SOTERRAMENTO DE COLECTORES NA CONTORNA DO MERCADO
Mércores 27 de novembro do 2013
O Concello de Carballo vén de adxudicar os traballos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) de 2013, tres proxectos de saneamento e abastecemento de auga e de mellora de camiños que chegan a un importe conxunto de 289. 211,2 euros. O primeiro deles é a actuación para a "Mellora de abastecemento en Xoane (parroquia de Goians) e Carracedo (parroquia de Ardaña), Concello de Carballo (A Coruña)", que foi adxudicado por 91.925,55 euros e que será realizado por Viaqua (antiga Aquagest); o segundo é a "Rede de saneamento en Castelo, 2ª Fase, parroquia de Vilela, Concello de Carballo (A Coruña)", un proxecto que tamén será levado a cabo por Viaqua e que ten un importe de 112.827,65 euros; por último, a empresa Ramón Vázquez y Reino realizará por un custo de 84.458 euros os traballos de "Rebacheo e mellora da rodadura en varios camiños das parroquias de Razo, Sofán, Berdillo, Lema, Aldemunde, Goiáns, Carballo, no Concello de Carballo". Segundo explica a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, nestes momentos estase estudando a posibilidade de realizar o Plan Complementario coas baixas derivadas da contratación das actuacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos (POS 2013).
MARÍA BELÉN ÍNSUA TOMOU POSESIÓN COMO CONCELLEIRA DO PP
Martes 26 de novembro do 2013
A sesión plenaria ordinaria do mes de novembro, que se prolongou durante máis de tres horas e que rematou a falta de cinco minutos para a medianoite, supuxo a aprobación, cos votos a favor de BNG e PSOE, dos Presupostos xerais da corporación para 2014. Trátase dunhas contas con 23.284.114,41 euros no apartado de gastos -un 7,03 por cento máis que en 2013 con 1.530.104,27 euros máis-; e uns ingresos de 23.294.992,53 euros -cun incremento do 2,92 respecto do exercicio anterior con 662.301,01 euros máis-; e que destinan ao capítulo de investimentos reais 4.845.000 euros, o que supón o 20,81 por cento do total do orzamento. Precisamente dentro deste apartado un dos proxectos máis importantes é o de "Mellora do sistema xeral de abastecemento de auga en Carballo. Proxecto Anllóns-Bardoso", que neste pleno recibiu o visto e prace para o contrato de obra da Fase II co apoio de BNG e PSOE. Esta nova fase inclúe a execución dunha nova captación, unha ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) no río Bardoso para complementar a actual do Anllóns e a creación dunha nova impulsión de conexión de 1.555 metros de lonxitude. O proxecto foi elaborado por Egis-Eyser SA, o prezo de adxudicación é de 2.678.034,74 euros (IVE engadido) e está cofinanciado por fondos europeos FEDER. O procedemento é aberto con varios criterios de adxudicación e o prazo de execución previsto é de 13 meses.
A ACHEGA MUNICIPAL É DE 7.500 EUROS
Luns 25 de novembro do 2013
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o presidente da Asociación As Eiroas de empresarios e propietarios do Polígono de Bértoa, Antonio Gómez Caamaño, veñen de asinar un convenio de colaboración co obxecto por parte da administración local de apoiar a actividade empresarial e industrial e contribuír no posible a mellorar as condicións de seguridade na contorna do Parque Empresarial de Bértoa. Así, a finalidade do acordo é establecer un marco de colaboración entre as entidades asinantes para a instalación dun sistema de vídeo vixilancia no Polígono co obxecto de mellorar a seguridade, reducir o número de incidencias e paliar o custo que supón para o sector empresarial o mantemento dun servizo de vixilancia privada. O Concello de Carballo comprométese a colaborar coa Asociación As Eiroas coa achega de 7.500 euros -o 80 por cento do custo total do equipamento e instalación, que ascende a 11.829,28 euros- para a ampliación do sistema de vídeo vixilancia, incluíndo a instalación de tres novas cámaras e un sistema de control a distancia que permita ver as imaxes dende calquera punto do polígono a través dunha tablet. Tanto dende a entidade como dende o Concello manifestaron a súa satisfacción pola subscrición deste acordo, o primeiro que se establece entre as dúas entidades, nunha colaboración que ambas partes esperan que poida continuar no futuro.
DOMINGO 24 DE NOVEMBRO NUNHA CARPA NO XARDIN MUNICIPAL
Venres 22 de novembro do 2013
Como cada ano, o Concello de Carballo conmemora o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, cunha serie de actos entre os que destaca a Feira das Asociacións, que ten lugar durante a mañá do domingo 24 nunha carpa situada entre o edificio do mercado e o parque infantil do Xardín Municipal. Como cada ano dende 2004, esta cita conta coa presenza de distintas entidades que traballan en Carballo con e a prol das mulleres e da igualdade. A feira serve no só para rexeitar a violencia, senón tamén para dar a coñecer o traballo que as asociacións participantes desenvolven nesta loita, e para ofrecer información ás mulleres que así o desexen. O acto oficial de apertura da Feira está previsto para as 11.30 horas e está previsto que inclúa a lectura da Declaración Institucional do Concello de Carballo con motivo do 25 de novembro, que será levada para a súa aprobación ao pleno ordinario do mes de novembro. Estarán presentes na cita autoridades de distintas institucións, incluído o goberno municipal co Alcalde, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Igualdade, Silvana Castro, os corpos e forzas de seguridade e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación de Goberno en A Coruña, Judit Fontela Baro.
ACTO DE ENTREGA: VENRES 22 DE NOVEMBRO ÁS 20.30 HORAS
Venres 22 de novembro do 2013
Abertos ao Galego, o proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para dinamizar o galego no ámbito empresarial, entrega este venres 22 de novembro o seu II Premio, que se lle concede á cadea de electrodomésticos San Luís. O fundador de San Luís retoma a empresa despois de que a multinacional Darty, que a mercara hai uns anos, decidise pechar as tendas, que agora San Luís reabre en diferentes cidades galegas. Xa no seu día esta cadea fora un referente e unha empresa pioneira na publicidade en galego, e o lema do seu regreso é "Estamos de volta". O acto de entrega do premio, que é aberto ao público e que se fai en colaboración co Concello de Carballo, ten lugar no salón de actos do Pazo da Cultura de Carballo, ás 20.30 horas, e nel actúa a actriz e humorista Isabel Risco como mestre de cerimonias e a cantante galego-palestina Najla Shami. No acto tamén intervirá o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e mais o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. O premio será recollido polo xerente e fundador de San Luís, Lorenzo López. O empresario coruñés Lorenzo López, que fundou San Luis nos anos 70, fai unha clara aposta pola lingua como elemento fundamental da identidade, o que el entende como parte imprescindible da marca da empresa, de aí a necesidade de recoñecerlle o seu labor.
MARÍA BELÉN ÍNSUA TOMA POSESIÓN COMO CONCELLEIRA DO PP
Venres 22 de novembro do 2013
A corporación carballesa celebra o luns 25 de novembro unha sesión plenaria ordinaria na que entre os asuntos da orde do día está a aprobación dos Presupostos xerais da corporación para 2014. Trátase dunhas contas con 23.284.114,41 euros no apartado de gastos -un 7,03 por cento máis que en 2013 con 1.530.104,27 euros máis-; e uns ingresos de 23.294.992,53 euros -cun incremento do 2,92 respecto do exercicio anterior con 662.301,01 euros máis-. O seu obxectivo é ser "realista" e garantir "a calidade dos servizos" dándolle prioridade "ao benestar das persoas", así como "á formación e o emprego e á dinamización económica", segundo a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro (máis información sobre os orzamentos, aquí). Nun pleno cheo de asuntos de importancia, inclúese na orde do día o Contrato de obra "Mellora do sistema xeral de abastecemento de auga en Carballo. Fase II (FEDER convocatoria 2011 Proxecto Anllóns-Bardoso)". Esta fase inclúe a execución dunha nova captación, unha ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) no río Bardoso para complementar a actual do Anllóns e a creación dunha nova impulsión de conexión de 1.555 metros de lonxitude. O proxecto foi elaborado por Egis-Eyser SA e o prezo de adxudicación é de 2.678.034,74 euros (IVE engadido) e está cofinanciado por fondos europeos. O procedemento será aberto con varios criterios de adxudicación e o prazo de execución previsto será de 13 meses.
VENRES 22, SÁBADO 23 E DOMINGO 24 DE NOVEMBRO
Venres 22 de novembro do 2013
Hoxe venres 22 de novembro de 2013, festividade de Santa Cecilia patrona dos músicos e músicas, así como de todos aqueles amantes da "cuarta" arte, terá un especial protagonismo esta fin de semana, cunha serie de actividades programadas para celebrar esta efeméride. Esta tarde ás 20.00 horas a Coral Polifónica de Bergantiños honrará á Santa, cunha misa cantada na parroquia de San Xoán Bautista de Carballo. Ás 20.30 horas, e dentro da entrega do Premio "Abertos ao Galego", actuará a cantautora galego-palestina Najla Shami. Esta actividade está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüísta e conta coa colaboración do Concello de Carballo. A cita é no Salón de Actos do segundo andar do Pazo da Cultura. O sábado 23 hai unha nova cita con Novembro con Música 2013, o programa musical elaborado pola Concellería de Cultura do Concello de Carballo, coa colaboración das Agrupacións Musicais de Carballo e da Deputación da Coruña. A partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura, terá continuación a celebración da festividade da patrona dos músicos co festival de corais Santa Cecilia 2013. Esta é unha das citas anuais coa música coral máis salientable da comarca. Un concerto no que, ademais da anfitriona, a Coral Polifónica de Bergantiños, participarán a Coral Polifónica de Laxe e a Coral Airiños da Capela .
DURANTE A XUNTANZA ABORDOUSE A UNIFICACIÓN DE HORARIOS
Mércores 20 de novembro do 2013
O Consello Escolar Municipal mantivo o martes 19 de novembro unha xuntanza na que a inspectora de Educación, Berta Estrada, confirmou que os traballos de ampliación do CEIP Bergantiños da capital municipal (na imaxe, un momento da recente visita ás instalacións do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad) estarán listos a primeiros de 2014, a pesares dalgún atraso que houbo no pasado debido á realización do estudo xeotécnico. Segundo subliñou, está incluso aberta a posibilidade de que, se todo transcorre segundo o previsto, no mes de febreiro se realice o traslado de nenos e nenas xa escolarizados para que comecen a empregar as novas aulas -con capacidade para 225 alumnos e alumnas-, mentres que as novas incorporacións de alumnado e profesorado realizaríanse de cara ao curso 2014-2015. Nese sentido, a xuntanza tamén serviu para realizar un balance sobre o proceso de escolarización rexistrado este curso e o previsto para o próximo. Aínda que continúa habendo unha elevada taxa de natalidade, espérase que coa presenza das 225 novas prazas de Educación Infantil no CEIP Bergantiños non haxa ningunha incidencia de cara ao comezo da actividade escolar no próximo curso 2014-2015.
NA SALA DE EXPOSICIÓNS DO ANDAR -1 ATÉ O 29 DE NOVEMBRO
Martes 19 de novembro do 2013
A sala de exposicións do andar -1 do Pazo da Cultura de Carballo acolle até o venres 29 de novembro a mostra titulada "Mulleres, de vida alegre?". Cedida por Médicos do Mundo e composta por instantáneas de Salvador Campillo, transmítenos, a través do testemuño de catro mulleres, as causas e as consecuencias da explotación sexual. O obxectivo da exposición é concienciar á cidadanía acerca da situación na que se encontra un colectivo estigmatizado e excluído socialmente. Ademais de promover un cambio de actitudes cara á prostitución mostrando as súas consecuencias e dando voz e rostro ás mulleres que a exercen. Mediante esta mostra Médicos do Mundo busca reducir o estigma que rodea ás persoas en situación de prostitución. "Mulleres de vida alegre?" é unha chamada de atención á sociedade sobre as persoas prostituídas, persoas ás que, na maioría das ocasións, se lles sinala como culpables dunha situación cando en realidade son elas as vítimas. A mostra foi inaugurada polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Igualdade e Benestar, Silvana Castro; e a Concelleira de Cultura e Educación, Mar Eirís. Tamén estivo presente a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro. Poderá visitarse no horario habitual cada tarde de 18.00 a 21.00 horas.
MÉRCORES 20 DE NOVEMBRO
Martes 19 de novembro do 2013
O Novembro con Música 2013 continúa con máis actividades dirixidas a escolares, pero tamén a bebés o mércores 20 de novembro. En primeiro lugar, rapaces e rapazas dos colexios de Carballo asisten ao espectáculo musical "Un concerto divertido" impartido polo quinteto carballés-moldavo, Fórmula Brass. Esta actividade, dirixida a todos os escolares de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros de Carballo, é unha proposta didáctica e tamén divertida, que xira arredor do mundo da música e, en concreto, da que se pode interpretar con instrumentos de vento e metal. O quinteto Fórmula Brass, está formado polos irmáns carballeses e trompetistas profesionais, Carlos e Javier Bardanca -este último profesor de trompeta do Conservatorio de Carballo- e dos moldavos Veaceslav Gorgan, Gregore Bufta e Ion Jelihovschi, procedentes da Orquestra Sinfónica de Moldavia e agora profesores en diversos centros musicais de Galicia. Interpretarán, con trompetas e trombóns, diferentes e variados temas da historia da música, ademais de realizar un percorrido polo mundo a través das melodías tradicionais dos diferentes países. Ao mesmo tempo, darán a coñecer aos asistentes os diferentes instrumentos musicais que empregan, e o que se esconde detrás deste tipo de formación musical, o quinteto de vento.
A ACCIÓN FORMATIVA CONTA CON 758 HORAS DE DURACIÓN
Martes 19 de novembro do 2013
Os 15 alumnos que participan no Curso de Soldadura con electrodo revestido e TIG que se imparte dende o pasado verán no Fórum Carballo tiveron a oportunidade de asistir o luns 18 de novembro a unha demostración coa maquinaria máis avanzada que existe no mercado. Así, a empresa ESAB (Soldadura e Corte España) ofreceulle aos participantes a oportunidade de aprender algunhas das claves do funcionamento da máquina Warrior, a última xeración en tecnoloxía en soldadura, sendo unha das principais características desta nova ferramenta a eficiencia no manexo da enerxía. Outra é a súa versatilidade, xa que permite traballar para MIG, Flux Cored, Electrodo Revestido, soldadura TIG, e ranurado con electrodo de carbón. ESAB conta coa única máquina deste tipo que existe en España e acaba de lanzala ao mercado, realizando demostracións en empresas, pero tamén en Centros de Formación como o carballés para permitir que o alumnado teña acceso ás últimas tecnoloxías. Durante boa parte da mañá os asistentes ao curso puideron ver a máquina en acción, así como outras ferramentas pioneiras en materia de soldadura. Hai que mencionar que este Curso de Soldadura está incluído no plan AFD (Accións Formativas para Desempregados) da Consellería de Traballo e conta con 758 horas de duración.
MARTES 19 DE NOVEMBRO ÁS 12.00 HORAS
Luns 18 de novembro do 2013
O martes 19 de novembro, e dentro das actividades complementarias do programa Novembro con Música 2013, está prevista a representación teatral a cargo da compañía Malasombra Producións, de "Smoke City. A cidade do fume". Esta proposta didáctica, dirixida nesta ocasión ao alumnado de 3º da ESO dos centros de Educación Secundaria de Carballo (IES Alfredo Brañas, IES Isidro Parga Pondal, IES Monte Neme e Colexio Artai), xorde da colaboración entre as Consellerías de Sanidade, de Política Lingüística, da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) e dos concellos que quixeran participar no proxecto, como o caso do de Carballo. "Smoke City", título da obra e nome da cidade onde se desenvolve a trama, é o paraíso do fume dos cigarros. As mafias do tabaco dominan a cidade e os cidadáns van caendo nas súas redes, ata que un detective decide poñer fin a toda esta tea de araña de fumareda e corrupción. Unha obra de teatro do xénero "negro" da banda deseñada cun aire moi urbano. Con gánsters, policías, clubs con música e sobre todo, con moitas vítimas cos pulmóns ennegrecidos polo fume do tabaco, e dos maléficos plans de Silvio Nicotini, xefe da mafia tabaqueira.