Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O Concello solicita varias melloras en centros de ensino do municipio e intermedia pola consecución da xornada única

O ALCALDE REUNIUSE CO XEFE TERRITORIAL DE EDUCACIÓN

O Concello solicita varias melloras en centros de ensino do municipio e intermedia pola consecución da xornada única

Xoves 14 de xaneiro do 2016

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, vén de manter na Coruña unha xuntanza co Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, acompañado de representantes da comunidade educativa do CEIP Gándara-Sofán, nomeadamente da ANPA, na que se abordaron varios asuntos, incluíndo a reivindicación por parte das nais e pais do centro da implantación da xornada única. Durante preto de hora e media falouse das posibles solucións para satisfacer esta demanda que afecta ao conxunto dos centros de ensino do municipio. Así, segundo explica o Alcalde, a complexidade do deseño do transporte escolar fai que para poder implantar a xornada única nun centro sexa necesario que se busque unha solución conxunta para todos, incluíndo aqueles que aínda non a teñen, como son o CEIP Bergantiños, o CEIP Gándara-Sofán e o CEIP Nétoma-Razo. Ferrero sinalou que as propostas están "ben encamiñadas" pero que, unha vez realizadas, terán que ser ratificadas polas familias, que deberán efectuar unha votación na que exista unha elevada representación, así como unha elevada maioría que apoie a implantación da xornada única nos centros que faltan. En todo caso, o horizonte temporal sería que a nova xornada comece a funcionar no próximo curso 2016-2017, polo que nas próximas semanas as comunidades educativas dos centros afectados darán pasos e realizarán novas mobilizacións de cara á consecución deste obxectivo.

Inundacións e incidencias en distintos puntos do municipio por mor das fortes choivas na noite do mércores 13 de xaneiro

INCIDENCIAS EN ARDAÑA, RUS E ENTRECRUCES

Inundacións e incidencias en distintos puntos do municipio por mor das fortes choivas na noite do mércores 13 de xaneiro

Xoves 14 de xaneiro do 2016

Protección Civil informa de varias incidencias na madrugada do mércores 13 ao xoves 14 de febreiro como consecuencia da forte treboada rexistrada pasadas as 0.00 horas e tamén polas fortes choivas que se produciron durante a noite. Así, no nº 23 da Cesta, en Ardaña, inundouse unha vivenda, aínda que non foi necesario evacuar aos seus habitantes grazas á rápida intervención dos bombeiros, que coa axuda de bombas conseguiron retirar a agua con moita celeridade. Na estrada DP-1914 entre Carballo e Santiago, á altura de Taboada en Entrecruces, houbo un desbordamento dos regos e foi necesario colocar a sinalización correpondente. En Canosa-Rus, en Pontenova e Braña de Erbecedo tamén se cortou a estrada, neste caso a DP-1912, polo desbordamento do río Grande, aínda que nestes momentos xa está aberta ao tráfico. En Pexo, parroquia de Rus, tamén foi necesario cortar a estrada, neste caso a DP-1911; e a DP-1902 está sinalizada con balizas á altura do rego de Seoane en dirección a Razo. Dende Protección Civil tamén informan de numerosas chamadas por parte da veciñanza para denunciar incidencias relacionadas con canalóns e sumidoiros, fundamentalmente debido á tromba de auga rexistrada pasada a medianoite, que supuxo moita choiva nun período moi curto de tempo, o que desbordou a rede de pluviais. En todo caso, a predición de Meteogalicia sinala a chegada dun anticiclón o venres 15 de xaneiro que en principio traerá tempo calmo e seco até o domingo 17. Aínda así, Protección Civil recomenda precaución aos veciños e veciñas.

Escritores como Manuel Rivas, contacontos, faladoiros, documentais ou o Entroido visitan a Biblioteca Rego da Balsa

PROGRAMA COMPLETO PARA O PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO

Escritores como Manuel Rivas, contacontos, faladoiros, documentais ou o Entroido visitan a Biblioteca Rego da Balsa

Mércores 13 de xaneiro do 2016

Xa está listo o programa de actividades da Biblioteca Rego da Balsa para o primeiro trimestre de 2016. Como ao longo de todo o ano 2015, os faladoiros, as proxeccións, os contacontos infantís e os libros serán os protagonistas, aínda que tamén teremos a segunda edición do concurso fotográfico "Biblionamórame", obradoiros de maquillaxe e máscaras polo Entroido, varias actividades de promoción da natureza coa Asociación Ambiental Senda Nova e contaremos coa colaboración dos usuarios e usuarias da Biblioteca co ciclo "Pais e nais contan". Ademais, unha das novidades é que a partir de agora as sesións de contacontos duplican horario para atender a máis nenos e nenas. Analizando as actividades polo miúdo e comezando polos libros, a primeira visita e tamén unha das máis esperadas é a de Manuel Rivas o xoves 28 de xaneiro para presentar o seu último traballo "O último día de Terranova". O autor galego contará as claves desta emocionante historia que fala de persecucións, libros prohibidos e contrabandistas de cultura. Xa a finais de febreiro, outro dos libros protagonistas é "Saudade" de Fernando Fernández Rego, un volume que afonda na vida de Andrés do Barro, músico que levou o pop galego ao máis alto das listas de éxitos en España. Por último, en marzo, agardan outros dous interesantes libros, por un lado, o libro de receitas "Cociña II" de André Arzúa; e por outro, os micro relatos "A Celeste la compré en el rastrillo" e "Sobrevivindo" de Arantxa Portabales Santomé, que tamén representará as súas historias.

O río Anllóns está desbordado ao seu paso pola capital municipal e Protección Civil pecha o acceso ao Bosque e ao San Martiño

TAMÉN HAI CORTES PUNTUAIS EN ESTRADAS EN RUS E ARDAÑA

O río Anllóns está desbordado ao seu paso pola capital municipal e Protección Civil pecha o acceso ao Bosque e ao San Martiño

Venres 8 de xaneiro do 2016

A alerta laranxa por choiva e vento nas últimas horas ten provocado varios asolagamentos en todo o territorio municipal que implican cortes de estradas nas parroquias de Rus e Ardaña e tamén o precintado para pechar tanto o Bosque do Añón como o San Martiño da capital municipal por parte de Protección Civil. Así, as forzas de seguridade prohiben aos veciños e veciñas que se acheguen a estes dous puntos da vila xa que o río está desbordado ao seu paso por Carballo dende Bértoa por toda a canle da corrente. Respecto dos cortes de estradas en Ardaña e Rus, no primeiro caso está pechada a DP-1912 (entre Coristanco e Rus) dende Canosa a Ardaña de Erbecedo polo desbordamento do río Grande. Inundacións xeradas por este mesmo río tamén provocaron que estea cortado o acceso aos lugares de Noví e A Cesta. En Rus, está cortado o acceso en dirección a Soutullo dende a DP-1914 (estrada de Carballo a Santiago) e tamén o acceso dende a DP-1911. Tanto o Concello como as forzas de seguridade recomendan precaución aos veciños e veciñas, con medidas básicas recollidas por Protección Civil como, en caso de circular por estrada, afastarse de pontes, torrentes ou zonas con perigo de asolagamento así como evitar estacionar os vehículos preto das ribeiras dos ríos. Nas vivendas, recoméndase non baixar aos sotos nin permanecer moito tempo en zonas de baixo nivel. Aínda que a situación remite o venres 8 pola tarde, a alerta por choiva volve a estar en nivel amarelo o sábado a partir das 12.00h, con alerta laranxa por ventos na costa e ondas de ata sete metros no mar.

O Concello realiza labores de limpeza no río Anllóns ao seu paso por Carballo para evitar problemas na súa canle

OS TRABALLOS REQUIRIRON AUTORIZACIÓN DE AUGAS DE GALICIA

O Concello realiza labores de limpeza no río Anllóns ao seu paso por Carballo para evitar problemas na súa canle

Xoves 7 de xaneiro do 2016

O Concello de Carballo vén de efectuar en días pasados labores de limpeza no río Anllóns ao seu paso por Carballo para retirar, segundo explica o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, certos "tapóns" que obstruían a canle e que podían presentar algún problema ao dificultar o desaugadoiro e o normal transcurso do río. Os traballos desenvolvéronse dende a entrada da corrente na capital municipal polo Bosque do Añón até o Muíño do Quinto e requiriron da autorización expresa de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, para poder levarse a cabo. En todo caso, hai que mencionar que a administración local realiza de cotío labores de limpeza nos ríos do municipio para evitar problemas, nomeadamente en épocas coma esta, de abundantes choivas. Ademais, o Concello tamén participa habitualmente en iniciativas domo o Proxecto Ríos, organizado pola Asociación ecoloxista Adega e que en Carballo conta tamén coa colaboración da Asociación ambiental Senda Nova. En 2015 a limpeza, na que participaron simultaneamente 45 concellos de toda Galicia, tivo lugar no Rego da Balsa, contou coa axuda de un total de 13 voluntarios e voluntarias, incluíndo nenos e nenas, e supuxo a retirada dun total de 50 quilos da canle, con refugallos de todo tipo nos que abondaron, como case sempre, os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos, etc.). O Concello solicita a colaboración de toda a cidadanía, a través de Carballo Limpo, para manter os nosos ríos nas mellores condicións e agradece a colaboración prestada.

Aberto até o luns 8 de febreiro ás 14.00 horas o prazo para presentar ofertas para optar á xestión do Ciclo Integral da Auga

O PERÍODO DE DURACIÓN DO CONTRATO É DE 20 ANOS

Aberto até o luns 8 de febreiro ás 14.00 horas o prazo para presentar ofertas para optar á xestión do Ciclo Integral da Auga

Luns 4 de xaneiro do 2016

O Concello de Carballo mantén aberto até o luns 8 de febreiro ás 14.00 horas -hora límite tanto para as propostas recollidas no Rexistro Xeral do Concello como para as consignadas a través do servizo de correos- o prazo de presentación de ofertas para optar ao "Contrato de xestión do servizo público, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o Ciclo Integral da Auga do Concello de Carballo". O anuncio saíu publicado por última vez no Boletín Oficial do Estado (BOE) do 29 de decembro de 2015 e o prazo para optar á contratación é de 40 días naturais. O importe do contrato ascende a 49.146.070,87 euros (IVE incluído) por un prazo de 20 anos (recolléndonse cinco de prórroga previo acordo das partes). O prego de condicións establece un canon base de dous millóns de euros, e as empresas terán a oportunidade de incrementalo, de tal forma que, a maior importe da oferta, máis puntos sumarán. Entre os servizos que asumirá a empresa adxudicataria está o de mantemento, inspección, limpeza e xestión das redes de sumidoiros, o de saneamento e de medio ambiente, o de recollida e utilización de augas residuais e desperdicios, o de retirada e tratamento de augas residuais, os relacionados con fosas sépticas, o de baleirado de pozos negros e fosas sépticas, servizos hidrográficos e de estudos hidrográficos, de distribución de auga e auga potable, de explotación dunha planta depuradora de auga, de explotación e subministro de auga ou o servizo de lectura de contadores. Máis información sobre o prego de condicións, no Perfil de Contratante do Concello, clicando aquí.

 Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

VISITAN TAMÉN DEZ PARROQUIAS DO MUNICIPIO

Os Reis Magos de Oriente chegan a Carballo na tradicional Cabalgata que remata cunha recepción na Praza do Concello

Luns 4 de xaneiro do 2016

O Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude organizan a tradicional Cabalgata de Reis que percorre o martes 5 de xaneiro as principais rúas da capital municipal. O itinerario inclúe a chegada dos Reis Magos ás 17.00 horas ao Centro Comercial Bergantiños-Gadis, de onde está previsto que as súas Maxestades saian ás 17.30 horas. Despois do percorrido, os Reis Magos dirixiranse á carpa situada na Praza do Concello, onde recibirán persoalmente aos cativos e cativas. A chegada á Praza do Concello está prevista para as 19.30 ou 20.00 horas, aproximadamente, aínda que dependendo das condicións meteorolóxicas podería ser antes ao axilizarse o percorrido. Mentres esperan aos Reis Magos, os nenos e nenas que o desexen poderán gozar de animación de rúa na Praza do Concello a partir das 18.30 horas con actividades de globoflexia e xogos ata a chegada da cabalgata debaixo da carpa habilitada diante da Casa do Concello. A cita conta co patrocinio do Concello de Carballo e a colaboración do CCB-Gadis e La Caixa, que achegan os 500 quilos de caramelos que se repartirán durante o percorrido. Así mesmo, está prevista a colaboración de Protección Civil de Carballo, a Policía Local, a Brigada de Obras, Automóbiles Caeiro -que cede os vehículos que levan as carrozas- e Alquileres Reneymar -que achega un camión para a cabalgata e instalará calefactores baixo a carpa onde terá lugar a recepción dos Reis.

O sábado 2 de xaneiro podedes facer as vosas compras en Carballo até as 23.00 horas con SemecachaDEScóntovos

MERCARTE CONTINÚA TAMÉN OS DÍAS 2 E 3 DE XANEIRO

O sábado 2 de xaneiro podedes facer as vosas compras en Carballo até as 23.00 horas con SemecachaDEScóntovos

Mércores 30 de decembro do 2015

O sábado 2 de xaneiro os establecementos comerciais que participan na campaña "SemecachaDEScóntovos" abren até as 23.00 horas para facilitar que os veciños e veciñas realicen as súas compras de Reis. Así mesmo, o segundo andar do Mercado Municipal contará con obradoiros, contacontos e actividades infantís para nenos e nenas de 17.00 a 21.00 horas para facilitar as compras das nais e pais, e ademais, haberá animación de rúa con maxia ou teatro nas tendas, que ofrecerán tamén un ágape aos clientes e clientas. Os encargados da animación de rúa serán Fol de veneno, mentres que nas tendas a clientela poderá atopar ao Mago Álex ou á compañía de teatro carballesa Galeatro. Por último, xunto cos obradoiros no Mercado, Mercarte, a feira de arte e artesanía que acolle o traballo dos creadores e creadoras de Carballo e a contorna, volve o sábado 2 e o domingo 3 de xaneiro prolongando a súa andaina outros dous días. En Mercarte participan 21 artistas que ofrecen nos seus postos dende pezas de xoiería ata obxectos para nenos e nenas ou bebés, pezas de barro ou, por suposto, cadros e pinturas. O horario de mañá será de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas pola tarde. E non esquezades que segue aberto o prazo para participar no concurso de Facebook #semecachaDEScóntovos. Buscade ao noso rato, subide as vosas fotos feitas nas tendas da campaña e gañade un desconto do 50% nas vosas compras! Poderedes canxealo até finais de marzo. Toda a info e a ligazón para participar, aquí.

O Nadal Pequespectacular continúa esta semana con monicreques, teatro e danza no Pazo da Cultura

LUNS 28, MARTES 29 E MÉRCORES 30 DE DECEMBRO ÁS 18.00 HORAS

O Nadal Pequespectacular continúa esta semana con monicreques, teatro e danza no Pazo da Cultura

Luns 28 de decembro do 2015

A programación do Nadal Cultural 2015 do Concello de Carballo céntrase esta semana con varias actividades destinadas ao público familiar no marco do Nadal Pequespectacular, con tres citas moi diversas pero tamén moi divertidas nas que atopamos teatro, música, títeres e danza. O luns 28 a compañía Monicreques de Kukas presenta "A frauta máxica no maxín". O mestre Mozart soña e crea a música para o libreto dunha ópera. Comeza así unha versión da famosa "A frauta máxica", que cunha coidada posta en escena, grazas a marionetas de fíos e títeres, con música en directo a cargo do grupo Zoar Ensemble, é toda unha sorpresa para os máis cativos. O martes 29, a compañía catalá Engruna Teatre presenta "Código Postal 00", espectáculo que se desenvolve nunha oficina de correos, onde tres carteiras irán abrindo as cartas e os paquetes que van chegando, e, pouco a pouco, descubrirán unha infinidade de historias de amor, de viaxes, de segredos, etc. A través da música e de títeres os espectadores viaxarán por mundos distintos cheos de maxia e de soños incribles. E a programacion infantil remata o mércores 30 coa compañía valencia La Coja Dansa que presenta "Escondite". A aventura de dous pais que buscan á súa filla, que desapareceu voando nun globo acompañada polo seu amigo imaxinario. Pouco a pouco, van visitando os seus espazos segredos, lugares fantásticos onde se refuxian da vida cotiá. Excelentes coreografías, animacións en vídeo e un repertorio musical creado exclusivamente para este espectáculo de danza.

O Concello pon en marcha

A CAPITAL MUNICIPAL TEN PRETO DE 1.900 APARCADOIROS GRATUÍTOS

O Concello pon en marcha

Mércores 23 de decembro do 2015

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Mobilidade que dirixe Milagros Lantes, pon en marcha a campaña "Apárcate en Carballo", unha iniciativa que pretende favorecer que os veciños e veciñas do municipio, pero tamén os visitantes habituais e ocasionais da vila, tanto de poboacións limítrofes, como da Costa da Morte, coñezan as vantaxes que teñen á hora de achegarse á vila tanto para realizar as súas xestións como as súas compras. Para iso repartiranse 10.000 exemplares dun díptico despregable no que aparecen todas as áreas de estacionamento gratuítas de Carballo, que ofrecen un total de 1.897 prazas en bolsas de aparcadoiros a menos de 10 minutos a pé do centro da vila, ademais de 431 prazas de Zona Azul nas principais vías comerciais e 78 prazas para persoas discapacitadas en 50 rúas do casco urbano. Así mesmo, inclúese un plano do Metrominuto, un mapa que indica a distancia que hai entre dous puntos da capital municipal e o tempo que se tarda en percorrelas a pé. Ademais, en distintos puntos da vila hai indicadores para poder orientarse co metrominuto. Por último, o díptico recolle dez motivos polos que a xente debe "aparcarse" en Carballo para realizar tanto xestións administrativas ou de negocios como actividades de ocio, culturais, deportivas, para participar das feiras ou mesmo para relaxarse ou probar o famoso pan de Carballo. O díptico será distribuído nos principais edificios públicos e zonas comerciais da capital municipal e estará a disposición de todos os veciños e veciñas e visitantes.

Compartir: