Inicio Carballo ao día Novas As zonas de baño do litoral...

As zonas de baño do litoral carballés obteñen a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria da Xunta

Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Arnados, Pedra do Sal, Razo, Ría de Baldaio e Saíñas

Xoves 21 de marzo do 2024

O servizo de socorrismo empezará a funcionar en xuño

O servizo de socorrismo empezará a funcionar en xuño

Na costa carballesa hai cinco zonas de baño controladas sanitariamente: Pedra do Sal, Razo (que a efectos de salvamento divídese en tres: Cabreira, Intermedia e Posto), Arnados (que inclúe tamén a Explanada), Ría de Baldaio e Saíñas. Todas acadan a cualificación de excelente, segundo a clasificación sanitaria final do 2023 que vén de remitir a Consellería de Sanidade ao Concello de Carballo, e que podes consultar no documento anexo.

A Concellaría de Praias ten como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a saúde do noso litoral e a calidade dos servizos que se prestan nel. Grazas ao traballo que se desenvolve ao longo do ano, Carballo vén renovando ano tras ano o distintivo da Bandeira Azul para diferentes espazos, e ademais é o único concello da Costa da Morte e un dos poucos de Galicia que conta cos certificados ISO 14001, o EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua do areal, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

Dende o ano 2014 temos implantado un sistema de xestión ambiental, de cuxo seguimento se encarga un órgano xestor e que ten como principal obxectivo converter as praias carballesas nun referente paisaxístico sostible co medio ambiente.

Ao mesmo tempo seguimos a traballar noutros aspectos relacionados coa protección do medio costeiro e dos seus usuarios e usuarias, coma a redución da velocidade dos vehículos nas zonas de acceso, a extensión da rede de abastecemento de auga a todo o litoral, as campañas de sensibilización ambiental que levamos a cabo coa colaboración de entidades ecoloxistas ou a implicación municipal na conservación da píllara das dunas, unha especie ameazada que estamos intentando protexer sinalizando debidamente os seus niños, e que desde aquí aproveitamos para pedirvos que respectedes e fagades respectar.

Descargas

Compartir: