A CITA: O DOMINGO 21 DE FEBREIRO A PARTIR DAS 17.00 HORAS
Venres 12 de febreiro do 2016
A asociación Aloumiños, que traballa a prol da inclusión e da atención a persoas con necesidades específicas, celebra pronto o seu aniversario e, non só para festexalo, senón tamén para axudar a que a sociedade traballe tamén a prol desta inclusión, organiza xunto co Concello o festival Incluson. A cita xira arredor de María Fumaça, un proxecto no que traballan artistas como Uxía, Sergio Tannus, Magin Blanco ou Santiago Cribeiro para agasallar a Rui, un neno con capacidades especiais que, como moitos outros, é quen de atopar un mundo no que todo e posible, en especial a maxia e a felicidade. Co gallo deste concerto-espectáculo, Aloumiños quere celebrar o primeiro festival no que todas as diversidades funcionais estean atendidas. Para iso emprenderán unha serie de accións para adaptar tanto a Cafetaría coma os accesos ao auditorio do Pazo da Cultura para que o maior número de persoas posible podan participar en Incluson porque, segundo explican dende Aloumiños "todo o mundo pode pasalo ben". Entre estas medidas está a colocación dunha serie de pictogramas con indicacións que sexan comprensibles para todas as persoas, e que xa pasarán a formar parte do edificio; contar durante toda a xornada cun intérprete de signos que tamén estivo presente na presentación de Incluson; ou repartir unha programación en linguaxe braille. Ademais, haberá un Photocall para que a festa sexa completa e no que todo o mundo poderá sacarse fotos. Non faltedes á cita, na que, ademais, se recadarán fondos a prol desta causa. O domingo 21 de febreiro a partir das 17.00 horas.
TAN SÓ QUEDAN PENDENTES DE REMATAR OS LABORES EN NOVE ESPAZOS
Xoves 11 de febreiro do 2016
Nestes momentos xa están rematados os traballos de mellora en 33 dos 42 parques infantís do concello. Así, na ampla maioría deles os labores finalizaron ou están a piques de facelo e ademais seis xa contan coa certificación correspondente. Tan só quedan nove pendentes que tamén serán mellorados en próximos días. Así o reflicte un informe realizado de acordo co proxecto para a adecuación dos parques que comezou en novembro cun orzamento de 95.095 euros. A actuación inclúe a reposición ou substitución de xogos, pezas ou elementos deteriorados -nomeadamente debido ao seu elevado nivel de uso-, e a elaboración dun informe posterior de verificación de que todos os xogos e os parques están en óptimas condicións. Así mesmo este investimento permite poñer a disposición dos nenos e nenas con problemas de mobilidade os primeiros xogos adaptados do municipio, situados na praza Eduardo Pondal (a carón do CEIP Bergantiños). Escolleuse este parque porque este tipo de xogos, polo seu volume, requiren dun amplo espazo que non existe en todos os parques. En todo caso, a intención do goberno municipal é seguir implantándoos onde sexa posible. Nun percorrido polos parques do casco urbano e das parroquias, o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron unha comprobación dos traballos realizados por Jardinería Arce, SL, empresa adxudicataria do contrato. Coa instalación dos primeiros xogos adaptados, o goberno municipal dá resposta unha necesidade social que estaba sendo demandada polas familias.
A NOVA ÁRBORE PROVÉN DUNHA FINCA DE SOFÁN
Mércores 10 de febreiro do 2016
NO AUDITORIO DO PAZO DA CULTURA ÁS 21.00 HORAS
Mércores 10 de febreiro do 2016
Tras a festa do Entroido regresa a programación dos Venres Culturais 2016 cunha proposta de teatro para adultos o venres 12 de febrero ás 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Por primeira vez no escenario carballés estará a compañía galega A Panadaría que porá en escena o seu espectáculo "Pan! Pan!". Esta é unha nova compañía integrada por tres novos intérpretes, que con este primeiro e fresco espectáculo de creación propia, recibiron xa diversos recoñecementos, como o premio Xuventude Crea, o Premio María Casares ou o Premio da Crítica 2015. "Pan !Pan!" é unha divertida e tola obra que desmonta e reconstrúe os vellos westerns do remoto oeste a través do antiheroe Harry, un cowboy americano que viaxa de Mississippi a Arkansas perseguindo a un indio salvaxe que raptou á súa muller. Este antiheroe sufrirá moitas aventuras en fedorentas cantinas e en desertos cheos de perigos, nos que redescubriremos o mundo sen lei dos ranchos vaqueiros. Un escenario baleiro, oito personaxes e toda unha banda sonora son os ingredientes desta divertida e tola obra. O prezo das entradas é de 3€ e de 2€ o prezo reducido. Poden reservarse no 981 704 300 de 10.00 a 14.00 horas na Concellaría de Cultura (1º andar do Pazo da Cultura) ou recollelas na billeteira o mesmo día da función a partir das 19.30 horas. A duración prevista do espectáculo é de 60 minutos e a cita está incluída no programa Venres Culturais 2016.
O MARTES 9: ENTERRO DA SARDIÑA A PARTIR DAS 21.00 HORAS
Luns 8 de febreiro do 2016
Un ano máis, a pesar do cedo que caíu este ano o Entroido e de que o frío botou atrás a máis de un, o Concurso de disfraces, comparsas e carrozas de Entroido de Carballo amosou o seu poder de convocatoria. Máis de 600 persoas repartidas en nove carrozas e 18 comparsas (8 na categoría de adultos e 10 na de infantís), ademais dos grupos e os disfraces individuais animaron unha tarde na que choviu bastante menos do que parecía e na que moita xente quixo ver a desbordante imaxinación dos participantes. Os gañadores: en categoría infantil, en comparsas: 1º premio para "Os científicos tolos" (250 euros); 2º premio (110€) para "Fotógrafos Vintage"; 3º premio (60€) para "Un bosque encantado"; accésit (60€) para "Piratas limpos". En grupos: 1º premio (100 euros) para "Fofuchas". En individual: 1º premio (90 euros) para "Sen límites de velocidade"; 2º premio (70€) para "Arcángel Tyrael"; 3º premio (50€) para "Non me deas a chapa"; accésit (30€) para "A fada das estacións". En categoría adultos, carrozas: 1º premio (700 euros) para "Os mismos con Priscilla", que viñeron desde Asturias (na imaxe); 2º premio (295€) para "El ingenioso hidalgo de la arma-dura". O 1º accésit (200€) foi para a carroza "Apeiros.com"; e o 2º accésit (150€) para "Lañas western". Comparsas: 1º premio (500 euros) para "Música maestro / Música movemento"; 2º premio (200€), para "Imos contar un conto", de A Laracha. Tamén houbo un accésit (100€) para "Os mimos de sempre". En grupos: 1º premio (125 euros) foi para "Dracotaurus e os pastores de dragóns"; e o houbo un accésit (60€), para "ET". En adultos individual houbo un único premio de 60 euros para "Maceira busca leira".
DISPOÑIBLES POSTOS DE COMERCIAL, MECÁNICOS E ELECTRICISTAS
Sábado 6 de febreiro do 2016
O grao de implantación da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo é cada vez maior, e non só entre as persoas que buscan unha ocupación laboral ou mellorar a que teñen, senón tamén entre as empresas. O ano 2016 comezou cun notable incremento
DE LUNS A DOMINGO DE 18.00 A 21.00 HORAS
Sábado 6 de febreiro do 2016
O andar -1 do Pazo da Cultura acolle até o 28 de febreiro"Vermello", unha mostra fotográfica do Colectivo Aula K, asociación con sede na Coruña cunha traxectoria de máis de 20 anos a prol da divulgación e da ensinanza da fotografía e o audiovisual que, con esta exposición, pretende mostrar unha serie de instantáneas que nacen na procura da cor que lle dá nome. Esta mostra presenta a percepción e reflexións persoais de cada un dos autores participantes, como non, a través desta cor. Eles mesmos aseguran que se xuntaron un día e xurdiu a idea do vermello, que finalmente plasmaron nun xogo no que o espectador segue un camiño marcado de antemán e vai descubrindo unha historia. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que arroupou a inauguración xunto co Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, manifestou que para o Concello "é un pracer seguir colaborando co mundo da fotografía", unha faciana artística "que engancha e que en Carballo ten especial relevancia e atención polo departamento de Cultura". Ferrero cualificou a mostra como "suxerente" e espera que as imaxes "sexan capaces de abrir interrogantes" e de continuar creando un espazo para a fotografía no Pazo da Cultura. Os autores que participan na exposición son Alfredo Varela, Ángel Cordero, Antón Varela, Basti Soto, Brais Quintero, Carlos Rodríguez, Carolina Lorenzo, Lupe Vázquez, Manuel Vicente, Paola Velo, Pablo Santiago, Pedro Carrete, Rodrigo Moreiras e Rubén Fabeiro. A mostra, que está enmarcada na programación de Venres Culturais 2016, poderá visitarse ata o 28 de febreiro de 18.00 a 21.00 horas de luns a domingo.
ABERTO AÍNDA O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA GRUPOS E INDIVIDUAIS
Sábado 6 de febreiro do 2016
O domingo 7 de febreiro a partir das 18.00 horas as principais rúas do centro de Carballo acollen unha das actividades máis importantes do Entroido no municipio, o tradicional Concurso e Desfile de Comparsas, Disfraces e Carrozas. Como en anos anteriores, o concurso está dirixido tanto a adultos como a nenos e inclúe diferentes modalidades de participación: individual, grupos, comparsas e carrozas, así como un premio especial ao Choqueiro de Bergantiños (participante que pode estar inscrito en calquera das categorías). Unha vez rematado o primeiro prazo de incrición, o venres 5 de febreiro, o total de anotados para participar na edición deste ano ascende a 9 carrozas, 18 comparsas (8 na categoría de adultos e 10 na de infantís), 3 grupos (1 infantil e 2 adultos) e 2 disfraces individuais (2 concursantes individuais na categoría de adultos). Estes datos todavía non son os definitivos xa que para as modalidades de grupos e individuais o prazo remata o mesmo día do desfile. Os máis preguiceiros destas categorías poden facer a súa inscrición o domingo entre as 16.00 e as 17.00 horas na entrada da Casa do Concello. O concurso ten unha dotación económica de 6.910 €. Dado que un dos obxectivos principais do concurso é incentivar a participación, 4.200 € destínanse a gratificacións por participar de 150 ou 250 € (aos 20 primeiros inscritos nas modalidades de carrozas ou comparsas que cumpran cos requisitos de participación e reúnan unha calidade mínima). Os 17 premios previstos están dotados con 2.710 €.
O ACTO CONTOU COA PRESENZA DA CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE
Xoves 4 de febreiro do 2016
Carballo ten por fin un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). A Conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Beatriz Mato, asinou hoxe, xoves 4 de febreiro, no salón de plenos da Casa do Concello, a Orde da Xunta de Galicia que supón a aprobación definitiva do planeamento, pendente agora da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como a propia Mato coincidiron en sinalar durante o acto de sinatura que a xornada de hoxe é "un día espléndido para Carballo", "un día grande" que ve como por fin o municipio poderá contar cun documento que, en verbas de Mato "garante o futuro", aposta por un "medio ambiente sostible" e "por manter o noso rural vivo". Despois de case unha década de traballo -que comezou xa en 2007 despois de coñecerse a sentenza anulatoria do PXOM de 2003- e de numerosos trámites que comezaron en 2009 co informe previo da Xunta para a aprobación inicial da primeira versión do novo planeamento, poderá comezar o desenvolvemento de moitos proxectos que até o momento estaban pendentes desta resolución. O Alcalde quixo lembrar a todas as persoas que de algún xeito traballaron neste PXOM para conseguir que fose "un documento de todos e para todos". Quixo resaltar tamén as "miles de horas de traballo", todo o "esforzo" investido e os "moitísimos kilos de papel" que este documento leva detrás e que permitirán "o desenvolvemento responsable do urbanismo de Carballo", sempre tendo en conta que hoxe "é un día de mirar para adiante".
CONTACTO NO FÓRUM CARBALLO E NO 981 709 011
Mércores 3 de febreiro do 2016
A Bolsa de Traballo (BDT) Municipal do Concello de Carballo mantén abertas nestes momentos dúas ofertas de emprego neste caso para o mesmo sector. As persoas interesadas poden informarse persoalmente na BDT, que ten a súa sede no Fórum Carballo, ou chamando ao número de teléfono 981 709 011. O horario de atención ao público é de 8.30 a 14.30, de luns a venres, tanto a través do teléfono como de forma presencial. As ofertas abertas, e que urxe cubrir, son as seguintes:
- De comercial de 25 a 55 anos con inglés medio-alto, coche e dispoñibilidade para viaxar por toda España
- De vendedor/axente comercial. Solicitan unha persoa con dotes comerciais e habilidades comunicativas para traballar para unha empresa do sector da seguridade e contraincendios.
Dende a súa posta en marcha, o 19 de novembro do 2012 e até finais de 2015, a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo ten tramitado 274 ofertas para un total de 373 postos de traballo. Para realizar a selección foron convocadas 2.878 persoas, un 62,54 por cento das cales responderon satisfactoriamente. Así mesmo, dende a BDT enviáronse 1.611 currículos ás empresas, e nun 71,86 por cento dos casos as ofertas pecháronse coa colocación dalgunha persoa inscrita na BDT como demandante de emprego. En total acadáronse 187 insercións laborais.
XOVES 4 DE FEBREIRO DE 16.30 A 20.30 HORAS
Mércores 3 de febreiro do 2016
O xoves, día 4 de febreiro, o equipo de mozas e mozos de Carballo que participan no Club de Debate comeza a súa fase de formación. Será nunha xornada que terá lugar de 16.30 a 20.30 horas no Centro Ágora da Coruña, e conxuntamente con outros equipos desa cidade. O equipo de Carballo está formado por rapaces e rapazas do IES Isidro Parga Pondal, e están coordinados polas profesoras Beatriz Cuesta e Basi Pacoret. Posteriormente a esta xornada de formación, participarán na fase de zona que terá lugar o sábado 5 de marzo en Narón, onde debaterán con equipos de Narón e Ferrol sobre se no noso país debemos acoller persoas refuxiadas. Os concellos que organizan esta quinta edición conxunta son once: Ames, O Carballiño, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A participación confirmada é de 38 equipos mixtos e máis de 350 rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos de vinte e dous centros de ensino. Despois de pasar nas edicións anteriores a final galega por Pontevedra, Santiago, Ferrol e Carballo, nesta quinta edición será de novo Pontevedra o concello encargado de acollela, seguindo o espírito de que o programa vaia rotando pola xeografía galega. O tema escollido para esa final galega é "En galego hai un mundo de cousas boas" e terá lugar o sábado 30 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra. A esa final chegarán oito equipos: os dous primeiros de cada unha das catro zonas en que se divide a competición.
O PRAZO SERÍA DE CATRO ANOS CON DÚAS PRÓRROGAS ANUAIS
Luns 1 de febreiro do 2016
A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o expediente de contratación para licitar o servizo de "Limpeza dos bens inmobles do Concello de Carballo" mediante procedemento aberto e con varios criterios de adxudicación cun orzamento de contrata de 2.086.946, 90 euros (IVE engadido). Este importe incluiría os catro lotes de contratación e todo o período de duración do contrato que sería de catro anos con dúas posibles prórrogas dun ano de duración e sen que o período máximo do contrato, incluídas as prórrogas, poda exceder de seis anos. O obxecto do contrato é o da prestación do servizo de limpeza de edificios, incluído a achega dos utensilios e produtos de limpeza necesarios, así como a retirada e depósito dos residuos orixinados pola prestación do servizo nos inmobles do Concello de Carballo que incluirían as instalacións deportivas (lote 1) os edificios de cultura (lote 2) os edificios municipais (lote 3) e os edificios dedicados á formación e emprego (lote 4). O custo anual estimado do contrato sería de 347.824,48 euros (IVE incluído) e entre os criterios de adxudicación valorarase a memoria técnica e de xestión, así como o prezo e o prezo por hora para servizos extraordinarios e especiais. No apartado de subvencións, a sesión tamén supuxo a solicitude dunha axuda para a contratación de traballadores desempregados e desempregadas para o servizo de Protección Civil, Emerxencias e Seguridade do Concello de Carballo. Sería para 8 traballadores por un período de 3 meses e un importe total da subvención de 36.000 euros.