Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O San Xoán conxuga tradición e modernidade con moita música, verbenas, cultura, deporte e a xa ineludible Festa do Bosque

ENTRE O XOVES 20 E O DOMINGO 30 DE XUÑO

O San Xoán conxuga tradición e modernidade con moita música, verbenas, cultura, deporte e a xa ineludible Festa do Bosque

Venres 7 de xuño do 2013

Co mes de xuño chegan a Carballo as celebracións de San Xoán, "a festa máis esperada polos carballeses e bergantiñáns", en verbas da Concelleira de Festexos, Belén Lendoiro. Neste ano 2013, ofrece un programa axustado aos tempos da crise, que conta cun orzamento de preto de 96.000 euros, dos que 60.000 invístense nas actuacións musicais, o 66 por cento do gasto total. Este ano, hai que subliñar que o Concello recada por primeira vez pola instalación das barracas arredor de 24.000 euros. O San Xoán identifícase cada edición cunha imaxe representativa, e a presentación do programa de festas comezou coa entrega do premio do Concurso do Cartel de San Xoán 2013 que este ano gañou Antón Lezcano González, deseñador gráfico e creativo publicitario que compaxina a súa actividade profesional no seu estudo de deseño cunha actividade docente na carreira de Publicidade no Centro Español de Nuevas Profesións. A isto engádeselle unha dilatada traxectoria xornalística en medios como Cuatro, TVE, Antena 3, TVG, Radiovoz ou Cadena Ser. É, ademáis, o propietario da marca "nicetrip" onde da saída a moitos dos seus deseños. Un dos seus "hits" é a mítica bandeira galega coa vaca, da que foi creador. O premio, de 450 €, foi entregado por Belén Enríquez, de Optical¡a Enríquez, patrocinadora deste concurso dende hai oito anos.

O CEIP Nétoma-Razo gaña o concurso escolar de reciclaxe de aceite usado "Carballo tamén en botella"

RECOLLÉRONSE MÁIS DE 3.000 LITROS EN SETE COLEXIOS

O CEIP Nétoma-Razo gaña o concurso escolar de reciclaxe de aceite usado "Carballo tamén en botella"

Venres 7 de xuño do 2013

Representantes dos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria do municipio, agás o Artai e incluíndo o CEIP Canosa-Rus, veñen de recoller os diplomas acreditativos e os premios do concurso "Carballo tamén en botella". Esta iniciativa promovida por Reave (Recollidas de Aceite Vexetal ) SL, que tivo lugar entre o mes de xaneiro e o 31 de maio de 2013, ten como obxectivo principal fomentar entre os nenos e nenas criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día e na súa contorna, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Durante varios meses os alumnos e alumnas estiveron depositando botellas de aceite usado nos seus centros, e despois de ser contabilizadas, resultou gañador o centro que acadou a ratio máis elevada de aceite por alumno/a ao final da campaña. O primeiro premio foi un lote de material escolar e lote de libros que recaeu no CEIP Nétoma-Razo con 460 litros recollidos e unha ratio de 4,1. O segundo premio foi un lote de libros que conseguiu o CEIP Gándara-Sofán con 373 litros e unha ratio de 3,8. Todos os participantes recolleron, ademais, un diploma acreditativo por colaborar coa iniciativa. En total a campaña supuxo recoller un total de 2.895 litros de aceite, superándose as expectativas de Reave, que esperaba que fosen arredor de 2.500. A empresa continuará cunha nova edición da cita o próximo curso.

A Xunta Local de Seguridade prepara a tempada de verán coordinando dispositivos conxuntos para praias e citas de lecer

CONSTATOUSE UNHA TENDENCIA POSITIVA NOS ÍNDICES RESPECTO DE 2012

A Xunta Local de Seguridade prepara a tempada de verán coordinando dispositivos conxuntos para praias e citas de lecer

Xoves 6 de xuño do 2013

A Xunta Local de Seguridade vén de manter na Casa do Concello de Carballo unha reunión ordinaria -copresidida polo Subdelegado do Goberno, Jorge Atán Castro, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero- na que un dos principais asuntos abordados foi a coordinación de dispositivos conxuntos para garantir a seguridade nas praias do municipio de cara á tempada de verán, así como nos diferentes festexos e citas lúdicas e de lecer que está previsto celebrar nas próximas semanas. Así mesmo, durante a xuntanza examináronse os índices de seguridade cidadá rexistrados nos últimos meses, que experimentan unha tendencia positiva respecto do mesmo período de 2012. A orde do día tamén incluíu a delimitación das vías sobre o control e vixilancia en materia sancionadora e instrución de atestados, así como un protocolo de actuación sobre vítimas de violencia de xénero. Ademais do Alcalde e o Subdelegado do Goberno, estiveron presentes na xuntanza a Vicesecretaria Xeral da Delegación do Goberno, Eva Vázquez, o Coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Benedicto González, o Xefe da Policía Local, Constantino Vázquez, o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, a Tenente de Alcalde, Milagros Lantes, o Concelleiro de Seguridade, Xosé Regueira, e o Concelleiro do PP, José Lado.

Rexistrados preto de 800 inscritos na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que se celebra o 16 de xuño

ABERTO O PRAZO DE ANOTACIÓNS ATÉ O LUNS 10 DE XUÑO

Rexistrados preto de 800 inscritos na III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo que se celebra o 16 de xuño

Xoves 6 de xuño do 2013

Con datos actualizados a 6 de xuño de 2013 a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo ten rexistrado un total de 794 corredores inscritos a través de Internet, segundo consta no web . Os interesados e interesadas aínda poden anotarse neste web de forma gratuíta até o luns 10 de xuño de 2013, ademais de podelo facer tamén a través do web da Federación Galega de Atletismo, , na ligazón creada ao respecto; e tamén con inscrición presencial nas oficinas Carballo Deporte situadas na rúa Corcubión s/n mediante solicitude con Rexistro de Entrada. A III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo aspira nesta a súa terceira edición a contar cun milleiro de corredores e incrementa a participación das categorías inferiores coa incorporación dos benxamíns (ademais dos xa presentes alevín, infantil, cadete e xuvenil), que contarán co seu propio percorrido de 1.000 metros de lonxitude. O Concello, a través do organismo autónomo Padroado Deportivo Municipal, organiza esta proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) que ten lugar o domingo 16 de xuño de 2013 cunha distancia homologada de 10.000 metros (repartidos en dúas voltas de 5.000). Ademais, é a carreira que abre I Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación.

Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de xuño o IV Batizado e Troca de Cordas de Abadá Capoeira

PAZO DA CULTURA, PAVILLÓN VILA DE NOIA E PRAZA DO CONCELLO

Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de xuño o IV Batizado e Troca de Cordas de Abadá Capoeira

Mércores 5 de xuño do 2013

Carballo acolle entre o xoves 6 e o domingo 9 de xuño a celebración do IV Batizado e Troca de cordas Abadá Capoeira, unha festa na que se lle da un apelido (alcume) aos capoeiristas noveis, ademais de realizarse a troca de cordas: o cambio de graduación (cinto) dos capoeiristas. Os encargados de organizar esta cita, coa colaboración do Concello de Carballo, son África Alberti (Graduada África) e Alejandro Pensado (Graduado Patas), que levan dende 2009 impartindo clases en Don Ximnasio e que colaboran co Padroado Deportivo Municipal en varias citas ao longo do ano, nomeadamente en Xogar na Rúa. Está previsto que na celebración da fin de semana participen uns 70 capoeiristas, incrementándose notablemente o número respecto do ano pasado. Arredor de 30 destes capoeiristas veñen de fóra, tres de Río de Janeiro, pero tamén con xente chegada de Canarias, Cataluña, Madrid ou Asturias. Pensado quixo subliñar que, aínda que dende fóra poida parecer difícil, a actividade pode practicala quen o desexe e explicou que o obxectivo é consolidar a capoeira e seguir tentando difundila como unha alternativa deportiva. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo "desexar que siga habendo xente con tanta ilusión" como a de Abadá Capoeira e que se poida seguir vendo aos nenos e nenas practicar esta disciplina cun sorriso na cara.

Aberto o prazo para anotarse no programa de actividades de verán do Concilia, dispoñible por cuarto ano consecutivo

DO 1 DE XULLO AO 30 DE AGOSTO NO CEIP A CRISTINA

Aberto o prazo para anotarse no programa de actividades de verán do Concilia, dispoñible por cuarto ano consecutivo

Mércores 5 de xuño do 2013

O programa Concilia, unha iniciativa que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais dos alumnos e alumnas dos centros escolares carballeses de Infantil e Primaria, ofrece por cuarto ano consecutivo a posibilidade durante os meses de xullo e agosto de que os rapaces e rapazas estean atendidos polas mañás, entre as 10.00 e as 14.00 horas, a través da empresa Axiña Servizos Deportivos. Así, do 1 ao 31 de xullo e do 1 ao 30 de agosto de luns a venres (agás festivos), os cativos e cativas inscritos terán a posibilidade de realizar actividades físicas e deportivas e culturais, con xogos populares, de psicomotricidade, deportes alternativos, tiro con arco, pirámide multideportiva, actividades de orientación ou contacontos motores. Tamén poderán participar en obradoiros de debuxo ou de reciclaxe, así como afondar nas novas tecnoloxías e recibir nocións de inglés. As actividades terán lugar nas instalacións do CEIP A Cristina da capital municipal e o Concilia ofrece a posibilidade de que os cativos e cativas tamén estean atendidos entre as 7.30 e 10.00 horas como ocorre durante o transcurso do curso escolar. O prezo máximo estipulado por mes, que debe aboarse no momento da inscrición, é de 58 euros. As Actividades de Verán do programa Concilia están organizadas polo Concello, a través de Servizos Sociais, coa colaboración da Deputación.

Preto de medio millar de persoas teñen participado no curso 2012-2013 no "Programa de Exercicio Físico para Maiores"

O PECHE DA ACTIVIDADE TIVO LUGAR O SÁBADO 2 DE XUÑO

Preto de medio millar de persoas teñen participado no curso 2012-2013 no "Programa de Exercicio Físico para Maiores"

Martes 4 de xuño do 2013

Arredor de 350 das preto de 500 persoas que forman parte do "Programa de Exercicio Físico para Maiores" do Concello de Carballo veñen de pechar o curso 2012-2013 nunha sesión dirixida de exercicios físicos no Pavillón Vila de Noia da capital municipal que se desenvolveu o sábado 2 de xuño. Esta actividade está organizada polo Concello de Carballo a través das concellarías de Deporte e Terceira Idade e conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través de programas de subvencións para proxectos de envellecemento activo. Ao longo do presente curso realizáronse dúas sesións semanais de entre 30 e 45 minutos de Exercicio Aeróbico, Acondicionamento Muscular e Flexibilidade de Baixo Impacto Osteoarticular, cun aumento progresivo de intensidade que vai de baixa a media ou de media a moderada. Os participantes estiveron repartidos nun total de 17 grupos de maiores distribuídos practicamente a medias entre o casco urbano e o medio rural. Os monitores do programa traballaron cos obxectivos xerais de influír na poboación maior, conseguindo estilos de vida activos e saudables e manter ou mellorar a calidade de vida dos maiores mediante a actividade física e a inserción social actuando para frear algúns dos efectos do proceso natural de envellecemento.

Asinado o convenio para celebrar o IX Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que afonda na participación social

DÍAS 17, 18 E 19 DE XULLO

Asinado o convenio para celebrar o IX Curso de Verán sobre Normalización Lingüística, que afonda na participación social

Martes 4 de xuño do 2013

Carballo acolle un ano máis o Curso de Verán sobre Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), unha cita que cumpre nove edicións e que desta volta está centrado na procura de maior participación e implicación no proceso social de normalización lingüística. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, veñen de asinar o convenio que fará posible o desenvolvemento desta actividade, nun acto no que tamén estiveron presentes o director do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Xosé Ramón Freixeiro Mato; o concelleiro de Normalización Lingüística de Carballo, Xosé Regueira; e mais o director do curso, técnico de normalización de Carballo e presidente da CTNL, Nel Vidal. Armesto quixo subliñar a importancia da colaboración entre a UDC e o Concello, unha relación "que hai que manter e reforzar" para "seguir avanzando na posta en valor do noso idioma" e explorando novas vías de unión para "loitar polo dereito á educación, tamén á educación superior". Pola súa banda, Ferrero manifestou o interese do municipio "polo achegamento á universidade galega", nomeadamente á UDC pola súa proximidade coa vila, e desexou que actividades como este curso permitan "que a xente se identifique e se sinta orgullosa da súa actividade en galego".

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da Fase I de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso"

AXIÑA REALIZARÁ AS ACTIVIDADES DE VERÁN DO PROGRAMA CONCILIA

A Xunta de Goberno aproba a adxudicación da Fase I de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo. Anllóns-Bardoso"

Luns 3 de xuño do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar a adxudicación do contrato de obra da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", uns traballos que están cofinanciados con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). A Mesa de Contratación, nunha sesión celebrada o 30 de abil de 2012, tiña formulado a proposta de adxudicación para a Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL e denominada abreviadamente "UTE Abastecemento a Carballo". A Xunta de Goberno ratifica a proposta cun prezo de adxudicación de 1.024.648,57 euros (IVE incluído), mentres que o prazo de execución das obras é de oito meses. O contratista propón a realización de melloras de índole técnica relacionadas coa execución das obras e melloras en obra sen custo adicional valoradas en 112.453,05 euros. Hai que lembrar que un total de 32 empresas optaron a realizar este proxecto -elaborado en agosto de 2012 pola consultora Egis-Eyser SA- que inclúe a execución dun novo depósito regulador de auga de 5.000 metros cúbicos en Seixo Branco, conectado co actual depósito de Paraíso. Así mesmo, suporía a instalación dunha nova condución de 1.630 metros de lonxitude dende este novo depósito ata o lugar de A Ponte de Bértoa sobre o Río Anllóns.

Arredor de 500 rapaces e rapazas de centros de Secundaria visitan o Fórum Carballo no I Foro da Formación e Empresa

MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPAN NA I QUEDADA DIXITAL

Arredor de 500 rapaces e rapazas de centros de Secundaria visitan o Fórum Carballo no I Foro da Formación e Empresa

Venres 31 de maio do 2013

O Fórum Carballo acolle entre o venres 31 de maio e o sábado 1 de xuño o I Foro da Formación e Empresa, unha iniciativa pensada para ofrecer ao alumnado de Secundaria e Bacharelato do municipio unha visión integral acerca das oportunidades laborais e formativas máis vantaxosas que se abren diante deles, especialmente nestes tempos de crise. Dende a organización informan de que entre catrocentos e cincocentos rapaces e rapazas visitarán o Fórum para participar en obradoiros, conferencias, seminarios e ponencias informativas, pero tamén para gozar de citas lúdicas como o espectáculo de maxia ofrecido polo Departamento de Linguas Estranxeiras do IES Monte Neme, que cuns panos, moito humor e a través do idioma francés serviu para pechar o acto inaugural do Foro; ou como a I Quedada Dixital, unha iniciativa para xogar e compartir experiencias dixitais con xogos, música ou programas informáticos durante as dúas xornadas do Foro. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou durante a inauguración que se trata do primeiro evento organizado polos tres institutos de Carballo, os IES Monte Neme, Parga Pondal e Alfredo Brañas. E tamén é a primeira vez que se poñen de acordo con administracións e empresariado para divulgar o seu traballo. Segundo Ferrero, esta cita é un paso máis no obxectivo de que "Carballo sexa un referente formativo e teña cada vez máis e mellor formación".

O Independiente de Carballo festexa na Casa do Concello coa recepción do trofeo a vitoria en 3ª Autonómica

FORON FELICITADOS POLO ALCALDE E ASINARON NO LIBRO DE HONRA

O Independiente de Carballo festexa na Casa do Concello coa recepción do trofeo a vitoria en 3ª Autonómica

Venres 31 de maio do 2013

O Club Independiente de Carballo CF vén de recibir na Alcaldía da Casa do Concello o trofeo que acredita aos xogadores como vencedores do Grupo Cuarto da 3ª Autonómica da Costa, levantando o seu primeiro título como equipo federado despois de tan só tres anos na 3ª da Costa e tras sete anos de traxectoria no fútbol de peñas. O próximo ano xogarán na 2ª Autonómica xunto a outros equipos carballeses como o SD Sofán ou o SD San Lorenzo. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero recibiu aos xogadores do equipo acompañado do xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e do Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez. Ferrero manifestou a súa satisfacción por ver "como un equipo que comezou na Liga de Peñas con tanto esforzo acadou este éxito". Así mesmo, subliñou a función dos xogadores como "embaixadores de Carballo" polos campos nos que xogan e tamén desexou "que non sexa a última vez que visitades esta Alcaldía", o que significará que conseguen novos éxitos no futuro. O acto tamén serviu para que o club recibira de mans da Federación Galega de Fútbol o trofeo que os acredita como campións.

A Praza do Concello convértese un ano máis nun espazo de lecer, deporte e diversión na 22 edición de Xogar na Rúa

SÁBADO 8 DE XUÑO DE 17.00 A 19.30 HORAS

A Praza do Concello convértese un ano máis nun espazo de lecer, deporte e diversión na 22 edición de Xogar na Rúa

Xoves 30 de maio do 2013

Xogar na Rúa cumpre xa 22 anos intentando mellorar e innovar na súa oferta pero mantendo o obxectivo de fomentar a práctica do deporte entre os nenos e nenas dos centros de ensino do municipio, servindo como peche ao programa Deporte na Escola, que inclúe as actividades de deporte municipal en idade escolar do curso 2012-2013 que se desenvolveron nos CEIP Fogar, A Cristina, Bergantiños, Nétoma-Razo, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán e na ANPA A Braña de Rus. Arredor de 800 nenos e nenas participan decotío neste programa, ao que hai que sumar outros 500 rapaces e rapazas que competiron na fase local da carreira Campo a Través 2013. Moitos deles achegaranse á Praza do Concello o sábado 8 de xuño, entre as 17.00 as 19.30 horas, para participar nalgunha das 16 actividades que ofrece Xogar na Rúa, como son mini basket, xadrez, pista americana, hóckey, xogos autóctonos, búfalo mecánico, atletismo ou capoeira. Neste último caso, tamén está prevista a celebración dunha pequena exhibición. O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que a Praza do Concello é "un espazo moi vivo, con moito dinamismo, o que pode comprobarse día a día". Para o rexedor, Xogar na Rúa é unha mostra de que Carballo "é un Concello intenso en actividade deportiva" e de que "o deporte sempre conta co apoio da administración".

Compartir: