Inicio Carballo ao día Novas A gastronomía e o talento local na...

A gastronomía e o talento local na cociña protagonizan o calendario do Concello de Carballo para o 2025

Xa está dispoñible, de balde e ata fin de existencias, na casa do concello, a Biblioteca Rego da Balsa e o Museo de Bergantiños

Xoves 5 de decembro do 2024 Lingua

A gastronomía e o talento local na cociña son os protagonistas do calendario do Concello de Carballo para o 2025. Doce cociñeiros e cociñeiras propóñennos outras tantas elaboracións, unha para cada mes do ano.

Hai pratos do máis suxestivos: solombo con cogomelos, salpicón de centola, polbo á grella con puré de patacas, berberechos ó allo, pesto de pistacho... Algúns con máis dificultade, outros con menos, pero todos pensados para que poidamos poñernos diante dos fogóns e converternos en auténticos chefs. De feito, a principal novidade do calendario é que na contraportada inclúe un código QR que permite descargar o receitario completo.

No calendario participan Nacho Novoa Cousillas, David Fariña Varela, Carmen Bello Pallas, Juan Carlos Lage Varela, Chisco Ramos Varela, Adrián Felípez Agrelo, Pablo Iglesias Pérez, María José Seoane Moreira, Miguel Giaquinto Arán, Xusto Posse Rodríguez, Sergio Recarey García e Rocío Martínez Rodríguez, todos e todas con moita experiencia no mundo da restauración.

Algúns deles participaron na presentación xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, que agradeceu a colaboración de todos/as os/as cociñeiros/as e destacou o traballo fotográfico e de deseño realizado por Alberte Sánchez e Úrsula Prego, de Distrito Xermar.

O calendario está a disposición de toda a veciñanza, de balde e ata fin de existencias, en tres edificios municipais: casa do concello, Biblioteca Rego da Balsa e Museo de Bergantiños.

Compartir: