ASINADO UN CONVENIO COA CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA
Luns 18 de novembro do 2013
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, veñen de asinar un convenio de colaboración para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo. O obxectivo do convenio é centralizar neste edificio todos os servizos autonómicos localizados no termo municipal, a fin de prestar un mellor e máis áxil servizo á cidadanía, e dentro do compromiso destas dúas administracións por optimizar o uso dos edificios públicos. Segundo explican Ferrero e Rueda, está previsto que as dependencias da Oficina de Emprego (da Consellería de Traballo e Benestar), das oficinas das consellerías de Medio Rural e Mar (Oficina Agraria Comarcal) e de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (neste último caso con seis persoas do distrito ambiental II do Servizo de Conservación da Natureza) estean plenamente operativas e dispoñibles para os veciños e veciñas a partir do mes de xaneiro na planta baixa e no andar 1 da nave 2 do Fórum. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar a "lealdade e colaboración institucional" existente entre o Concello e a Xunta co obxectivo de "optimizar os recursos de formación e emprego" e "dinamizar todo o barrio da Milagrosa". Rueda, pola súa banda, quixo resaltar as "magníficas" instalacións coas que "a Xunta vese claramente beneficiada" e nas que 30 persoas traballarán a partir de xaneiro coa arela de "mellorar o servizo".
INTERESAD@S EN PARTICIPAR CONTACTAR COA ASOCIACIÓN SENDA NOVA
Sábado 16 de novembro do 2013
A Asociación Ambiental Senda Nova, coa colaboración do Concello de Carballo e a implicación de varios establecementos da vila e de artistas locais pon en marcha a iniciativa "Pintamos moito" que ten como obxectivo mellorar a estética do casco urbano carballés axeitando varios muros e medianeiras do centro. O obxectivo é que nenos e nenas carballeses, baixo a supervisión dos artistas, pinten e plasmen as súas ideas en catro puntos da vila para enchelos de cor e mellorar a trama urbana. Segundo explica Xose Manuel Menéndez, presidente de Senda Nova, a idea xurdiu coa intención de "lavarlle un pouco a cara a certos lugares do casco urbano", comezando con catro, mais coa arela de continuar no futuro noutros puntos de Carballo. Desta primeira volta os lugares son: un muro situado na contorna da rúa Vila de Noia que terá unha temática deportiva; outra parede situada na confluencia das rúas Alfredo Brañas e Gran Vía inspirada no Pedibús; un muro na Rúa Barcelona centrado en plasmar o Bosque da Ribeira da Pena; e outro na glorieta da contorna do CCB-Gadis na que a temática será o espazo natural de Razo-Baldaio. Nestes momentos xa están implicados no proxecto os rapaces e rapazas que participan no Obradoiro Ambiental Sendas Carballo, mais os interesad@s -adult@os e cativ@s- en colaborar poden poñerse en contacto con Senda Nova no enderezo electrónico e nos teléfonos 636 326 083 e 696 155 232.
NOVA COMISIÓN: MÉRCORES 20 DE NOVEMBRO ÁS 16.30 HORAS
Venres 15 de novembro do 2013
Despois dun total de 31 xuntanzas da Comisión Informativa de Urbanismo e Medio Rural, o proceso de revisión das alegacións presentadas ao documento para aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) entra na súa recta final. Nestes momentos, e despois dunha quenda de xuntanzas que comezou o pasado mes de xuño, xa están revisadas todas as reclamacións correspondentes ao medio rural así como as do casco urbano e a zona costeira e, segundo explica a Concelleira de Urbanismo e Desenvolvemento Urbano, tan só restan "algúns flocos", dúbidas moi concretas sobre ámbitos moi concretos que no seu momento quedaron sobre da mesa e que poderán despexarse na próxima reunión convocada para o mércores 20 de novembro. Unha vez rematada toda a revisión e ditaminadas as resolucións para as 1.921 alegacións presentadas, será o momento de que o equipo redactor do PXOM elabore un documento no que se recolle todo o proceso, un informe que deberá ser ratificado de novo pola Comisión de Urbanismo e que logo debe recibir a aprobación provisional do pleno da corporación. Despois de ese trámite, será a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a que acepte ou rexeite a aprobación definitiva do plan.
RECEPCIÓN DE EVENCIO FERRERO NA ALCALDÍA
Venres 15 de novembro do 2013
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de recibir na Casa do Concello aos recentes campións da Copa Galicia de baloncesto en categoría infantil masculina, o equipo da Escola Basket Xiria. Así, na final celebrada no Pavillón Vila de Noia da capital municipal o domingo 10 de novembro, os anfitrións superaron ao outro finalista, Seis do Nadal-Coia, por 63 a 39, despois dun torneo cunha impecable traxectoria. O terceiro posto correspondeulle ao Instituto Rosalía e cuarto foi para Sigaltec BBC Vilagarcía. O Alcalde quixo falar cos compoñentes do equipo, Jorge Mato Andrés, Roi Navarro Sánchez, Martín Vidal Otero, Anxo Estany Gómez, Javi López Pardo, Luciano Calvo Eirís, Álex Estramil Reyes, Enrique Melini Pose, Javi Souto Pallas e Iago Caamaño Serra, así como co adestrador, Arturo Ferraces, moi satisfeito co traballo dos seus xogadores, así como coa organización do torneo. Tiveron a oportunidade de asinar no libro de honra, que, curiosamente, cubriu coas súas verbas e sinaturas todas as súas páxinas, polo que o volume chegou á súa xubilación despois de ser o espazo de expresión de numerosas autoridades e persoeiros dende o ano 1974. Nun ambiente distendido, Ferrero quixo felicitar aos vencedores, e desexoulles que continúen no futuro cos éxitos do Basket Xiria e do deporte de base para o Concello carballés.
MÁIS DE 4,8 MILLÓNS DESTÍNANSE A INVESTIMENTOS REAIS
Venres 15 de novembro do 2013
O Concello de Carballo presenta un orzamento para 2014 que no apartado de gastos reflicte un importe de 23.284.114,41 euros -un 7,03 por cento máis que en 2013 con 1.530.104,27 euros máis- e no de ingresos de 23.294.992,53 euros -cun incremento do 2,92 respecto da previsión para o exercicio anterior con 662.301,01 euros máis-. Trátase dunhas contas que, segundo explica a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, "manteñen a regra de gasto e a estabilidade financeira" ademais de incrementar os ingresos e "asumir un elevado investimento real sen recorrer a préstamo". Lendoiro subliña que as contas continúan a liña aberta cos orzamentos de 2012 e 2013, cun presuposto "realista e que garante a calidade dos servizos" dándolle prioridade "ao benestar das persoas", así como "á formación e o emprego e á dinamización económica". A Concelleira de Facenda quere resaltar que o orzamento de 2014 é un exemplo "da boa saúde económica do Concello", establecéndose un "control rigosoro do gasto". Para o Alcalde, Evencio Ferrero, trátase dun "bo documento que fará que Carballo continúe pola senda da estabilidade e do crecemento", incrementando nun 11,46 por cento os investimentos reais respecto de 2013, chegándose aos 4.845.000 euros. Tamén subliña que a débeda viva segue baixando e agora é de "tan só o 5,97 por cento", sendo a débeda por habitante de pouco máis de 100 euros.
SÁBADO 16 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS
Venres 15 de novembro do 2013
O sábado 16 de novembro o público ten unha nova cita co Novembro con Música 2013, o programa musical elaborado pola Concellería de Cultura do Concello de Carballo, coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña. A partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura ten lugar o Festival de Corais, unha das citas anuais coa música coral, con algunhas das formacións máis importantes de Carballo e da comarca de Bergantiños: a Agrupación Polifónica de Carballo, o Coro Aires de Bergantiños e a Coral Polifónica de Bergantiños. Fundada no ano 2001, polo que a converte na máis nova das tres que participan neste festival, a Agrupación Polifónica de Carballo, non deixa de ser a menos experimentada, porque moitos dos seus integrantes, xa formaron parte doutras agrupacións corais. Está integrada por músicos noveis e outros veteranos, incluso algún deles, galardoado coa medalla de prata Marcial del Adalid. Nestes 12 anos de carreira, a Agrupación Polifónica de Carballo ten actuado en numerosos eventos e lugares da nosa comunidade autónoma e, na actualidade, están dirixidos por Javier Otero. O coro galego Aires de Bergantiños, de carácter marcadamente tradicional, leva moitos anos recuperando e divulgando a música tradicional, o patrimonio cultural no máis amplo sentido da palabra.
UXÍA E ANTÓN SENSIBILIZAN AOS CATIV@S SOBRE O MEDIO AMBIENTE
Xoves 14 de novembro do 2013
O Concello de Carballo e Urbaser, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo no municipio, veñen de principiar unha nova acción de divulgación da reciclaxe no marco do programa Carballo Limpo. Así, durante todo o mes de novembro, os rapaces e rapazas dos centros de ensino do municipio aprenderán as claves da reciclaxe de residuos e da recollida selectiva a través dun divertido obradoiro. Uxía e Antón son dous personaxes deseñados no seu día polo inesquecible deseñador carballés Alberto Gende para Carballo Limpo e agora cobran vida por medio dun actor e unha actriz que os caracterizan e divulgan en vivo toda a información que antes so se facía en papel. O alumnado que poderá gozar deste obradoiro é o dos ciclos de Primaria dos colexios, que se pretende sexan os transmisores e transmisoras da importancia que ten a colaboración da cidadanía na conservación do nosa contorna. Estas accións serán completadas cunha promoción coincidindo cos dous días de mercado semanal na capital municipal, cando estes personaxes realizarán tamén accións de divulgación. O primeiro día, hoxe 14 de novembro, os obradoiros visitaron o CEIP Bergantiños da capital municipal ás 10.00 horas e tamén aos alumnos e alumnas de 1º e 2º de Primaria do CEIP Xesús San Luís Romero ás 13.30 horas. A esta última cita tamén asistiron o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e a Concelleira de Educación e Cultura Mar Eirís.
A POLICÍA LOCAL VIXIARÁ O CUMPRIMENTO DA ORDENANZA
Martes 12 de novembro do 2013
O Concello de Carballo solicita aos veciños e veciñas que cumpran coa Ordenanza municipal reguladora da limpeza, salubridade e hixiene no termo municipal de Carballo e non deixen os excrementos dos seus cans nas rúas da vila. Así, segundo a norma "queda absolutamente prohibido que os propietarios ou posuidores de cans deixen as deposicións dos seus animais en parques infantís ou xardíns de uso frecuente por parte dos nenos, así coma nas beirarrúas e zonas de paso de peóns, e en xeral, en toda a vía pública". Ademais "as deposicións que se produzan serán recollidas polos propietarios ou posuidores dos cans e colocaranse de maneira hixienicamente aceptable nos colectores de recollida de lixo". Por último, "queda prohibido depositalos en papeleiras públicas ou nas entradas das cloacas da rede de sumidoiros". As infraccións polo incumprimento da normativa están clasificadas como leves e graves. No primeiro caso, pasear un animal sen portar as bolsas ou recipientes para a recollida das súas dexeccións, ao ser requirido da súa exhibición polos funcionarios da inspección, e sen que se teña producido aínda a dexección do animal pode supoñer 50 euros. Infracción grave é deixar depositadas na vía pública as dexeccións dun animal, con 250 euros de sanción.
PRÁCTICAS DOS CURSOS AFD DE ELECTRICIDADE, COCIÑA E SOLDADURA
Luns 11 de novembro do 2013
Hoxe, luns 11 de novembro, vén de comezar o curso "Plan Xeral Contable" da Bolsa de Traballo Municipal (BDT) e do que se benefician un total de 20 usuarios e usuarias do servizo de busca de emprego local. Está previsto que teña 60 horas de duración repartidas en tres semanas en horario de mañá de 9.00 a 13.00 horas. Accederon a el de forma gratuíta persoas rexistradas na BDT con perfil académico de ciclos formativos medios ou superiores (FPII, Diplomaturas, Licenciaturas, Graos, etc.) en temas relacionado coa contabilidade (Administración e Finanzas, Empresas, Economía, Administrativo, etc.). Trátase dunha acción formativa baseada sobre todo nos aspectos prácticos en Contabilidade que lles permita aos alumnos e alumnas comprender cómo se realizan e formulan os estados financieiros a partir das anotacións contables e dominar os fundamentos da contabilidade e a normativa na que se apoia. Así mesmo, o Fórum acolle tres cursos do plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) dos que nestes días principian as prácticas nas empresas. Trátase dun curso de Cociña de 828 horas de duración; un de Soldadura con eléctrodo revestido e TIG de 758 horas; e un curso de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios de 458 horas.
DOMINGO 10 DE NOVEMBRO NA FEIRA DOMINICAL
Venres 8 de novembro do 2013
O domingo 10 de novembro, coincidindo coa feira tradicional, Carballo Limpo e Sogama coordinan unha campaña de promoción da reciclaxe entre a poboación, na que se contará cun camión e unha carpa nos que se repartirá material divulgativo. O obxectivo da campaña é incidir directamente na poboación para que esta comprenda a importancia de mellorar a clasificación dos residuos xerados nos seus fogares e reducir a cantidade de materiais non desexados ou "impropios" nos colectores amarelos. O stand estará situado na confluencia das rúas Coruña e Desiderio Varela de 10.00 a 14.00 horas. Ademais, esta iniciativa presta especial atención aos mais cativos e cativas, que poderán participar no "Xogo da reciclaxe". Este acto de colaboración entre Carballo Limpo e Sogama é o primeiro dunha serie de accións que Carballo Limpo levará a cabo nos vindeiros meses para promover a reciclaxe e así mellorar os índices de impropios nos diferentes colectores, tendo en conta ao mesmo tempo a ampliación do servizo de reciclaxe ás parroquias que se ten realizado nos últimos meses. Carballo Limpo e o Concello agradecen de antemán a colaboración da cidadanía, que fan uso do Punto Limpo Móbil chamando ao 981 75 49 17, e que contactan a través do web <www.carballolimpo.com> ou de Twitter @CarballoLimpo.
O DIRECTOR XERAL DE INDUSTRIA COMPROBOU A MARCHA DOS TRABALLOS
Venres 8 de novembro do 2013
O Director Xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces, acompañado do Alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e dos concelleiros de Obras e Servizos e de Medio Ambiente do Concello de Carballo, Luís Lamas e Marcos Trigo, vén de visitar os traballos de mellora dos accesos ao Parque Empresarial da Laracha desde a estrada provincial DP-1909. Este proxecto xorde da colaboración entre os concellos de Carballo e A Laracha, que concorreron conxuntamente ás axudas convocadas pola Consellería de Economía e Industria para compartir os gastos e sacar adiante un proxecto que beneficia aos dous municipios. A través dun convenio entre ambos concellos, estableceuse que a contratación do proxecto se realizase dende a Laracha, adxudicándose as obras por 224.000 euros, contando cun financiamento de case o 80 por cento por parte da Consellería de Economía e Industria. Ao remate, terase realizado unha mellora integral dos 2.814 metros de lonxitude da estrada que comunica A Xesteira (A Laracha, no acceso ao parque empresarial) con Castelo (Carballo, parroquia de Vilela). Así, a vía contará con pavimentación en aglomerado asfáltico en quente de 6 centímetros de grosor e será ampliada en determinados treitos para acadar unha anchura de 6,30 metros e incluír a canalización para a recollida de augas pluviais, especialmente no lugar da Xesteira.
SÁBADO 9 DE NOVEMBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA
Venres 8 de novembro do 2013
Esta fin de semana arrinca o programa do Novembro con Música 2013, a programación do Concello de Carballo para o mes de Santa Cecilia. O programa está elaborado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo e conta coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo, da Deputación da Coruña e doutras entidades privadas. A primeira das actividades prevista é a xa clásica cita anual coas agrupacións de música tradicional de Carballo, baixo o título Sons de Aquí. Nesta ocasión a encargada de abrir o acto é a Banda de Gaitas Municipal de Carballo. A continuación será a actuación das Cantareiras de San Campio de Cances. Logo, a Asociación Lembranzas de Bergantiños de Bértoa e a súa nova formación musical a Vella Troula de Lembranzas do Grupo de Gaiteiros dos veciños do barrio de San Cristovo. De seguido volven os cantos e as pandeiretas co grupo de Cantareiras Xoldreira da AC Nemeth de Carballo e rematan este concerto os tres grupos que trae a Asociación Cultural e Xuvenil Arume de Berdillo: Cantareiras e Cantareiros da AC Arume, a Escola de Gaitas de AC Arume e as Cantareiras Névedas da Asociación Xuvenil Arume. Esta mostra de música tradicional galega é unha das actividades máis concorridas de Novembro con Música e hai que lembrar que a cita é o sábado 9 de novembro a partir das 21.00 horas.