Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
Entrega de diplomas do curso "Xestión dun comercio" dirixido a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal

O CURSO PLAN XERAL CONTABLE PRINCIPIA O 11 DE NOVEMBRO

Entrega de diplomas do curso "Xestión dun comercio" dirixido a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal

Xoves 7 de novembro do 2013

O Fórum Carballo vén de acoller o acto de entrega de diplomas do curso "Xestión dun comercio" dirixido a usuarios e usuarias da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) e que finalizaron con aproveitamento un total de 18 persoas. Presidiu a cita o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo, que lle desexou aos participantes que "atopen traballo o antes posible" para que a súa relación coa BDT sexa para mellorar a súa situación laboral pero non dende o desemprego. Os responsables da Bolsa de Traballo explican que os alumnos e alumnas quedaron moi satisfeitos coa acción formativa, especialmente coa parte práctica na que puideron vivir de primeira man casos de xestión de stocks, operacións de caixa, presentacións de produto ou simulacións de venda e dinámicas de grupo. O curso "Xestión dun Comercio", de 60 horas de duración, estivo dirixido a demandantes de emprego con experiencia no sector comercial e que queiran traballar no futuro como dependentes ou como xestores do seu propio negocio. A iniciativa afondou nas habilidades e coñecementos necesarios para a xestión dun establecemento de venda de cara ao público. Hai que subliñar que a BDT continuará nos próximos días coa súa oferta formativa para desempregados co obxectivo de axudar aos veciños e veciñas a mellorar a súa situación laboral.

Carballo acolle a fase final da Copa Galicia de Baloncesto en categoría infantil na que participa o Basket Xiria

NO PAVILLÓN VILA DE NOIA O 10 DE NOVEMBRO

Carballo acolle a fase final da Copa Galicia de Baloncesto en categoría infantil na que participa o Basket Xiria

Xoves 7 de novembro do 2013

O Pavillón Vila de Noia da capital municipal acolle o domingo 10 de novembro a fase final da Copa Galicia de Baloncesto en categoría Infantil masculina na que participa o Escola Basket Xiria. Enfrontarase ao Sigaltec Vilagarcía, ao Seis do Nadal Coia e ao Instituto Rosalía pola victoria neste torneo no que se dan cita os mellores xogadores galegos da categoría, moitos deles integrantes da selección galega de baloncesto e incluso da selección española. O adestrador do Basket Xiria, Arturo Ferraces, explica que a competición a inaugura o equipo local contra o Vilagarcía coa primeira semifinal ás 10.30 horas; ás 12.30 ten lugar a segunda semi entre os outros dous equipos e as finais son pola tarde, coa loita polo terceiro e cuarto posto ás 17.00 horas e a final ás 19.00. Ferraces subliña que preto do 90 por cento dos integrantes da selección galega estarán en Carballo o domingo, polo que espera que o público se anime a gozar dos partidos, especialmente nunha "categoría especial" na que se practica un "baloncesto moi bonito". Da mesma opinión é o Vicepresidente da Federación Galega de Baloncesto (Fegaba), José Manuel Villamarín, que describiu a cita como "unha boa oportunidade para ver aos mellores xogadores do momento". Villamarín tamén quixo agradecer a disposición tanto do Concello como do Escola Basket Xiria para acoller esta e outro tipo de citas importantes no calendario da Federación.

Carballo organiza por terceiro ano consecutivo un obradoiro de cantos de berce para bebés impartido por Xabier Díaz

MÉRCORES 20 E MÉRCORES 27 DE NOVEMBRO NO PAZO DA CULTURA

Carballo organiza por terceiro ano consecutivo un obradoiro de cantos de berce para bebés impartido por Xabier Díaz

Mércores 6 de novembro do 2013

O Concello de Carballo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un ano máis un obradoiro de nanas dirixido a nais e pais, presentes ou futur@s, así como a outr@s familiares, formador@s ou persoas interesadas que queiran aprender ou practicar o aproveitamento do poder emocional das nanas e cantos de berce para arrolar os seus bebés. Este pequeno obradoiro terá catro horas de duración, e desenvolverase o mércores 20 e o mércores 27 de novembro, en horario de 17.00 a 19.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. Nel poden participar un máximo de 25 persoas, ben soas, ben acompañadas do seu bebé. A inscrición é gratuíta e pode facerse no Servizo de Normalización Lingüística (no Pazo da Cultura) ou no teléfono 981 704 304, en días laborables en horario de mañá. De impartir o obradoiro encargarase, igual que o ano pasado, o músico bergantiñán Xabier Díaz, que é cantante dos grupos Berrogüetto e aCadaCanto e que, entre outros proxectos, publicou hai dous anos o exitoso disco "Arrolos de salitre", un álbum que contén precisamente 11 cantos de berce en galego. Este disco foi editado xunto co músico Guillerme Fernández, tamén músico de Berrogüetto e aCadaCanto, e que tamén participará neste obradoiro.

Carballo principia un mes contra a violencia de xénero con cine, obradoiros, exposicións e a tradicional Feira das Asociacións

A PARTIR DO 11 DE NOVEMBRO

Carballo principia un mes contra a violencia de xénero con cine, obradoiros, exposicións e a tradicional Feira das Asociacións

Mércores 6 de novembro do 2013

O Concello de Carballo, como cada ano, conmemora o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, con todo un mes cheo de actos programados pola Concellaría de Igualdade e Benestar entre os que se inclúen unha exposición, cinema, obradoiros, espectáculos e a xa tradicional Feira das Asociacións, na que participan numerosas entidades do municipio. Analizando polo miúdo as citas, como cada ano está previsto contar cunha mostra (na imaxe o cartel anunciador da de 2013), neste caso cedida por Médicos do Mundo e titulada"Mulleres, de vida alegre?". Composta por instantáneas de Salvador Campillo, transmítenos, a través do testemuño de catro mulleres, as causas e as consecuencias da explotación sexual. O obxectivo da mostra é concienciar á cidadanía acerca da situación na que se encontra un colectivo estigmatizado e excluído socialmente. Ademais de promover un cambio de actitudes cara á prostitución mostrando as súas consecuencias e dando voz e rostro ás mulleres que a exercen, mediante esta mostra Médicos do Mundo busca reducir o estigma que rodea ás persoas en situación de prostitución. Outra das actividades previstas terá lugar o propio luns 25 de novembro. O alumnado de 1º de Bacharelato dos IES de Carballo poderá asistir a un espectáculo lúdico musical e pedagóxico que analiza os roles de xénero que transmiten as cancións de temática amorosa.

Un total de 10 concertos nos que participan 25 agrupacións musicais conforman o programa do Novembro con música 2013

FOLK, ROCK, CORAIS OU O CICLO EN FAMILIA DURANTE TODO O MES

Un total de 10 concertos nos que participan 25 agrupacións musicais conforman o programa do Novembro con música 2013

Mércores 6 de novembro do 2013

Carballo honra un ano máis a Santa Cecilia co programa Novembro con Música (NCM) que reúne a un total de 25 agrupacións que ofrecen dez concertos ao longo de todo o mes. Moitas das actividades constitúen citas xa consolidadas como o concerto de música tradicional 'Sons de aquí' -que abre o programa o sábado 9 de novembro-, o festival de rock 'Live in Cances', o concerto de Santa Cecilia, o Festival de Corais, o concerto da Banda Municipal que adoita pechar o programa ou o ciclo 'En Familia', dirixido aos máis cativos e cativas. Unha decena de actividades organizadas polo Concello e por moitas das asociacións culturais e agrupacións musicais do municipio, coas que colaboran organismos como a Deputación da Coruña. Este ano, ademais, o programa conta co patrocinio, por segundo ano consecutivo de Primera Persona Editorial. A maioría das citas, que se complementan cunha exposición e cos actos conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, teñen lugar nas instalacións do Pazo da Cultura, e todas son de balde ata completar o aforo dos espazos nos que se celebran. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, foi a encargada de presentar un programa que é "unha oportunidade para todos os amantes da música" e que tamén contribúe a mostrar o traballo realizado polas agrupacións musicais do municipio.

Senda Nova emprende por segundo ano consecutivo o obradoiro ambiental para nenos e nenas de Primaria Sendas Carballo

PARTICIPAN RAPACES E RAPAZAS DOS COLEXIOS DE CARBALLO

Senda Nova emprende por segundo ano consecutivo o obradoiro ambiental para nenos e nenas de Primaria Sendas Carballo

Martes 5 de novembro do 2013

O sábado 2 de novembro o Fórum Carballo acolleu o punto de partida da segunda edición do Obradoiro Ambiental Sendas Carballo organizado pola Asociación Ambiental Senda Nova coa colaboración do Concello carballés. Ao acto asistiron pais e nais dos nenos e nenas participantes que acompañaron aos seus fillos á que sería tamén a primeira sesión de ecoloxía do obradoiro. Tamén asistiron monitoras e monitores da asociación así como o Concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira. O obxectivo primordial de Sendas Carballo é o achegamento ao patrimonio das 18 parroquias do municipio e que os rapaces e rapazas acaden uns coñecementos necesarios que lles permitan ter condutas de respecto pola súa contorna máis próxima. Tamén, que tomen constancia dos equipos, normas e utensilios básicos para un maior respecto e aproveitamento nas saídas ao medio natural, e gozar del dunha forma axeitada. O obradoiro dura dende novembro ata finais do mes de marzo e nel participan un máximo de 25 nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Primaria dos diferentes centros de ensino de Carballo. Nesta primeira sesión explicáronse as premisas que rexerán o obradoiro durante os seus cinco meses de duración e repartiuse a cronoloxía para as vindeiras xornadas, que inclúe actividades teóricas e prácticas.

Reave pón en marcha a segunda edición do Concurso "Carballo tamén en botella" para fomentar a reciclaxe de aceite usado

PARTICIPAN 12 CENTROS DE ENSINO DE CATRO MUNICIPIOS

Reave pón en marcha a segunda edición do Concurso "Carballo tamén en botella" para fomentar a reciclaxe de aceite usado

Martes 5 de novembro do 2013

A empresa Reave, Recollidas de Aceite Vexetal SL, que ten en marcha no Concello de Carballo un servizo de recollida de aceite de cociña usado para a súa reciclaxe, propón por segundo ano consecutivo o Concurso "Carballo tamén en botella", que ten como obxectivo principal fomentar nos/as nenos/as criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Máis en concreto, a iniciativa tamén pretende conseguir que aprendan a correcta separación do aceite usado para o seu posterior reciclado e motivar aos cativos e cativas no compromiso e a responsabilidade na correcta xestión de residuos e as consecuencias de non a levar a cabo. Nesta a súa segunda andaina o certame está destinado a todo o alumnado dos Centros de Educación Primaria da comarca de Bergantiños e finalmente participan 12 colexios dos municipios de Carballo (todos excepto o Artai), Coristanco (CEIP Canosa-Rus), A Laracha (CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión e CEIP Otero Pedrayo) e Malpica (CEIP de Buño e CEIP Milladoiro). Os nenos e nenas recollerán aceite de cociña usado até o 31 de maio, cando se realizará o reconto a través do que se coñecerá o centro gañador, aquel que posúa a maior ratio de quilos recollidos por alumno/a.

Carballo pon en marcha unha Aula de Gravado gratuíta coa colaboración do artista Manuel Facal nas instalacións do Fórum

AS INSCRICIÓNS PODEN FORMALIZARSE ENTRE O 5 E O 11 DE NOVEMBRO

Carballo pon en marcha unha Aula de Gravado gratuíta coa colaboración do artista Manuel Facal nas instalacións do Fórum

Luns 4 de novembro do 2013

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Mar Eirís e grazas á iniciativa do artista Manuel Facal Ponte, pon en marcha a partir do mes de novembro unha Aula Municipal de Gravado dirixida a artistas profesionais ou semi profesionais e situada no Fórum Carballo. O obxectivo, segundo explica Manuel Facal, é que "xente nova, con ganas de iniciar un proceso creativo" teñan a oportunidade de formarse nunha técnica como o gravado, á que "é moi difícil de acceder" e que tan só está dispoñible en Galicia nas escolas de Belas Artes ou no Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC) de Betanzos. Segundo Facal Ponte, a súa intención é que, baixo a súa supervisión, se emprendan entre un e dous meses de formación para "xente que teña unha base artística" coa arela de que, unha vez que Facal Ponte abandone o proxecto, poida xurdir o interese de que alguén tome o relevo, continuando co uso das instalacións do Fórum e o taller de gravado. Segundo Mar Eirís, con este obradoiro preténdese apoiar non só a difusión, mais tamén a creación cultural especialmente entre os artistas locais. Hai que subliñar que a actividade é gratuíta, que o material necesario será achegado polo Concello e que a inscrición está aberta entre o martes 5 e o luns 11 de novembro no Pazo da Cultura.

Aprobados en Xunta de Goberno os expedientes de contratación para as actuacións do Plan de Obras e Servizos 2013

ADXUDICADO O SOTERRAMENTO DE LIÑAS ELÉCTRICAS NA PIÑA

Aprobados en Xunta de Goberno os expedientes de contratación para as actuacións do Plan de Obras e Servizos 2013

Luns 4 de novembro do 2013

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar os expedientes de contratación correspondentes cos tres proxectos incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) 2013. Así, trátase do contrato administrativo da obra "Rede de saneamento en Castelo, 2º fase, parroquia de Vilela" (na imaxe a igrexa parroquial); do contrato de obra de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns e Carballo, no Concello de Carballo"; e do contrato de obra de "Mellora do abastecemento en Xoane (parroquia de Goiáns) e Carracedo (parroquia de Ardaña)". Os presupostos de execución por contrata recollidos no prezo de licitación son, respectivamente, 129.044,62 euros (IVE incluído); 93.037,71 euros (IVE incluído); e 107.355,80 euros (IVE incluído). Os criterios de adxudicación son os mesmos para cada unha das tres licitacións, sendo a oferta económica o máis valorado, cun máximo de 40 puntos, seguido do programa de traballo (máx. 17), o plan de control de calidade (máx. 13), o esquema do plan de seguridade e saúde (máx. 12), e o programa de actuación medioambiental (máx. 8). As actuacións do POS 2013 foron aprobadas en sesión plenaria ordinaria celebrada en novembro de 2012.

Seis grupos de afeccionados ao teatro radiofónico defenden as súas interpretacións na final do Concurso Xosé Manuel Eirís

FINAL: DOMINGO 3 DE NOVEMBRO ÁS 18.00 HORAS

Seis grupos de afeccionados ao teatro radiofónico defenden as súas interpretacións na final do Concurso Xosé Manuel Eirís

Xoves 31 de outubro do 2013

Na reunión mantida polo xurado do XIII Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís", o pasado luns 28 de outubro seleccionouse aos seis grupos finalistas, formados por un total de 39 nenos e nenas, que defenderán as súas pezas na final prevista para o domingo 3 de novembro no auditorio do Pazo da Cultura. Nesta edición, participaron uns 150 mozos e mozas de colexios e asociacións da comarca de Bergantiños divididos en 20 grupos de afeccionados ao teatro radiofónico. A gala estará presentada pola compañía de clown "Os 7 Magníficos máis 1", que tamén amenizarán o evento cun espectáculo destinado ao público familiar. As interpretacións de todos os participantes poden escoitarse todas as mañás en RadioVoz Bergantiños. Na primeira categoría, integrada por grupos nenos e nenas de ata 10 anos, as pezas radiofónicas elixidas polo xurado foron "A noite das mudanzas" do grupo Cances, do CRA Ponte da Pedra; "Nin ouro, nin prata, nin rabo de gata do grupo", de A Esmorga do CEIP Canosa-Rus; "A visita do inspector" do grupo Os Pillabáns do CEIP Xesús San Luis Romero; e "Puchiño vermello" do grupo Os Revoltiños do CPI As Revoltas. Na segunda categoría, grupos de nenos e nenas a partir de 11 anos, as escenificacións que pasan á final son "A inspectora preguntona", do grupo Os Respondóns do CEIP Bergantiños; e "O auto do labrego" do grupo Escola Municipal de Teatro de Cabana de Bergantiños.

Asinado na Alcaldía o contrato de obras de "Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)"

OS TRABALLOS COMEZARÁN O ANTES POSIBLE

Asinado na Alcaldía o contrato de obras de "Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)"

Xoves 31 de outubro do 2013

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e un representantes da empresa Construcciones López Cao veñen de asinar na Casa do Concello o contrato administrativo de obras de "Mellora de capa de rodadura nos lugares de Ferradal (Bértoa) e Paraíso (Berdillo)". A adxudicación realizouse por un importe de 102.971 euros, IVE incluído e o prazo de execución estipulado é de 45 días naturais contados a partir do día seguinte ao da sinatura da acta de replantexamento. Hai que subliñar que a empresa ofertou melloras sen custo adicional valoradas en máis de 15.000 euros, como son melloras en seguridade, a saída de residuos de construción, o recrecido de pozos e arquetas, e a colocación da sinalización viaria horizontal e vertical. Tanto o Alcalde de Carballo como o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, presentes na sinatura, interesáronse pola data de comezo dos traballos. Dende a empresa explican que o obxectivo é comezar o antes posible, especialmente para prever as variacións meteorolóxicas propias da estación. Se os trámites avanzan segundo o previsto, as máquinas poderían estar traballando a próxima semana. Hai que lembrar que o financiamento desta e outras actuacións de mellora da rodadura en varias vías do municipio vén a través dun suplemento de crédito ao que se incorporou arredor dun millón de euros do remanente de tesourería.

Parroquia, funerarias e cidadanía asumen o compromiso "Galeg@s para sempre" para poder ser lembrados en galego

O OBXECTIVO É VISIBILIZAR O IDIOMA NO MOMENTO DO PASAMENTO

Parroquia, funerarias e cidadanía asumen o compromiso "Galeg@s para sempre" para poder ser lembrados en galego

Xoves 31 de outubro do 2013

O Salón de Plenos do Concello de Carballo vén de acoller o mércores 30 de outubro, en vésperas do día de Todos os Santos, un acto para visibilizar que a nosa lingua propia, o galego, de uso maioritario nas relacións persoais en vida, tamén pode servir para sermos lembrados despois da morte, para que, despois do noso pasamento, non quede borrado, invisibilizado, esquecido. Deste xeito, diversas persoas a nivel individual asinaron a declaración Galeg@ para sempre, coa que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que as persoas asinantes declaran que a lingua galega é a súa lingua propia, que se senten identificadas con ela e a que queren que se use para seren lembradas. Ademais, no acto público manifestáronse os compromisos adquiridos pola parroquia carballesa e polas cinco funerarias que operan no municipio (San Antonio, Santa Marta, Bergantiños, San José e A Milagrosa), mediante os cales se comprometen a preguntarlles a familiares ou persoas achegadas, en cada caso, que lingua queren que se use na lápida, recordatorio, necrolóxica, flores, actos, etc. En nome das funerarias leu a declaración Roberto Carlos Vasco, de Tanatorio Bergantiños.

Compartir: