342 nadadores e nadadoras de 36 equipos lembrarán esta fin de semana a Pedro Luis Fernández Pombo
A AD Fogar, a Federación Galega de Natación e o Concello de Carballo presentaron o memorial
Venres 13 de decembro do 2024 Deporte
Representantes da AD Fogar, da Federación Galega de Natación e do Concello de Carballo presentaron o II Memorial Pedro Luis Fernández Pombo, que se disputará esta fin de semana na piscina municipal Carballo Calero. Como dixo o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez, “un pobo ten que lembrarse sempre das persoas que contribúen a crear sentimento de comunidade, como Pedro Luis, unha persoa que nos marcou a moitos”, e Carballo vai lembrar esta fin de semana a unha persoa que fixo unha importante contribución á sociedade nos ámbitos cultural, político, social e tamén deportivo.
Pedro Luis Fernández Pombo, como apuntou o presidente da AD Fogar, Gustavo Álvarez, foi directivo fundador, socio honorífico, deportista, árbitro e colaborador da entidade. “O memorial é un pequeno tributo e unha forma de contribuír a todo o que nos deu, que é impagable”, dixo. E para homenaxealo como merece, esta fin de semana vanse dar cita en Carballo 342 deportistas (17 carballeses/as) de 36 equipos, galegos na súa maioría, pero tamén haberá representación de fóra da nosa comunidade autónoma. A competición comezará o sábado ás 10.00 e o domingo ás 10.30 h.
A AD Fogar conta co apoio da Federación Galega de Natación, cuxo secretario, Ramón Mosquera, lembrou o importante papel que desenvolveu Pedro Luis como árbitro e, sobre todo, “como participante máster e como impulsor da categoría máster”, e agradeceu tanto a iniciativa do club como a colaboración do Concello. “Este tipo de competicións son máis unha festa deportiva, e neste caso van estar moitos dos mellores nadadores de Galicia”, avanzou.
O alcalde amosou o seu desexo de que o memorial celebre moitas edicións máis, “porque así faremos que Pedro Luis siga entre nós”. Evencio Ferrero agradeceu a iniciativa e insistiu que, do mesmo xeito que “queremos que Carballo siga sendo un referente no deporte, tamén queremos que sexa un referente no recoñecemento a persoas que deron moitas horas do seu tempo para que o deporte en Carballo teña o gran protagonismo que ten”.