Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
A Comisión Especial de Seguridade acorda abordar a problemática de Ardaña nunha Xunta Local co Subdelegado do Goberno

JORGE ATÁN XA LLE NOTIFICOU A SITUACIÓN Á GARDA CIVIL

A Comisión Especial de Seguridade acorda abordar a problemática de Ardaña nunha Xunta Local co Subdelegado do Goberno

Venres 13 de setembro do 2013

A Comisión Especial de Seguridade do Concello de Carballo mantivo unha xuntanza o xoves 13 de setembro na que se abordaron os problemas que neste ámbito xurdiron nos últimos días na parroquia de Ardaña, na que se teñen organizado grupos de vixilancia por parte da veciñanza. Durante a reunión, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, dou conta dunha carta remitida polo Subdelegado do Goberno, Jorge Atán Castro, en resposta a unha misiva enviada dende o Concello poñendo a situación en coñecemento da Subdelegación e solicitando a intensificación da vixilancia na parroquia por parte das forzas de seguridade. Atán explica que xa ten posto en coñecemento da Comandancia da Garda Civil a petición do Concello carballés, e subliña que "o vixente marco lexislativo establece que a seguridade pública é competencia exclusiva do Estado". Porén, engade que isto "non implica que os cidadáns queden ao marxe dun tema de tanta relevancia na vida de todos", senón que deben manter "unha dimensión de colaboración coas forzas e corpos de seguridade a través da denuncia e da transmisión da información de que se dispoñe respecto de actividades presuntamente delictivas". Esa colaboración "é perfectamente legal e absolutamente benvida" e "de unha maior utilidade" que outras medidas, incluso "imprescindible" para a consecución de resultados.

Preto de 50 pilotos participan no XIV Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

DOMINGO 15 DE SETEMBRO A PARTIR DAS 10.00 HORAS

Preto de 50 pilotos participan no XIV Motocross Concello de Carballo, puntuable para o Campionato Galego

Venres 13 de setembro do 2013

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o domingo 15 de setembro o XIV Motocross Concello de Carballo, unha proba puntuable para o Campionato Galego na que está previsto que participen preto de 50 pilotos, entre eles varios campións de España. Así, hai que subliñar a presenza de Rubén Fernández García, de 14 anos e Campión de España de Promesas de 2012; de Moisés Bernárdez Carro, nove veces Campión de España; ou de Xacob Agra Carrera, piloto mundialista de enduro. Tamén hai que destacar a participación de seis pilotos de Moto Club Motor Bergantiños, entidade organizadora da cita, como son Guillermo Loureiro, Iván Moscoso, Sergio Castro, Alberto Fernández, David Couto ou Serafín Lema. Juan Puga, de Motor Bergantiños, subliña que cada edición "custa máis traballo facer as carreiras" non só polas circunstancias económicas, senón tamén porque "cada vez os pilotos teñen máis dificultades para participar". Porén, considera que chegar a case o medio centenar de corredores é un "éxito". Puga tamén subliñou que se ten traballado para deixar o circuíto "nas mellores condicións" e anunciou unha variación que se ten feito na pista, subíndose de 32 a 35 metros a meseta principal para incrementar os saltos e "contribuír ao espectáculo".

A comida elaborada polo Curso de Cociña do Fórum poderá ser aproveitada polo comedor social de Cáritas Interparroquial

SERÁ POSIBLE A TRAVÉS DUN PROTOCOLO DE COLABORACIÓN CO CONCELLO

A comida elaborada polo Curso de Cociña do Fórum poderá ser aproveitada polo comedor social de Cáritas Interparroquial

Venres 13 de setembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director de Cáritas Interparroquial de Bergantiños, Francisco Suárez Calvo, veñen de asinar un protocolo de colaboración co obxectivo de contribuír a axudar aos máis necesitados, especialmente en tempos de crise. Así, mediante este acordo, sempre que o programa formativo do Curso de Cociña que se está a desenvolver no Fórum Carballo o permita, a comida elaborada e preparada a través das prácticas laborais desta acción formativa achegarase a Cáritas para que poidan distribuíla no seu comedor social. Así, a partir de agora o servizo poderá ofrecerse tamén durante as fins de semana, xa que o catering do comedor tan só traballa de luns a venres. Coa comida elaborada polo alumnado do curso, que nesta ocasión cargaron o transporte (na imaxe) con lentellas e sándwiches, así como con natillas para os máis cativos e cativas, as familias necesitadas poderán asistir ao comedor todos os días. Francisco Suárez quixo agradecerlle ao Concello, no nome dos beneficiarios do comedor, a súa boa vontade para ceder os alimentos. Pola súa banda, Evencio Ferrero subliñou tamén a importancia que suporá para o alumnado do curso o feito de cociñar como un catering real para ofrecer un servizo real, o que, segundo tamén admitía a profesora do curso, será moi beneficioso para o programa formativo.

Escola Lubiáns celebra o seu 30 aniversario co VII Torneo de Hóckey a Patíns Concello de Carballo

DO 18 AO 22 DE SETEMBRO NO PAVILLÓN CARBALLO CALERO

Escola Lubiáns celebra o seu 30 aniversario co VII Torneo de Hóckey a Patíns Concello de Carballo

Venres 13 de setembro do 2013

Escola Lubiáns de Carballo cumpre este ano 30 anos de vida e o celebra co VII Torneo de Hóckey a Patíns Concello de Carballo no que se darán cita preto de 300 xogadores e un total de 14 clubs, incluídos os anfitrións. Entre o 18 e o 22 de setembro o Pavillón Carballo Calero da capital municipal acollerá toda unha serie de actos que comezan o mércores 18 coa actuación da Banda Municipal de Gaitas a partir das 20.30 horas e a celebración do partido inaugural ás 21.00 coa presenza do Dominicos, un equipo de 1ª Nacional, e o Cerceda, da Liga OK. Dous conxuntos "de alto nivel", segundo subliña o presidente de Escola Lubiáns, Fernando Fidalgo, que espera que ofrezan un bo espectáculo. O xoves 19 de setembro será a presentación do Club para a tempada 2013/2014, mentres que a partir do venres será a celebración do torneo propiamente dito, no que o club ten acadado a participación de "practicamente todos os equipos da provincia", en verbas de Fidalgo. Así, o 20 de setembro xóganse as semifinais en todas as categorías que son benxamín, prebenxamín, alevín e sénior; o sábado 21 é a quenda da loita polo terceiro e cuarto posto tamén para todas as categorías e para as finais, sendo as sénior a partir das 20.45. O domingo 22 está pensado como unha gran festa para os nenos e nenas das Escolas a partir das 10.30 horas.

O Concello asina un convenio de colaboración con "la Caixa" para potenciar a actividade deportiva de base

ESPECIALMENTE DIRIXIDO A MAIORES, ESCOLARES E DISCAPACITADOS

O Concello asina un convenio de colaboración con "la Caixa" para potenciar a actividade deportiva de base

Xoves 12 de setembro do 2013

Representantes de "la Caixa" e o Concello de Carballo veñen de asinar un convenio de colaboración polo que a entidade financeira potenciará no municipio, mediante unha achega económica, toda a actividade deportiva de base, e especialmente a destinada a colectivos de persoas maiores, escolares e persoas discapacitadas. Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como o Director de Área de Negocio de "la Caixa" na Coruña, José Manuel Caamaño, manifestaron a súa satisfacción por continuar cunha colaboración que permite a realización de numerosas actividades deportivas en Carballo. Caamaño quixo destacar a importancia da Obra Social "la Caixa" en Galicia, especialmente nestes momentos, "nos que a nosa entidade está a realizar un grande esforzo para seguir apoiando concellos como o de Carballo na consecución dos seus proxectos sociais, e que estes non se vexan resentidos pola conxuntura económica", declarou. Pola súa banda, o Alcalde de Carballo expresou o desexo do Concello de seguir apostando polo deporte de base, xa que o municipio ten podido converterse nun exemplo de difusión deportiva entre os máis novos. Para Ferrero, ademais, "o deporte é unha excelente plataforma para resaltar as potencialidades do municipio" e desexou que esta forma de colaboración con "la Caixa" poida continuar no futuro.

Nace en Carballo o primeiro club de atletismo da comarca de Bergantiños para saldar unha "débeda" con este deporte

MÁIS INFO E INSCRICIÓNS EN <atletismocarballo2013@gmail.com>

Nace en Carballo o primeiro club de atletismo da comarca de Bergantiños para saldar unha "débeda" con este deporte

Mércores 11 de setembro do 2013

Carballo vén de presenciar o nacemento do primeiro club de atletismo de Bergantiños e tamén o único do municipio. Trátase do Club Atletismo Carballo, que principia a súa andaina, en verbas da súa presidenta, Asun Vázquez, "para encher un baleiro" que había na zona respecto a este deporte e pola "necesidade" dun grupo de nais e pais de crear un marco para que os seus fillos e fillas puidesen practicar esta disciplina en Carballo. Vázquez subliña que a nova entidade comeza con "moitas ganas de traballar e moitísima ilusión" e abre as filas do club non só aos veciños de veciñas de Carballo, senón de toda a comarca. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que apoia o nacemento do club en nome do Concello, ao igual que a Federación Galega de Atletismo da man do seu presidente, Isidoro Hornillos, e a Fundación Luís Calvo Sanz representada por Luciano Calvo, desexoulle "moitísimos éxitos" a esta nova iniciativa e manifestou o seu soño de ver que "algún día algún veciño ou veciña de Carballo participe nuns Xogos Olímpicos". Os interesados e interesadas en anotarse no novo club ou pedir máis información poden facelo no enderezo electrónico . A cota mensual é de 15 €, incluíndo adestramentos, seguro ata 1º de ESO, licenzas deportivas, transporte para competicións e camiseta técnica para competir.

Aprobado en Xunta de Goberno o proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán cun orzamento de preto de 200.000 euros

LUZ VERDE PARA O PROGRAMA DE EXERCICIO PARA MAIORES

Aprobado en Xunta de Goberno o proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán cun orzamento de preto de 200.000 euros

Luns 9 de setembro do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar -fóra da orde do día- o proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán da capital municipal (na imaxe), cun orzamento previsto de 199.705,82 euros (IVE incluído). A actuación recolle que a vía recibirá o mesmo acabado que o treito da Rúa Desiderio Varela que transcorre entre a rúa Camiño Novo e a Rúa Colón. Así, está previsto colocar en toda a lonxitude da rúa Valle Inclán unha calzada de lastras e beirarrúas de pedra con bordes de granito negro ao mesmo nivel que a vía. O proxecto non inclúe a dotación do mobiliario urbano, aínda que está previsto realizar esta actuación no futuro, cando rematen os traballos. Coa aprobación do proxecto en Xunta de Goberno comeza xa o proceso de contratación para que as obras comecen o antes posible. O prazo de execución previsto para a actuación é de tres meses. Hai que lembrar que a rúa Valle Inclán ten sido obxecto de melloras hai pouco, coa substitución das redes de saneamento antigas por outras de PVC, unhas melloras que se completan agora cos traballos de reurbanización. A sesión tamén supuxo a aprobación, un curso máis, do Programa de Exercicio Físico para maiores de 60 anos que transcorre entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de xuño de 2014.

O Concello emprende varias accións formativas dirixidas ao sector turístico do municipio a partir do mes de setembro

INTERESAD@S INSCRIBIRSE NO MUSEO DE BERGANTIÑOS

O Concello emprende varias accións formativas dirixidas ao sector turístico do municipio a partir do mes de setembro

Luns 9 de setembro do 2013

Tal e como se tiña adiantado no pasado mes de xullo, dende o Concello de Carballo estanse a organizar distintas accións formativas dirixidas especificamente ao sector turístico do Concello. Así, desenvolveranse tres cursos entre os meses de setembro e outubro. Trátase dun Curso de Alimentación e Nutrición Saudable dirixido a hostaleiros; dun Curso de Aproximación á calidade turística para profesionais do sector; e do Curso Impactic Carballo. No primeiro caso, a actividade consta de catro sesións presenciais -que se realizarán os días 17, 19, 24 e 26 de setembro en horario de tarde- e ten como obxectivo proporcionar aos profesionais da hostalería unha primeira aproximación ás bases da nutrición e da cociña saudable, de maneira que aprendan claves, consellos útiles e posibles fórmulas para contribuír a mellorar as dietas dos seus clientes. No caso do curso de Aproximación á calidade turística, está previsto que teña lugar entre a segunda e terceira semana de outubro. A acción formativa busca un achegamento aos conceptos e a filosofía da calidade turística, xa que a través da súa implantación ofrécese ao sector a posibilidade de mellorar a súa viabilidade económica, de acadar unha maior satisfacción do cliente e de contribuír a proporcionar unha imaxe máis atractiva do territorio.

As rúas Montevideo, Río Sil, Luís Seoane, Río Ulla e Lirios pasarán a ser de sentido único a partir do sábado 7 de setembro

CONVOCATORIA DA COMISIÓN ESPECIAL DE SEGURIDADE

As rúas Montevideo, Río Sil, Luís Seoane, Río Ulla e Lirios pasarán a ser de sentido único a partir do sábado 7 de setembro

Venres 6 de setembro do 2013

A Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira informa de que, de acordo coa política de mellorar a seguridade viaria no ámbito urbano do Concello de Carballo, o sábado 7 de setembro procederase a habilitar de sentido único un total de cinco rúas da capital municipal. Trátase da rúa Montevideo (na imaxe), sentido Alfredo Brañas e Emilia Pardo Bazán; da rúa Río Sil, sentido Río Anllóns e Río Deza; da rúa Luís Seoane, á que só se poderá acceder dende a rúa Doutor Fleming e na que xa está colocado o sinal de dirección prohibida na esquina coa rúa Rosalía de Castro; da rúa Río Ulla, en sentido Río Mahón; e da Rúa Lirios, sentido Salgueiros. Trátase, segundo explica a Concellaría de Tráfico, de rúas demasiado estreitas, pouco aptas para a circulación en dobre sentido e que impiden un tránsito seguro tanto para persoas a pé como en automóbiles, e nas que se teñen rexistrado numerosas incidencias por estes motivos. En todo caso, a Policía Local seguirá avanzando no futuro informes e propostas que abonden en solucións satisfactorias tanto para o tránsito rodado como para a humanización dos espazos urbanos, non descartándose medidas similares, así como a reordenación da sinalización en outras vías da capital municipal.

Homenaxe na Alcaldía do Concello con motivo da xubilación de Constantino Vázquez, Xefe da Policía Local

DESEMPEÑOU O CARGO DURANTE MÁIS DE 38 ANOS

Homenaxe na Alcaldía do Concello con motivo da xubilación de Constantino Vázquez, Xefe da Policía Local

Venres 6 de setembro do 2013

A Alcaldía de Carballo vén de acoller un acto de homenaxe por parte tanto dos traballadores municipais como dos membros da corporación en agradecemento ao traballo realizado até o de agora, momento da súa xubilación, por Constantino Vázquez, Xefe da Policía Local. Retírase despois de máis de 38 anos "de dedicación á seguridade pública", tal e como consta na escultura de Sargadelos con forma de carballo que recibiu de parte do Concello e de mans do Alcalde, Evencio Ferrero. Tamén por parte da administración local recibiu un pin conmemorativo, mentres que de parte dos traballadores, representados por José Facal, presidente da Xunta de Persoal do Concello, recolleu un reloxo así como un xogo de copas e escanciador de viño. Estiveron presentes no acto, ademais do propio homenaxeado, Ferrero e Facal, a maioría dos concelleiros de Carballo que no seu momento asumiron as funcións de velar pola seguridade e o tráfico, como Ricardo Vilas, José Manuel Vázquez Gómez, Basilio Fraga, Carlos Puga, Ramón Eirís, Benedito Viña ou o concelleiro actual, Xosé Regueira.

Os novos socios de Telón e Aparte contarán, por 20 euros, con descontos e prioridade de adquisición para os bonos do FIOT

CAMPAÑA DE CAPTACIÓN DE ALTAS: DO 9 AO 16 DE SETEMBRO

Os novos socios de Telón e Aparte contarán, por 20 euros, con descontos e prioridade de adquisición para os bonos do FIOT

Venres 6 de setembro do 2013

A Asociación Cultural Telón e Aparte, encargada da organización cada mes de outubro do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), emprende a partir do 9 de setembro unha campaña de captación de socios para a entidade. O obxectivo é o de ofrecer novas alternativas para paliar na medida do posible os problemas derivados do aforo limitado das funcións do festival, segundo explica o presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e de seguir atendendo as necesidades dos "fioteiros", os seguidores máis fieis desta cita anual co teatro. Dende o luns 9 e até o luns 16 de setembro, quen o desexe debe cubrir un impreso de solicitude de alta de socio, que xa está dispoñible no web do FIOT , e entregalo nas oficinas da Concellaría de Cultura situadas no primeiro andar do Pazo da Cultura. A cota é de 20 euros e a condición de asociado será por período dun ano (de setembro a agosto). Os socios terán dereito á compra anticipada do bono do FIOT nun prazo exclusivo e previo á venda para o público en xeral, así como a un desconto do 20 por cento na adquisición do mesmo. Ademais, os primeiros 50 asociados terán dereito a adquirir un segundo bono, tamén en prazo anticipado. O número máximo de socios admitidos corresponderase co número máximo de bonos que se poñen á venda cada festival, un total de 175.

Continúa o traballo de revisión de alegacións ao PXOM da comisión de urbanismo nas parroquias de Cances, Entrecruces e Goiáns

NOVA XUNTANZA O VENRES 6 DE SETEMBRO

Continúa o traballo de revisión de alegacións ao PXOM da comisión de urbanismo nas parroquias de Cances, Entrecruces e Goiáns

Mércores 4 de setembro do 2013

A Comisión de Urbanismo mantivo o martes 3 de setembro unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Despois de que se estudaran todas as alegacións correspondentes aos rangos 1 - parcelas lindeiras sobre viario estruturante- e 4 -parcelas non lindeiras- en todas as parroquias excepto Razo (área que se estudará máis adiante debido á complexidade e á elevada cantidade de reclamacións), desta volta revisáronse as alegacións de rango 2 -de parcelas lindeiras sobre viario non estruturante- e 3 -de parcelas incluídas en actuacións integrais- correspondentes coas parroquias de Cances, Entrecruces e Goiáns. Continúase así co proceso para os rangos 2 e 3 que se realiza por orde alfabética e que xa está rematado nas parroquias de Aldemunde, Ardaña, Artes, Berdillo e Bértoa, nun proceso destinado a concluír coa resolución das alegacións encadradas no medio rural o antes posible. Os técnicos e representantes dos catro grupos políticos da corporación manterán unha nova reunión o venres 6 de setembro a partir das 10.00 horas, xa que o obxectivo é manter a partir de agora dúas xuntanzas á semana para axilizar o proceso. O venres reanudarase a revisión na parroquia de Lema e seguintes.

Compartir: