VENRES 28, SÁBADO 29 E DOMINGO 30 DE XUÑO
Xoves 27 de xuño do 2013
As festas de San Xoán 2013 pechan cunha das súas citas máis importantes, unha romaría de veciños e veciñas recuperada hai xa unha década e que marca sempre o final das celebracións: a Festa do Bosque. O Bosque do Añón convértese o sábado 30 de xuño no espazo onde os carballeses e carballesas desfrutan coa familia e os amigos dun amplo programa de actividades para todas as idades. A cita principia oficialmente ás 12.30 horas, aínda que a primeira das actuacións musicais está programada para a sesión vermú con Trastes, ás 13.00 horas; pola tarde, toca o Grupo de Gaitas de San Cristovo; e a partir das 20.00 horas está previsto un concerto co grupo Clave de Sol. Ás 22.00 horas é a quenda da música do grupo Dude e pechan a festa a partir das 23.00 horas Recambios Tucho, unha agrupación na que hai antigos compoñentes de Herdeiros da Crus. Ademais da música, non hai que esquecer o tradicional Concurso de Sobremesas e de Licores Caseiros, patrocinado por Pastelaría San Luís a partir das 16.30 horas; e a 115ª edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel (na imaxe), ás 18.30 horas, unha cita patrocinada por Tecnosos Galicia e na que cada neno ou nena que participe recibirá un agasallo. Tamén hai xogos populares a partir das 17.30 horas. Colabora coa cita a Asociación Cultural 13 Lagartos.
OS FEITOS FORON POSTOS EN COÑECEMENTO DAS AUTORIDADES
Mércores 26 de xuño do 2013
O Concello de Carballo, a través das concellarías de Servizos e de Medio Ambiente que dirixen Luís Lamas e Marcos Trigo, respectivamente, vén de denunciar un delicto ecolóxico producido na contorna do Paseo do Anllóns a pasada fin de semana. Así, algunha persoa ou persoas sen ningún tipo de conciencia cívica veñen de crebar arredor de medio centenar de árbores de ribeira entre as que se atopan paulownias, carballos americanos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros e unha nogueira. Estás árbores viñan de plantarse recentemente nas marxes do río para rehabilitar a canle e axudar no repoboamento das árbores de ribeira, dentro das accións de mellora do Paseo. A administración local quere denunciar este ataque a un ben colectivo e a un recurso natural e vén de poñer os feitos en coñecemento da Policía Local e tamén o fará diante do Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) e nos Xulgados. Así, parece probada a intencionalidade dos feitos, xa que para crebar as árbores empregouse un instrumento cortante, ademais de que os danos están localizados nunha zona concreta, no treito entre o Bosque e a antiga potabilizadora. O Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas para perseguir este tipo de accións e informa de que se porán en marcha todos os medios necesarios para atrapar aos culpables e sancionalos.
LUNS 24 E MARTES 25 DE XUÑO
Domingo 23 de xuño do 2013
O luns 24 de xuño é o día grande das festas de San Xoán, e para ese día está reservado un dos principais atractivos do programa, a actuación do grupo El sueño de Morfeo. Despois da tradicional misa solemne e procesión da mañá, pola noite chega o igualmente tradicional concerto central das festas, a partir das 23.00 horas. Os eurovisivos El sueño de Morfeo son un grupo de música pop-rock con influencias folk formado en Asturias en 2002. Está integrado por Raquel del Rosario (voz), Juan Luis Suárez (guitarra) e David Feito (guitarra). Publicaron o seu primeiro disco, que levaba o nome actual do grupo, en 2005, e ao que seguiron "Nos vemos en el camino" e "Cosas que nos hacen sentir bien", cos que tiveron numerosos éxitos e conseguiron diferentes premios. O seu último disco é "Buscamos sonrisas", e inclúe cancións tan coñecidas como "Depende de ti" ou "Lo mejor está por llegar". El Sueño de Morfeo representou a España no festival de Eurovisión en Malmö, Suecia, baixo o nome de ESDM, interpretando a canción "Contigo hasta el final". Cando remate o concerto, sobre as 00.30 horas, continúa a música e a animación coa verbena a cargo da Orquestra Los Player's, fundada en 1960 e que une a tradición dunha das mellores formacións galegas coa modernidade dun gran e espectacular escenario.
A ASOCIACIÓN ADEAC CONCEDE ESTE DISTINTIVO DE CALIDADE
Sábado 22 de xuño do 2013
A Bandeira Azul, un distintivo que concede a ONG Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), ondea dende o sábado 22 de xuño nos areais de Razo, Pedra do Sal e As Saíñas do municipio carballés. Recupérase así o distintivo para a praia de Razo (na imaxe), que en anos anteriores non puidera facer ondear a bandeira, e Carballo convértese de novo no único municipio da Costa da Morte con tres insignias. Este símbolo recoñece a calidade das praias, así como das súas augas, ademais dos servizos que ten dispoñibles, como o de duchas, áreas de estacionamento, xestión ambiental, seguridade e en xeral as instalacións das que dispoñen os areais, atendendo á accesibilidade, ao feito de que exista recollida selectiva, ao servizo de salvamento e socorrismo, etc. As bandeiras foron recollidas o venres 21 de xuño na praia de Valcobo (Arteixo) polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, nun acto no que estivo presente o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Unha vez en Carballo, o propio Alcalde, foi o encargado de proceder xa o sábado ao izado das enseñas, acompañado do Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, e de socorristas e membros de Protección Civil, nunha mañá algo nubrada e desapracible nos primeiros días dun verán que se resiste a aparecer.
COMPETICIÓNS: OS DÍAS 6 E 27 DE XULLO E 18 DE AGOSTO
Venres 21 de xuño do 2013
Un ano máis a praia de Razo énchese de actividades deportivas durante todo o período estival e o volei praia continúa con éxito a súa andaina polo areal. Nesta ocasión con ata tres torneos que terán lugar nos meses de xullo e agosto e coas xa habituais Escolas de Volei Praia para todas as idades. A Asociación de Volei Praia Costa da Morte, coa colaboración do Concello, e o patrocinio de Calvo, Alquileres Reneymar e a Deputación -entre outras entidades- é a encargada de organizar estas citas entre o 1 de xullo e o 1 de setembro. No caso dos torneos, este ano hai un más respecto a tempadas anteriores. O primeiro ten lugar o 6 de xullo no marco do festival PopUp e o segundo o 27 de xullo no marco do festival Sereas e Piratas. En ambos casos está previsto o reparto de trofeos e de premios en metálico entre os participantes. E como xa vén sendo tradicional, o 18 de agosto celébrase o VI Torneo-Foliada Concello de Carballo, que serve como peche de actividades. Neste evento haberá xogos populares, agasallos, competición de volei praia e unha cita xa habitual nos últimos tres anos, como é a elaboración dunha paella xigante para arredor de 100 persoas e coa que colaboran varios establecementos carballeses. Segundo Rosalino Mariño, da Asociación de Volei Praia Costa da Morte, o obxectivo é "ofrecer deporte e ocio para todas as idades".
NALGUNHAS XORNADAS HABERÁ DESDE 20 A 22 EFECTIVOS
Venres 21 de xuño do 2013
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira, informa de que durante as festas de San Xoán, que transcorren entre o 21 e o 30 de xuño, a Policía Local triplicará o número de axentes nas rúas para garantir a seguridade de veciños e veciñas, así como dos visitantes que se acheguen á localidade nestas datas. Así, intensificarase a vixilancia establecéndose un dispositivo extraordinario dirixido polo Concello organizado arredor de quendas de traballo repartidas en mañá, tarde e noite, chegando a traballar 22 policías nos días de maior afluencia de xente, triplicándose con esta medida o número habitual de axentes dunha xornada. Os días con maior número de efectivos son o luns 24 e o martes 25, así como durante as fins de semana, sendo máis intensivas as quendas durante os momentos de corte de tráfico a causa das procesións, así como polas noites. O obxectivo é tratar de que haxa as mínimas incidencias posibles durante as celebracións, e que as que sexan inevitables, se solucionen canto antes grazas á presenza dos axentes, tanto no que se refire á circulación do tráfico rodado como a outro tipo de sucesos. Espérase que o despregue operativo sirva para dar unha maior seguridade a todos os cidadáns e visitantes.
PRIMEIRA FIN DE SEMANA DE FESTAS
Xoves 20 de xuño do 2013
Despois do humor dos Monólogos R e Rober Bodegas e de varias citas culturais e deportivas, o San Xoán comeza de forma oficial o xoves 20 de xuño co pregón, coma sempre acompañado pola música da Banda Municipal. Este ano, a encargada de animar aos carballeses e carballesas a gozar das festas é a polifacética poetisa muxiana e carballesa Rosalía Fernández Rial. Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (UDC) toca o acordeón grazas aos seus estudos no Conservatorio Profesional de Música de Carballo, fai teatro afeccionado e, sobre todo, escribe. Ademais, é presidenta da Asociación Cultural Lumieira e forma parte moi activa da vida cultural carballesa. Ela dará os primeiros pasos dun San Xoán 2013 que colle velocidade o venres 21 co Festival Rockin´. Está previsto que a cita comece a partir das 22.00 horas nunha carpa situada no parque de Rego da Balsa, detrás da antiga estación de autobuses. E os grupos que enchen o cartel son os madrileños Sex Museum (na imaxe) e Layabouts, os barceloneses Stay e os vigueses Moon Cresta. Así mesmo, a DJ Sandrita Dinamita será a encargada de pinchar para animar o festival, ao igual que fixera o ano pasado. Unha cita ineludíbel que aposta polo rock´n´roll e pola calidade do seu directo que xa é un referente no almanaque festivaleiro galego.
OS VOCEIROS MUNICIPAIS ESTUDARON A DOCUMENTACIÓN DO PREGO
Mércores 19 de xuño do 2013
A Casa do Concello vén de acoller unha xuntanza dos voceiros municipais na que se estudaron, coa axuda dos responsables da elaboración da documentación, os pregos técnicos e as cláusulas administrativas particulares para sacar a concurso o mantemento e subministro do alumeado público e a xestión enerxética do Concello de Carballo, exceptuando os edificios municipais. O obxectivo é acadar que a administración local poida aforrar preto de 150.000 euros ao ano na factura de subministro enerxético, mantemento, conservación e reposición das instalacións de alumeado. Coa aplicación dunha serie de medidas técnicas e de xestión enerxética, o custo anual sería de 830.000 euros durante a a vixencia do contrato, co que o importe total do contrato durante os doce anos previstos para a súa duración sería de preto de once millóns de euros. O contrato recolle, entre outras medidas, a substitución das aproximadamente 7.500 luminarias existentes no municipio na actualidade por luminarias LED reguladas, así como a renovación da instalación e a substitución dos cadros eléctricos. A xuntanza, de máis de dúas horas de duración, contou coa presenza, ademais dos técnicos municipais, do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o Concelleiro de Servizos, Luís Lamas; o voceiro do PP, Alberto Sueiro; o voceiro de TEGA, Manuel Andrade; e o voceiro do PSOE, José Antonio Viña.
NUMEROSO PÚBLICO ENCHEU AS RÚAS DE CARBALLO PARA VER A PROBA
Martes 18 de xuño do 2013
O ourensán do club Adas-Proinor Cristian Díaz Lorenzo resultou o gañador en categoría absoluta -cun tempo de 34:47- da III Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo, que tivo lugar o domingo 16 de xuño e na que participaron un total de 1.226 corredores de todas as categorías. No caso das femias, a vencedora foi Carla Merayo López -cun tempo de 39:26 e o posto 58 na clasificación xeral-, coruñesa do club Atletismo Coruña Comarca. Numeroso público achegouse ata a Praza do Concello para ver a saída e para animar aos corredores nunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA), organizada polo Concello de Carballo, a través do Padroado Deportivo Municipal e que, ademais, foi a carreira que abriu o I Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación. Tamén colaboraron na organización da cita a Asociación Deportiva Media Ducia de Carballo, o Colexio Oficial de Fisioterapias de Galicia e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo. O circuíto de dúas voltas de 5.000 metros polas rúas carballesas, estivo marcado polo vento, e tamén pola súa esixencia, con varias subas que esixiron o máximo dos atletas. Así, dos mais de 800 corredores de categoría absoluta e de veteranos que tomaron a saída, chegaron á liña de meta 620. Os interesad@s en consultar a clasificación ao completo, poden clicar aquí.
INSCRICIÓNS ATÉ O 15 DE XULLO
Luns 17 de xuño do 2013
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira informa de que está aberto o prazo para anotarse nun Curso de Escaparatismo Comercial e Visual Merchandising dirixido ao comercio local e que se desenvolverá a partir do 22 de xullo de 21.00 a 23.00 horas no Fórum Carballo. A actividade formativa está dividida en catro módulos. O módulo 1 está centrado nos principais aspectos dos escaparates como os seus obxectivos e funcións, os tipos, os materiais ou a planificación das accións dos escaparates, ademais de na importancia da formación continua como instrumento que facilita a innovación. O módulo 2 aborda a montaxe de escaparates e as técnicas empregadas nos distintos tipos. O Módulo 3 céntrase no concepto de merchandising, na animación no punto de venda, na rendibilidade do punto de venda, nas promocións ou na organización de campañas. Por último, o módulo 4 refírese á atención ao cliente, á comunicación e á innovación en produtos, xestión e marketing. Está previsto que o curso teña aproximadamente 30 horas de duración e que a asistencia sexa gratuíta. Os interesados e interesadas en anotarse teñen até o 15 de xullo e poden facelo a través da Secretaría da Alcaldía na Casa do Concello (981 704 100) ou no Fórum (Paula Lema: 981 709 013).
ENTREGA DE DIPLOMAS DO CURSO "EN FAMILIA TODOS CONTAN"
Luns 17 de xuño do 2013
O Pazo da Cultura vén de acoller hoxe, luns 17 de xuño, dúas actividades coordinadas polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo. En primeiro lugar, a compañía a Tropa de Trapo trouxo a súa xira solidaria ao auditorio do Pazo co conto "Antía, Wamba e o regato pequeno". A proposta foi ideada para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello é socio, e conta a historia de Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos. Unha historia con música en directo para sensibilizar sobre a cooperación e a solidariedade, á que asistiron arredor de 300 nenos e nenas de entre 8 e 10 anos de todos os centros de ensino de Carballo. Marta Ortiz e Brais das Hortas son artífices deste espectáculo que tomou o relevo a ‘Contos coas mans abertas’, anterior creación da Tropa de Trapo que xa visitara o auditorio do IES Alfredo Brañas en 2012. A final de ano, a actividade terá visitado un total de 20 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación.
A PIQUES DE REMATAR OS TRABALLOS DE LIMPEZA DE MALEZA
Sábado 15 de xuño do 2013
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Obras e Servizos que dirixe Luís Lamas, e da de Medio Ambiente, que dirixe Marcos Trigo, informa de que despois das Festas de San Xoán abordaranse novos traballos de mellora no Paseo do Anllóns, que conta cun percorrido de máis de sete quilómetros de lonxitude -contando as dúas beiras- e que transcorre entre a Ponte de Bértoa e o Muíño do Quinto. Así, está previsto substituír as lousas de pizarra situadas no tramo máis próximo á ponte da Milagrosa por un firme de zahorra aplanada, máis axeitado para os numerosos camiñantes, corredores e ciclistas que empregan o paseo cada día, ademais de contar cun mantemento e conservación máis sinxelos. Está previsto que os traballos comecen unha vez rematados os festexos na honra do patrón para non entorpecer a celebración de citas como o Descenso do Anllóns ou a Festa do Bosque, que marca o peche das celebracións. Así mesmo, o Concello tamén informa de que están a piques de rematar os traballos de limpeza das marxes do río Anllóns en toda a lonxitude do Paseo. Os traballos céntranse en despexar a canle e en retirar a maleza na zona exterior. Ademais, nesta ocasión realizouse o arranxo das fochas que podían observarse en varios puntos do paseo, enchendo os ocos e aplanando o firme, ademais de retirarse moita da vexetación que estorbaba os percorridos dos usuarios e usuarias.