NO ANDAR -1 E NO 3º ANDAR DO PAZO DA CULTURA ATÉ O 7 DE XANEIRO
Venres 11 de decembro do 2015
As dúas salas de exposicións do Pazo da Cultura, a situada no andar -1 e a Alberto Gente, localizada na baixocuberta do terceiro andar, acollen até o 7 de xaneiro a mostra "Retrospectiva. 10 premios Luis Ksado", que recolle as composicións fotográficas que resultaron gañadoras nas dez primeiras edicións do certame. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo e o comisario da exposición, o recoñecido fotógrafo Xurxo Lobato, foron os encargados de inaugurar este conxunto de imaxes que, en verbas de Lobato, constitúen ás veces verdadeira "narración cinematográfica", xa que este premio pretende recoñecer o traballo do autor máis aló da calidade e valor dunha única fotografía, que puido xurdir froito do azar. Así, o obxectivo é ter en conta a capacidade da persoa situada detrás da cámara para narrar unha historia en imaxes. Entre os nomes que figuran entre os premiados hai que mencionar a Peter Marlow, Xulio Villarino, Vari Carames ou Fernando Fernández Paz, cuxas instantáneas poden verse no Pazo da Cultura con temáticas variadas que van dende a lacra dos lumes forestais ata o reflexo da idiosincrasia galega ou algo tan noso como estampas da Catedral de Santiago. Son dez olladas sobre temas moi diversos e o conxunto dá unha idea moi fidedigna do que se pretendía dende o inicio, entender a fotografía como unha linguaxe visual que expresa sentimentos, formas de pensar e de entender o mundo. O horario de visita para gozar con elas, de 18.00 a 21.00 horas.
ENTRE O 18 DE DECEMBRO E O 5 DE XANEIRO EN 42 ESTABLECEMENTOS
Xoves 10 de decembro do 2015
Se queredes gañar agasallos coas vosas compras ou descontos que van do 10 ao 15 por cento en ata 42 establecementos do centro carballés só tendes que participar este Nadal na campaña "SemechachaDEScóntovos". É ben fácil. Se facedes compras superiores aos 30€ nunha das tendas que participan na promoción, recibides unha tarxeta ilustrada por Laura Tova que no reverso ten un rasca con premios e que no anverso ten unha imaxe dun ratiño en distintos momentos do día. Estas tarxetas son por si mesmas un agasallo, xa que se trata dunha postal cunha ilustración da que se poden coleccionar as setes imaxes para facer unha secuencia/conto (de ahí o título da campaña "se me cachades cóntovos"). Ademais, os clientes poden acadar outros premios como vales desconto dun 15 por cento e dun 10 por cento, ademais de outros agasallos ilustrados por Laura Tova: chapas, cadernos, bolsas e camisetas. A campaña desenvolverase entre o 18 de decembro e o 5 de xaneiro, (ou ata fin de existencias) e tamén ten unha filosofía definida da que se encargou o sociólogo Santi Pazos, que asegura que "a cultura tamén forma parte da economía produtiva". Así, o responsable da campaña, Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica, asegura que "SemechachaDEScóntovos" une cultura, arte, e tecido produtivo "para promocionar as compras no comercio de proximidade" aproveitando a raigame cultural dunha vila como Carballo. Aos descontos sumaranse diversas accións de dinamización comercial durante todo a campaña de Nadal.
MÉRCORES 9 E XOVES 10 DE DECEMBRO
Mércores 9 de decembro do 2015
A Concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, acompañada do Arquitecto municipal, Alfredo Garrote, participa o mércores 9 e o xoves 10 de decembro nas II Xornadas sobre Mobilidade Urbana e Seguridade Vial que se celebran na Casa do Concello de Madrid á que asisten representantes de vilas e cidades de toda España, incluídos varios dos integrantes da rede Cidades que Camiñan da que Carballo xa forma parte. Entre os ponentes, hai que subliñar a presenza de expertos de cidades que teñen mudado o seu concepto de mobilidade, como Pontevedra ou Sevilla; da Dirección Xeral de Tráfico; ou de persoas que teñen posto en marcha distintas solucións para avanzar na mellora da seguridade viaria e na sostenibilidade do transporte, mesmo a través do uso de aplicacións informáticas e co apoio das novas tecnoloxías. Así, entre os temas que se abordarán, falarase sobre a protección dos elementos considerados máis vulnerables nas rúas, como peóns, ciclistas ou motoristas; sobre a accesibilidade universal; sobre a necesidade de marcar límites de velocidade para compatibilizar todos os medios de transporte, nomeadamete tendo en conta o límite de 30 quilómetros por hora; sobre a implementación de desprazamentos sostibles para colexios e centros de ensino, con exemplos como os camiños escolares; sobre sistemas de prevención de colisións; sobre sistemas integrais de transporte público urbano; ou sobre a necesidade de frear o consumo de combustibles contaminantes no transporte.
ACTIVIDADES ENTRE O 9 DE DECEMBRO E O 10 DE XANEIRO
Mércores 9 de decembro do 2015
Cantos de Nadal, cabalgatas de Reis, obradoiros, contacontos, arte, bailes para maiores, o Apalpador, iniciativas solidarias e o sempre agardado Nadal Pequespectacular enchen un ano máis a programación dun Nadal Cultural que ofrece citas para todos os públicos, pero nomeadamente para os máis cativos e cativas, entre o 9 de decembro e o 10 de xaneiro. Teatro, danza, música ou monicreques están presentes este ano no Nadal Pequespectacular, comezando cunha cita moi especial na Praza do Concello o sábado 26 de decembro. O Mago Antón realiza un espectáculo de rúa con sete sesións ás 12.00, 13.00, 16.00, 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas nun espazo con capacidade para arredor de 40 nenos e nenas. Neste caso, a cita é de balde, aínda que quen non queira quedar sen sitio, debe reservar convite. O mesmo día, antes de cada función, tamén poderán recollerse na Casa do Concello. O resto das propostas do Nadal Pequespectacular, serán ás 18.00 horas no Pazo da Cultura e precisan, como en anos anteriores, da compra de entradas a un prezo de 4 € e de 3 € con desconto. O luns 28 os Monicreques de Kukas ofrecen "A frauta máxica do maxín", unha adaptación da ópera "A frauta máxica" de Mozart cun dos Xograres de Outono do FIOT. O martes 29 será a quenda da Compañía Engruna Teatre con "Código Postal 00" para nenos e nenas a partir de 3 anos; e o mércores 30 Compañía La Coja Dansa ofrece o espectáculo "Escondite".
CONTACTO NO FÓRUM CARBALLO E NO 981 709 011
Mércores 9 de decembro do 2015
A Bolsa de Traballo (BDT) Municipal do Concello de Carballo mantén abertas nestes momentos cinco ofertas de emprego en distintos sectores de actividade. As persoas interesadas poden informarse persoalmente na BDT, que ten a súa sede no Fórum Carballo, ou chamando ao número de teléfono 981 709 011. O horario de atención ao público é de 8.30 a 14.30, de luns a venres, tanto a través do teléfono como de forma presencial. As ofertas abertas, e que urxe cubrir, son as seguintes:
- Mecánico-reparador de maquinaria de construción para Carballo. Imprescindible experiencia de 2 anos, como mínimo, no posto de traballo
- Licenciado/a en filoloxía inglesa, tradución ou interpretación para impartir clases de lingua galega, lingua castelá e inglés en academia; xornada de tarde
- Fisioterapeuta para clínica en Carballo
- Empregada doméstica para Carballo; imprescindible experiencia no coidado de nenos
- Torneiro-fresador para Carballo de 18 a 29 anos de idade. Imprescindible Formación Profesional de Mecanizado
ESTA SEMANA TAMÉN ESTÁ PREVISTO REMATAR O DA HORTA DO CASINO
Martes 8 de decembro do 2015
Segundo indica o plan de obras, está previsto que o mércores 9 de decembro continúen os traballos de asfaltado nas dúas zonas de aparcadoiros gratuítos situadas entre a rúa Pontevedra e a Roberto Vidal Bolaño e entre a rúa Pontevedra e a rúa Ourense dentro do proxecto de "Pavimentación na rúa Lugo e varios espazos urbanos" que ten un importe de 142.488,75 euros. Despois de realizarse o aplanado da superficie en días pasados, comezarase co asfaltado propiamente dito. Así mesmo, tamén o mércores principiará o traballo para acondicionar o espazo de estacionamento gratuíto situado na Horta do Casino, e está previsto comezar co asfaltado o xoves 10 de tal forma que estas tres zonas estean listas antes de que remate a semana, coa creación de máis de 250 novas prazas de estacionamento sumando a capacidade dos tres espazos. Porén, o espazo da Horta do Casino permanecerá pechado a partir do mércores e non será posible estacionar mentres duren os traballos, polo que pedimos desculpas polas posibles molestias ocasionadas. A actuación rematarase máis adiante co acondicionamento do aparcadoiro do Pazo da Cultura, na rúa Gardenias. Serán, en total, 406 novas prazas de aparcadoiros asfaltados no centro da capital municipal e en zonas de elevado tráfico de vehículos. Na actualidade, e descontando os aparcadoiros en liña situados nas diferentes rúas do casco urbano, Carballo conta con 1.700 prazas de estacionamento de libre uso en distintos solares do centro, das que arredor de mil, incluíndo as 400 que se incorporan con estes traballos, están asfaltadas.
O XURADO QUIXO SUBLIÑAR O ELEVADÍSIMO NIVEL DESTE ANO
Luns 7 de decembro do 2015
Hoxe xoves 7 de decembro falláronse os premios do Concurso de Escaparatismo de Nadal, un certame que ten como principal obxectivo promover actuacións que dinamicen o comercio local e premiar o esforzo dos participantes no coidado da imaxe comercial d
EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN PARA O ALUGUER DUNHA PA E UN CAMIÓN
Luns 7 de decembro do 2015
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar nunha sesión ordinaria a tramitación de oito solicitudes de subvencións dirixidas á Deputación provincial da Coruña para o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas ou de actividades no eido dos servizos sociais por un importe total de 177.354,92 euros. A primeira delas serviría para financiar o Programa de exercicio físico para maiores (na imaxe) durante o ano 2016 con 3.000 euros; a segunda, para a contratación de persoal técnico deportivo en 2016 por 10.000 euros; en terceiro lugar, para a realización de actividades deportivas solicítanse 37.354,92 euros; para o mantemento do Servizo de Normalización Lingüística do Concello solicítanse até 12.000 euros; para o mantemento dun programa de valoración, orientación e información no departamento de Servizos Sociais, solicítase unha axuda de 45.000 euros; e para o desenvolvemento de políticas de igualdade entre mulleres e homes e de loita contra a violencia de xénero en 2016, solicítanse 40.000 euros para o programa Concilia. Fóra da orde do día, incluíronse outras dúas solicitudes, a primeira de 20.000 euros para o financiamento do Conservatorio Profesional de Música de Carballo; e a segunda de 10.000 euros para a dotación de animadores culturais durante o ano 2016. No apartado de subvencións, pero neste caso, das que concede o Concello, aprobouse a resolución das destinadas ao financiamento de proxectos de escolas deportivas en centros de ensino. Concedéronse 26.208 euros repartidos entre seis Anpas (Asociacións de Nais e Pais de alumnos).
CARBALLO CONTA CON 1.700 PRAZAS DE ESTACIONAMENTO EN SOLARES
Venres 4 de decembro do 2015
Xa están abertos para o uso de todos os veciños e veciñas dous dos espazos de aparcadoiros gratuítos situados na contorna do Rego da Balsa que estaban en obras e que supoñen a creacion de 116 novas prazas de estacionamento asfaltadas na capital municipal. Ao longo desta semana e dende o luns 30 de novembro as máquinas de Lancer Proyectos y Obras SA, empresa adxudicataria dos traballos, estiveron colocando o aglomerado en substitución da zahorra compactada orixinaria, que requiría altos custos de mantemento. En próximos días procederase á colocación da sinalización horizontal e vertical que acabará por ordenar os aparcadorios. Ademais, en breve a empresa continuará coas melloras realizando o acondicionamento de outras dúas áreas de aparcamento na contorna das rúa Pontevedra e Roberto Vidal Bolaño que supoñen outras 120 novas prazas asfaltadas. Seguirase coa área de aparcamento situada na contorna da rúa Lugo, na coñecida como Horta do Casino; e rematarase no aparcadoiro do Pazo da Cultura, na rúa Gardenias. Serán, en total, 406 novas prazas de aparcadoiros asfaltados no centro da capital municipal e en zonas de elevado tráfico de vehículos por un importe total de 142.488,75 euros (IVE incluído). Na actualidade, e descontando os aparcadoiros en liña situados nas diferentes rúas do casco urbano, Carballo conta con 1.700 prazas de estacionamento gratuítas en distintos solares do centro, das que arredor de mil, incluíndo as 400 que se incorporan con estes traballos, están asfaltadas.
O AREAL DE ARNELA CONTARÁ CON EQUIPO DE SALVAMENTO
Venres 4 de decembro do 2015
O Concello de Carballo amplía o número de socorristas que formarán parte do equipo de salvamento nos areais do municipio de cara a tempada 2016. Así vén de anuncialo o Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, que subliña que haberá un total de 35 efectivos -en lugar de 32-, tal como se reflicte nos orzamentos da corporación para 2016 no Capítulo de persoal. Así, ademais de ofrecerse o servizo habitual nas praias de Razo e As Saíñas-Pedra do Sal, haberá tamén un posto de socorrismo na praia da Arnela. Segundo sinala o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal, trátase dun areal que ten experimentado un notable incremento na afluencia nos últimos anos e no que se rexistran incidencias debido a unha forte corrente existente na zona. Ademais de aumentarse o número de vixiantes, tamén se incrementará o tempo de implantación do servizo. Así, se na actualidade estaba distribuído en 20 persoas durante 3 meses dende mediados de xuño a mediados de setembro e 12 persoas durante dous meses en xullo e agosto; agora os 35 integrantes do servizo de salvamento e socorrismo estarán traballando tres meses durante todo o verán. O obxectivo, explica Vales, é o de intensificar a vixilancia, para o que, ademais, tamén se mellorarán as instalacións, coa renovación do posto sanitario móbil situado na Cabreira, de máis de 15 anos de antigüidade; e a dotación doutro para poder ofrecer o servizo na praia da Arnela.
O OBXECTIVO É TRABALLAR A PROL DUNHA MOBILIDADE SOSTIBLE
Venres 4 de decembro do 2015
Carballo xa forma parte da rede Cidades que Camiñan, que ten como obxectivo mellorar a situación dos viandantes a través da posta en marcha e intercambio de iniciativas que se dirixan a mellorar a accesibilidade universal, a seguridade viaria e o propio medio ambiente. A entidade considera de vital importancia a cultura do camiñar nos novos modelos de mobilidade sustentable de carácter urbano, sendo clave á hora de planificar configuracións urbanas amables co conxunto dos seus habitantes nas que se fomente a mobilidade peonil. Esta semana, a Concelleira de Mobilidade de Carballo, Milagros Lantes, a través duha vídeo conferencia conxunta, vén de integrarse na primeira Xunta directiva desta asociación de alcance internacional como vogal, xunto con outros seis representantes doutros tantos municipios: por Córdoba María José Mouros Molina; por Ponferrada Ricardo Miranda González; por Puerto Real María do Doce Nome Merello Arvilla; por Mahón Dores Antonio Florit; por Torrelodones Santiago Fernández Muñoz; e por Arahal Luís López Minguet. A Secretaría e a Tesouraría da rede será ocupada por Pablo Barco Ballesteros, actual coordinador técnico da organización. A nova dirección estará en vigor durante catro anos e será presidida de forma compartida por Pontevedra, a través do seu Alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e por Torres Vedras (Portugal) a través do seu presidente Carlos Manuel Antunes Bernardes.
EN 2015 INVESTÍRONSE 700.000 EUROS NA AMPLIACIÓN E MELLORA DA REDE
Xoves 3 de decembro do 2015
As obras de saneamento impulsadas ao longo do ano 2015 polo Concello de Carballo permitirán mellorar o servizo e estendelo a máis de 400 habitantes de dez lugares das parroquias de Cances, Berdillo, Sofán, Bértoa, Rus e Oza. As actuacións non só consisten na ampliación da rede de sumidoiros, senón que nalgúns casos tamén contribúen á eliminación de puntos de vertido e fosas anticuadas mediante a instalación de bombeos que conducirán as augas residuais a unha estación depuradora, na que recibirán o tratamento axeitado. Ao longo deste ano resolveuse a xestión das augas residuais en Cances da Vila e nos lugares de As Pozas, A Costa e O Esmorís, na parroquia de Berdillo. O bombeo do Zarrallo (Sofán) e a rede de O Rodo (Oza) xa están tamén operativos, e nestes momentos están en execución outros tres proxectos en Outeiros (Rus) en O Añón e en Portolago (Bértoa), onde as obras están moi avanzadas e quedarán listas este mesmo ano. O investimento total do Concello de Carballo en saneamentos ao longo do 2015 supera os 700.000 euros. O servizo de saneamento, que é de recepción obrigatoria para as vivendas situadas a menos de 50 metros da rede (así o establece o regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia), chega xa no municipio de Carballo a un 90 por cento da poboación, que deste xeito non ten que depender de pozos negros ou de custosos sistemas alternativos.