Aberto ata o martes 25 o prazo de solicitude para o programa Concilia durante as vacacións de Entroido
Os/as usuarios/as habituais do servizo terán preferencia, pero tamén poderán acudir outros nenos e nenas sempre que haxa prazas
Venres 21 de febreiro do 2025 Benestar
O programa Concilia ofrece ás familias, como todos os anos, unha posibilidade de conciliación durante as vacacións de Entroido. Os días 3, 4 e 5 de marzo, o servizo estará operativo desde as 07.00 ata as 14.30 horas no Recuncho dos Nenos (rúa Barcelona, 18), co custe adicional establecido na ordenanza municipal, que é de 8,24 euros por día, con almorzo incluído.
Os usuarios e usuarias habituais do programa Concilia terán preferencia na adxudicación de prazas, pero, como tamén se fixo no Nadal, o servizo estará aberto a todos os nenos e nenas de 3 a 12 anos ata completar a capacidade. As familias interesadas poden informarse no Centro de Información a Muller, nos teléfonos 981 700 688/638 123 460.
No documento anexo atoparedes o impreso de solicitude, que pode presentarse presencialmente en calquera dos rexistros do concello de Carballo ou de xeito telemático na sede electrónica.