Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O FIOT outorga o Xograr de Outono 2013 ao coñecido actor Xosé Manuel Olveira ´Pico´ a título póstumo

ENTREGA DO GALARDÓN: SÁBADO 26 DE OUTUBRO NO AUDITORIO

O FIOT outorga o Xograr de Outono 2013 ao coñecido actor Xosé Manuel Olveira ´Pico´ a título póstumo

Luns 21 de outubro do 2013

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorga nesta edición o Xograr de Outono a título póstumo a Xosé Manuel Olveira "Pico" (primeiro pola dereita na imaxe cos seus compañeiros en "O Florido Pénsil", no FIOT en 2011). O falecemento do actor en xuño pasado aos 58 anos causou gran conmoción no sector audiovisual e teatral. O acto de entrega está previsto para o sábado 26 de outubro, como vén sendo habitual, antes do inicio da función de sala correspondente, neste caso a de Teatro do Aquí (21.00 horas), compañía do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, primeiro Xograr de Outono do FIOT en 2002. Por terceira vez, o xurado do Xograr de Outono, formado pola organización do FIOT e os anteriores premiados, decidiu outorgar o galardón a título póstumo. O premio serve como homenaxe e recoñecemento profesional a un dos actores máis importantes e esenciais do teatro e do audiovisual galego, ademais dun rostro coñecido polo gran público. O seu nome xa estivo entre as propostas finais doutras edicións e é agora cando a súa familia recibirá este título no seu nome. En 2002, o premio Xograr de Outono concedeuse por primeira vez a Roberto Vidal Bolaño, un dos dramaturgos máis importantes da literatura galega, e o ano pasado, a Alberto Gende, deseñador e creativo carballés que durante case dúas décadas foi o autor da imaxe do FIOT. En ambos casos, meses despois do seu pasamento.

A exposición "Enarborar o bosque", centrada na defensa do medio ambiente: no Fórum Carballo até o 15 de novembro

PARTICIPAN NA MOSTRA MÁIS DE 20 ARTISTAS

A exposición "Enarborar o bosque", centrada na defensa do medio ambiente: no Fórum Carballo até o 15 de novembro

Luns 21 de outubro do 2013

A exposición de artes plásticas pertencente á 3ª edición de "Enarborar o bosque" permanece no Fórum Carballo até o venres 15 de novembro. A mostra é froito dun conxunto de actos reivindicativos e de protesta que desde o mundo das artes plásticas se levaron a cabo o pasado 1 de xuño na Carballeira de Santa Mariña de Corcoesto, deixando patente a súa posición contraria á mina a ceo aberto que se pretende facer na comarca. A exposición está composta pola escolma da obra plástica de máis de 20 artistas participantes, tanto de Galicia como de fóra, nunha acción artístico reivindicativa en defensa do medio ambiente organizada polo colectivo Arteu (Inma Doval e Xacobe Meléndrez) e o artista Delio Sánchez da Factoría Delideas. O proxecto conta coa colaboración da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, e da FEGA, así coma coa colaboración para a presenza da mostra no Fórum Carballo da Concellaría de Turismo. A mostra coincide co anuncio, a pasada semana da cancelación do proxecto para a extracción a ceo aberto de ouro en Corcoesto, algo que Inma Doval subliñou no acto de inauguración da mostra, que agora se transforma nunha "celebración" por esta "boa nova". Na cita tamén estiveron Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo, e Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo.

Asinado na Alcaldía o contrato do proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán da capital municipal

O OBXECTIVO É REMATAR A ACTUACIÓN ANTES DE FINAL DE ANO

Asinado na Alcaldía o contrato do proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán da capital municipal

Luns 21 de outubro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e Diego Vázquez, director xerente de Construcciones Ramón Vázquez y Reino, veñen de asinar na Casa do Concello o contrato para a realización do proxecto de Reurbanización da Rúa Valle Inclán da capital municipal, adxudicado por un importe de 165.184,34 euros, IVE incluído. O obxectivo é que os traballos poidan estar realizados antes de que remate o ano, polo que está previsto que comecen o antes posible. O prazo de execución estipulado é de 45 días. Durante o acto de sinatura, no que tamén estivo presente o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, falouse dos detalles da actuación, especialmente do mellor xeito de facer que os traballos sexan levadeiros para os veciños e veciñas e para o sector comercial. No que respecta ao proxecto, recolle a que a vía recibirá o mesmo acabado que o treito da Rúa Desiderio Varela que transcorre entre a rúa Camiño Novo e a Rúa Colón. Así, está previsto colocar en toda a lonxitude da rúa Valle Inclán unha calzada de lastras e beirarrúas de pedra con bordes de granito negro ao mesmo nivel que a vía. O proxecto non inclúe a dotación do mobiliario urbano, aínda que está previsto realizar esta actuación no futuro, cando rematen os traballos. Hai que lembrar que a rúa Valle Inclán ten sido obxecto de melloras hai pouco, coa substitución das redes de saneamento antigas por outras de PVC, unhas melloras que se completan agora cos traballos de reurbanización.

Aprobados os contratos para a conservación do pavimento de rúas no casco urbano e o rebacheo de vías en varias parroquias

LUZ VERDE PARA AS BASES DAS AXUDAS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS

Aprobados os contratos para a conservación do pavimento de rúas no casco urbano e o rebacheo de vías en varias parroquias

Luns 21 de outubro do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar, fóra da orde do día, o contrato administrativo de obras de "Conservación do pavimento en varias rúas do casco urbano de Carballo". A actuación ten un orzamento de contrata de 197.919,22 euros, IVE engadido. Entre os criterios de valoración para a adxudicación están, entre outros, a oferta económica, a redución do prazo, as melloras sen custe adicional, o programa de traballo ou o programa de actuación medioambiental. Así mesmo, recibiu luz verde o contrato administrativo de obras de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Sísamo, Cances, Oza, Razo e Lema no Concello de Carballo". Neste caso, o orzamento previsto ascende a 199.105,51 euros e os criterios de valoración son similares aos do contrato anterior, sendo, tamén, o criterio de máis peso o da oferta económica con 40 puntos. A sesión supuxo, así mesmo, a aprobación das bases da Convocatoria de subvencións do Programa anual de Actividades Culturais 2013. O obxectivo destas axudas é o de contribuír á promoción da cultura e do tecido asociativo de carácter cultural e a potenciación do seu papel para favorecer o acceso á cultura dos veciños e veciñas, promovendo a organización e realización de actividades culturais.

Carballo celebra a única Oktoberfest oficial de Galicia con música en vivo, gastronomía e a tradicional cervexa muniquesa

ENTRE O 24 E O 27 DE OUTUBRO NUNHA CARPA NA RÚA PERÚ

Carballo celebra a única Oktoberfest oficial de Galicia con música en vivo, gastronomía e a tradicional cervexa muniquesa

Venres 18 de outubro do 2013

Carballo acolle entre o xoves 24 e o domingo 27 de outubro a cuarta edición da Oktoberfest, que, como vén sendo habitual, estará situada nunha carpa na contorna da rúa Perú, detrás da antiga estación de autobuses. A Asociación Cultural 13 Lagartos, coa colaboración do Concello, é a encargada de organizar esta iniciativa, que se converte, este ano, na única Oktoberfest oficial de Galicia, xa que é a única que cumpre os requisitos da marca rexistrada, entre os que está o de ofrecer unicamente cervexa muniquesa. Segundo explica Juan Carlos Fernández Cancela, de 13 Lagartos e distribuidor de Paulaner, unha das cervexas oficiais da festa, o obxectivo é ir pouco a pouco convertendo a cita, non só nunha exaltación da cervexa, senón tamén nunha aposta cultural e gastronómica. De feito, como en edicións anteriores, haberá actuacións musicais todos os días, coa celebración o sábado 26 do concerto "Lembranza Rock" a partir das 23.00 horas coa presenza dos grupos Los Trámites, Distrito 15100, Porta con Porta e Los Enfermos. Ademais, o domingo 27 tamén hai cabida para o público máis familiar cun espectáculo infantil pola tarde a partir das 16.30 horas. Todo co obxectivo de superar a afluencia de 2012, cifrada en máis de 6.000 persoas.

A Bolsa de Traballo Municipal imparte no Fórum Carballo o curso "Xestión dun comercio" dirixido a persoas desempregadas

ENTRE O 17 DE OUTUBRO E O 7 DE NOVEMBRO

A Bolsa de Traballo Municipal imparte no Fórum Carballo o curso "Xestión dun comercio" dirixido a persoas desempregadas

Xoves 17 de outubro do 2013

O Concello de Carballo informa de que a Bolsa de Traballo Municipal (BDT), que pretende facilitar a inserción laboral da cidadanía e que está en marcha dende novembro de 2012, imparte dende hoxe, xoves 17 de outubro, o curso "Xestión dun Comercio", de 60 horas de duración e dirixido a usuarios e usuarias da BDT, demandantes de emprego con experiencia no sector comercial e que queiran traballar no futuro como dependentes ou como xestores do seu propio negocio. Un total de 20 persoas se benefician desta iniciativa na que se afonda nas habilidades e coñecementos necesarios para a xestión dun establecemento de venda de cara ao público. Entre os contidos que se abordarán no Fórum Carballo, a diario en horario de mañá, están a estratexia e viabilidade do negocio; a organización dos procesos de venda e as técnicas empregadas, como a venda online; as operacións auxiliares á venda, como informatización do comercio, presentación de produto, seguridade, recursos humanos ou almacenaxe; e información e atención ao cliente/consumidor-a/usuari@. A acción formativa inclúe o desenvolvemento de casos prácticos de xestión de stocks, operacións de caixa, presentacións de produto ou simulacións de venda e dinámicas de grupo. Hai que lembrar que dende a súa posta en marcha a BDT ten desenvolvido varias actividades formativas gratuítas para os desempregados e desempregadas inscritos no servizo.

O FIOT pasa o seu ecuador co tolo humor de Ron Lalá, con Juan Diego Botto e coa posta de largo da carballesa Alba Bermúdez

VENRES 18, SÁBADO 19 E DOMINGO 20 ÁS 21.00 HORAS

O FIOT pasa o seu ecuador co tolo humor de Ron Lalá, con Juan Diego Botto e coa posta de largo da carballesa Alba Bermúdez

Xoves 17 de outubro do 2013

A segunda semana da Programación de Sala e do Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) chega cunha excelente oferta. O domingo 20, a obra "Un trozo invisible de este mundo", da compañía Producciones Cristina Rota e Teatro Español (Madrid), trae ao coñecido actor Juan Diego Botto ao escenario do Pazo da Cultura como principal intérprete baixo a dirección doutro coñecido das pantallas catódicas e cinema, Sergio Peris-Mencheta. O sábado 19, os tamén madrileños Ron Lalá regresan por terceira vez ao Outono de Teatro para estrear en Galicia "Siglo de Oro, Siglo de Ahora (Folía)", un espectáculo co que están colleitando éxitos en toda España. Por último, pero non menos importante, a actriz carballesa e voluntaria do FIOT desde a adolescencia, Alba Bermúdez presenta o venres 18 en Carballo o seu primeiro traballo profesional coa compañía galega Triatreros Teatro: "Hámster". A estas citas, todas ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, hai que sumar as actividades paralelas, que neste caso inclúen dúas citas do ciclo "Café con...", un toque internacional co teatro de rúa, e a cita gastronómica, "Dálle un bocado ao FIOT". Todo para que que o festival atravese o seu ecuador con todas as entradas vendidas, tanto para Ron Lalá como para ver en acción a Juan Diego Botto.

Carballo pon en marcha a partir de novembro novos cursos dentro do Plan de Formación Integral para emprendedores

INSCRICIÓNS ATÉ O 30 DE OUTUBRO

Carballo pon en marcha a partir de novembro novos cursos dentro do Plan de Formación Integral para emprendedores

Mércores 16 de outubro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, informa de que a principios de novembro volve a poñerse en marcha o Plan de Formación Integral para emprendedores e empresas de recente constitución. Estarán dispoñibles cinco novos módulos formativos no Fórum Carballo entre o 4 de novembro e o 10 de xaneiro. O prazo para anotarse está aberto até o mércores 30 de outubro e os interesados e interesadas deben enviar a ficha de inscrición, dispoñible en pdf nesta mesma nova, debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico de Paula Lema, da Oficina de Promoción Económica: <paulalema@carballo.org>. Tamén é posible obter máis información no teléfono 981 709 013. Respecto da temática dos novos módulos, o V, que principia o 4 de novembro, está dividido en 5.a, 5.b e 5.c e aborda, respectivamente, o visual merchandising e elementos promocionais; as novas tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) como o TPV, as tarxetas, as aplicacións móbiles, etc.; e por último, a xestión informatizada de compras. Son en total 28 horas de formación. O Módulo VI afonda nas técnicas de venda e atención ao cliente durante 20 horas. E o Módulo VII, que pecha o 2013, estuda a imaxe corporativa en outras 20 horas.

A carballesa Alba Bermúdez presenta no FIOT, co seu grupo Triatreros, a peza de Santiago Cortegoso "Hámster"

CICLO OTNI: VENRES 18 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

A carballesa Alba Bermúdez presenta no FIOT, co seu grupo Triatreros, a peza de Santiago Cortegoso "Hámster"

Mércores 16 de outubro do 2013

A actriz carballesa Alba Bermúdez presenta no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), "Hámster", de Santiago Cortegoso, acompañada polo seu grupo de teatro "Triatreros", nacido a mediados de 2011 coa vocación de facer teatro actual "galego e en galego". Bermúdez está moi vinculada ao festival, no que actualmente colabora como unha voluntaria máis, pero o venres 18 de outubro pasará a estar do outro lado acompañada por David Novas, co que presenta este "texto contemporáneo", segundo explica a propia actriz, no que dous "seres humanos animalizados" experimentan distintas sensacións dende o punto de vista dun hámster, aproveitando a comicidade da situación para ofrecer unha mirada crítica acerca de temas como o maltrato, a sexualidade ou a escravitude. A proposta está dirixida por David Paredes, actor de Teatro de Ningures e que se estrea como director en "Hámster". Bermúdez explica que esta peza leva xa un ano e medio xirando por pequenas salas, con máis de 20 actuacións ás costas, pero que o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) é unha "oportunidade" fantástica para darse a coñecer, ademais de proporcionar un espazo "que ofrece a proximidade co público que nos gusta para o espectáculo".

O FIOT coproduce por terceira vez un espectáculo do festival con "Symon Pédícri", do galego Diego Anido Co

A CITA É O DOMINGO 13 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

O FIOT coproduce por terceira vez un espectáculo do festival con "Symon Pédícri", do galego Diego Anido Co

Venres 11 de outubro do 2013

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) vén de presentar na sede do Centro Dramático Galego (CDG), en Santiago a que será a terceira coprodución na súa historia. "Symon Pédícri", do creador galego afincado en Barcelona, Diego Anido, estréase en Galicia este domingo 13 (21.00 horas) no Pazo da Cultura de Carballo dentro do denominado Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado). Esta é a sección do FIOT dedicada ao teatro máis contemporáneo e experimental. Ao acto asistiron Manuel Guede, director do CDG; Roberto Taboada, representante do Festival ALT de Vigo; Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte e director do FIOT; e Diego Anido. O FIOT segue apostando así polo teatro feito en Galicia e por un creador galego. A coproducción faise en colaboración co TNT/CAET - Centre d’arts escèniques de Terrasa e o Festival ALT de Vigo. "Para o Outono de Teatro, un elemento relevante desta cooperación é a implicación conxunta con outros festivais e centros de creación de ámbito nacional, abrindo novas perspectivas", sinalan desde a AC Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do festival.

Xestur oferta un plan con importantes descontos para a adquisición de parcelas no Parque Empresarial de Bértoa

A REBAIXA ACUMULADA PODE CHEGAR ATA O 30 POR CENTO

Xestur oferta un plan con importantes descontos para a adquisición de parcelas no Parque Empresarial de Bértoa

Venres 11 de outubro do 2013

Xestur A Coruña, entidade responsable da promoción do Parque Empresarial de Bértoa, anuncia un plan de novos descontos para a adquisición de parcelas no polígono industrial carballés. Así o explica María Doporto, xerente de Xestur, logo dunha xuntanza co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na que falaron sobre a situación actual do solo industrial. Xestur informa de que ao desconto estipulado hai uns anos dun 10 por cento en todas as parcelas, podería sumarse ata un 20 por cento máis, chegándose a un máximo dun 30 por cento. Os empresarios que desexen adquirir solo poden contar a partir de agora con varias rebaixas acumulables ata chegar a ese 20 por cen. Así, hai un desconto do 3 por cento pola antigüidade das parcelas, de entre dous e catro anos; un do 7 por cento por tratarse dun parque empresarial situado na Costa da Morte; para as parcelas de menos de 500.000 euros pode aplicarse un desconto por pronto pago dun 3 por cento (por pronto pago considérase o pagamento realizado no prazo máximo de seis meses), ou do 5 por cento si é superior aos 500.000; a maiores pode aplicarse un 2 por cen adicional si se adquiren 3 ou mais parcelas; e por último pode haber un 3 por cento adicional por traslado de nave industrial en situación de fóra de ordenación. María Doporto quixo subliñar ademais as "inmellorables" condicións do Parque Empresarial carballés, tanto pola súa situación como polas súas instalacións e servizos.

A Unión Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Carballo muda de oficinas e conmemora o Día Mundial da Saúde Mental

O SERVIZO LEVA EN MARCHA PRETO DE 20 ANOS

A Unión Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Carballo muda de oficinas e conmemora o Día Mundial da Saúde Mental

Xoves 10 de outubro do 2013

A Unión Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Carballo estrea novas oficinas. Despois de case vinte anos de servizo e de atender a máis de mil persoas no soto do edificio do antigo ambulatorio, múdase agora a unhas novas instalacións na primeira planta do mesmo edificio despois da realización de traballos de mellora acometidos polo Concello carballés. Tamén está previsto que o departamento de Servizos Sociais do Concello se traslade no futuro a este novo emprazamento. As autoridades e o persoal da UAD aproveitaron a celebración hoxe, 10 de outubro, do Día Mundial da Saúde Mental, para festexar este traslado a unhas oficinas moito máis novas, perfectamente acondicionadas e, que despois dos primeiros días, son satisfactorias tanto para o persoal como para as propias persoas que se benefician do servizo. Así o asegura a directora da UAD, Lourdes Súarez Fernández, que aproveitou a conmemoración desta data para agradecer ao persoal do departamento o seu traballo para loitar contra as adiccións, un "trastorno psiquiátrico" que atenden neste centro que agora conta "cunha contorna digna" o que redundará "nun tratamento máis humano" dos pacientes. O novo espazo conta cun consultorio médico, varios despachos e salas de reunións e arquivos, ademais dunha localización coa discreción axeitada para atender este tipo de trastornos, nos que tamén se ven implicadas as familias.

Compartir: