OS DÍAS 21, 22 E 23 E DE XUÑO NAS EIROAS
Sábado 15 de xuño do 2013
As categorías inferiores de nove clubs de renome de España danse cita un ano máis nas Eiroas no Torneo Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo, que este San Xoán cumpre nove edicións e cinco como Memorial José Luis Vara Olveira. No cartel deste ano hai que subliñar a presenza do FC Barcelona -vixente campión, e xa un habitual do torneo-, o RC Deportivo, o RC Celta -campión da quinta edición-, o Real Valladolid, o Sporting de Xixón, as Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz, Las Rozas FC, o CD Berceo e o Pabellón CF, que participa por segunda vez, nesta edición como campión da fase previa. O director das Escolas Luís Calvo, José Ramón Torres Pichel, quixo sinalar as novidades deste ano, como son a modalidade de fútbol 8 ou a presenza de nove equipos, en lugar de oito. Así mesmo, as Escolas recoñecerán o mérito deportivo de Ángel Esmorís Tasende, que está xogando no equipo xuvenil do Manchester City, rendéndolle unha homenaxe. O torneo celébrase os días 21, 22 e 23 xuño e entre as curiosidades deportivas hai que destacar que o Barcelona competirá en Carballo co primeiro equipo, que xa ten resultado gañador do torneo de Arousa e Brunete. Ademais, presentarase no torneo con dous xogadores, fillos de ex futbolistas ilustres do panorama nacional, como son os fillos de Guillermo Amor (ex do Barça) e de Fran González (ex do Dépor).
PODE VISITARSE ATÉ O 31 DE XULLO DE 17.00 A 20.30 HORAS
Venres 14 de xuño do 2013
A sala de exposicións Alberto Gende situada na baixocuberta do terceiro andar do Pazo da Cultura acolle a exposición colectiva "MINGUaRTE", unha mostra de creadores vinculados a Carballo que se vén celebrando dende hai xa seis anos con carácter anual durante a programación de San Xoán. Nesta edición, os 24 artistas participantes decidiron dedicar esta exposición a un tema tan en voga coma a crise, pero segundo explicaba Mon Lendoiro, coordinador dos creadores que comparten as súas obras nesta mostra, cunha "idea de crise como liberación, loita, cambio e evolución", tentando "insuflar de positivismo" ao público que se anime a visitala. O obxectivo é convidar a reflexionar a través das obras, considerando a arte coma unha plataforma de construción de discursos e ideas. En total son un total de 29 obras con técnicas tan variadas como escultura, pintura, gravado e fotografía, pero tamén apoiadas en múltiples estilos e formatos. Segundo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presente na inauguración xunto coa Concelleira de Cultura, Mar Eirís, a Concelleira de Festas, Belén Lendoiro, membros da Comisión de Festas de San Xoán 2013 e os autores que compoñen dita mostra, "a arte ten que ser libre" e permitir reflexionar, obxectivos que os artistas cumpren sobradamente.
A FIN DE SEMANA DO 4, 5 E 6 DE XULLO
Venres 14 de xuño do 2013
A Praia de Razo acolle o xoves 4, venres 5 e sábado 6 de xullo o Festival PopUp, unha cita que pretende apostar polo valor real das industrias culturais como factor dinamizador da economía, convertendo a cultura nun activo importante derivado da música, o deporte, a natureza ou o turismo. Así o expresa Verónica Negreira, integrante da asociación 13 Lagartos, organizadora deste festival que tamén espera reflectir a súa filosofía a través dos grupos que integran o cartel. Así mesmo, esta primeira edición pretende ser o alicerce e punto de partida para xerar sinerxías e proxectos culturais na comarca e en Galicia. Todas as actividades do festival até o sábado ás 20.00 horas son de balde. Nese momento é cando comeza o prato forte cos concertos que teñen como cabeza de cartel a Lori Meyers pero que contan tamén coas actuacións de Dorian, Estereotypo, The Warriors, Pull my strings e Faber Estudio 3 DJs. O xoves 4 e o venres 5 o público pode asistir á carpa, que estará situada no campo de fútbol de Razo, ás actuacións de Igloo, Disco Mordisco e Anton DJ o primeiro día; e de Grises, Grotèsque e Kill the Hipsters o venres. Para a cita do sábado as entradas xa están á venda a través de . A compra anticipada custa 15 euros, mentres que no despacho de billetes do propio festival o prezo é de 18 euros.
A COMISIÓN DE URBANISMO VOLVERÁ A REUNIRSE O 3 DE XULLO
Venres 14 de xuño do 2013
Despois dun longo proceso de case dous meses no que o equipo redactor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) ten revisado e procesado rigorosamente as 1.921 alegacións presentadas ao documento para a aprobación inicial, a Comisión de Urbanismo mantivo o xoves 13 de xuño unha nova xuntanza que contou coa presenza de representantes de todos os grupos políticos. Nesta reunión ofreceuse un informe exhaustivo de todas as alegacións presentadas, ademais dunha clasificación que facilitará o traballo que deberá realizar a comisión durante as próximas semanas e que permitirá resolver as alegacións. Este informe ofrece algúns datos, como que as 1.921 alegacións foron presentadas por 2.451 alegantes e afectan a un total de 2.908 parcelas do municipio, a maioría situadas no medio rural. Así mesmo, realizouse unha clasificación das alegacións por tipos, cun total de 15 categorías. A maior parte delas corresponde a parcelas sobre as que se solicita un cambio de clasificación total (con 1.277 alegacións que supoñen o 59,9 por cento do total e afectan a 1.786 parcelas), seguidas das que solicitan a inclusión da totalidade da parcela (266 e 12,4 por cento) e das que piden a modificación de condicións edificatorias contidas nas ordenanzas (225 e 10,5 por cento). En todo caso, mirando por parroquias -exceptuando a de Carballo-, as que rexistran un maior número de peticións son Bértoa, Razo e Sofán.
A SESIÓN CELEBRARASE O LUNS 1 DE XULLO
Venres 14 de xuño do 2013
A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza da Comisión de Deslinde de Carballo e A Laracha na que se aprobou por unanimidade a proposta definitiva que será ratificada polo pleno municipal o próximo 1 de xullo, e que tamén deberá ser referendada polo pleno larachés, nese caso, e segundo as previsións, a finais do mes de xullo. Na comisión participan representantes dos dous concellos -incluíndo ao Alcalde carballés, Evencio Ferrero e ao Alcalde da Laracha, José Manuel López Varela- así como técnicos municipais e de urbanismo, asesores técnicos e persoas de idade dos dous termos. O traballo técnico foi realizado por Ramón Tasende Loureiro, e consistiu na realización de traballo de campo, así como de varias reunións para contrastar os datos cos técnicos. Finalmente, a de hoxe foi a última xuntanza na que se acordou a proposta de Acta de deslinde definitiva. O seguinte paso será colocar os marcos nos lugares correspondentes entre ambos concellos. Os marcos xa están xeorreferenciados no acordo de deslinde, de tal forma que xa non queda dúbida algunha sobre a súa localización. Así, hai que lembrar que durante o proceso, que se remonta a varios anos, houbo problemas en 30 marcos, estando situadas a maioría das dúbidas nas parroquias de Sofán (3), Bértoa, Berdillo e Noicela.
ESTÁ PREVISTO QUE OS PRIMEIROS COMECEN A FINAIS DE XUÑO
Venres 14 de xuño do 2013
A Consellería de Traballo e Benestar concede ao Concello de Carballo tres cursos de formación para o emprego para o exercicio do ano 2013 dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas (plan AFD) que son Cociña de 828 horas de duración, Soldadura con electrodo revestido e TIG de 758 horas, e finalmente Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios de 458 horas. Os cursos de maior número de horas como son cociña e soldadura darán comezo a finais de xuño e teñen data de finalización o 13 de decembro. Operacións auxiliares de montaxe e instalacións eletcrotécnicas e de telecomunicacións en edificios non dará comezo ata finais do vindeiro mes. Todos os cursos impartiranse no Forum Carballo. O 13 e 14 de xuño tiveron lugar no Forum Carballo os procesos de selección do alumnado para os cursos de Soldadura e Cociña. O curso de cociña e soldadura son de nivel de cualificación 2, polo que é obrigatorio para poder participar estar en posesión do Celga 2 e da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO ou equivalente). Para o curso de instalacións electrótecnicas, de nivel de cualificación 1, non se require formación académica algunha. O proceso de selección para este curso realizarase a mediados de xullo, polo que as persoas interesadas pódense anotar na súa Oficina de Emprego correspondente.
NOVO WEB, GUÍA, STANd INFORMATIVO E VÍDEO PROMOCIONAL
Venres 14 de xuño do 2013
O Fórum Carballo vén de ser o escenario da presentación de "Carballo a un paso", un plan global para crear unha marca turística que se converta, segundo explica o Concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, no primeiro paso para a estruturación dun proxecto turístico que é o propio Concello de Carballo, un elemento emerxente dentro dun produto turístico que xa está consolidado como é a Costa da Morte. "Carballo non pode ser referencia en casco histórico ou monumentos urbanos, pero ten outras moitas fortalezas que debemos coidar, querer e promocionar", subliña Regueira, todo co obxectivo de "crear postos de traballo, riqueza e potencialidades" sobre todo "traendo persoas a Carballo". O proxecto artéllase arredor de varias claves, entre as que hai que subliñar, ademais da propia marca cun logo personalizado, o web <www.turismocarballo.com>, o vídeo"Carballo a un paso", xa dispoñible en Youtube e nas principais redes sociais, nova sinalización con códigos QR, novos folletos, a dotación dun punto de información permanente e dun stand turístico para eventos, a instalación de nova sinaléctica ou a celebración por segundo ano consecutivo do curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo dentro da sociedade global". Todo co obxectivo, en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, de dar "un primeiro paso para que a xente se dea conta de que Carballo está realmente a un paso".
O ACTO CONMEMORATIVO CONTOU CON MUSICA, ARTESANÍA E HISTORIA
Xoves 13 de xuño do 2013
O CEIP Xesús San Luís Romero da capital municipal quixo festexar os seus 18 anos de vida -xa que foi inaugurado en maio de 1995- cun acto conmemorativo no que se lembrou a figura do carballés ilustre, poeta, galeguista, dramaturgo e zapateiro que foi Xesús San Luís Romero. O salón de actos do Fórum Carballo, escollido pola súa proximidade co centro, foi o lugar no que o coñecido historiador Xan Fraga contou as claves da biografía deste veciño nacido en 1872 na rúa Saúde e que acabou sendo unha figura relevante da política, da cultura e do teatro feito en Galicia. Ademais, tres alumnos e alumnas do IES Alfredo Brañas pertencentes á AC Arume de Berdillo, lembraron coas súas gaitas unha das melodías tradicionais recuperadas por San Luís Romero, e titulada "Alalá de Carballo". E tamén para lembrar a profesión da súa familia, e que o personaxe exerceu durante moitos anos, dous zapateiros estiveron impartindo no colexio obradoiros sobre o proceso de facer zapatos e zocos de forma tradicional e artesanal. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu o acto xunto coa directora do centro, María Luísa López, e quixo aproveitar para transmitirlle ao centro os seus parabéns "pola vosa calidade educativa", e desexou que o colexio "cumpra 30 anos, 50, ou alomenos tantos como o zapateiro poeta", xa que San Luís Romero morreu aos 94 anos.
VENRES 14 NA PRAZA DO CONCELLO E SÁBADO 15 NO PAZO DA CULTURA
Xoves 13 de xuño do 2013
O programa do San Xoán 2013 aposta, un ano máis, polo teatro e a cultura, ademais de polas verbenas, as cachelas ou a festa. Neste caso, ofrece dúas propostas humorísticas. A primeira, é o venres 14 de xuño e vén da man dos Monólogos R, unha serie de actuacións cheas de gargalladas organizadas pola compañía galega R Cable con algúns dos humoristas con máis sona de Galicia. Así, a Praza do Concello acolle a partir das 21.30 horas aos coñecidos actores e monologuistas Fede e Pepo Suevos cos seus espectáculos. O Concello de Carballo cede este espazo para a celebración do evento e pon as cadeiras a disposición do público, polo que o acceso é libre e gratuíto. A segunda proposta é o sábado 15 de xuño. Nela, o coñecido humorista carballés Rober Bodegas reflexiona sobre se nos estamos volvendo máis imbéciles cada día na nosa vida cotiá. Os atascos, os finos panos de mesa dos bares que non serven para nada ou mesmo o Tratado de Tordesillas están presentes na súa actuación. Esta cita, a penúltima actuación do cómico na súa xira, comeza ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. As entradas poden mercarse a través do servizo de televenda de <novagaliciabanco.es> ou no teléfono 902 43 44 43. O prezo das entradas é de 8 euros venda anticipada e de 10 euros no despacho de billetes do Pazo.
OS LABORES COMEZARON NA PRAZA DO CONCELLO
Mércores 12 de xuño do 2013
A Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas informa de que durante os últimos días usuarios e usuarias de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños), supervisados por un dos monitores da entidade, están levando a cabo a renovación dos bancos situados nos parques, xardíns e zonas de lecer da capital municipal. Os traballos consisten no desmontado de cada unha das pezas, que se trasladan aos talleres cos que conta Aspaber nas instalacións da Brea, onde son repintados e vernizados. O último paso é volver á localización orixinal e montar cada unha das pezas de novo nos bancos, con moi bos resultados, segundo subliña Lamas. Os labores comezaron nos últimos días coas unidades situadas nos arredores da Praza do Concello e o Xardín Municipal, e iranse estendendo nas próximas semanas a outras áreas da capital municipal. Esta actuación está incluída nos traballos que se desenvolven dentro da campaña de mantemento de parques e xardíns que realiza de cotío a Concellaría de Obras e Servizos. Dende este departamento queren pedir desculpas aos veciños e veciñas polas posibles molestias ocasionadas, e espera que estas melloras rematen o antes posible.
CADA CURSO CONTARÁ CON 15 ALUMNOS E ALUMNAS
Mércores 12 de xuño do 2013
O xoves e venres, días 13 e 14 de xuño, a partir das 9.00 horas da mañá, ten lugar nas instalacións do Fórum Carballo a selección dos candidatos e candidatas para os cursos de formación de Cociña (828 horas) e Soldador con electrodo revestido e TIG (758 horas) dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas. Estas actividades formativas foron aprobadas pola Consellería de Traballo e Benestar para o exercicio de 2013. A Oficina de Emprego de Carballo xa ten preseleccionado a un total de 30 candidatos e candidatas para o curso de Soldadura e a outros 31 para o de Cociña. Durante o transcurso destas dúas xornadas, o Centro Municipal de Formación dedicarase a realizar as probas necesarias para seleccionar a un número total de 15 alumnos e alumnas por cada acción formativa. Para o curso de soldadura está previsto realizar unha proba teórica, mediante un examen tipo test, e unha entrevista persoal. En cociña só se realizará unha entrevista persoal e individualizada onde os/as candidatos/as poidan demostrar a súa traxectoria curricular e a súa motivación para realizar esta actividade formativa.
CELÉBRASE O DOMINGO 16 DE XUÑO A PARTIR DAS 10.00 HORAS
Martes 11 de xuño do 2013
Despois de que o luns 10 de xuño se pechase o prazo de inscrición, a organización informa de que a III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo rexistra un total de 1.226 inscritos, a maior afluencia rexistrada nos seus tres anos de vida. Desta cantidade, 332 partipantes pertencen ás categorías de base, un 27 por cento, e o resto a categorías absolutas, cun 73 por cento. Ademais, hai que subiñar que o 66 por cento dos inscritos son de fóra de Carballo (813), aínda que a maioría son da provincia da Coruña. Porén, hai corredores chegados do resto das provincias galegas ou de lugares como Asturias, Girona, León ou Madrid. Como curiosidade, hai que mencionar que a persoa de maior idade que competirá o domingo 16 de xuño, día de celebración da proba, é un home de 72 anos, mentres que a muller de maior idade ten 62. A porcentaxe de mulleres que participan é dun 20 por cento, fronte ao 80 por cento de homes. Un total de 214 rapaces e rapazas dos centros de ensino de Carballo compiten nas categorías inferiores, sendo a maioría, máis do 50 por cento, do CEIP Fogar. A III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo inclúe as categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, ademais da absoluta e ten unha distancia homologada de 10.000 metros.