Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Luz verde no pleno á adxudicación do servizo de limpeza dos colexios públicos ao Centro Especial de Emprego de Aspaber

SOBRE DA MESA A PROPOSTA DA ORDENANZA REGULADORA DE PRAIAS

Luz verde no pleno á adxudicación do servizo de limpeza dos colexios públicos ao Centro Especial de Emprego de Aspaber

Martes 3 de setembro do 2013

A corporación municipal carballesa vén de celebrar unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou por unanimidade a adxudicación do contrato administrativo de servizo de "Limpeza de colexios públicos de ensino de Infantil e Primaria do Concello de Carballo". O Centro Especial de Emprego de Aspaber, entidade gañadora do concurso, será o encargado de asumir estas tarefas por un prazo de catro anos prorrogables outros dous e por un prezo anual de 63.508,23 euros. A adxudicataria asume, así mesmo, mil horas de limpeza extraordinaria sen custo adicional. Este contrato afecta aos CEIP Bergantiños, Fogar, Razo, a varias escolas unitarias e á sede do CRA (Colexio Rural Agrupado) e supón a concentración nunha única empresa dun servizo que antes realizaban varias, o que supón un aforro aproximado de 10.000 euros para as arcas municipais. Nunha sesión que non chegou á hora de duración, tamén saíu adiante por unanimidade a modificación do Contrato administrativo de xestión do servizo público de abastecemento e saneamento do Concello de Carballo mediante a incorporación de novas instalacións. A través do acordo, a empresa Aquagest, concesionaria do servizo, asumirá a xestión doutras 44 instalacións da rede carballesa ata o final da concesión, o 31 de decembro do próximo ano.

A programación do Verán Cultural 2013 pecha coa celebración do Festival de Música e Baile Tradicional

VENRES 30 DE AGOSTO A PARTIR DAS 22.00 HORAS

A programación do Verán Cultural 2013 pecha coa celebración do Festival de Música e Baile Tradicional

Mércores 28 de agosto do 2013

A programación do Verán Cultural 2013 chega a súa recta final esta fin de semana cunha das actividades máis arraigada no tempo e encamiñada a todos os públicos que gusten da música e do baile tradicional galego, o Festival de Música e Baile Tradicional. Esta cita é un espectáculo convertido xa nun referente na programación do verán e leva moitos anos sendo unha proposta que adoita pechar o ciclo de actos que se organizan no Verán Cultural desde a Concellaría de Cultura. Un ano máis, a Banda Muncipal de Gaitas e dúas das agrupacións carballesas de máis prestixo e experiencia encargaranse de traer o mellor do noso folclore amosándonos os bailes a música e o vestiario do noso patrimonio etnográfico. Así pois, o venres 30 de agosto péchase o telón do Verán Cultural 2013 coa Banda Municipal de Gaitas e cos grupos de música e baile tradicional das Asociacións Cultural e Xuvenil de Arume de Berdillo e da Asociación Cultural Nemeth de Carballo. O acto está previsto para as 22.00 horas na Praza do Concello. No mesmo escenario e a partir das 20.00 horas, a compañía Glup Glup Teatro presenta "Catalina Lino Lina", unha cita prevista para xullo que se suspendera por mor do accidente de tren de Santiago, e que agora se recupera para o público infantil.

Bos niveis de venda e alta participación na Praza dos Libros de Carballo cuns ingresos aproximados de 15.000 euros

MÁIS DE 1.500 PERSOAS PARTICIPARON NAS ACTIVIDADES

Bos niveis de venda e alta participación na Praza dos Libros de Carballo cuns ingresos aproximados de 15.000 euros

Luns 26 de agosto do 2013

O Concello de Carballo fai unha valoración positiva da Praza dos Libros 2013, que tivo lugar entre o xoves 22 e o domingo 25 de agosto no Xardín Municipal da capital bergantiñá, na que houbo unha moi alta participación de público e visitantes, e na que practicamente se mantiveron as vendas rexistradas en edicións anteriores. Ao longo dos catro días de feira pasaron pola Praza dos Libros miles de persoas e máis 1.500 participaron nas case 20 actividades programadas, entre presentacións de libros, actos de sinatura, actividades de animación, contacontos, concertos, etc. Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos aproximados por adquisición de libros de 15.000 euros. Esta cifra é similar ás das edicións de 2009, 2010 e 2012, e algo inferior á de 2011, cando se chegou aos 17.000 euros. Tamén hai que subliñar que durante a Praza dos Libros vendéronse uns 1.500 exemplares, o 60 por cento en galego e o 40 por cento en castelán. Por terceiro ano consecutivo vendéronse máis títulos en galego ca en castelán. Os máis vendidos na lingua propia foron "Viaxe polo corazón de Bergantiños", de Xosé Pumar Gándara; "As voces baixas", de Manuel Rivas; o libro-disco "Rosalía Pequeniña", de Uxía; e "Aquel neno", de Xosé Neira Vilas.

Urbaser-UTE inviste máis de 1,5 millóns de euros no incremento de vehículos para a recollida de lixo e aumenta o número de colectores

A PLANTILLA AMPLIOUSE EN CATRO TRABALLADORES

Urbaser-UTE inviste máis de 1,5 millóns de euros no incremento de vehículos para a recollida de lixo e aumenta o número de colectores

Venres 23 de agosto do 2013

Urbaser-UTE, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo do Concello de Carballo, vén de presentar na Praza do Concello os novos medios técnicos asignados á concesión, despois de ter incrementado a plantilla do servizo en catro traballadores. Durante os primeiros meses de traballo, a nova empresa estivo prestando o servizo con medios propios provisionais, mentres se fabricaban os novos. Así, a partir de agora pásase de dous camións recolectores a catro, dos cales un conta coa peculiaridade de ser o primeiro "bicompartimentado" de Galicia, esto quere dicir que este camión poderá recoller nunha mesma viaxe dúas fraccións de lixo sen mezclalas, por exemplo papel e envases lixeiros ou envases lixeiros e materia orgánica. Este novidoso sistema será usado sobre todo para as rutas fora do casco urbano, coa intención de mellorar a eficiencia da recollida e poder recoller os colectores verdes e os de envases lixeiros que se rematarán de colocar nos vindeiros meses. Ademais, dun camión lixeiro para a recollida de cartón pasouse a recoller o cartón con camións compactadores e a incorporar un camión grúa para a recollida do vidro, os voluminosos do Punto Limpo e do Punto Limpo Móbil, así como para recoller os colectores de cartón. Incorpórase tamén un furgón multiusos e unha furgoneta para uso da canceira municipal.

O mellor da literatura e da música do 22 ao 25 de agosto na Praza dos Libros de Carballo

CONCERTOS, ACTUACIÓNS E PRESENTACIÓNS NO XARDÍN MUNICIPAL

O mellor da literatura e da música do 22 ao 25 de agosto na Praza dos Libros de Carballo

Mércores 14 de agosto do 2013

O Concello de Carballo organiza un ano máis a Praza dos Libros, a festa das letras que ten lugar na capital bergantiñá do xoves 22 ao domingo 25 de agosto, unha feira que procura achegarlle á cidadanía a creatividade cultural galega a pé de rúa. Así, literatura, actividades lúdicas, concertos, presentacións, actuacións, música, lingua, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. A Praza dos Libros deste ano conta con dous dos autores de maior proxección e recoñecemento da literatura galega, e con dúas das cantantes máis internacionais e de maior proxección da música galega. Trátase de Manolo Rivas e Neira Vilas, e de Mercedes Peón e Uxía. O mellor das letras e o mellor da música tamén coa cantante galega-palestina Najla Shami, con María Canosa, Beatriz Fraga, Xosé Pumar, etc. Ademais, na Praza dos Libros terán presenza sete librarías que traerán a creatividade galega: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e A Tenda dos Libros (de Ponteceso). O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.30 a 21.30 horas polas tardes.

O VIII Festival Sereas e Piratas celebrarase finalmente o sábado 31 de agosto mantendo o mesmo cartel

CONTARÁ COS MESMOS GRUPOS E ACTIVIDADES

O VIII Festival Sereas e Piratas celebrarase finalmente o sábado 31 de agosto mantendo o mesmo cartel

Venres 9 de agosto do 2013

Despois de que o VIII Festival Sereas e Piratas fora aprazado a causa do desgraciado accidente de tren ocorrido o 24 de xullo en Angrois (Santiago de Compostela) finalmente a organización, formada pola Asociación Cultural Rebeldía, vén de confirmar a nova data de celebración: o sábado 31 de agosto. As entradas seguen tendo validez, pero aqueles que non poidan achegarse ese día, poden devolvela no mesmo punto de venda onde a adquiriron. Así mesmo, é posible seguir mercado os tickets por 5 € en venda anticipada e por 8 € no festival o 31 de agosto. A programación permanece con todas as citas previstas, e, como en anos anteriores, divídese en "festival de día", gratuíto e centrado na música, o deporte, un mercadillo e unha terraza con sesión vermú; e no "festival de noite", con actuacións a partir das 21.30 horas con acceso a través de entrada e que desta volta conta con Chucho como cabeza de cartel, un grupo que volve aos escenarios despois de oito anos e que ofrece en Razo o seu único concerto en Galicia. Pero antes de Chucho o escenario contará cos carballeses Holycrab; co grupo feminino vigués Wild Balbina; e co xa consagrado grupo carballés Franc3s, banda moi próxima ao festival, xa que é a súa terceira vez. Despois de Chucho, a música electrónica dos pontevedreses Músculo! animará o festival que pecha con Lagartija DJ.

Cayetano Lledó presenta no Verán Cultural o seu "Very very Big International Magic Show"

VENRES 9 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS NA PRAZA DO CONCELLO

Cayetano Lledó presenta no Verán Cultural o seu "Very very Big International Magic Show"

Mércores 7 de agosto do 2013

Todos os anos chega a Carballo durante o Verán Cultural un mago para enfeitizar ao público coas súas artes. Este ano o encargado é o ilusionista Cayetano Lledó co espectáculo "Very very Big International Magic Show". Minutos antes de saír a escena, o presentador deste espectáculo descobre aterrorizado que todos os artistas dimitiron debido á crise e aos non pagamentos. Só ante o perigo e para salvar o show, este mago disfrazarase dos diferentes personaxes e artistas que formaban o "maior espectáculo internacional de maxia". Pero, como adoita acontecer nestes casos, as complicacións non rematan aquí. O novo espectáculo do ilusionista e mago galego Cayetano Lledó -especialista en mentalismo e hipnose- combina o encanto e a seducción da maxia co ilusionismo teatral, a comedia e o humor. Música, danza, mentalismo, aparicións e desaparicións de obxectos, transformacións ou malabarismos complementan este show pensado para público de todas as idades e no que, como non podía ser doutro xeito, os espectadores tamén teñen a súa cota de protagonismo. A cita está prevista para o venres 9 de agosto ás 22.30 horas na Praza do Concello e conta coa colaboración da Deputación da Coruña. Máis info sobre o Verán Cultural 2013, aquí.

Senda Nova organiza unhas Xornadas de iniciación á cartografía e á orientación para axudar a desenvolverse ao aire libre

DENTRO DO PROGRAMA VERÁN AO NATURAL 2013

Senda Nova organiza unhas Xornadas de iniciación á cartografía e á orientación para axudar a desenvolverse ao aire libre

Martes 6 de agosto do 2013

A Asociación Ambiental Senda Nova, dentro do seu programa Verán ao Natural 2013 -co que colabora o Concello de Carballo-, organiza as II Xornadas de iniciación á cartografía e á orientación, un curso no que as persoas asistentes recibirán nocións básicas de como desenvolverse cun mapa cartográfico, así como orientarse ao aire libre. A cita ten lugar entre o mércores 7 e o sábado 10 de agosto, con sesións polas tardes no Pazo da Cultura de mércores a venres e cunha saída práctica o sábado pola mañá. Os interesados en obter máis información poden facelo no número de teléfono 696 155 232 ou no enderezo electrónico <sendanova@hotmail.com>. O prezo é de 5 €, aínda que a actividade é gratuíta para socios e menores. Estas xornadas constitúen só unha das citas que Senda Nova prepara ao longo do verán, xa, ademais dunha ruta nocturna que tivo lugar a mediados de xullo en Zas, en agosto e setembro está previsto celebrar a Actividade do Socio/a e A Berra, as dúas cunha viaxe a Asturias. Nestes momentos o web de Senda Nova está sendo reformada e non está dispoñible, pero é posible obter máis información no blog da entidade <sendanova.wordpress.com>.

Unha noite nunha casa rural, un circuíto termal ou unha xornada de aventuras: premios do concurso "Carballo a un paso"

PRAZO DE PARTICIPACIÓN: ENTRE O 3 E O 18 DE AGOSTO

Unha noite nunha casa rural, un circuíto termal ou unha xornada de aventuras: premios do concurso "Carballo a un paso"

Luns 5 de agosto do 2013

O Concello de Carballo, a través da súa páxina de Facebook "Turismo Carballo", convoca un concurso de fotos para compartir e dar a coñecer lugares e momentos especiais de Carballo. Para participar, os interesados e interesadas tan só teñen que enviar a través da red social unha foto dun lugar ou dun momento vivido en Carballo na que se inclúa o logo da campaña "Carballo a un paso" coa que descurbrir un momento, lugar ou vivencia especial. Dende o sábado 3 e até o domingo 18 de agosto ás 00.00 horas poden mandarse as imaxes por mensaxe privada a través da páxina <facebook.com/turismo de carballo>. Serán publicadas na mesma páxina de Facebook na semana seguinte, entre o 19 e o 25 de agosto, tamén até as 0.00 horas. As tres que consigan máis "gústame", resultarán gañadoras. Os premios son: primeiro, unha cea con noite a almorzo incluído para dúas persoas nun aloxamento de turismo rural de Carballo; segundo, un circuíto termal para dúas persoas no Balneario de Carballo; e terceiro, unha xornada de aventura en Carballo para dúas persoas, a escoller entre bautismo de surf, ruta a cabalo ou golf.

O parque empresarial de Bértoa carballés acolle o sábado 24 de agosto o quinto circuíto BTT 12 horas

INSCRICIÓNS ATÉ O LUNS 12 DE AGOSTO

O parque empresarial de Bértoa carballés acolle o sábado 24 de agosto o quinto circuíto BTT 12 horas

Venres 2 de agosto do 2013

Carballo acolle por quinto ano consecutivo a carreira "Circuíto BTT 12 horas", unha marcha cicloturista para Bicicleta Todo Terreo (BTT) de velocidade libre e de carácter lúdico dirixida a todo aquel deportista que desexe participar conte ou non con licenza. A proba ten lugar o sábado 24 de agosto entre as 10.00 e as 22.00 horas e acolle a participación individual ou por equipos formados por entre dous e catro corredores. A proba disputarase por relevos sobre un circuíto de 8.400 metros con saída e chegada no Parque Empresarial de Bértoa de Carballo, á altura da nave de Garaysa. Segundo explica Moncho Ríos, da Asociación Deportiva Media Ducia, organizadora da cita coa colaboración do Concello de Carballo, a proba está pensada para que os máis expertos realicen unha verdadeira competición con varias voltas e para que os afeccionados tamén teñan a oportunidade de participar co "obxectivo de integrar a todos os ciclistas". Cada corredor estará conectado por chip, para que ao final da xornada poida coñecer o número de voltas que realizou, os seus tempos, etc. As incricións poden formalizarse até o luns 12 de agosto a través do web de Magma Sports ou pedindo máis información a través do web de Media Ducia www.admediaducia.es.

"Carballo a un paso" chega á Praza do Concello para seguir promovendo os atractivos turísticos da vila de do municipio

ESTARÁ ATA FINAIS DE AGOSTO NO XARDÍN MUNICIPAL

"Carballo a un paso" chega á Praza do Concello para seguir promovendo os atractivos turísticos da vila de do municipio

Xoves 1 de agosto do 2013

O stand de turismo do Concello de Carballo estará ao longo dun mes na Praza do Concello para que todas aquelas persoas que se acheguen á vila poidan saber de modo rápido e fácil todo o que o municipio ten que ofrecer. O stand encádrase na campaña turística "Carballo a un paso", que este verán está a presentar os mares e praias, os montes e ríos, a riqueza balnearia, a historia e a tradición comercial a todas as persoas que visiten a comarca. Así, está dotado dun rico banco de imaxes que amosa o mellor da paisaxe, o patrimonio e a arquitectura do municipio, ademais de contar con novos folletos turísticos dispoñibles para o público. O stand, situado a carón do Parque Infantil do Xardín Municipal e moi preto da rúa Coruña, procura unha imaxe moderna, dinámica, xuvenil e moi atractiva, simbolizada pola cor fucsia que nel predomina, ao igual que na imaxe promocional da campaña "Carballo a un paso". Trátase dunha estrutura móbil que permite anunciar o Concello de Carballo en todos aqueles espazos que poidan resultar de interese para a promoción do Concello, tales como, por exemplo, feiras turísticas. Está aberto ao público de xoves a sábado e domingo de feiras pola mañá, de 11.00 a 14.00 horas. Pola tarde, de martes a sábado, de 17.00 a 21.00 horas. Máis información no web <www.turismocarballo.com>.

Os Venres Culturais abren o mes de agosto coa música e a danza de Contra2 e a proposta "Orquestra Gharbo"

VENRES 2 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS

Os Venres Culturais abren o mes de agosto coa música e a danza de Contra2 e a proposta "Orquestra Gharbo"

Xoves 1 de agosto do 2013

Un dos pratos fortes do Verán Cultural serve para arrincar a programación do mes de agosto: o venres 2 a compañía de baile e música Contra2 ofrece o espectáculo "Orquestra Gharbo". O gharbo é fachenda e soberbia, pero tamén elegancia, desenvoltura, graza e xeito. Gharbo é unha actitude e finalmente unha historia, a historia que a compañía Contra2 conta por vez primeira en Carballo ao aire libre, a través da música e do baile tradicional fusionados con novas formas. Nun faiado desenvólvese a acción deste espectáculo no que o propio espazo e os obxectos que o ocupan toman vida como símbolo da nosa memoria colectiva no corpo dos habitantes dese fogar, nunha mestura de momentos históricos e temporais. Tangos, alalás, muiñeiras, maneos, xotas ou pasodobres cun son máis actual e influencias ben recoñecibles veñen da man de Nelson Quinteiro, director musical e escénico do espectáculo, Fran Castro, Pulpiño Viascón, Eduardo Méndez "Dubi", coa colaboración de Silvia Penide e Maghúa Pandereteiros e das actrices/performers, María Polo e Uxía Vázquez. Un elenco que fai de "Orquestra Gharbo" unha experiencia inesquecible que tamén estará dispoñible en breve en soporte dixital. A cita ten lugar ás 22.30 horas na Praza do Concello e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Compartir: