Inicio Carballo ao día Hemeroteca


Formulario de busca
O inForum 2016 céntrase na xeración de emprego con citas dirixidas a demandantes de traballo, a empresas e ás mulleres

DO 7 AO 10 DE MARZO NO FÓRUM CARBALLO

O inForum 2016 céntrase na xeración de emprego con citas dirixidas a demandantes de traballo, a empresas e ás mulleres

Xoves 3 de marzo do 2016

O inFórum 2016 dedicarase ao fomento do emprego e ao fomento da igualdade de xénero con case unha semana de actividades no Fórum Carballo destinadas a crear un foro no que achegar a todas as partes implicadas na creación e busca de emprego, a difundir o labor da Bolsa de Traballo Municipal (BDT), e a avanzar nos dereitos das mulleres con motivo do 8 de marzo. As xornadas, agrupadas baixo o nome WorkIN Carballo, desenvolveranse entre o luns 7 e o xoves 10 de marzo con obradoiros, charlas, presentacións e encontros cunha orientación eminentemente práctica co obxectivo de "debater, dialogar, aprender" e de ofrecer un espazo que, segundo explica a Orientadora Laboral do Concello, Mila Antelo, "estaban demandando tanto as empresas como os usuarios e usuarias da BDT". O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, tamén quixo resaltar que o WorkIN Carballo servirá para presentar o novo selo Carballo Compromiso Calidade, unha marca municipal para distinguir aos mellores locais de hostalería do municipio. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resaltou que o inForum creouse como unha plataforma "para a formación, a emprendeduría e o mundo laboral" e este ano, ademais, buscando a inserción laboral das mulleres nun "compromiso para formentar a súa incorporación igualdade". Todas as citas son de balde, pero dado o aforo do auditorio do Fórum Carballo, onde terán lugar, é necesaria inscrición previa, que pode realizarse a través das redes sociais do Fórum Carballo, do correo electrónico ou do número de teléfono 981 709 011.

A Unidade de Atención Temperá de Bergantiños, con sede en Carballo, atendeu a 85 familias da  comarca en 2015

O SERVIZO REALIZOU MÁIS DE 1.700 PRESTACIÓNS DE APOIO

A Unidade de Atención Temperá de Bergantiños, con sede en Carballo, atendeu a 85 familias da comarca en 2015

Mércores 2 de marzo do 2016

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (Udiaf) de Bergantiños atendeu durante o ano 2015 a 85 familias na súa sede no edificio situado na Avenida Ambulatorio, a carón do centro de Saúde. Este servizo presta asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento de nenos de 0 a 6 anos. Gran parte do seu traballo consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos e nenas desde outros servizos. O vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponche, e o equipo da Udiaf reuníronse en días pasados no local do servizo, cedido polo Concello de Carballo, para examinar os resultados da actividade asistencial de 2015. A tipoloxía das dificultades atendidas abarca todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: evolutivos, afectivo-emocionais, de conduta, de comunicación e linguaxe, motrices ou cognitivos. En total, durante 2015 foron 85 as familias recibidas no centro bergantiñán, que realizou máis de 1700 prestacións de apoio personalizado e 311 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. A maior parte das familias atendidas pola Udiaf-Bergantiños ten a súa residencia en Carballo (70 por cento), mentres que un 10 por cen procede de Ponteceso e un 8 por cento de Coristanco. Os outros municipios da comarca representan cifras menores, en xeral en correlación coa súa poboación.

Unanimidade do pleno para a cesión de dependencias que permitirá crear unha oficina para tramitar a renovación do DNI

LUZ VERDE PARA A REURBANIZACIÓN DAS RÚAS PONTE E DESIDERIO VARELA

Unanimidade do pleno para a cesión de dependencias que permitirá crear unha oficina para tramitar a renovación do DNI

Martes 1 de marzo do 2016

O pleno da corporación celebrou o luns 29 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria na que saíu adiante co apoio de todos os membros da corporación o acordo para ceder temporalmente o uso de parte das dependencias da Casa do Concello ao Ministerio do Interior (Policía Nacional), para creaar unha unidade de estranxeiría e documentación que permitirá que os veciños e veciñas tramiten directamente en Carballo a renovación do DNI ou a expedición do pasaporte. Por este acordo, os veciños e veciñas non terán a que esperar a pedir cita na unidade móbil que se despraza á vila entre tres e catro veces ao ano ou desprazarse á Coruña ao cuartel de Lonzas ou á xefatura da Avenida Alférez Provisional. A cesión das oficinas, con entrada dende a rúa Cervantes, sería por un prazo de 15 anos e, ademais da cesión do espazo, o Concello achegará o mobiliario e os equipos informáticos necesarios para a posta en marcha do servizo. Outro dos asuntos da orde do día foi a aprobación das actuacións incluídas no Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. O importe total do plan é de 596.941,81 euros dos que o Concello achegará 37.252,08, mentres que o organismo provincial achega un empréstito de 559.689,73. Os proxectos de máis contía incluídos no PAI son as reurbanizacións das rúas Desiderio Varela e Ponte da capital municipal, cun custe de 211.158,49 euros no primeiro caso e de 220.530,67 no segundo. O PAI tamén recolle o proxecto para mellorar a capa de rodadura en Cances Grande, por 55.036,32 euros; e un proxecto para reparar rúas do casco urbano por 72.964,25 euros.

O Concello prepara un amplo programa de actividades con teatro, obradoiros ou inserción laboral arredor do Día da Muller

CITAS ENTRE O LUNS 7 E O VENRES 11 DE MARZO

O Concello prepara un amplo programa de actividades con teatro, obradoiros ou inserción laboral arredor do Día da Muller

Luns 29 de febreiro do 2016

Co gallo do 8 de marzo, Día da Muller, o Concello de Carballo desenvolve un amplo programa de actividades co que pretende afondar tanto no aspecto social coma no laboral arredor da celebración desta data. A colaboración entre as Concellarías de Igualdade e Benestar e Promoción Económica, que dirixen Maica Ures e Xosé Regueira, respectivamente, tamén fará posible achegar as propostas lúdicas, didácticas, formativas, informativas e mesmo reivindicativas a todos os sectores da poboación, dende os escolares ata os máis maiores. A programación arrinca o lujns 7 de marzo con un ciclo de contacontos para o alumnado de Primaria promovido dende a área de Servizos Sociais. O mesmo día comezan no Fórum as actividades vinculadas ao ámbito laboral. Durante toda a mañá desenvolveranse unha serie de talleres informativos e prácticos para usuarias e usuarios da Bolsa de Traballo (BDT), e pola tarde tomarán o relevo empresarios cunha xornada práctica na que poderán participar todos os interesados e interesadas previa inscrición a través das redes sociais do Fórum Carballo, do correo electrónico ou do número de teléfono 981 709 011. O martes 8 incorporaranse ás actividades os/as estudantes de Secundaria. O Día da Muller está prevista para eles a representación de "Tacóns na corda" (na imaxe), un espectáculo teatral con música en vivo co que Verdeveras Expresiones Artísticas intenta rachar coas etiquetas, os estereotipos e os prexuízos que normalmente xiran arredor das mulleres.

Luz verde para o contrato de subministro de aparatos de musculación e outro equipamento para as salas fitness do Concello

APROBADO TAMÉN O CONTRATO PARA A LIMPEZA DO CEMITERIO MUNICIPAL

Luz verde para o contrato de subministro de aparatos de musculación e outro equipamento para as salas fitness do Concello

Luns 29 de febreiro do 2016

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o "Contrato administrativo por renting de aparatos de cardio, musculación e outros para as salas fitness do complexo deportivo Vila de Noia e do complexo deportivo Carballo Calero". O prezo total de licitación ascende a 111.838,85 euros (IVE incluído) nos que se inclúe a dotación de seis cintas de correr, tres elípticas, tres bicicletas horizontais, oito bicicletas verticais, dez bicicletas de spinning, varios xogos de mancuernas e mobles para colocalas, un banco multiestación, un soporte de discos, un soporte de barras, unha torre de cinco estacións, un contractor pectoral, un bíceps/tríceps, un remo sentado, unha poela alta e remo polea baixa, un extensión/flexión de perna, un femoral tumbado, un multipower, 200 metros cadrados de chan crossfit de 5mm de espesor incluíndo a súa montaxe e a montaxe e instalación de todo o equipamento. A duración total prevista para o contrato é de 48 meses (catro anos). O valor estimado do contrato ao mes é de 2.328,98 euros (IVE incluído). No apartado de contratación tamén saíu adiante o expediente para os servizos de "Limpeza de mantemento do cemiterio municipal de Carballo e servizos de inhumación i exhumación". Neste caso o orzamento do contrato por todo o período de licitación (de catro anos don dúas prórrogas anuais) sería de 210.000 euros (IVE incluído), cun orzamento anual de 35.000 euros. Os labores inclúen traballos de xardinería, limpe, reposición de equipamentos e reparacións de zonas deterioradas.

O proxecto de compostaxe caseira de Carballo Limpo supón a redución de 39 toneladas ao ano en residuos orgánicos

COMEZA A 3ª FASE COA IMPLANTACIÓN EN 25 NOVAS VIVENDAS

O proxecto de compostaxe caseira de Carballo Limpo supón a redución de 39 toneladas ao ano en residuos orgánicos

Sábado 27 de febreiro do 2016

O proxecto de implantación de compostaxe caseira de Carballo Limpo supón unha redución no volume de residuos orgánicos que se depositan nos colectores verdes de 39 toneladas ao ano. Este cálculo tense realizado nas 110 vivendas situadas tanto do medio rural como nas casas da contorna do casco urbano que nestes momentos xa contan co seu propio composteiro. O Concello de Carballo valora estas cifras, que amosan que hai modelos alternativos para o procesamento de residuos que, efectivamente, funcionan. Deste xeito, e a través de Carballo Limpo, o Concello continúa avanzando na redución de residuos sólidos, neste caso na eliminación da fracción húmida, que é a mais pesada e a que máis custe ten no seu tratamento. Ademais, está previsto emprender unha terceira fase no programa de compostaxe caseira, coa implantación en 25 novas vivendas. Nestes momentos aínda hai algunha praza libre para quen queira participar e, coma en convocatorias anteirores, as vivendas que se queden fora desta fase pasarán a unha listaxe de agarda para ser incluídas en accións posteriores. Hai que lembrar que a reducción da 'quinta fracción' tamén é un dos obxectivos do programa Ti tes a chave, posto en marcha recentemente no Concello e no que participan máis de 20 familias do barrio da Milagrosa. Os interesados e interesadas en obter máis información, poden facelo a través do web de Carballo Limpo . O Concello agradece de antemán a colaboración da veciñanza, non só neste proxecto, senón tamén coas chamadas que realiza ao 981 75 49 17 ou en Twitter en @CarballoLimpo.

O pleno aborda a aprobación de dous proxectos para reurbanizar as rúas Ponte e Desiderio Varela da capital municipal

A SESIÓN INCLÚE A CESIÓN DE DEPENDENCIAS PARA A OFICINA DO DNI

O pleno aborda a aprobación de dous proxectos para reurbanizar as rúas Ponte e Desiderio Varela da capital municipal

Venres 26 de febreiro do 2016

A corporación carballesa celebra o luns 29 de febreiro unha sesión plenaria ordinaria do pleno da corporación na que o principal punto da orde do día é a aprobación das actuacións incluídas no Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación da Coruña. O importe total do plan é de 596.941,81 euros dos que o Concello achegará un importe de 37.252,08 euros, mentres que o organismo provincial achega un empréstito de 559.689,73 euros. Os proxectos de máis contía incluídos no PAI son as reurbanizacións das rúas Desiderio Varela e Ponte da capital municipal, cun custe estimado de 211.158,49 euros no primeiro caso e de 220.530,67 euros no segundo. No caso da rúa Desiderio Varela a mellora afectará ao treito que transcorre entre a rúa Colón e a Gran Vía, e consistirá na colocación dun firme e acabados similares aos empregados no treito xa mellorado hai anos. O proxecto inclúe a colocación de colectores soterrados na esquina coa Gran Vía. No caso da rúa Ponte o Alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que a mellora suporá a substitución das redes de servizos, que no caso das pluviais presentaban problemas decotío, ademais da reforma estética da vía, que será de plataforma única. A actuación realizarase dende a rúa Camiño Novo ata a Luís Calvo e implica a ampliación das beirarrúas, a colocación dunha quincena de árbores, alternando arces, acivros e aligustres, e a creación dunha glorieta na confluencia coa rúa Luís Calvo. Para iso será preciso roubarlle 44 metros cadrados ao solar da familia Calvo Pumpido na rúa Ponte, para o que a familia xa ten outorgado o consentimento.

O barómetro municipal reflicte que a poboación do Concello é de 31.312 habitantes, cun total de 982 altas no padrón en 2015

O COLECTIVO DE ESTRANXEIROS MÁIS NUMEROSO É O DE RUMANÍA

O barómetro municipal reflicte que a poboación do Concello é de 31.312 habitantes, cun total de 982 altas no padrón en 2015

Venres 26 de febreiro do 2016

O Concello de Carballo vén de facer públicos os datos do Barómetro Municipal que recolle as principais variacións en materia de poboación así como de actividade administrativa municipal durante o exercicio de 2015. Os datos actualizados amosan que Carballo conta con 31.312 habitantes, cun total de 982 altas rexistradas no padrón en 2015 e 932 baixas. Do total de veciños e veciñas do Concello, 15.323 son homes (49%) e 15.989 son mulleres (51%). A maioría das altas rexistradas no pasado exercicio son nacementos (230) e maioría das baixas son defuncións (253), aínda que tamén se teñen rexistrado 658 altas de persoas procedentes doutros municipios e 89 de persoas chegadas do estranxeiro. As baixas de habitantes a outros municipios foron 591 e as baixas de xente que marcha a outro municipio 591. O total de modificacións rexistradas no padrón ascende a 2.251. Respecto do rexistro de habitantes estranxeiros, son un total de 576 persoas. O colectivo máis numeroso segue a ser o de rumanos, con 68 persoas, seguido de Uruguai, con 66 e Brasil con 55. Un colectivo que medrou dende finais de 2014 a finais de 2015 foi o de chineses, con catro altas, aínda que o crecemento máis elevado é o de brasileiros e brasileiras, con 8 persoas máis. Respecto da actividade administrativa, hai que mencionar que o Concello ten emitido un total de 9.367 certificados en 2015 e que o número total de vivendas rexistradas no municipio é de 20.378, das que 8.574 constan como deshabitadas. A maioría das vivendas habitadas están ocupadas por dúas persoas (3.100), mentres que hai 23 habitadas por 8 persoas.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe venres 26 de febreiro no DOG a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal

O DOCUMENTO ENTRA EN VIGOR O SÁBADO 27 DE FEBREIRO

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe venres 26 de febreiro no DOG a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal

Venres 26 de febreiro do 2016

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, venres 26 de febreiro a resolución de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Carballo (PXOM) polo que o sábado 27 de febreiro entrará en vigor a nova normativa urbanística municipal. O documento ten superado tamén hoxe o trámite de publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). En todo caso, agora ábrese un período de dous meses no que poden interpoñerse recursos contencioso-administrativos ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A Conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Beatriz Mato, asinou o xoves 4 de febreiro no salón de plenos da Casa do Concello (na imaxe ese día co Alcalde, Evencio Ferrero) a Orde da Xunta de Galicia que supuxo a aprobación definitiva do planeamento, tan só pendente da publicación no DOG. Despois de case unha década de traballo -que comezou xa en 2007 despois de coñecerse a sentenza anulatoria do PXOM de 2003- e de numerosos trámites que comezaron en 2009 co informe previo da Xunta para a aprobación inicial da primeira versión do novo planeamento, poderá comezar o desenvolvemento de moitos proxectos que até o momento estaban pendentes desta resolución. Toda a documentación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Carballo está dispoñible para a súa consulta dende o luns 22 de febreiro no web municipal. Os interesados e interesadas poden descargalo clicando aquí.

A Feira das Oportunidades trasládase aos aparcadoiros do Rego da Balsa e volve coa mellor oferta de stocks de tempada

SÁBADO 12 E DOMINGO 13 DE MARZO DE 10.00 A 21.00 HORAS

A Feira das Oportunidades trasládase aos aparcadoiros do Rego da Balsa e volve coa mellor oferta de stocks de tempada

Xoves 25 de febreiro do 2016

Unha carpa na contorna do Rego da Balsa (onde nos últimos anos se tiña celebrado a Oktoberfest) acolle a fin de semana do 12 e 13 de marzo a oitava edición da Feira das Oportunidades. Segundo explica María del Carmen Freire, Xerente do CCA, o cambio de localización responde a un dobre motivo. Por un lado, solucionar os problemas de filtracións de auga que se teñen rexistrado algúns anos na superficie algo irregular do San Martiño; por outro, preténdese rendibilizar o maior número de prazas de aparcamento existentes nesa zona. A Feira das Oportunidades congrega cada ano a unha trintena de establecementos comerciais do municipio que poñen á venda excedentes de tempada, moi por debaixo do prezo de mercado pero cunha excelente calidade e co prestixio engadido do comercio carballés. A cita, excepto pola situación, mantén practicamente as mesmas características que en anos anteriores, cun horario de apertura de 10.00 a 21.00 horas de forma ininterrompida. O orzamento estimado da feira, que conta coa colaboración do Concello a través da Oficina de Promoción Económica, e da Dirección Xeral de Comercio, ascende a 20.000 euros. María del Carmen Freire, xerente do CCA, espera que este ano a feira "contribúa ao beneficio, non só dos comerciantes, senón tamén da hostalería". O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, confía en que a feira serva para "sacar stocks e sobre todo para equilibrar ingresos e gastos" e espera que a tendencia que comezou en Nadal, cun incremento das vendas durante a pasada campaña, se reflicta nas próximas semanas no comercio local.

Compartir: