai música na lingua propia e de calidade e de estilos variados, de ofrecer unha programación musical atractiva especialmente dirixida ao público xuvenil e de promover a presenza da música en galego en diferentes espazos, ademais de vincular a celebración das Letras Galegas coa creatividade en galego máis aló do estritamente literario. Neste inicio do programa "enCántame! en galego" está prevista a actuación dos grupos Ulträqäns, o xoves 16; Balankandra, o venres 17; e Ataque Escampe, o sábado 18 de maio. Todos os concertos teñen lugar na Sala A Reserva, con apertura de portas a partir das 23.00 horas. As entradas pódense mercar na propia sala carballesa ou na Taberna O Patacón, e teñen un prezo único de 4 € para cada un dos concertos. Ademais, tamén se poñen á venda un número limitado de bonos para os tres concertos a un prezo único de 9 €.