Participantes na “Sinfonía Bergantiños” volveron reunirse para a presentación do vídeo da interpretación
Luns 16 de decembro do 2024 Cultura
O San Xoán 2024 pasará á historia polo seu pregón. Ademais de dedicarlle ao seu lugar de nacemento unhas fermosísimas palabras, o músico Sergio Moure dedicoulle unha extraordinaria sinfonía, creando un momento único que gardamos na nosa memoria e que agora queremos compartir con todo o mundo.
O 19 de xuño foi estreada a Sinfonía Bergantiños, unha encarga do Concello de Carballo a Sergio Moure que queremos converter no noso himno. A interpretación correu a cargo da Orquestra Sinfónica Gaos, pero a sinfonía remata cun movemento dedicado a Carballo no que cobra especial protagonismo a música tradicional. Por iso, para levala ao escenario contamos coa colaboración dos alumnos do Conservatorio Profesional de Música Manuel Rey Trigo (lira e pandeiro) e Valentín Porteiro Rodríguez (gaita), co zanfonista Luis Bolón e cunha vintena de cantareiras das agrupaciones Arume, Nemeth e Escola do Alprende.
Algunhas desas persoas volveron reunirse este sábado para ver en primicia, antes da súa publicación nas redes sociais, o vídeo da interpretación, que tamén se gravou en formato pendrive para que sexa un dos agasallos institucionais do Concello de Carballo. O encontro celebrouse nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, ás que se achegaron Sergio Moure, Manuel Rey, unha ampla representación das cantareiras e tamén do goberno municipal, encabezada esta última polo alcalde, Evencio Ferrero. Tamén se sumou o director do CMUS, Javier Bardanca, xa que unha das ideas nas que se está a traballar é a adaptación dese terceiro movemento dedicado a Carballo para outros formatos musicais.
E, como pasou o 19 de xuño, todas e todos escoitaron en absoluto silencio ata o remate, no que soaron con forza de novo os aplausos. A xuntanza serviu para poñer en común as valoracións da experiencia, todas moi positivas, e o interese compartido de que a Sinfonía Bergantiños, que tamén poderá escoitarse nas principais plataformas musicais, teña moitas reproducións a partir de agora.