Inicio Carballo ao día Novas Arrinca o “Obradoiro Lubiáns”, primeira...

Arrinca o “Obradoiro Lubiáns”, primeira experiencia conxunta de formación e emprego entre Carballo e Coristanco

Os alcaldes de ámbolos dous concellos deron a benvida ao alumnado-traballador, que ten por diante nove meses de formación en alternancia

Luns 16 de decembro do 2024 Promoción Económica

Os alcaldes de Carballo e Coristanco, Evencio Ferrero e Juan García, achegáronse hoxe ata o Fórum Carballo para dar a benvida aos 15 alumnos e alumnas que inician a súa formación en alternancia no Obradoiro Lubiáns, un primeiro obradoiro dual de emprego conxunto dos dous concellos co que arrinca unha experiencia de colaboración á que pretendemos darlle continuidade. Ao acto asistiu tamén o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, que animou aos participantes a aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda e lembroulles que a partir de agora son traballadores e traballadoras con dereitos e obrigas laborais.

“En Coristanco sería impensable que tivésemos unha experiencia coma esta sen a xenerosidade de Carballo”, manifestou Juan García, que destacou o alto nivel das instalacións e puxo en valor unha vez máis as boas relacións de veciñanza e colaboración entre os dous concellos. “Carballo sigue sendo un tractor para Coristanco, e iso é positivo para os dous”, apuntou.

Nese sentido, Evencio Ferrero recordou que o Fórum Carballo naceu no 2007 como un complexo de formación e emprego de ámbito supracomarcal. “Temos unhas instalacións únicas en Galicia, e sempre están á disposición das administracións que queiran utilizalas para a promoción da formación para o emprego”, asegurou.

Tanto Juan García coma Evencio Ferrero incidiron na importancia de formar profesionais en oficios coma, neste caso, a carpintaría. “Son profesións que cada vez teñen máis recoñecemento social”, dixo o alcalde de Coristanco. E ademais os/as participantes terán a satisfacción “de facer cousas das que despois vai desfrutar toda a veciñanza. Polo tanto -rematou o alcalde de Carballo- que desfrutedes, que aprendades moito e que iso sirva para que a sociedade se dea conta da importancia que ten unha formación coma esta”.

O Obradoiro Lubiáns, do que forman parte 8 mulleres e 7 homes, é un proxecto subvencionado pola Consellería de Emprego con 308.946 euros e que permitirá formar na especialidade de carpintaría de madeira a 15 persoas desempregadas dos concellos Carballo e Coristanco. A parte práctica do proxecto consiste na fabricación e renovación de mobiliario para edificios públicos dos dous concellos: no de Carballo, os centros sociais de Bértoa, Entrecruces, Verdillo e Artes, e no de Coristanco, os centros sociais de Cereo, Erbecedo e Oca, así como o exterior do Museo da Pataca de Santa María de Traba e do complexo deportivo e escolar Xosé Pichel.

A duración dos obradoiros duais de emprego está establecida en nove meses, ao longo dos cales as persoas participantes terán un contrato de traballo de formación en alternacia, polo que percibirán o salario correspondente.

Compartir: