DO 30 DE NOVEMBRO AO 8 DE DECEMBRO
Volve o torneo solidario de pádel Concello de Carballo para axudar a nenos oncolóxicos e as súas familias
Representantes de Asanog, Miclub Padel e Concello de Carballo presentaron a décima edición
Venres 29 de novembro do 2024 Deporte
Maica Ures, Daniel Pérez, Evencio Ferrero, Manuel Pallas e Aldara Palmeiro, na presentación do torneo
O torneo solidario de pádel Concello de Carballo, organizado por Miclub Pádel a beneficio de Asanog, cumpre dez anos. Ao longo deste tempo foi indo a máis en todos os sentidos, tanto en canto á participación coma en categorías ou en colaboración, e este ano agardamos volver a contar coa mesma solidariedade de sempre.
Este xoves presentamos o cartel nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures; o concelleiro de Deportes, Daniel Pérez; o presidente de Miclub, Manuel Pallas, e a responsable de comunicación da Asociación de axuda a nenos oncolóxicos de Galicia (Asanog), Aldara Palmeiro.
O éxito de participación xa é un feito. Hoxe, antes do peche das inscricións, había 115 parellas anotadas. Este evento, que xa se converteu nunha cita especial para os amantes do deporte, combina a paixón polo pádel cun propósito solidario: apoiar á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG) no seu labor coas familias de nenos afectados polo cancro, unha enfermidade que en Galicia afecta cada ano a máis de 70 menores de 14 anos, segundo datos do Sergas.
Este ano, o torneo ofrece un espazo para todos os niveis e idades, desde as categorías masculinas e femininas ata mixtas, pais e fillos, e mesmo iniciación, para que ninguén quede sen a oportunidade de participar. Manuel Pallas apuntou ao respecto que en só unha semana disputaranse entre 350 e 400 partidos. Ademais, o ambiente promete ser acolledor e emocionante, como xa é costume nas competicións organizadas neste club. Á fronte estará Marcos Fernández Pena como xuíz-árbitro, asegurando que todo salga como cómpre. As semifinais e as finais poderán verse en streaming a través das redes sociais de Miclub.
Para as persoas que non asistir pero desexen colaborar habilitouse unha fila cero para realizar doazóns que irán directamente a apoiar os proxectos de Asanog. Tanto Manuel Pallas coma Aldara Palmeiro agradeceron a colaboración do Concello de Carballo animaron á veciñanza a colaborar. “Fainos tremendamente felices consolidar este evento. Calquera apoio é moi favorable para a asociación e para os nenos que están pasando por un cancro”, dixo Aldara Palmeiro.
Evencio Ferrero, pola súa banda, aludiu á importancia da consolidación deste tipo de eventos para que a axuda non quede nunha anécdota. “Teño que felicitarvos por perseverar, porque é unha moi boa iniciativa e un exemplo máis de que Carballo é solidario”, manifestou.