Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Alberto Sueiro formaliza no pleno a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do PP despois de 10 anos ao frente do partido

LUZ VERDE PARA A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE DEPURACIÓN

Alberto Sueiro formaliza no pleno a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do PP despois de 10 anos ao frente do partido

Martes 29 de outubro do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro supuxo a formalización da renuncia ao seu cargo do concelleiro e voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Alberto Sueiro Pastoriza despois de 10 anos como líder local do PP (na imaxe no centro, a carón do que será o número 1 do partido a partir de agora ao ser o seguinte na listaxe, Miguel Ferreiro -dereita-; e do concelleiro Juan Carlos Castro). Nunha intervención breve, quixo agradecer a colaboración "dos que se aventuraron comigo" xa que "tiven moito apoio e moita crítica cando fixo falta". Manifestou que na súa traxectoria municipal defendeu un "modo de entender a política en Carballo" coa intención "de ser honesto e de facelo o mellor posible". Desexoulle "sorte aos compañeiros corporativos porque non é fácil administrar Carballo" e pediu que traballen "na defensa do interese común dos carballeses, conscientes de que somos un gran pobo". Nun ambiente distendido e no que non faltaron as bromas, os voceiros dos distintos partidos tiveron tamén verbas de despedida. O último en falar o Alcalde, Evencio Ferrero, quen defendeu a "lealdade e defensa de Carballo" por parte dos corporativos xa que "todos desexamos o mellor para o propio". Lembrou a "longa historia" vivida "na que tivemos ocasión de compartir proxectos e ilusións" e de buscar "o mellor para Carballo". E para rematar referiuse ao "amigo Alberto" para desexarlle "longa vida e moitos éxitos".

O Xograr de Outono Roberto Vidal Bolaño pasa a formar parte do rueiro carballés nun acto no que a súa viúva descubriu a placa

A VÍA, QUE SERÁ PEONIL, ESTÁ SITUADA NA CONTORNA DA RÚA PERÚ

O Xograr de Outono Roberto Vidal Bolaño pasa a formar parte do rueiro carballés nun acto no que a súa viúva descubriu a placa

Luns 28 de outubro do 2013

Dende o sábado 26 de outubro Carballo conta coa rúa Roberto Vidal Bolaño, unha homenaxe ao desaparecido dramaturgo, primeiro Xograr de Outono do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) en 2002 e autor lembrado no Día das Letras 2013. O Concello quixo aproveitar o ano dedicado a este autor compostelán para organizar este acto simbólico no marco do Festival e sumarse así aos actos de lembranza e recuperación do seu legado realizados por institucións e cidadáns de Galicia. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante o acto de inauguración a figura desta "persoa clave na modernización e profesionalización do teatro galego". Ferrero espera que con esta nova rúa, que está previsto que no futuro sexa peonil e que está situada na contorna do Parque de Rego da Balsa e da rúa Perú, os carballeses e carballesas "gocemos da compañía de Roberto entre nós". Rematou pedindo o "recoñecemento" para Vidal Bolaño, sendo "unha honra incorporar o seu nome ao noso rueiro". O acto contoU coa presenza da viúva do autor, Belén Constenla, que nunha breve intervención, e contendo a emoción, subliñou a "honra" e a "emoción" que supón que o recordo do autor permaneza en Carballo "e máis sabendo que a decisión foi previa a coñecerse a homenaxe do Día das Letras". O acto rematou coa interpretación á gaita do himno galego.

O compromiso "Galeg@ para sempre" fomenta o uso do idioma para podermos ser lembrados en galego

MÉRCORES 30 DE OUTUBRO NO SALÓN DE PLENOS

O compromiso "Galeg@ para sempre" fomenta o uso do idioma para podermos ser lembrados en galego

Luns 28 de outubro do 2013

Este mércores, día 30 de outubro, en vésperas do Día de Defuntos, diversas persoas a nivel individual asinarán a declaración "Galeg@ para sempre", na que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que as persoas asinantes declaran que a lingua galega é a súa lingua propia, que se senten identificadas con ela e a que lles gustaría que se usase para seren lembradas. As persoas que queiran participar e asinar esta declaración deben enviar o seu nome e número de documento de identidade ao enderezo de correo electrónico do Servizo de Normalización Lingüística () ata o martes 29. Ademais, nese acto público, visibilizaranse os compromisos adquiridos en relación con isto por funerarias e pola parroquia xa o ano pasado, e servirá tamén como adhesión simbólica do Concello á declaración da restitución da memoria Lingüística, recentemente aprobada e asinada por todas as organizacións políticas e sindicais galegas. O obxectivo é fomentar o galego nas cuestións relacionadas coa morte, visibilizando a lingua e procurando que persoas que con frecuencia usan, viven, queren e/ou se identifican coa lingua galega, poidan ser lembradas tamén en galego despois do seu pasamento.

O FIOT prepara as súas dúas últimas funcións despois dun dos momentos máis emotivos coa entrega do Xograr de Outono

XA NON HAI ENTRADAS PARA "MARIDOS Y MUJERES" E "EMILIA"

O FIOT prepara as súas dúas últimas funcións despois dun dos momentos máis emotivos coa entrega do Xograr de Outono

Luns 28 de outubro do 2013

O sábado 26 de outubro vivíronse dous dos momentos máis emocionantes do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Pola tarde, coa inauguración por parte da viúva do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, Belén Constenla, da nova rúa que leva o nome do autor. E pola noite, coa entrega do Xograr de Outono 2013 a Xosé Manuel Olveira 'Pico' (Muros, 1955 - Santiago, 13 de xuño de 2013) a título póstumo. O FIOT conxugou no mesmo día a lembranza para o primeiro e o último dos Xograres de Outono. O galardón para 'Pico' foi recollido polo seu fillo, Pablo Olveira, que visiblemente emocionado, nunhas poucas verbas foi quen de agradecer o premio en nome do seu pai e de resaltar que o sábado "tería sido un día moi especial para el, porque el amaba o teatro e o recoñecemento dos seus compañeiros". Recibiu o Xograr da man de Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura, acompañado no escenario polo presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e por outro Xograr de Outono, Vítor Mosqueira, que foi recoñecido en 2006. Para el foi a tarefa de facer pequena unha lembranza de 'Pico'. Salientou que os xograres anteriores, xurado do premio, "xa estabamos fartos e que estiveses sempre de finalista nas votacións" cando "todos os anos había moitos argumentos a favor da túa candidatura".

Senda Nova organiza o II Outono en marcha con dúas novas rutas e coa mesma arela de dar a coñecer a comarca

PERCORRIDOS ENTRE O 27 DE OUTUBRO E O 15 DE DECEMBRO

Senda Nova organiza o II Outono en marcha con dúas novas rutas e coa mesma arela de dar a coñecer a comarca

Venres 25 de outubro do 2013

A Asociación Ambiental Senda Nova organiza o II Outono en Marcha, unha cita que naceu en 2012 co obxecto de dar a coñecer o patrimonio cultural, artístico e paisaxístico da comarca e do Concello carballés dende o punto de vista do outono, observando Bergantiños a través da choiva e as follas secas. Nesta nova edición son un total de sete as rutas programadas, dúas máis que o ano pasado, para percorrer espazos como a marisma de Razo-Baldaio, as férvedas de Rus e Entrecruces, o Monte Neme, ou os faros de Arou e Camariñas. Senda Nova quere facilitar a participación, polo que os interesados/as poden anotarse: na base de Protección Civil de Carballo (edificio do antigo ambulatorio) de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas; e no Horto Ecolóxico situado na Rúa Nardos de Carballo, os mércores, xoves e venres de 16.00 a 19.00 horas. O prezo, que inclúe un bocadillo para comer no medio da ruta, é de 6 euros para os maiores de idade e de 3 euros para menores e socios. A data límite de inscrición é dous días antes da celebración de cada ruta. Os percorridos desenvólvense en sete domingos entre o 27 de outubro e o 15 de decembro. As saídas faranse dende o Pazo da Cultura de Carballo (8.15 horas) e dende o Concello de Coristanco (8.00 horas), e da Laracha, municipio que se incorpora ao proxecto (8.00 horas).

Arrinca a Oktoberfest con música, cervexa muniquesa e comida tradional alemá: ata o domingo 27 na contorna da Rúa Perú

SÁBADO 26: CONCERTO LEMBRANZA ROCK

Arrinca a Oktoberfest con música, cervexa muniquesa e comida tradional alemá: ata o domingo 27 na contorna da Rúa Perú

Venres 25 de outubro do 2013

Cervexa, comida tradicional xermana, música e unha pantalla xigante poden atoparse no recinto da IV Oktoberfest de Carballo, que ten lugar nunha carpa na contorna da rúa Perú, detrás da antiga estación de autobuses, até o domingo 27 de outubro. Organiza a Asociación Cultural 13 Lagartos coa colaboración do Concello e este ano a cita convértese na única Oktoberfest oficial de Galicia, xa que é a única que cumpre os requisitos da marca rexistrada, entre os que está o de ofrecer unicamente cervexa muniquesa. E coa comida e a bebida, a Oktoberfest ofrece todos os días actuacións musicais. Así, despois de que o xoves fora Cover Band a encargada de animar a festa, o venres actúa Soultrack, un grupo local, xunto con outro madrileño, Historias de una lagartija, do que forma parte José Lozano, antigo membro do programa de la Sexta "Sé lo que hicistéis...", e que estará seguro en Carballo ese día. A xornada máis esperada é a do sábado, pois esa noite poderemos volver escoitar a grupos míticos da vila no Lembranza Rock, con nomes como Los Trámites, Distrito 15100, Porta con Porta e Los Enfermos a partir das 23.00 horas. E o domingo, día dedicado a familias a partir das 16.00 horas, a animación sonora corre a cargo da Escola da Rúa.

O pleno de outubro inclúe a modificación das taxas de saneamento e abastecemento de augas e a renuncia como edil de Alberto Sueiro

SIGUE ADIANTE O PROCESO DE CONTRATACIÓN DA XESTIÓN ENERXÉTICA

O pleno de outubro inclúe a modificación das taxas de saneamento e abastecemento de augas e a renuncia como edil de Alberto Sueiro

Venres 25 de outubro do 2013

A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro inclúe na orde do día a renuncia ao seu cargo do concelleiro e voceiro do grupo municipal do Partido Popular Alberto Sueiro Pastoriza, despois de 10 anos como líder local do PP. A solicitude formal foi presentada o pasado mércores 23 de outubro. Nas listaxes electorais do PP o seguinte nome, no posto número 9 é o de Belén Ínsua Trigo, mentres que no número 10 está Ana Belén Cotelo Díaz. Porén, haberá que esperar a que a xunta electoral central realice os trámites correspondentes para ver cando e quen tomará posesión como novo edil no salón de plenos. Dentro da orde do día, e no apartado de ordenanzas, a sesión supón a aprobación inicial para a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora pola taxa do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais para 2014 e da Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potable para 2014. En ámbolos dous casos o cambio supón unha suba na cota dun 0,3 por cento. Na Ordenanza nº 10, polo servizo de evacuación á rede de sumidoiros a cota de mantemento sería de 4,60 € ao trimestre; a de consumo industrial de 0,4108 € por metro cúbico; e a de consumo doméstico de 0,1501 € por metro cúbico. No caso do servizo de depuración, o consumo industrial é de 0,4530 € por metro cúbico; e o doméstico de 0,2541 € por metro cúbico.

O FIOT entra na súa recta final con tres funcións de sala, o peche do ciclo OTNI e a entrega do Xograr de Outuno

ESTREA EN ESPAÑA DE "DISTANCIA SIETE MINUTOS" DE TITZINA TEATRO

O FIOT entra na súa recta final con tres funcións de sala, o peche do ciclo OTNI e a entrega do Xograr de Outuno

Xoves 24 de outubro do 2013

A penúltima fin de semana do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) preséntase intenso, tanto en tempo e duración como en programa. O xoves 24 de outubro a compañía Producciones Prisamata estrea en Galicia "Sé de un lugar". Esta traxicomedia de amor entre unha parella que acaba de romper a súa relación é o espectáculo revelación en Barcelona. A produción chega ao FIOT da man do actor, director e guionista cinematográfico Iván Morales que propón unha posta en escena non convencional. Volve aos elementos básicos do teatro: actor, texto e público, o que fará que o auditorio carballés se sinta parte da historia. En resumo, unha experiencia teatral de hora e cuarto, fresca, intelixente, poética, áxil, tenra e cómica da man dos intérpretes Anna Alarcón e Xavier Sáez. É o espectáculo co que se pecha o Ciclo OTNI. O "Café con..." coa compañía Prisamata terá lugar ao remate da función. Dentro das funcións de sala, o FIOT ten o privilexio de contar o venres 25 por primeira vez coa estrea en España dunha compañía non galega. Trátase de "Distancia siete minutos" de Titzina Teatre, unha pequena pero recoñecida compañía de autor fundada en 2001 que xa ten visitado o FIOT e que ten presentado en Carballo todas as súas producións.

Titzina Teatre estrea no FIOT por primeira vez en España "Distancia siete minutos", unha reflexión sobre a felicidade

VENRES 25 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Titzina Teatre estrea no FIOT por primeira vez en España "Distancia siete minutos", unha reflexión sobre a felicidade

Xoves 24 de outubro do 2013

"Todo comeza cunha chamada". Así explica Diego Lorca, un dos dous integrantes xunto con Pako Merino da compañía catalá Titzina Teatre, como principiou a idea de que a súa compañía estrease no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) a súa última produción "Distancia siete minutos". Titzina e Carballo viviron unha relación moi próxima dende o nacemento da compañía, hai xa doce anos, xa que trouxeron ao FIOT a súa primeira proposta "Jolie a deux / Sueños de psiquiátrico" e dende entón teñen presentado en Carballo, no marco do festival con "Entrañas", pero tamén na programación estable dos Venres Culturais con "Exitus", os tres traballos que teñen realizado ata o momento. Polo tanto, a idea é froito da confianza mutua xurdida desta relación, por parte do festival na compañía, a primeira non galega que estrea en España no FIOT, feito que subliña Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte; e tamén por parte de Titzina no FIOT, "pola calidade da programación e polo cariño que hai aquí polo teatro", en verbas de Lorca. Todo unido a que sempre teñen rexistrado cheo de público nas súas visitas, un aliciente máis para presentar en Carballo "Distancia siete minutos" porque "é como xogar en casa", segundo Pako Merino, nun lugar "onde estamos moi cómodos".

A Comisión de Coordinación Social ultima o borrador para a creación dunha Bolsa de Vivenda Social con alugueres reducidos

ESTÁ PREVISTO QUE A PROPOSTA SE INCLÚA NO PLENO DE NOVEMBRO

A Comisión de Coordinación Social ultima o borrador para a creación dunha Bolsa de Vivenda Social con alugueres reducidos

Mércores 23 de outubro do 2013

A Comisión de Coordinación Social do Concello de Carballo vén de manter unha nova xuntanza na que se expuxeron os detalles do borrador coas condicións para a creación dunha Bolsa de Vivenda Social de carácter municipal e con alugueres reducidos -dun máximo de 150 euros- destinada a axudar a aquelas persoas en dificultades a causa de situacións de desafiuzamento ou que teñan problemas para asumir o pagamento dun aluguer a prezo de mercado. Despois da reunión celebrada hoxe, mércores 23 de outubro, está previsto que a proposta sexa pechada para ser debatida na sesión plenaria ordinaria do mes de novembro para despois facer unha convocatoria pública oficial e facilitar que tanto os propietarios e propietarias interesados, como as persoas que desexen ser beneficiarias, tramiten a súa solicitude para que sexan incluídas na Bolsa. Nestes momentos o Concello contaría con cinco vivendas dispoñibles. Estiveron presentes na Comisión de Coordinación Social o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Silvana Castro; Miguel Ángel Ferreiro, como representante do grupo municipal do PP; e representantes de entidades de carácter social como Cruz Vermella e Cáritas Parroquial, así como técnicos dos Servizos Sociais Municipais.

 Aberto o prazo para anotarse nun Curso de Técnicas de Actualización do Comercio no Fórum Carballo

INSCRICIÓNS ATÉ O 8 DE NOVEMBRO

Aberto o prazo para anotarse nun Curso de Técnicas de Actualización do Comercio no Fórum Carballo

Mércores 23 de outubro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira informa de que está aberto o prazo para anotarse nun Curso de Actualización do comercio en materias de Marketing, Merchandising e Escaparatismo, dirixido ao comercio local e que se desenvolverá a partir do 11 de novembro de 20.30 a 23.00 horas no Fórum Carballo. A actividade formativa está dividida en catro módulos. O Módulo 1 céntrase no concepto de merchandising, na animación no punto de venda, nas promocións ou na organización de campañas. O módulo 2 tratará sobre a atención ao cliente, a comunicación e a innovación en produtos, xestión e marketing. O Módulo 3 está centrado nos principais aspectos dos escaparates como os seus obxectivos e funcións, os tipos, os materiais ou a planificación das accións dos escaparates. Por último, durante o módulo 4 tratarase o desenvolvemento de estratexia persoal e realizaranse visitas e análises dos comercios participantes. Está previsto que o curso teña 40 horas de duración e que a asistencia sexa gratuíta. Os interesad@s en anotarse teñen até o 8 de novembro e poden facelo a través da Oficina de Promoción Económica do Fórum, no teléfono 981 709 013 ou no enderezo electrónico <paulalema@carballo.org>. Os interesados e interesadas poden descargar a ficha de inscrición nesta mesma nova en pdf.

Carballo acolle o V Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico que pretende divulgar os xogos populares e tradicionais

VENRES 8 E SÁBADO 9 DE NOVEMBRO DE 2013

Carballo acolle o V Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico que pretende divulgar os xogos populares e tradicionais

Martes 22 de outubro do 2013

O Fórum Carballo acolle o venres 8 e o sábado 9 de novembro o V Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico que organiza a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) xunto con Nova Escola Galega e a colaboración do Concello de Carballo. O lema da cita é o "Xogo tradicional e desenvolvemento psicomotriz" e o obxectivo do curso é o de "tratar de formar aos educadores" e "divulgar" os xogos populares como son a chave, a corda, as bólas, a ra, a estornela, o ovo, a mariola, etc. Así o explica Paco Veiga, da AGXPT, que subliña que durante o curso xuntaranse profesionais da educación de distintos ámbitos para "dotalos de ferramentas coas que recuperar o xogo tradicional". Os relatorios e obradoiros terán lugar nas instalacións do Fórum Carballo durante a tarde do venres 8 e toda a xornada do sábado 9, mentres que tamén está previsto que o CEIP Xesús San Luís Romero sexa o escenario de xogos de animación. Ademais, o curso complétase cunha cea colectiva o venres pola noite. O Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, quixo salientar a importancia dos xogos populares como un xeito de "recuperar hábitos que son saudables e divertidos" e de conseguir que os nenos e nenas volvan a xogar na rúa.

Compartir: