INSCRICIÓNS A PARTIR DO LUNS 8 DE XULLO
Venres 5 de xullo do 2013
O Concello de Carballo informa da celebración dun Curso de Introducción á calidade turística dirixido ao colectivo de profesionais do sector do municipio que terá lugar nas instalacións do Fórum Carballo despois da tempada de verán. A actividade é gratuíta e para participar os interesados e interesadas tan só deben inscribirse na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños a través do teléfono 981 702 077 ou do enderezo electrónico <museo@carballo.org> a partir do luns 8 de xullo. Está previsto ofrecer entre 20 e 25 prazas, mais en caso de que haxa máis solicitantes que prazas dispoñibles, a admisión realizarase por estricta orde de inscrición. Os obxectivos desta acción formativa son achegar o concepto e a filosofía da Marca Q de Calidade Turística aos asistentes; informar sobre o procedemento e as implicacións da implantación da Marca Q nas súas empresas; e expoñer os beneficios e vantaxes competitivas da implantación da Marca Q de Calidade a través de exemplos teóricos e prácticos. Finalizado o curso, cunha asistencia do 80 por cento do total de horas lectivas, os asistentes terán dereito á expedición do oportuno certificado acreditativo.
RECEPCIÓN DO ALCALDE O XOVES 18 DE XULLO
Venres 5 de xullo do 2013
O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Igualdade e Benestar que dirixe Silvana Castro, informa de que dende a noite do venres 5 de xullo xa están na vila as crianzas procedentes do Sáhara que pasan o verán no municipio a través do programa "Vacacións en paz". Está previsto que o xoves 18 de xullo ás 12.00 horas o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado por Silvana Castro e por outros membros da corporación, dea a benvida na casa consistorial ás crianzas saharauís, así como ás familias carballesas que as acollen durante os dous meses que dura a súa estadía. Como cada verán, centos de nenos e nenas do Sáhara Occidental veñen pasar os meses de xullo e agosto con familias galegas que os acollen dentro do programa "Vacacións en paz" organizado pola ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e que conta coa colaboración de moitos concellos galegos, entre eles o de Carballo, que desde hai anos mantén un convenio coa entidade coa que subvenciona integramente a contía de tres billetes de avión para estes nenos e nenas. As crianzas proceden todas elas de campamentos de refuxiados saharauís situados en Tindouf (Alxeria), é dicir, son fillos dos saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975.
FINS DE SEMANA DOS MESES DE XULLO E AGOSTO
Venres 5 de xullo do 2013
Unha decena de citas de calidade para todos os públicos e con variedade de estilos e formatos compoñen o programa do Verán Cultural 2013, que volve un ano máis cando chegan os primeiros calores cunha ampla cantidade de ofertas musicais, pero tamén con propostas de maxia, monicreques, danza, cine, teatro, literatura ou exposicións. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, subliña que o seu departamento mantén a vontade de ofrecer un programa "de calidade" repartido en quince xornadas durante as fins de semana do verán "a pesar dos axustes económicos". As citas, todas gratuítas excepto os festivais musicais, desenvólvense entre o venres 4 de xullo e o venres 30 de agosto, agás as Noites de Cine, que ofrecen un total de 16 sesións na capital municipal e nas parroquias todos es martes, mércores e xoves entre o 11 de xullo e o 22 de agosto. O Alcalde, Evencio Ferrero, sinalou a importancia de contar cun "programa cultural estable" que atraia á xente a Carballo e desexou que o tempo acompañe, xa que redundará no éxito das convocatorias. O Concello quere agradecer a colaboración dos patrocinadores como son Conservas Calvo e La Caixa, ou a colaboración da Deputación da Coruña.
A XUNTANZA DUROU MÁIS DE TRES HORAS
Xoves 4 de xullo do 2013
A Comisión de Urbanismo mantivo o mércores 3 de xullo unha nova xuntanza na que principiou o proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Nunha reunión de máis de tres horas de duración, os técnicos e representantes de todos os grupos políticos da corporación -BNG, PP, PSOE e TEGA- realizaron unha primeira valoración das alegacións incluídas nos rangos 1 e 4 establecidos polo equipo redactor. Hai que lembrar que o Rango 1 correspóndese coas parcelas lindeiras sobre viario estruturante e o Rango 4 coas parcelas non lindeiras. Estudáronse por orde alfabética as reclamacións respectivas ás parroquias de Aldemunde, Artes, Ardaña, Berdillo e Bértoa. Ademais, establecéronse algúns criterios provisionais que axudarán á hora de estimar ou rexeitar as reclamacións, pero que poden sufrir algunha variación. Así, esta primeira aproximación ás alegacións non supuxo aínda a toma de ningunha decisión definitiva. Está previsto que a Comisión de Urbanismo manteña unha nova reunión o mércores 10 de xullo e que a partir dese momento o proceso de revisión das alegacións progrese e vaia axilizándose.
ENTRE O XOVES 4 E O SÁBADO 6 DE XULLO
Xoves 4 de xullo do 2013
A Praia de Razo acolle o xoves 4, venres 5 e sábado 6 de xullo o Festival PopUp, unha cita que ten como cabeza de cartel a Lori Meyers pero que conta tamén coas actuacións de Dorian, Estereotypo, The Warriors, Pull my strings e Faber Estudio 3 DJs. Todas as actividades do festival até o sábado ás 20.00 horas son de balde. O xoves 4 e o venres 5 o público pode asistir á carpa, que estará a carón do parque infantil da praia de Razo, ás actuacións de Igloo, Disco Mordisco e Anton DJ o primeiro día; e de Grises, Grotèsque e Kill the Hipsters o venres. Para a cita do sábado as entradas están á venda a través de . A compra anticipada custa 15 euros, mentres que no despacho de billetes do propio festival o prezo é de 18 euros. Os interesados e interesadas en consultar os horarios polo miúdo, poden premer aquí. O PopUp pretende apostar pola cultura como un activo importante no que conflúen a música, o deporte, a natureza ou o turismo. Respecto das citas deportivas, dende o primeiro día haberá a posibilidade de desfrutar co volei praia, o balonmán na praia ou o surf. Tamén hai que subliñar que o festival contará coa colaboración de Cruz Vermella, que dará a coñecer o seu labor.
UNHA VINTENA DE PERSOAS ASISTEN Á CITA NO FÓRUM CARBALLO
Mércores 3 de xullo do 2013
O Curso de Verán da Universidade da Coruña (UDC) "A evolución do turismo no marco da sociedade global: retos para a súa planificación e xestión" visita Carballo por terceiro ano consecutivo cos retos de analizar a transformación que está a sufrir o sistema turístico no contexto da globalización e da crise económica actual, así como as tendencias, oportunidades, retos e dificultades aos que se enfronta este sector. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado do director do curso e membro da Facultade de Socioloxía da UDC, Antón Álvarez Sousa, foi o encargado de presidir o acto de apertura no Fórum. Álvarez Sousa quixo facer fincapé na importancia "da formación e dos recursos humanos do sector", ademais de agradecer a presenza dos alumnos e alumnas que poden contribuír a dinamizar o turismo e a especializarse cada vez máis en procurar a satisfacción dos viaxeiros e viaxeiras. Esta terceira edición do curso é a que rexistra unha maior participación, con preto dunha vintena de asistentes tanto da UDC como do sector turístico. Evencio Ferrero lembrou que esta actividade enmárcase na campaña "Carballo a un paso", que pretende fomentar a oferta turística do municipio, así como potenciar o seu atractivo como destino e desexou que o curso permita atopar "nichos e oportunidades para seguir fomentando o turismo".
ASINARON O ACORDO EVENCIO FERRERO E XAIME VIQUEIRA
Mércores 3 de xullo do 2013
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo, Xaime Viqueira, veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxecto desenvolver medidas de potenciación e posterior execución de actividades para a consolidación dun centro comercial aberto na vila e, como consecuencia, para a dinamización da actividade comercial. Trátase dun acordo que ten como finalidade establecer un marco de colaboración para a modernización do centro urbano de Carballo co obxecto de conseguir unha contorna de calidade na que o urbanismo, o comercio e a hostalería teñan a máxima importancia. Algúns dos obxectivos do convenio son a optimización das prazas de estacionamento; a peonalización e semi peonalización de rúas do centro de Carballo; a dotación de mobiliario urbano e sinalización coherente co proxecto Centro Comercial Aberto; ou a promoción e innovación en xeral do comercio local. Entre as actuacións concretas previstas no acordo, hai que subliñar a organización de Xornadas de sensibilización, formación e reciclaxe, a elaboración do Catálogo do CCA, a celebración da Feira das Oportunidades, a realización de enquisas sobre a actividade comercial, o desenvolvemento de medidas que contribúan a mellorar o servizo ao cliente e a imaxe comercial, ou accións publicitarias e de promoción.
A ACHEGA MÁXIMA PREVISTA É DE 10.000 EUROS
Martes 2 de xullo do 2013
O Concello de Carballo e a Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) veñen de formalizar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, o fomento da emprendeduría e a consolidación de empresas. Asinaron o acordo o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente de Axober, Isidro Varela Bardanca, acompañados do tesoureiro da entidade, Raúl Cantorna, e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. A finalidade do acordo é a de establecer un marco de colaboración entre as entidades para o desenvolvemento da cultura emprendedora; de accións comunicativas conxuntas; de accións de asesoramento, formación, información, organización e promoción; de dinamización da actividade asociativa, coa colaboración e cooperación empresarial así como de coordinación institucional e empresarial; e para a celebración de eventos dinamizadores. A vixencia do convenio é até o 31 de decembro de 2013, e entre as actividades concretas especificadas que se desenvolverán entre as dúas partes destaca a celebración das Xornadas de Enerxías Renovables, a organización de eventos dinamizadores e publicitarios ou a elaboración de guías, webs, sinalización e catálogos, cunha achega máxima por parte da administración local de 10.000 euros.
LUZ VERDE PARA O PREGO DE CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO ENERXÉTICO
Martes 2 de xullo do 2013
O pleno da corporación vén de aprobar por unanimidade o deslinde dos termos municipais de Carballo e A Laracha. O proceso para sacar adiante a acta de deslinde comezou en setembro de 2008, e dende entón tense realizado un exhaustivo traballo de identificación e localización dos marcos, xa que existían dúbidas en arredor de 30, estando situados a maioría deles nas parroquias de Sofán, Bértoa, Berdillo e Noicela. O proceso rematou cun acordo unánime da comisión de deslinde, e finalmente do pleno o luns 1 de xullo. A pesar de ser un proceso laborioso, conta co acordo dos municipios implicados e afecta na súa maior parte a leiras, montes e pistas forestais, con moi poucas vivendas implicadas. Outro dos asuntos da orde do día aprobado por unanimidade foi a aprobación inicial da Ordenanza Municipal reguladora do exercicio de actividades de apertura de establecementos e da realización de determinadas obras menores que aplica a Directiva europea Bolkestein, tamén coñecida como Directiva de servizos. O obxectivo final da normativa é contribuír a axilizar trámites administrativos, por exemplo, facilitando que os establecementos que queiran iniciar a súa actividade e que non estean sometidos a un informe sectorial só teñan que comunicarllo ao Concello, sen máis xestións.
SUBVENCIÓN PARA OS VOLUNTARIOS DE PROTECCIÓN CIVIL
Luns 1 de xullo do 2013
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar dous convenios de colaboración co Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo e coa Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) destinados á dinamización da actividade económica. No primeiro caso trátase dun acordo para o desenvolvemento de medidas de potenciación e posterior execución de actividades para a consolidación dun centro comercial aberto na vila, co desenvolvemento de accións de modernización, innovación e dinamización do comercio local. Entre estas accións hai que subliñar a organización de Xornadas de sensibilización, formación e reciclaxe, a elaboración do Catálogo do CCA, a organización da Feira das Oportunidades ou do desfile de moda do CCA. No caso de Axober, o convenio persegue o desenvolvemento de medidas de dinamización empresarial, fomento da emprendeduría e do asociacionismo e consolidación de empresas con actuacións como a celebración de eventos dinamizadores, de formación, información ou promoción. Entre as actividades coas que colabora o Concello a través do convenio están as Xornadas de Enerxías Renovables, a elaboración de guías, webs ou catálogos, ou a realización de accións publicitarias coa colaboración da administración local, entre outras. A vixencia estipulada é até o 31 de decembro de 2013.
INSCRICIÓNS A PARTIR DO LUNS 1 DE XULLO
Venres 28 de xuño do 2013
O Concello de Carballo informa da celebración dun Curso de Alimentación e Nutrición Saudable dirixido ao colectivo de profesionais do sector hostaleiro do municipio, que terá lugar nas instalacións do Fórum Carballo a partir do luns 15 de xullo. A actividade é gratuíta e para participar os interesados e interesadas tan só deben inscribirse na Oficina de Información Turística situada no Museo de Bergantiños a través do teléfono 981 702 077 ou do enderezo electrónico <museo@carballo.org> a partir do 1 de xullo e até o venres 12 do mesmo mes. Está previsto ofrecer entre 20 e 25 prazas, mais en caso de que haxa máis solicitantes que prazas dispoñibles, a admisión realizarase por estricta orde de inscrición. O obxectivo desta acción formativa é proporcionar aos profesionais da hostalería unha primeira aproximación ás bases da nutrición e da cociña saudable. Así, preténdense proporcionar as claves sobre as consecuencias dunha pouco axeitada alimentación e, polo tanto, proporcionar consellos útiles e posibles fórmulas para contribuír a mellorar as dietas dos seus clientes. Ademais, esta acción formativa persegue dotar de contidos formativos as instalacións da Escola de Hostalería (na imaxe) que se atopan na Nave 4 do complexo Fórum Carballo e axudar a poñer en valor o sector hostaleiro da bisbarra.
EXPEDIENTE PARA A CONTRATACIÓN DO SUBMINISTRO ENERXÉTICO
Venres 28 de xuño do 2013
O pleno da corporación celebra o luns 1 de xullo unha sesión extraordinaria na que entre os asuntos da orde do día recóllense a aprobación do deslinde co Concello da Laracha e a disolución do Padroado Deportivo Municipal, ademais do visto e prace para o expediente de contratación do subministro enerxético para o municipio ou a aprobación inicial da Ordenanza do exercicio de actividades de apertura de establecementos e realización de obras menores. Hai que lembrar que xuño non contou cunha sesión plenaria ordinaria, xa que o último luns de mes cadrou o día 24, festivo por mor do San Xoán. Ao non celebrarse na data correspondente, decidiuse celebrar unha sesión extraordinaria a primeiros de xullo. Respecto da orde do día, caracterízase especialmente por asuntos de importante calado administrativo. Entre eles, está a disolución e extinción do Padroado Deportivo Municipal que supón, segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, "unha simplificación da administración", e proponse para "optimizar esforzos". Ferrero asegura que esta modificación é simplemente administrativa e non vai supoñer "cambios na concepción da xestión deportiva". Así, a partir de agora a actividade deportiva será directamente xestionada pola Concellaría de Deporte e o persoal do Padroado incorporarase á RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello. Ademais, os bens do Padroado xa forman parte do Inventario Municipal de Bens.