Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Arrinca a venda de bonos para o FIOT: a partir do 28 de setembro para público en xeral en Servinova e no 902 504 500

VENRES 23: FIN DAS INSCRICIÓNS PARA "UNHA NOITE DE FARÁNDULA"

Arrinca a venda de bonos para o FIOT: a partir do 28 de setembro para público en xeral en Servinova e no 902 504 500

Mércores 25 de setembro do 2013

Por segundo ano consecutivo, e tras o éxito acadado na pasada edición, os bonos, minibonos e entradas soltas para os espectáculos de sala e do Ciclo OTNI poderán comprarse a través do sistema de televenda de Servinova na súa páxina web www.servinova.com ou no 902 504 500. O teléfono estará operativo de 9.00 a 22.00 horas todos os días, excepto domingos e festivos. A páxina web activarase ás 9.00 horas dos días indicados. Este método de acceso a unha butaca do FIOT, que está tendo moi boa aceptación entre os usuarios, considérase unha canle de venda universal e equitativa para o público, así como rápida e accesible desde calquera lugar as 24 horas. Os primeiros en poder comprar os bonos serán os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte durante dous días, desde as 9.00 horas do xoves 26 ás 22.00 horas do venres 27 de setembro. O pago realizarase exclusivamente con tarxeta e por teléfono xa que deberán identificarse como socios. En total, poñeranse á venda 175 bonos para asistir a todas as representacións e, no caso dos socios, aplicarse un desconto do 20 por cento sobre o prezo de venda (49,6 €). Así mesmo, tal e como xa se avanzara, os 50 primeiros socios do FIOT teñen dereito a adquirir un segundo bono no mesmo prazo reservado para eles.

A Xunta Local de Seguridade valora a colaboración cidadá nas denuncias dos actos delituosos

CONSTÁTASE UN DESCENSO NO NÚMERO DE INCIDENCIAS

A Xunta Local de Seguridade valora a colaboración cidadá nas denuncias dos actos delituosos

Mércores 25 de setembro do 2013

A Xunta Local de Seguridade do Concello de Carballo vén de manter unha reunión extraordinaria na que se constatou un bo comportamento dos índices de seguridade en todo o conxunto do municipio e tamén en concreto na parroquia de Ardaña, que se examinou en profundidade en resposta a unha demanda veciñal. Segundo subliñaron tanto o Subdelegado do Goberno, Jorge Atán Castro, como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que co presidiron unha xuntanza de preto de hora e media de duración, os índices amosan un descenso no número de delictos respecto do mesmo período do ano anterior. Así mesmo, Atán e Ferrero subliñaron a implicación, sintonía e colaboración existente entre todas as forzas e corpos de seguridade presentes no municipio e valoran a colaboración dos veciños e veciñas mediante a denuncia de feitos delictuosos así como na información ás autoridades competentes de calquera conduta ou feito sospeitoso na súa contorna como fórmulas que redundan en beneficio de toda a comunidade. A reunión tamén serviu para realizar un balance positivo da campaña de verán que se tiña preparado na anterior Xunta Local de Seguridade, celebrada o pasado 6 de xuño.

Aspaber e o Alcalde formalizan o contrato de "Limpeza de colexios públicos de ensino de Infantil e Primaria do Concello de Carballo"

O CENTRO ESPECIAL DE EMPREGO PRINCIPIA CO TRABALLO EN OUTUBRO

Aspaber e o Alcalde formalizan o contrato de "Limpeza de colexios públicos de ensino de Infantil e Primaria do Concello de Carballo"

Martes 24 de setembro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o presidente de Aspaber (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños), Francisco Costa e a súa xerente, Dolores Fernández veñen de asinar na alcaldía o contrato administrativo de servizos de "Limpeza de colexios públicos de ensino de Infantil e Primaria do Concello de Carballo". O Centro Especial de Emprego de Aspaber foi a empresa gañadora do concurso e será a encargada de asumir estas tarefas por un prazo de catro anos prorrogables outros dous e por un prezo anual de 63.508,23 euros. A adxudicataria asume, así mesmo, mil horas de limpeza extraordinaria sen custo adicional repartidas entre todos os centros afectados polo contrato (CEIP Bergantiños, Fogar, Razo, varias escolas unitarias e a sede do CRA (Colexio Rural Agrupado)) e entre os catro anos de duración (250 horas por ano). Coa sinatura deste contrato concéntrase nunha única empresa un servizo que antes realizaban varias, o que supón un aforro aproximado de 10.000 euros para as arcas municipais. Segundo explicou Dolores Fernández durante a sinatura, neste momento dende Aspaber están realizando o proceso de selección de persoal, e calcula que o traballo implicará alomenos a contratación de dez persoas, aínda que non se descarta que sexan máis.

O proxecto Pedibús de Camiños Escolares arrinca en Carballo cun percorrido con arredor de 20 nenos e nenas do colexio Fogar

UNHA COMISIÓN DE SEGUIMENTO VALORARÁ OS AVANCES DA INICIATIVA

O proxecto Pedibús de Camiños Escolares arrinca en Carballo cun percorrido con arredor de 20 nenos e nenas do colexio Fogar

Luns 23 de setembro do 2013

Arredor de 20 nenos e nenas do CEIP Fogar da capital municipal veñen de poñer en marcha o proxecto Pedibús, unha iniciativa da Concellaría de Seguridade e Tráfico que dirixe Xosé Regueira que pretende poñer en marcha Camiños Escolares de acceso aos principais centros de ensino da vila para que os cativos e cativas vaian andando cada día ao colexio. O obxectivo é avanzar nunha alternativa de mobilidade para o alumnado dos centros de ensino do casco urbano carballés, creando rutas peonís nas que os nenos e nenas teñan contacto directo coa súa contorna cotiá, o seu barrio e as súas xentes. Xosé Regueira realiza un balance positivo desta primeira xornada, na que nais e pais voluntarios acompañaron aos alumnos e alumnas por cinco rutas que funcionan como se se tratase de paradas de autobús. Así, en determinados puntos é onde se recolle aos nenos e nenas que se van incorporando á ruta ata que conflúen todas na rúa Alfredo Brañas, dende onde xa van todos xuntos ata o Fogar, primeiro centro no que se ten posto en marcha o proxecto. O venres 20 de setembro arredor de 30 nais e pais, incluíndo algúns do CEIP Bergantiños, no que tamén se quere implantar a iniciativa, analizaron nunha xuntanza as principais claves dos Camiños Escolares ademais de recibir o material necesario. As reunións faranse cada semana nunha comisión de seguimento para reforzar os avances e solucionar os problemas que puideran xurdir.

Aprobado o contrato de obras para a "Mellora da capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)"

AXUDAS PARA UN PROXECTO DE ECOTURISMO EN RAZO-BALDAIO

Aprobado o contrato de obras para a "Mellora da capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)"

Luns 23 de setembro do 2013

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, fóra da orde do día, o Contrato administrativo de obras de "Mellora da capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)" que contan cun orzamento de contrata de 110.765,53 euros (IVE incluído). Entre os criterios de adxudicación hai que subliñar o programa de traballo, a oferta económica ou a redución do prazo de execución, así como as melloras sen custe adicional. Tamén fóra da orde do día, aceptouse a axuda para un Plan de Dinamización de Ecoturismo en Razo-Baldaio (na imaxe). Así, a través da primeira convocatoria de axudas do ano 2013 do Grupo de Acción Costeira 3 - Costa da Morte, a Consellería do Medio Rural e do Mar acorda conceder unha acuda de carácter plurianual para o desenvolvemento desta iniciativa, cun importe de 2.800 euros para 2013 e unha achega de 36.568 euros para 2014, sendo o importe total de 39.368 euros. Así mesmo, aceptouse unha subvención da Consellería de Economía e Industria ao abeiro da orde do 13 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o soterramento de infraestruturas eléctricas que transcorran por un ou varios termos municipais da comunidade autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) na convocatoria 2007-2013.

O FIOT 2013 achega o teatro aos máis cativos e cativas da man dun novidoso campamento nocturno no Pazo da Cultura

INSCRICIÓNS DO LUNS 23 AO VENRES 27 DE SETEMBRO: 25 PRAZAS

O FIOT 2013 achega o teatro aos máis cativos e cativas da man dun novidoso campamento nocturno no Pazo da Cultura

Luns 23 de setembro do 2013

O XXII Festival Internacional Outono de Teatro preséntase este ano, por primeira vez, cun fillo moi artista debaixo do brazo, o "Fiotiño". Este novidoso concepto na traxectoria do Festival carballés quere reunir a parte máis lúdica e didáctica do FIOT concibida para achegar aos nenos e nenas ao teatro. A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do FIOT, queren sumarse así á tendencia de todos os grandes teatros do mundo que optan por ofrecer programas estables, actividades e espazos que achegan as artes escénicas aos máis novos. O campamento nocturno "Unha noite de farándula", enmarcado nas Actividades Paralelas do programa, xurdirá cando as butacas queden baleiras e as luces do escenario se apaguen. O equipo de monitores aproveitará a fascinación da noite para facer un percorrido pola evolución da historia do teatro e para mostrarlles aos cativos os segredos que se agochan tras as bambolinas, á vez que xogan e se divirten mentres se introducen nas distintas artes escénicas. O feito de que durman baixo os focos axudaraos a una mellor comprensión da maxia do teatro.

A tempada de verán nas praias do municipio sáldase con cinco salvamentos e máis de 500 atencións nos botiquíns

A EXCELENTE CLIMATOLOXÍA FAVORECEU A AFLUENCIA AOS AREAIS

A tempada de verán nas praias do municipio sáldase con cinco salvamentos e máis de 500 atencións nos botiquíns

Venres 20 de setembro do 2013

A Unidade de Salvamento Acuático do Concello de Carballo -que actúa nas praias do municipio durante a tempada de verán- vén de ofrecer os datos das principais incidencias rexistradas entre os meses de xuño e setembro. Este ano, a afluencia aos areais ten sido moi elevada, especialmente durante o mes de xullo e primeiros de agosto, debido á boa climatoloxía. Así, o verán saldouse cun total de cinco salvamentos, dous en Razo, dous nas Saíñas e un en Pedra do Sal. Os datos contrastan cos rexistrados en 2012, en que houbo un único operativo de rescate, mais hai que lembrar que o tempo non foi tan soleado e a afluencia aos areais foi menor na tempada pasada. Respecto dos rexistrados en 2013, o primeiro deles foi no mes de xuño en Razo; o segundo, tamén en Razo, o luns 22 de xullo, nun operativo para rescatar a dúas persoas; o 31 do mesmo mes houbo que sacar a un mozo de 22 anos de Carballo na zona de Pedra do Sal. En agosto, o cuarto rescate foi o martes 20 nas Saíñas, na zona das pontes de Baldaio, en que houbo que sacar a un rapaz de 18 anos, e a outro de 23, veciños de Carballo; o último salvamento produciuse o luns 26 de agosto e afectou a un home de 50 anos e con domicilio en Madrid. Entre os incidentes menores, chamáronse dúas ambulancias: unha en xullo por un posible golpe de calor; e outra en agosto para unha surfeira que rexistraba dores en costas e pescozo.

O FIOT 2013 trae a Carballo nomes como o de Juan Diego Botto e Malena Alterio, e vellos coñecidos como Ron Lalá ou Titzina

50 ACTIVIDADES TEATRAIS ENTRE O 3 E O 31 DE OUTUBRO

O FIOT 2013 trae a Carballo nomes como o de Juan Diego Botto e Malena Alterio, e vellos coñecidos como Ron Lalá ou Titzina

Venres 20 de setembro do 2013

O FIOT 2013 cumpre 22 anos sendo "un dos mellores festivais de Galicia e dos máis importantes do norte peninsular". Así define Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do festival xunto co Concello de Carballo, a calidade do programa do FIOT 2013. Máis de 50 actividades relacionadas co teatro repartidas entre a Rúa dos Contos, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), as funcións de sala e a animación de rúa, que se verán apoiadas por numerosas actividades paralelas. Actores como Juan Diego Botto ou Malena Alterio, directores como Sergio Peris-Mencheta ou Claudio Tolcachir e compañías xa coñecidas para o FIOT como Titzina Teatre ou Ron Lalá encherán o auditorio do Pazo da Cultura. Un ano máis, todas as obras xiran arredor dun fío que leva dun espectáculo a outro. Neste caso o número 22 que identifica a edición suxire o tema das semellanzas e diferenzas que existen entre as parellas presuntamente de iguais. Respecto da venda de entradas, este ano introdúcese a figura do socio, de novo coa arela de premiar aos fioteiros máis fieis e facilitar a adquisición de bonos. A iniciativa tivo un grande éxito con preto de 100 novos asociados. Para o público en xeral, continúa o sistema do ano pasado, xestionándose bonos, minibonos e entradas unicamente a través da televenda por Internet en ; e tamén no 902 504 500.

A Comisión de Urbanismo termina de revisar todas as alegacións correspondentes ao medio rural, excepto na parroquia de Razo

NA PRÓXIMA XUNTANZA ABORDARANSE OS NOVOS ASENTAMENTOS

A Comisión de Urbanismo termina de revisar todas as alegacións correspondentes ao medio rural, excepto na parroquia de Razo

Xoves 19 de setembro do 2013

A Comisión de Urbanismo mantivo o mércores 18 de setembro unha nova xuntanza dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Nesta reunión rematouse coa revisión de todas as alegacións correspondentes co medio rural do municipio, a excepción da parroquia de Razo, que polo número de reclamacións que lle corresponden, así como pola complexidade das mesmas, será necesario analizar nunha xuntanza en exclusiva. Na próxima comisión, que está previsto que se celebre o luns 23 de setembro a partir das 17.00 horas, abordaranse as alegacións relativas a novos asentamentos e de rematarse co proceso, na seguinte reunión, prevista para o mércores 25, continuaríase con Razo para saldar o rural definitivamente e principiar a analizar o casco urbano da capital carballesa. En todo caso, hai que subliñar que moitas das decisións tomadas neste proceso poden ser revisadas no futuro, en caso de que entren en contradición con parámetros xerais do documento, tales como as limitacións de solo residencial. De todos os xeitos, a maior parte da carga de traballo para o rural estaría concluída.

Consenso entre os voceiros municipais para aprobar a Ordenanza reguladora das Praias do Concello de Carballo

A NORMA SOMETERASE Á RATIFICACIÓN DO PRÓXIMO PLENO

Consenso entre os voceiros municipais para aprobar a Ordenanza reguladora das Praias do Concello de Carballo

Martes 17 de setembro do 2013

O voceiros dos grupos políticos municipais do Concello de Carballo acadaron, nunha xuntanza celebrada o luns 16 de setembro, o consenso para poder levar a Ordenanza reguladora de Praias á aprobación unánime do pleno na próxima sesión da corporación, que terá lugar a finais do mes de setembro. Así, durante esta semana realizarase a redacción dos artigos revisados, para axilizar o proceso. Nunha reunión de arredor dunha hora de duración debatéronse os principais puntos dunha normativa, a primeira no municipio referida en exclusiva ás praias, que pretende favorecer a convivencia entre todos os usuarios e usuarias dos areais, desde os bañistas, a paseantes, deportistas ou posuidores de animais domésticos. Na cita estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte e Medio Ambiente, Marcos Trigo; o Xefe de Protección Civil de Carballo, Javier Souto; e Juan Carlos Castro, Manuel Andrade e José Antonio Viña en representación dos grupos municipais de PP, TEGA e PSOE, respectivamente. A aprobación da normativa xa fora debatida no pleno ordinario de agosto, mais despois de que se tiveran manifestado algunhas dúbidas respecto dalgúns dos seus puntos, especialmente no referente a sancións, acordouse que o asunto quedara sobre da mesa para intentar acadar unha ratificación unánime, como así ten sucedido.

O Xiria Pop celebra a súa XVI edición demostrando que cun orzamento modesto pódese ofrecer moi boa música

VENRES 20 E SÁBADO 21 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN

O Xiria Pop celebra a súa XVI edición demostrando que cun orzamento modesto pódese ofrecer moi boa música

Martes 17 de setembro do 2013

O Festival Xiria Pop volve de novo a Carballo no mes de setembro para ofrecer o mellor do pop e do rock do panorama nacional e internacional. Una cita na que se aposta pola calidade do directo e que atrae a moito público de toda Galicia e incluso de puntos de toda España, segundo subliña o Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez. Nesta XVI edición mantén a filosofía de citas anteriores de que "non fai falta pagar moitos cartos para ofrecer música de calidade". Así o asegura Xabier Graña, de O Molete Psicopop, asociación organizadora dun festival que ten un orzamento total, incluíndo os desprazamentos e aloxamentos dos grupos, de 10.000 euros. Este ano o Xiria Pop conta co estadounidense Javier Escovedo como cabeza de cartel. Escovedo, que actúa o venres 20 de setembro, é coñecido por ser o cantante, guitarrista e principal compositor da lendaria banda de punk rock de finais dos anos 70, The Zeros. Os "Ramones Mexicanos", como se lles coñecía pola súa ascendencia chicana e o seu son sucio e punk, foron un grupo fundamental na explosión punk de Los Ángeles daquela época. Na súa carreira en solitario ten sacado tan só un par de discos e no Xiria Pop presenta o seu último traballo. Ofrece en Carballo o penúltimo concerto da súa xira española -o único en Galicia- e conta cun directo moi potente.

Telón e Aparte convoca a voluntarios para o FIOT e pecha a campaña de captación de socios cun centenar de incorporacións

XUNTANZA PARA OS VOLUNTARIOS: MARTES 17 ÁS 20.00 HORAS

Telón e Aparte convoca a voluntarios para o FIOT e pecha a campaña de captación de socios cun centenar de incorporacións

Luns 16 de setembro do 2013

A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo están ultimando os detalles da organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo 2013, que este ano celebra o seu XXII aniversario. No 2010 iniciouse con moito éxito unha campaña de captación de voluntarios para colaborar nas actividades do Festival, co afán de implicar ao tecido social e aos afeccionados ao teatro na organización e desenvolvemento do mesmo. O resultado foi a formación dun equipo de voluntarios dinámico e competente que facilitou que as diversas actividades do FIOT se puidesen levar a cabo de forma óptima. Dado o grao de implicación do equipo formado hai tres anos, e tendo en conta que o FIOT vai medrando cada ano e a súa organización vai adquirindo unha maior complexidade, nesta edición lánzase novamente a convocatoria para os colaboradores voluntarios que desexen unirse ao equipo de traballo xa consolidado. O labor dos voluntarios será o de colaborar, en función da súa dispoñibilidade, coñecementos, aptitudes e intereses, con tarefas sinxelas que axuden ao desenvolvemento das actividades, sempre coa dirección do persoal responsable do Festival.

Compartir: