Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Carballo acolle o Campionato Galego de ciclismo de Fondo con arredor de 150 corredores entre femias, cadetes e júnior

DOMINGO 4 DE AGOSTO A PARTIR DAS 10.00 HORAS

Carballo acolle o Campionato Galego de ciclismo de Fondo con arredor de 150 corredores entre femias, cadetes e júnior

Mércores 31 de xullo do 2013

O Club Ciclista Carballo-Placasa cumpre 25 anos de vida e o festexa organizando o Campionato Galego de Fondo, no que durante a xornada do domingo 4 de agosto arredor de 150 ciclistas de categorías femias, cadetes e júnior percorrerán as rúas e estradas do municipio carballés. O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, que organiza a cita xunto co Club e o Concello, subliñou o alto nivel da cita, á que acoden algúns dos mellores ciclistas galegos. Pola súa banda, a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanessa Loureiro, quixo pedir desculpas, xa que a proba estaba prevista para o 20 de xullo, mais tivo que "aprazarse por motivos alleos ao club". Loureiro defendeu o ciclismo feminino, reclamando unha proba de fondo só para mulleres e subliñando que a do domingo é unha das poucas citas nas que participan. O director deportivo do Carballo-Placasa, Juan Seoane, resaltou "a dureza" dos percorridos, algo polo que o Club quixo apostar ao tratarse dun campionato galego. Para o seleccionador galego, José Ángel Vidal, "trátase dun percorrido bonito", con "moitas pendentes" que contribuirán a facer "un campionato" duro e disputado. A organización quere subliñar que este ano a saída e a chegada están na Avenida da Milagrosa, na contorna do Fórum Carballo (onde están a oficina e o parque pechado), e que a proba arrinca ás 10.00 horas.

Entrega de diplomas dos cursos "Busca de emprego e novas tecnoloxías" e "Redes Sociais Profesionais" da BDT

BOLSA DE TRABALLO MUNICIPAL

Entrega de diplomas dos cursos "Busca de emprego e novas tecnoloxías" e "Redes Sociais Profesionais" da BDT

Martes 30 de xullo do 2013

O auditorio da Nave 1 do Fórum Carballo vén de acoller a entrega de diplomas do curso "Redes Sociais Profesionais", de 20 horas de duración e que contou coa participación continuada de 31 persoas; e do curso "Busca de emprego e novas tecnoloxías", de 30 horas de duración e ao que asistiron 20 persoas. O Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, foi o encargado de presidir este acto no que estiveron presentes a maioría dos alumnos e alumnas que durante o mes de xullo tentaron mellorar a súa empregabilidade nos ámbitos das novas tecnoloxías da información e a comunicación. Trigo animou aos participantes a que continúen con accións formativas no futuro e manteñan o contacto coa Bolsa de Traballo ademais de desexar que atopen unha ocupación o antes posible. Hai que subliñar que todos os beneficiarios destas accións formativas están inscritos na Bolsa de Traballo Municipal. No caso do curso de "Busca de emprego e novas tecnoloxías", estivo dirixido a persoas con baixa cualificación académica e pouca preparación ante o mercado de traballo e a busca de emprego por Internet. No que respecta ao curso de "Busca de emprego e novas tecnoloxías", estivo dirixido a persoas con media e alta cualificación académica tales como ciclos formativos de grao superior, diplomados/as, licenciados/as ou terceiros ciclos anotados na Bolsa de Traballo.

Arredor de 75 nenos e nenas participaron nas Actividades de Verán do programa Concilia no mes de xullo

ESTÁ PREVISTO OUTROS TANTOS ANOTADOS PARA A QUENDA DE AGOSTO

Arredor de 75 nenos e nenas participaron nas Actividades de Verán do programa Concilia no mes de xullo

Martes 30 de xullo do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro, aproveitaron a mañá lúdica que marca a fin da quenda de xullo das Actividades de Verán do programa Concilia para visitar o CEIP A Cristina e falar cos arredor de 75 rapaces e rapazas que aproveitaron o servizo durante o pasado mes. Tamén se informaron de primeira man cos monitores e monitoras e responsables da empresa Axiña Servizos Deportivos, encargada de atender aos nenos e nenas entre as 10.00 e as 14.00 horas en xullo e agosto nun servizo que funciona por cuarto ano consecutivo. Colchóns inchables e xogos tradicionais como o hula-hoop ou a corda entretiveron aos nenos e nenas durante boa parte da mañá. O mércores 31 está previsto realizar unha excursión para pechar definitivamente a quenda de xullo. Dende Axiña, informan que para a quenda de agosto está prevista a participación de outros 70 cativos e cativas, aínda que moitos dos que aproveitan o servizo repiten, xa que están inscritos durante todo o verán. O programa Concilia é unha iniciativa que pretende favorecer a conciliación da vida laboral e familiar dos pais e nais dos alumnos e alumnas dos centros escolares carballeses de Infantil e Primaria. O prezo máximo estipulado por mes para as Actividades de Verán, prezo que debe aboarse no momento da inscrición, é de 58 euros.

Luz verde no pleno da corporación para investir un millón de euros na mellora de rúas e estradas en todo o municipio

MODIFICADAS CINCO ORDENANZAS FISCAIS E DE PREZOS PÚBLICOS

Luz verde no pleno da corporación para investir un millón de euros na mellora de rúas e estradas en todo o municipio

Martes 30 de xullo do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo supuxo a aprobación, co voto a favor de todos os grupos da corporación e a abstención de TEGA, dun expediente de suplemento de crédito para incorporar un millón de euros do remanente de tesourería e destinalo a investimento en obras de mellora en estradas e rúas do municipio. Así, o Concello conta un remanente de máis de cinco millóns de euros, dos que, descontando o crédito con entidades financieiras, restan 1,7 millóns. Desa cantidade, o Concello propón a incorporación de aproximadamente un millón de euros co que se mellorará a capa de rodadura en viarios estruturantes de distintas parroquias que soportan un elevado nivel de tráfico; a capa de rodadura en Nétoma-Razo, Ferradal-Bértoa e Paraíso-Berdillo; realizarase o acondicionamento da contorna do cemiterio de Berdillo; o soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña en colaboración do Concello da Laracha; ou emprenderase a mellora do firme en 20 rúas do casco urbano de Carballo de máis de mil metros cadrados de superficie. Así mesmo, realizaranse actuacións de mellora da seguridade viaria, de substitución da caldeira do Concello e de acondicionamento da rúa Valle Inclán. Unha vez rematados os traballos que se están desenvolvendo na vía, cos que se están substituíndo as redes de saneamento antigas por outras de PVC, está previsto acondicionar a vía para darlle un acabado final similar á da Desiderio Varela.

A Comisión de Urbanismo termina de revisar todas as alegacións correspondentes coas parroquias de Aldemunde, Ardaña e Artes

PRÓXIMA XUNTANZA: O MARTES 20 DE AGOSTO

A Comisión de Urbanismo termina de revisar todas as alegacións correspondentes coas parroquias de Aldemunde, Ardaña e Artes

Martes 30 de xullo do 2013

A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, martes 30 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Neste caso, os técnicos e representantes dos catro grupos políticos da corporación, PSOE, TEGA, PP e BNG, presididos polo Alcalde, Evencio Ferrero, e pola Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, revisaron todas as alegacións presentadas no medio rural correspondentes coas parroquias de Aldemunde, Ardaña e Artes. Así, quedaron todas as reclamacións destas zonas resoltas, aínda que non de forma completamente definitiva, xa que pode haber algunha pequena modificación no futuro se as decisións afectasen á capacidade residencial ou a outros aspectos globais do documento. A próxima xuntanza está prevista para o martes 20 de agosto, cando se continuará co proceso por orde alfabética, aínda que hai que lembrar que non está revisada aínda ningunha reclamación da parroquia de Razo, xa que é a que presenta maior número de alegacións, con máis de 200, e tamén as de maior complexidade, polo que o máis probable é que se lle dedique unha xuntanza en exclusiva. Hai que lembrar que o documento para aprobación inicial do PXOM recibiu un total de 1.921 alegacións presentadas por 2.451 alegantes.

Carballo é o Concello número 13 de Galicia en canto a número de doazóns de sangue, con máis de 1.300 rexistradas no ano 2012

CAMPAÑA NA PRAZA DO CONCELLO ENTRE O 1 E O 3 DE AGOSTO

Carballo é o Concello número 13 de Galicia en canto a número de doazóns de sangue, con máis de 1.300 rexistradas no ano 2012

Luns 29 de xullo do 2013

O Concello de Carballo rexistrou durante o ano 2012 un total de 1.305 doazóns de sangue, o que supón un incremento dun 5 por cento respecto do período anterior e sitúa a Carballo como a vila número 13 de Galicia en canto a número de doazóns. O ano pasado acadouse unha taxa de 42 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, cifra que supera a media galega e que se atopa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). Hai que subliñar os datos positivos da vila nunha tendencia negativa en Galicia, que ten rexistrado un descenso dun 1 por cento nas doazóns, ademais de que o Concello supera o incremento rexistrado en Bergantiños, dun 4 por cento. Son datos expostos polo responsable de promoción do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), Antonio Carcedo, que quixo agradecer o labor do Concello nas tarefas de chamamento cidadá que se realizan cada ano. O xoves 1, venres 2 e sábado 3 de agosto unha Unidade Móbil do CTG estará situada na Praza do Concello para contribuír a manter o número de doazóns en 2013. Entre xaneiro e xuño deste ano téñense realizado 537 doazóns, catro menos respecto do mesmo período do ano anterior. O Concello, Protección Civil e socorristas están realizando estes días unha campaña para sensibilizar á poboación, usando as megafonías das praias do municipio e repartindo información na vila para que a veciñanza poida contribuír a que moitos enfermos recuperen a súa saúde.

O Concello colabora con Vía Láctea Filmes na rodaxe de "Sicixia", primeira longametraxe rodada integramente na Costa da Morte

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello colabora con Vía Láctea Filmes na rodaxe de "Sicixia", primeira longametraxe rodada integramente na Costa da Morte

Luns 29 de xullo do 2013

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar un convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e Vía Láctea Filmes para a realización da longametraxe cinematográfica "Sicixia". A produtora Vía Láctea é ben coñecida polo éxito das súas últimas longametraxes para cine en 35 mm "Pradolongo" (2008) e "Vilamor" (2012), e agora acomete o proxecto de levar á gran pantalla a primeira película rodada integramente na Costa da Morte. Dende a preparación e a rodaxe, a comarca será tan protagonista como os propios personaxes, tendo Carballo tamén un papel fundamental, ao igual que a Costa da Morte, no aspecto paisaxístico, monumental, gastronómico e histórico, sendo a película unha plataforma para a promoción integral do municipio e poñer en valor aspectos da vila e a comarca como a lingua, o territorio, a cultura ou as tradicións. Carballo acollerá no seu momento a estrea oficial do filme, coa participación do equipo técnico e artístico, sendo tamén a vila protagonista nos labores xerais de promoción. A cinta contará con distribución internacional e presenza nos festivais de cine máis prestixiosos. Por todo o anterior, o Concello considera importante apoiar a realización do filme, polo grande interese cultural e polo impacto de promoción para o Concello e a Costa da Morte.

O Concello e os veciños e veciñas de Carballo amosan a súa solidariedade coas vítimas e feridos do accidente de Santiago

AS BANDEIRAS DA CASA CONSISTORIAL ONDEAN A MEDIA ASTA

O Concello e os veciños e veciñas de Carballo amosan a súa solidariedade coas vítimas e feridos do accidente de Santiago

Venres 26 de xullo do 2013

Con motivo do dramático accidente de tren acontecido na tarde do mércores 24 de xullo en Santiago de Compostela, o Concello de Carballo fixo un chamamento á cidadanía para que ás 12.00 horas do venres 26 de xullo participase nunha concentración diante da casa consistorial na que se gardaron cinco minutos de silencio. Arredor dun centenar de persoas se achegaron para amosar o seu respecto e solidariedade coas vítimas do terrible descarrilamento en Angrois que polo de agora ten causado 78 mortos e 130 feridos, así como coas súas amizades e familiares. Na cita participaron traballadores do Concello, a ampla maioría dos membros da corporación, e veciños e veciñas da vila. Ademais, respectando os días de loito, as bandeiras que presiden o edificio do Concello estarán a media asta. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu un acto no que desexou a pronta recuperación dos feridos, entre os que se atopan "persoas que viven entre nós" pero que "afortunadamente" parece que van sobrevivir, e desexou que "accidentes coma este non se volvan a producir". Así mesmo, quixo agradecer a "solidariedade" dos presentes. Hai que mencionar que o Concello ten suspendido as actividades culturais e lúdicas previstas para esta fin de semana incluídas no programa Verán Cultural en sinal de respecto ás vítimas.

O pleno inclúe a incorporación dun millón de euros do remanente para emprender melloras viarias en rúas e estradas do municipio

CONVENIO PARA A CESIÓN Á XUNTA DE ESPAZOS NO FÓRUM

O pleno inclúe a incorporación dun millón de euros do remanente para emprender melloras viarias en rúas e estradas do municipio

Venres 26 de xullo do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de xullo que se celebra o luns 29 a partir das 20.30 horas inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación dun expediente de suplemento de crédito para incorporar un millón de euros do remanente de tesourería e destinalo a investimento en obras de mellora en estradas e rúas do municipio. Así, o Concello conta un remanente de máis de cinco millóns de euros, dos que, descontando o crédito con entidades financieiras, restan 1,7 millóns de euros. Desa cantidade, para respectar os criterios de investimento sostible e límite de gasto que establece a normativa, o Concello propón a incorporación de aproximadamente un millón de euros do remanente cos que se mellorará a capa de rodadura en viarios estruturantes de distintas parroquias que soportan un elevado nivel de tráfico; a capa de rodadura en Nétoma-Razo, Ferradal-Bértoa e Paraíso-Berdillo; realizarase o acondicionamento da contorna do cemiterio de Berdillo; o soterramento das estruturas eléctricas no lugar da Piña en colaboración do Concello da Laracha; ou emprenderase a mellora do firme en 20 rúas do casco urbano de Carballo de máis de mil metros cadrados de superficie. Así mesmo, realizaranse actuacións de mellora da seguridade viaria, de substitución da caldeira do Concello e de acondicionamento da rúa Valle Inclán.

A Comisión de Urbanismo termina de revisar as alegacións de rangos 1 e 4 do medio rural en todas as parroquias excepto Razo

PRÓXIMA XUNTANZA O MARTES 30 DE XULLO

A Comisión de Urbanismo termina de revisar as alegacións de rangos 1 e 4 do medio rural en todas as parroquias excepto Razo

Martes 23 de xullo do 2013

A Comisión de Urbanismo vén de manter hoxe, martes 23 de xullo, unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Neste caso, os técnicos e representantes dos grupos políticos da corporación remataron co traballo iniciado o pasado día 3 de xullo de valoración das alegacións relativas ao medio rural incluídas nos rangos 1 - parcelas lindeiras sobre viario estruturante- e 4 -parcelas non lindeiras- establecidos polo equipo redactor, as que presentan tamén unha maior complexidade. Tan só quedan por aclarar algunhas dúbidas e situacións relativas a dous ou tres núcleos e revisar a parroquia de Razo, xa que é a que presenta maior número de alegacións, con máis de 200, e tamén a de maior complexidade nas reclamacións. Así, está previsto dedicarlle unha xuntanza en exclusiva. A Comisión de Urbanismo manterá unha nova reunión o martes 30 de xullo na que se abordarán os casos relativos ás alegacións clasificadas polo equipo redactor como de rango 2 -parcelas lindeiras sobre viario non estruturante- e 3 -parcelas incluídas en actuacións integrais-, así como as relativas a casos de ampliacións e aliñacións, segundo explica a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes. O obxectivo é comezar a pechar pouco a pouco a resolución definitiva das alegacións para avanzar no proceso.

Chucho encabeza o cartel do VIII Festival Sereas e Piratas que transforma Razo coa música e o deporte

SÁBADO 27 DE XULLO

Chucho encabeza o cartel do VIII Festival Sereas e Piratas que transforma Razo coa música e o deporte

Venres 19 de xullo do 2013

O Festival Sereas e Piratas cumpre oito anos na praia de Razo sendo "un dos pequenos grandes festivais de Galicia", segundo José Antonio Deus, da Asociación Cultural Rebeldía, organizadora da cita, e "mantendo a súa identidade propia", que é a de "servir de plataforma para grupos galegos e de Carballo", buscando bandas "emerxentes" que, en moitas ocasións, despois de visitaren o Sereas e Piratas, téñense convertido en referentes como é o caso de Triángulo de amor bizarro ou Delorean. Como en anos anteriores, a VIII edición, prevista para o sábado 27 de xullo, divídese en "festival de día", gratuíto e centrado na música, o deporte, un mercadillo e unha terraza con sesión vermú; e no "festival de noite", con actuacións a partir das 21.30 horas con acceso a través de entrada e que desta volta conta con Chucho como cabeza de cartel, un grupo que volve aos escenarios despois de oito anos e que ofrece en Razo o seu único concerto en Galicia. Pero antes de Chucho o escenario contará cos carballeses Holycrab; co grupo feminino vigués Wild Balbina; e co xa consagrado grupo carballés Franc3s, banda moi próxima ao festival, xa que é a súa terceira vez. Despois de Chucho, a música electrónica dos pontevedreses Músculo! animará o festival que pecha con Lagartija DJ. As entradas custan 5 € en venda anticipada e 8 € no festival o día da cita.

A Bolsa de Traballo Municipal xa conta con 655 altas e ten ofertado 32 postos de traballo dende a súa posta en marcha

A BAIXA FORMACIÓN ACADÉMICA: PRINCIPAL EIVA DOS DEMANDANTES

A Bolsa de Traballo Municipal xa conta con 655 altas e ten ofertado 32 postos de traballo dende a súa posta en marcha

Venres 19 de xullo do 2013

Un total de 812 persoas teñen demandado a súa inclusión na Bolsa de Traballo do Concello de Carballo dende a súa posta en marcha, hai oito meses. Desta cantitade, un total de 655 persoas xa están inscritas e dadas de alta, ademais de que neste intervalo xa se teñen realizado 120 modificacións nos currículum vitae. Respecto do número de empresas que teñen solicitado este servizo para cubrir un posto de traballo, son 17, con 9 de Carballo pero con outras de Cerceda, A Coruña, Ames, A Laracha ou Ponteceso. En canto ao número de postos de traballo ofertados dende a Bolsa dende a súa creación en novembro de 2012 ata o 16 de xullo de 2013, son un total de 32, con 11 ofertas tramitadas e cubertas con traballadores da Bolsa Municipal. Tamén hai que sinalar que nestes momentos hai 10 postos pendentes de cubrir por estar aínda aberto o proceso de selección. Os perfís profesionais máis demandados nas ofertas que están abertas son: axente comercial ou vendedor técnico, cociñeira, operadora de máquina de brazo inglés e profesor de carretillas. Tamén hai que resaltar que o Concello ten posto en marcha dous cursos de formación destinados aos demandantes inscritos na Bolsa de Traballo durante o mes de xullo dirixidos á mellora da empregabilidade do alumnado en novas tecnoloxías da información e comunicación.

Compartir: