Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Quince locais hostaleiros participan na iniciativa "Dálle un bocado ao FIOT", unha ruta gastronómica inspirada no festival

OS DÍAS DE FUNCIÓN DE SALA: ALMORZOS, TAPAS, MENÚS E RACIÓNS

Quince locais hostaleiros participan na iniciativa "Dálle un bocado ao FIOT", unha ruta gastronómica inspirada no festival

Xoves 10 de outubro do 2013

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2013 expande as súas fronteiras e sae dos escenarios para chegar á gastronomía e crear a iniciativa "Dálle un bocado ao FIOT". Todos os días de funcións de sala (11, 12, 19, 20, 25, 26, 27, 29 e 31 de outubro) os fioteiros, pero tamén todos os veciños e veciñas que o desexen, poderán escoller entre 15 locais hostaleiros da capital municipal e a súa oferta de almorzos, tapas, menús de xantar e cea ou racións inspiradas no Outono de Teatro. Con cada bocado recibirase un boleto para participar no sorteo dunha noite de teatro para dúas persoas durante a edición do FIOT 2014. O premio consistirá na entrada a un espectáculo de sala, así como a cea, aloxamento e almorzo para esa noite nun establecemento de Carballo. Ademais, quen probe a oferta gastronómica do FIOT e presente no local a entrada dunha das funcións desa fin de semana, recibirá un agasallo seguro. Os locais que participan en "Dálle un bocado ao FIOT" son: A Barra, Cafetaría Colón, Bodegón O'Pescador, Cafetaría Valle Inclán, Cafetaría Pazo da Cultura, Cervexaría A Bombonera, Meson A Cabaña, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante O Xabarín, Taberna O'Mexillón, Viñoteca Ánfora, Cafetaría de Maná, Cafetaría Abastos, Sala Dublín e Restaurante Viñoteca La de Bur. Cada local escolle o horario no que ofrece o seu "bocado" á clientela.

A ampliación do CEIP Bergantiños, que supón un investimento de máis dun millón de euros, estará lista en febreiro de 2014

AS NOVAS AULAS ALBERGARÁN A 225 NENOS E NENAS

A ampliación do CEIP Bergantiños, que supón un investimento de máis dun millón de euros, estará lista en febreiro de 2014

Mércores 9 de outubro do 2013

Os traballos de mellora do CEIP Bergantiños da capital municipal, en marcha dende hai varios meses, estarán rematados co equipamento necesario e coas instalacións listas para poñelas a disposición da comunidade educativa en febreiro de 2014. Así o asegurou o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, que vén de visitar o centro para comprobar o avance das obras. Esta mellora, xunto coas achegas en implantación de programas educativos, supón un investimento de 1.140.000 euros, aos que haberá que sumar outros 30.000 para dotar o equipamento. Respecto da data en que o alumnado poderá gozar das novas aulas, será o claustro o que tome a decisión, aínda que segundo explicaban as autoridades educativas o máis probable é que en principio sexan aproveitadas no curso 2013-2014 por nenos e nenas xa escolarizados no centro mentres que habería novas incorporacións de alumnado e profesorado de cara ao curso 2014-2015. O Conselleiro foi recibido polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, pola Concelleira de Educación, Mar Eirís, pola directora do centro, María Elena Civeira, e por outros membros da corporación e estivo acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, Belén Docampo, polo Xefe Territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, e polo diputado Aurelio Núñez Centeno.

Carballo colabora con Vía Láctea Filmes para crear "Sicixia", unha película inspirada, creada e rodada na Costa da Morte

O MUNICIPIO TERÁ PARTE IMPORTANTE NA METRAXE DA CINTA

Carballo colabora con Vía Láctea Filmes para crear "Sicixia", unha película inspirada, creada e rodada na Costa da Morte

Mércores 9 de outubro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o director de cine Ignacio Vilar, acompañados polo Concelleiro de Promoción Económica e Normalización Lingüística, Xosé Regueira, veñen de asinar un convenio de colaboración para financiar a rodaxe e promoción de "Sicixia", unha película na que a Costa da Morte e tamén o municipio carballés, serán os protagonistas. A produtora Vía Láctea é ben coñecida polo éxito das súas últimas longametraxes para cine en 35 mm "Pradolongo" (2008) e "Vilamor" (2012), e agora acomete o proxecto de levar á gran pantalla a primeira película rodada integramente na Costa da Morte. Dende a preparación e a rodaxe, a comarca é tan protagonista como os propios personaxes, tendo Carballo tamén un papel fundamental no aspecto paisaxístico, monumental, gastronómico e histórico, sendo a película unha plataforma para a promoción integral do municipio e poñer en valor aspectos da vila e a comarca como a lingua, o territorio, a cultura ou as tradicións. Segundo explica Regueira, a colaboración do Concello -o primeiro de toda a comarca que se suma á iniciativa e a primeira institución en plasmar a súa axuda- explícase por que "non hai mellor maneira de transmitir a esencia dun destino turístico ou lugar que a través dun filme". Do mesmo xeito, Ferrero subliña "que a cultura é parte intrínseca dos pobos" ademais de "reverter tamén na economía local".

O FIOT 2013 sube o pano das funcións de sala cos vascos Kulunka Teatro e o galego Grupo Chévere

O DOMINGO 13 CHEGA A PRIMEIRA PROPOSTA DO OTNI

O FIOT 2013 sube o pano das funcións de sala cos vascos Kulunka Teatro e o galego Grupo Chévere

Mércores 9 de outubro do 2013

O pano do auditorio do Pazo da Cultura de Carballo levántase o venres 11 de outubro despois de 22 edicións consecutivas para acoller a Programación de Sala do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2013. Os primeiros en subir ao escenario son os vascos Kulunka Teatro coa súa obra de máscaras "sen palabras" "André e Dorine" (na imaxe); e o sábado 12, o Grupo Chévere amosa a súa última produción "Eurozone", un thriller inspirado no filme "Reservoir Dogs" (1992) de Quentin Tarantino, con paralelismos coa realidade europea e textos propios. O xoves 10, está previsto celebrar un obradoiro co público durante o que o elenco explicará o proceso creativo da obra. Xa o domingo 13, o actor compostelán afincado en Cataluña, Diego Anido, presenta a terceira coprodución do FIOT na súa historia, Symon Pédrícrí no marco do ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), unha alternativa para o teatro de sala xa consolidada no FIOT. As entradas para "André e Dorine" (6 €) e "Symon Pédrícrí" (3 €) aínda se poden comprar en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. A billeteira do Pazo da Cultura está aberta de 19.30 a 21.00 horas, antes do inicio de cada unha das funcións.

Carballo mellora a sinalización turística no casco urbano e remata coa colocación dos Códigos QR nos principais puntos de interese

O OBXECTIVO É FACER A VILA MÁIS ALCANZABLE PARA OS VISITANTES

Carballo mellora a sinalización turística no casco urbano e remata coa colocación dos Códigos QR nos principais puntos de interese

Martes 8 de outubro do 2013

O Concello de Carballo vén de instalar nas últimas semanas sinais direccionais para tráfico rodado nos principais cruzamentos e recursos turísticos do municipio. O obxectivo é facilitar e mellorar a accesibilidade aos puntos de interese, especialmente para os visitantes e turistas, pero tamén para os propios veciños e veciñas. As principais localizacións sinaladas son a Ruta das Férvedas, o Dolmen de A Pedra Moura, a Ponte Lubiáns, a praia e lagoa de Baldaio, etc. Tamén se empezou coa instalación de indicadores na capital municipal co fin de mellorar a sinalización dos principais recursos urbanos (Pazo da Cultura, Fórum, Museo de Bergantiños, Mercado, instalacións deportivas, etc.) así como para informar sobre as direccións de saída cara a outros lugares como A Coruña, Santiago, Fisterra ou Ordes. Esta actuación forma parte dunha iniciativa para promocionar o Concello de Carballo a nivel turístico que conta co financiamento da Agader (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) e que se engloba dentro da campaña máis ampla "Carballo un paso" que persegue crear unha marca turística a través de numerosas actuacións, entre as que tamén se atopa o emprego das novas tecnoloxías. Así, durante o pasado verán téñense colocado en diferentes puntos de interese os chamados Códigos QR, que ofrecen información detallada de forma instantánea.

A primeira fin de semana do FIOT arrincou con público e gargalladas grazas á XV edición da Rúa dos Contos

CATRO NOVAS ACTUACIÓNS OS DÍAS 10, 11 E 12 DE OUTUBRO

A primeira fin de semana do FIOT arrincou con público e gargalladas grazas á XV edición da Rúa dos Contos

Luns 7 de outubro do 2013

O FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) 2013 comeza a sua andaina con paso firme grazas á Rúa dos Contos, unha cita que xa é case un festival con vida propia dentro da programación e que sempre conta cuns seguidores fieis. Na súa primeira fin de semana os espectáculos con máis poder de convocatoria foron os de Paula Carballeira (xoves 3), Illanes (Venres 4) e Avelino González (sábado 5), aínda que todas as actuacións espertaron o interese do público carballés. E como non podía ser doutro xeito, a proposta máis novidosa desta Rúa dos Contos congregou a arredor de 200 persoas no segundo andar do Mercado Municipal, transformado para a ocasión nun café-teatro. Foi a "Ultranoite" de Grupo Chévere (na imaxe), na que o público puido gozar da música, do humor máis canalla, dunhas cañas e dun ambiente intimista e acolledor creado con mesas e velas. A crítica política e social é o principal fío condutor dun espectáculo no que a única norma é que non hai regras e no que os artistas de Chévere son quen de transformarse en mascotas como Curro, Naranjito ou Pelegrín ou en políticos como Ana Botella ou Mariano Rajoy. A música tampouco faltou en forma de rap, cabaré ou "canción protesta" pero sobre todo, falou a través do pop para crear as sátiras que contentaron a un público que fartou a aplaudir.

Continúa no Fórum a oferta formativa para o sector turístico: aínda está aberto o prazo para participar en Impactic Carballo

ARRINCA O MARTES 8 DE OUTUBRO O CURSO DE CALIDADE TURÍSTICA

Continúa no Fórum a oferta formativa para o sector turístico: aínda está aberto o prazo para participar en Impactic Carballo

Luns 7 de outubro do 2013

O Concello de Carballo continúa coa oferta de formación dirixida ao sector turístico do Concello. O martes 8 de outubro comeza o curso de Aproximación á calidade turística no que se pretende dar as claves para unha xestión en calidade, xa que a súa implantación no sector facilita que mellore a súa viabilidade económica, acade unha maior satisfacción do cliente e contribúa a proporcionar unha imaxe máis atractiva do territorio. Tamén hai que lembrar que xa ten comezado o curso de Impactic Turismo, no que se busca proporcionarlles aos asistentes os coñecementos necesarios para que xestionen e dinamicen os seus espazos sociais co dobre obxectivo de difundir as súas actividades e axudar a promover as empresas. Aínda é posible incorporarse a este curso do que as próximas sesións presenciais están previstas para os días 14 e 28 de outubro. Hai que lembrar que estas iniciativas forman parte da campaña global "Carballo a un paso" que ten como obxectivo estruturar un proxecto turístico arredor do Concello e que inclúe medidas como a creación dun stand de información (na imaxe) a mellora da sinalización, a creación de códigos QR nos principais puntos de interese do municipio ou a creación do web <www.turismocarballo.com>.

Carballo fai público o marco orzamentario para o período 2013-2016 cunha previsión presupostaria para 2014 de 23,2 millóns

A CIFRA PARA INVESTIMENTOS REAIS MEDRARÍA UN 53 POR CENTO

Carballo fai público o marco orzamentario para o período 2013-2016 cunha previsión presupostaria para 2014 de 23,2 millóns

Venres 4 de outubro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, veñen de presentar o marco orzamentario do Concello para o período 2013-2016. Trátase dun documento orientativo que recolle as previsións para os próximos tres anos, ademais da execución orzamentaria de 2013. A elaboración deste informe é un requisito esixido polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas co que deben cumprir todas as administracións locais e un documento do que xa se dou conta ante todos os grupos da corporación na sesión plenaria ordinaria do mes de setembro. Segundo as previsións, elaboradas polos servizos económicos municipais, o orzamento para 2014 sería de 23.224.289,91 euros nos capítulos de gastos e ingresos e cun desequilibrio non financeiro de 1.006.538 euros. O incremento no capítulo de gastos respecto do ano 2013 plasmaríase nunha taxa de variación positiva do 5,2 por cento, mentres que no de ingresos sería dun 9,59 por cento. O goberno atribúe parte deste cambio á incorporación aos orzamentos das contas do Padroado Deportivo Municipal, que en 2014 deixará de ser un organismo autónomo, así como á incorporación nos investimentos reais do Proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do abastecemento de auga, que ten un orzamento global de máis de catro millóns de euros dos que unha boa parte se executarán o próximo exercicio. Con esta e outras actuacións previstas para o próximo ano, o capítulo de investimentos reais incrementaríase nun 53 por cento en 2014.

Preto de 30 nenos e nenas gozarán da maxia nocturna do teatro a través do campamento infantil "Unha noite de farándula"

DO VENRES 4 AO SÁBADO 5 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Preto de 30 nenos e nenas gozarán da maxia nocturna do teatro a través do campamento infantil "Unha noite de farándula"

Xoves 3 de outubro do 2013

Arredor de trinta nenos e nenas de entre 6 e 12 anos participarán desde o venres 4 de outubro ás 19.00 horas até o sábado 5 ás 11.00 horas no campamento nocturno "Unha noite de farándula" que se desenvolverá no recinto teatral do Pazo da Cultura de Carballo (na imaxe). A acollida desta actividade, enmarcada dentro das accións infantís do FIOT denominadas "Fiotiño", superou as expectativas iniciais xa que incluso houbo que habilitar algunha praza máis das contempladas. Cando as butacas queden baleiras e as luces do escenario se apaguen, o equipo de monitores que acompañará ao grupo durante case 20 horas aproveitará a fascinación da noite para envolver aos nenos e nenas na maxia do teatro. Tras a recepción (19.00 horas), comezarán (19.15 - 20.00 horas) facendo un percorrido pola evolución da historia teatral e mostraráselles aos cativos e cativas os segredos que se agochan tras as bambolinas, á vez que xogan e, sobre todo, se divirten, mentres se introducen nas distintas disciplinas das artes escénicas. Logo (20.00 -2 1.30 horas), os nenos e nenas desenvolverán unha serie de dinámicas e exercicios teatrais que os axudarán a afacerse ao escenario, converténdoo nun espazo de xogo.

Carballo leva a súa campaña turística a Expocidades, a primeira edición da Mostra de Turismo do Eixo Atlántico

EN LUGO ENTRE O XOVES 3 E O DOMINGO 6 DE OUTUBRO

Carballo leva a súa campaña turística a Expocidades, a primeira edición da Mostra de Turismo do Eixo Atlántico

Xoves 3 de outubro do 2013

Carballo participa, xunto con outras 24 cidades de Galicia e do Norte de Portugal na primeira edición de Expocidades, a feira de turismo na que participan as poboacións pertencentes ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, e que se celebra en Lugo, desde o xoves 3 de outubro e até o domingo 6, coincidindo coa gran afluencia de público que acode á cidade das murallas estes días con motivo do San Froilán. O Concello participa coa presentación da campaña de promoción turística que se inaugurou a principios de verán, "Carballo a un paso". Quen se acerque ao stand presente nesta feira poderá coñecer así os recursos turísticos do municipio, consultar os novos folletos turísticos de Carballo (a Guía Xeral, a Guía da Costa e a guía da Ruta das Férvedas) e ter acceso, así mesmo, ao novo web (). Expocidades ten como fin promover o turismo de proximidade entre as cidades que conforman o Eixo Atlántico, unha asociación nacida en 1992 que integra até un total de 34 concellos de Galicia e do Norte de Portugal. A feira estará aberta en horario de doce do mediodía a nove da noite, na zona de aparcamento do Seminario Menor de Lugo, un céntrico edificio da cidade.

Grupo Chévere achega a Carballo "Ultranoite", un cabaré distinto que se converte nunha "revista satírica de actualidade"

A COMPAÑÍA TAMÉN PRESENTA "EUROZONE" NA PROGRAMACIÓN DE SALA

Grupo Chévere achega a Carballo "Ultranoite", un cabaré distinto que se converte nunha "revista satírica de actualidade"

Xoves 3 de outubro do 2013

Grupo Chévere, unha das compañías máis veteranas do teatro galego presenta en Carballo no marco do FIOT dous espectáculos de moi diferente formato pero igualmente atractivos para o espectador. No marco da XV Rúa dos Contos traen "Ultranoite", un cabaré distinto feito en Galicia que, segundo explica un dos seus integrantes, Miguel de Lira, acaba sendo "unha revista satírica de actualidade" na que collen unha ampla variedade de formatos que van dende o teatro, o monólogo, o music-hall, o café teatro, o vodevil, a performance ou incluso produtos audiovisuais para "facer escarnio da realidade", en verdas de De Lira. Outra das características de esta "Ultranoite" que leva máis de 20 anos de traxectoria é que, tamén segundo De Lira, derruba "a cuarta parede" e o público achégase ao feito teatral participando no espectáculo ademais de gozando del. Neste caso, Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, subliña a presenza como patrocinador de Estrella Galicia, precisamente por ese aire máis informal e distendido que permite ao público meterse nun "ambiente cabareteiro" moi peculiar e tomar algo mentres observa o espectáculo. As entradas para "Ultranoite" poden mercarse por 6 € máis gastos de xestión a través das canles habituais do FIOT en ou no 902 504 500.

Paula Carballeira abre a XV Rúa dos Contos, nunha edición que ofrece un total de 14 espectáculos durante dúas fins de semana

ENTRADAS: NOS LOCAIS DE CADA CITA EXCEPTO PARA "ULTRANOITE"

Paula Carballeira abre a XV Rúa dos Contos, nunha edición que ofrece un total de 14 espectáculos durante dúas fins de semana

Mércores 2 de outubro do 2013

A Rúa dos Contos, o programa máis noctámbulo do Festival Internacional Outono de Teatro, cumpre 15 anos cunha intensa proposta de sorprendentes espectáculos e compañías que encherán as noites das dúas primeiras fins de semana de outubro. O obxectivo, achegar o teatro a todos os tipos de público en escenarios pouco habituais, pero que despois de tantos anos son xa unha das citas máis esperadas do FIOT. "É un festival dentro do festival", asegura o presidente da AC Telón e Aparte, Alberto Sueiro. Como vén sendo habitual, a Rúa dos Contos é a antesala da Programación de Sala e do Ciclo OTNI do FIOT. Esta edición dá un paso máis propoñendo clásicos na narración como Paula Carballeira, Avelino González, José Campanari ou Xosé Touriñán. Contadores emerxentes como María da Pontragha ou Ricardo Barreiro e o máis tradicional da nosa cultura como o duelo dialéctico dos regueifeiros de Xornes (Ponteceso). Tanxarina, unha das compañías de títeres máis importantes de Galicia, trae a Carballo o conto acompañado de monicreques. A variedade da oferta compleméntase con outras opcións que integran a música e a canción, como no espectáculo do polifacético showman Illanes ou o das poetisas Aldaolado; contacontos para nenos con Santi Prego; maxia con Cayetano Lledó ou incluso microcabaret con Nelson Quintero.

Compartir: