Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo inviste case 400.000 euros...

O Concello de Carballo inviste case 400.000 euros nas obras de posta en valor do núcleo de Arnados, en Razo

Adxudicadas por máis de medio millón de euros as obras de pavimentación con aglomerado da estrada de Arnados a Sambade

Venres 13 de decembro do 2024

O Concello de Carballo está a realizar un investimento de 395.661,91 euros nas obras de mellora interior do núcleo de Arnados, na parroquia de Razo. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Participación Veciñal, Daniel Pérez, puideron comprobar que os traballos, executados pola empresa Vázquez y Reino, están moi avanzados, e que a veciñanza pronto poderá desfrutar dunha actuación baseada na Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais editada polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, que pretende servir como instrumento para racionalizar o crecemento dos núcleos rurais ofrecendo modelos e alternativas que, sen deixar de ser contemporáneos, conserven e potencien un modelo e asentamento sustentable e respectuoso co medio e a paisaxe.

Con esa filosofía, no noso concello lévanse realizado actuacións de mellora interior en lugares coma Cances Grande e, este mesmo ano, Cances da Vila; Os Vilares (Sísamo), a contorna da igrexa de Rus ou, Castrillón (Lema), entre outros. No caso de Arnados, o groso da obra é a pavimentación das rúas Méndez Núñez, Almirante Mourelle, Arroaces, Mar Mediterráneo, Mar Cantábrico e Océano Atlántico, cunha superficie total de 7.200 metros cadrados, con diferentes tonalidades para a zona destinada ao tráfico rodado e a zona peonil.

Tamén se aproveitou para renovar distintas canalizacións de servizos urbanos na rúa Mar Mediterráneo e a rede de alumeado en todo o ámbito da actuación. O proxecto inclúe, ademais, a sinalización, tanto vertical coma horizontal, e a instalación de mobiliario urbano, en concreto 11 bancos, 1 papeleira e 1 cubrecolectores. O proxecto, elaborado na Oficina Técnica Municipal, prevé, así mesmo, a creación de 600 metros cadrados de zonas verdes, dotadas de rega por goteo, e a plantación de 30 árbores.

Outras actuacións

No núcleo de Arnados tamén se levou a cabo este ano outro proxecto de pavimentación, neste caso financiado cos fondos Agader, que consistiu na pavimentación dun total de 350 metros de viario interior.

En breve comezará, ademais, a pavimentación con aglomerado da estrada municipal que comunica Arnados con Sambade. As obras foron adxudicadas a Vázquez y Reino por 542.593,78 euros. A actuación inclúe a ampliación do ancho da calzada onde sexa posible, limpeza de gabias e unha capa de aglomerado nunha superficie de 26.000 metros cadrados.

Compartir: