O Concello dá un paso máis na tramitación para a cesión á Xunta dos terreos precisos para ampliar o centro de saúde
A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns a adxudicación das obras de urbanización da parcela por 243.750 euros
Luns 16 de decembro do 2024
O Concello de Carballo segue avanzando na tramitación para a cesión á Xunta de Galicia dos terreos escollidos pola Consellería de Sanidade para a ampliación do actual centro de saúde e a súa conversión nun CIS (Centro Integral de Saúde). Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns aprobouse a proposta de adxudicación das obras de urbanización da parcela á empresa Gestal y López S.L. por un importe de 243.750 euros. O prazo de execución é de sete meses a partir da sinatura da acta de inicio dos traballos.
O proxecto consistirá na urbanización da contorna do actual centro de saúde mediante a conexión da rúa Médico Mariño coa avenida do Ambulatorio. Esta nova vía, que será de plataforma única para fomentar a mobilidade accesible, disporá de todos os servizos urbanísticos: redes de abastecemento de auga, saneamento, pluviais, eléctricas de media e baixa tensión e telecomunicacións. O carril de circulación será de formigón e nas beirarrúas empregarase pavimento de baldosa de terrazo en dúas cores. A obra completarase coa sinalización horizontal e vertical, a instalación de mobiliario urbano (papeleiras, bancos, aparcabicis) e a xardinería. En concreto está previsto plantar 15 árbores.
As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do concello de Carballo en virtude do protocolo de actuación asinado o 21 de decembro de 2022. Os terreos polos que descorrerán as futuras vías pertencen ao Concello de Carballo en virtude dun convenio urbanístico de xestión asinado entre esta Administración e o seu anterior propietario que foi aprobado e ratificado o 23 de outubro de 2023 e publicado no DOG núm. 224 de 24 de novembro de 2023.