DO VENRES 4 AO SÁBADO 5 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA
Xoves 3 de outubro do 2013
Arredor de trinta nenos e nenas de entre 6 e 12 anos participarán desde o venres 4 de outubro ás 19.00 horas até o sábado 5 ás 11.00 horas no campamento nocturno "Unha noite de farándula" que se desenvolverá no recinto teatral do Pazo da Cultura de Carballo (na imaxe). A acollida desta actividade, enmarcada dentro das accións infantís do FIOT denominadas "Fiotiño", superou as expectativas iniciais xa que incluso houbo que habilitar algunha praza máis das contempladas. Cando as butacas queden baleiras e as luces do escenario se apaguen, o equipo de monitores que acompañará ao grupo durante case 20 horas aproveitará a fascinación da noite para envolver aos nenos e nenas na maxia do teatro. Tras a recepción (19.00 horas), comezarán (19.15 - 20.00 horas) facendo un percorrido pola evolución da historia teatral e mostraráselles aos cativos e cativas os segredos que se agochan tras as bambolinas, á vez que xogan e, sobre todo, se divirten, mentres se introducen nas distintas disciplinas das artes escénicas. Logo (20.00 -2 1.30 horas), os nenos e nenas desenvolverán unha serie de dinámicas e exercicios teatrais que os axudarán a afacerse ao escenario, converténdoo nun espazo de xogo.
EN LUGO ENTRE O XOVES 3 E O DOMINGO 6 DE OUTUBRO
Xoves 3 de outubro do 2013
Carballo participa, xunto con outras 24 cidades de Galicia e do Norte de Portugal na primeira edición de Expocidades, a feira de turismo na que participan as poboacións pertencentes ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, e que se celebra en Lugo, desde o xoves 3 de outubro e até o domingo 6, coincidindo coa gran afluencia de público que acode á cidade das murallas estes días con motivo do San Froilán. O Concello participa coa presentación da campaña de promoción turística que se inaugurou a principios de verán, "Carballo a un paso". Quen se acerque ao stand presente nesta feira poderá coñecer así os recursos turísticos do municipio, consultar os novos folletos turísticos de Carballo (a Guía Xeral, a Guía da Costa e a guía da Ruta das Férvedas) e ter acceso, así mesmo, ao novo web (). Expocidades ten como fin promover o turismo de proximidade entre as cidades que conforman o Eixo Atlántico, unha asociación nacida en 1992 que integra até un total de 34 concellos de Galicia e do Norte de Portugal. A feira estará aberta en horario de doce do mediodía a nove da noite, na zona de aparcamento do Seminario Menor de Lugo, un céntrico edificio da cidade.
A COMPAÑÍA TAMÉN PRESENTA "EUROZONE" NA PROGRAMACIÓN DE SALA
Xoves 3 de outubro do 2013
Grupo Chévere, unha das compañías máis veteranas do teatro galego presenta en Carballo no marco do FIOT dous espectáculos de moi diferente formato pero igualmente atractivos para o espectador. No marco da XV Rúa dos Contos traen "Ultranoite", un cabaré distinto feito en Galicia que, segundo explica un dos seus integrantes, Miguel de Lira, acaba sendo "unha revista satírica de actualidade" na que collen unha ampla variedade de formatos que van dende o teatro, o monólogo, o music-hall, o café teatro, o vodevil, a performance ou incluso produtos audiovisuais para "facer escarnio da realidade", en verdas de De Lira. Outra das características de esta "Ultranoite" que leva máis de 20 anos de traxectoria é que, tamén segundo De Lira, derruba "a cuarta parede" e o público achégase ao feito teatral participando no espectáculo ademais de gozando del. Neste caso, Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, subliña a presenza como patrocinador de Estrella Galicia, precisamente por ese aire máis informal e distendido que permite ao público meterse nun "ambiente cabareteiro" moi peculiar e tomar algo mentres observa o espectáculo. As entradas para "Ultranoite" poden mercarse por 6 € máis gastos de xestión a través das canles habituais do FIOT en ou no 902 504 500.
ENTRADAS: NOS LOCAIS DE CADA CITA EXCEPTO PARA "ULTRANOITE"
Mércores 2 de outubro do 2013
A Rúa dos Contos, o programa máis noctámbulo do Festival Internacional Outono de Teatro, cumpre 15 anos cunha intensa proposta de sorprendentes espectáculos e compañías que encherán as noites das dúas primeiras fins de semana de outubro. O obxectivo, achegar o teatro a todos os tipos de público en escenarios pouco habituais, pero que despois de tantos anos son xa unha das citas máis esperadas do FIOT. "É un festival dentro do festival", asegura o presidente da AC Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Como vén sendo habitual, a Rúa dos Contos é a antesala da Programación de Sala e do Ciclo OTNI do FIOT. Esta edición dá un paso máis propoñendo clásicos na narración como Paula Carballeira, Avelino González, José Campanari ou Xosé Touriñán. Contadores emerxentes como María da Pontragha ou Ricardo Barreiro e o máis tradicional da nosa cultura como o duelo dialéctico dos regueifeiros de Xornes (Ponteceso). Tanxarina, unha das compañías de títeres máis importantes de Galicia, trae a Carballo o conto acompañado de monicreques. A variedade da oferta compleméntase con outras opcións que integran a música e a canción, como no espectáculo do polifacético showman Illanes ou o das poetisas Aldaolado; contacontos para nenos con Santi Prego; maxia con Cayetano Lledó ou incluso microcabaret con Nelson Quintero.
LUZ VERDE PARA A LICITACIÓN DE ONCE POSTOS DO MERCADO MUNICIPAL
Martes 1 de outubro do 2013
O pleno da corporación reunido en sesión ordinaria o luns 30 de setembro aprobou por unanimidade a Solicitude de transferencia da propiedade do edificio da Cámara Agraria, situado na contorna da Milagrosa, en desuso dende hai décadas e nestes momentos pertencente á Xunta de Galicia. En 2008, a Consellería de Medio Rural tentara rehabilitalo, mais finalmente un estudo revelou que o arranxo do inmoble non resultaba rendible, tanto polos custos derivados como pola súa escasa superficie útil. Por tanto, con esta resolución plenaria o Concello solicita á Consellería de Presidencia que se transfira a propiedade do edificio ao Concello para que poida ser derrubado e aproveitar o espazo para gañar praza pública no barrio da Milagrosa. A sesión tamén supuxo luz verde, aínda que non por unanimidade, para o Contrato administrativo especial para as "Concesións administrativas dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo". Nestes momentos hai varios espazos libres, polo que está previsto sacar a licitación un total de once postos e cinco almacéns do Mercado. Porén, as condicións varían respecto de licitacións anteriores, xa que, até o de agora, o prazo estipulado era sempre de 20 anos. Desta volta os interesados e interesadas deciden a oferta económica anual e puxan polos anos que queren manter a concesión, que pode ir dende un ata os 20 de máximo.
SÁBADO 31 DE AGOSTO E DOMINGO 1 DE SETEMBRO
Luns 30 de setembro do 2013
O núcleo urbano de Carballo acolle o sábado 31 de agosto e domingo 1 de setembro a oitava edición de Berocasión, que abre as súas portas o sábado a partir das 10.00 horas coa visita de Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo e do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. A feira do vehículo de ocasión, que dispón dunha exposición de máis de 300 vehículos, ten como participantes nesta nova edición a Automóviles Dimolk, Automóviles Caeiro, Gonzacar, Breogán Motor, Automóviles Vilas Rama, Motor Carballo e Talleres J. Lema. O lugar elixido para a celebración da feira é un ano máis a zona do Parque Rego da Balsa (rúas Anxel Fole, Enrique Sánchez e Avilés de Taramancos), e o horario de apertura previsto é de 10.00 a 22.00 horas. Os visitantes atoparan gran variedade de vehículos de ocasión, seminovos e kilómetro cero, e os participantes ofertarán promocións especiais para os compradores ao longo de toda a fin de semana. Esta cita supera cada ano as expectativas en canto a número de visitantes e vendas realizadas. Para facilitar a instalación e o funcionamento da feira, o Concello de Carballo cortará o acceso e reservará o aparcamento das rúas colindantes ao Parque do Rego da Balsa dende o venres 30.
TICKETS E MINIBONO A Á VENDA EN SERVINOVA.COM E NO 902 504 500
Luns 30 de setembro do 2013
A organización do FIOT 2013 informa de que están agotados tanto o Minibono B -para as obras dos días 25 ("Distancia siete minutos" - Titzina Teatre), 26 ("Criaturas" - Teatro do Aquí), 27 ("Las cosas también tienen mamá" - La Mona Ilustre), 29 ("Maridos y Mujeres" - Teatro de la Abadía) e 31 de outubro ("Emilia" - Prod. Teatrales Contemporáneas)- como as entradas soltas para os espectáculos "Un trozo invisible de este mundo" de Producciones Cristina Rota e Teatro Español, con Juan Diego Botto (domingo 20 de outubro) que deixaron de estar dispoñibles media hora despois de poñerse á venda hoxe, luns 30 de setembro; e para "Emilia", de Produccións Teatrales Contemporáneas, con Malena Alterio (xoves 31 de outubro, última función do FIOT 2013). Ás 15.00 horas do luns 30 de setembro quedan moi poucas entradas para "Eurozone" do Grupo Chévere (tan só 2 localidades), "Siglo de Oro, Siglo de Ahora (Folía)" de Ron Lalá (13 entradas) e para "Maridos y Mujeres" de Teatro de la Abadía (18 entradas). Telón e Aparte cualifica este ritmo de venda de "éxito rotundo" xa que tan só cinco horas despois de que os tickets estiveran dispoñibles na plataforma de Servinova as entradas están a punto de agotarse para a maioría das funcións de sala. Ademais, tan só quedan 14 Minibonos A dispoñibles.
A PARTIR DO LUNS 30: MINIBONOS E ENTRADAS SOLTAS
Sábado 28 de setembro do 2013
Hoxe sábado 28 de setembro ás 10.16 horas rematou a venda dos 175 bonos da 22ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) o que supón que máis do 50 por cento do aforo do Pazo da Cultura de Carballo, que conta con 338 localidades, estará ocupado durante a Programación de Sala. A venda de bonos para o público en xeral comezou hoxe ás 9.00 horas a través do sistema de televenda de Servinova mentres que para os socios, estivo aberta os pasados xoves 26 e venres 27. En cifras globais, a adquisición dos bonos en pouco máis de dous días, por teléfono ou web, suporía a venta directa de 1.575 entradas para as nove funcións centrais do Festival. O prezo dos bonos para o público en xeral foi de 62 € e 55 € o reducido (estudantes, parados e maiores de 65 anos) considerándose esta unha cantidade moi axustada en relación á calidade e ao interese das funcións. A boa acollida dos abonamentos é unha proba máis de que os espectadores respaldan co seu interese e ilusión o FIOT que, tal e como sinalou o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, o día da presentación, neste 2013 se consolida como un dos mellores festivais de teatro do noroeste peninsular e un referente nas artes escénicas pola magnitude e calidade das propostas presentadas.
SOLICITUDE PARA PODER DERRUBAR O EDIFICIO DA CÁMARA AGRARIA
Venres 27 de setembro do 2013
A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro, que ten lugar o luns 30 a partir das 20.30 horas, inclúe entre os asuntos da orde do día a aprobación do Contrato administrativo especial para as "Concesións administrativas dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo". Así, o Alcalde, Evencio Ferrero, explica que hai varios postos libres e tanto concesionarios actuais de postos do mercado como comerciantes alleos á praza de abastos queren optar á concesión, así como ao uso dalgún dos almacéns. Por ese motivo, está previsto sacar a licitación un total de once postos e cinco almacéns do Mercado. Porén, as condicións varían respecto de licitacións anteriores, xa que, até o de agora, o prazo estipulado era sempre de 20 anos. Desta volta os interesados e interesadas deciden a oferta económica anual e puxarán polos anos que queiran manter a concesión, que pode ir dende un ano ata os 20 marcados como máximo. Ademais da oferta económica anual, que ten un peso de 90 puntos na oferta, tamén se terá en conta o proxecto de explotación presentado, valorado en 10 puntos. Outro dos puntos da orde do día é o de Solicitude de transferencia da propiedade do edificio da Cámara Agraria, situado na contorna da Milagrosa, en desuso dende hai décadas e nestes momentos pertencente á Xunta de Galicia.
INSCRICIÓNS NO CONCURSO DE TEATRO LIDO: ATÉ O MÉRCORES 2
Venres 27 de setembro do 2013
O Concello de Carballo informa de que as entradas soltas para o Programa de Sala e o Ciclo OTNI do FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) 2013 poderán comprarse desde o luns 30 de setembro ata o día antes de cada función polo sistema de televenta. Só poderán adquirirse un máximo de catro pases por persoa. Na xornadas da representación, a billeteira do Pazo da Cultura abrirase de 19.30 a 21.00 horas por se quedasen entradas sobrantes da televenta en Servinova. Do mesmo xeito, hai que lembrar que desde o ábado 28 e até o xoves 3 de outubro está aberto o prazo para que o público en xeral compre os bonos da 22ª edición do FIOT. O prezo dos bonos para o público en xeral é de 62 € e 55 € o reducido (estudantes, parados e maiores de 65 anos). Respecto dos minibonos, tanto o minibono A coma o B poderán adquirirse desde o luns 30 de setembro. No primeiro caso o prazo está aberto até o mércores 9 de outubro por 35 €; no segundo até o mércores 23 de outubro por 40 €. Ao minibono A correspondénlles as obras dos días 11 ("André e Dorine" - Kulunka Teatro), 12 ("Eurozone" - Grupo Chévere), 19 ("Siglo de Oro, Siglo de Ahora (Folía)" - Ron Lalá) e 20 ("Un trozo invisible de este mundo" - Prod. Cristina Rota e Teatro Español).
NA PRÓXIMA XUNTANZA ABORDARANSE AS RECLAMACIÓNS DE ARNADOS
Xoves 26 de setembro do 2013
A Comisión de Urbanismo vén de manter dúas xuntanzas esta semana dentro do proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM). Na primeira delas, celebrada o luns 23, abordouse a situación dos novos asentamentos previstos no PXOM. Examináronse un total de 16 e aínda que non se van incluír todos no documento final, si está previsto aceptar a maioría e realizar modificacións nalgúns outros. En todo caso, cando se remate co proceso haberá que ter en conta a visión xeral do documento no que respecta á edificabilidade para ver se é posible incluír todos os asentamentos que recibiron o visto e prace da comisión. O mércores 25 tivo lugar unha nova xuntanza, neste caso, e despois de rematar co proceso de revisión de alegacións en todo o medio rural, para abordar a parroquia de Razo, que dada a súa complexidade e o elevado número de reclamacións coas que conta, fora deixada para o final para tratala en profundidade. Os técnicos e os membros da corporación conseguiron rematar coa revisión de alegacións en Razo da Costa, mentres que Arnados abordarase na próxima xuntanza.
UN TOTAL DE 32 FORON RECUPERADOS POLOS SEUS DONOS
Xoves 26 de setembro do 2013
Despois da publicación no BOP da Coruña o pasado 6 de agosto da Ordenanza de Control Animal do Concello de Carballo, a empresa Servigal-UTE Carballo vén de comezar a xestión da canceira municipal en base a esta norma. Entre os cambios máis importantes que se establecen nesta ordenanza está que ningún propietario poderá retirar o seu can sen o "microchip" de identificación. Cando se recolle un can da rúa mobilízanse varios operarios de Carballo Limpo, da Brigada de Obras e incluso da Policía Local, polo que unha pequena parte deste custe así como da atención durante os días que o can estea aloxado na canceira, terá que ser abonada polo propietario ou propietaria. Un dos obxectivos principais deste servizo é a consecución de adopcións dos cans non identificados e que non son recuperados polos seus donos. Estes cans poderán ser recollidos dentro de todas as normas legais e sanitarias establecidas e a concesionaria entregará o animal desparasitado, vacunado, con "microchip", e realizará todas as tarefas administrativas incluíndo o rexistro no REGIAC (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía), sendo o custe total de 50 euros por adopción.