Inicio Carballo ao día Novas A corporación aprobará no pleno de...

A corporación aprobará no pleno de febreiro o marco estratéxico e o plan de acción da Axenda Urbana de Carballo

A partir da aprobación do documento empezarán a prepararse os proxectos que se presentarán aos novos fondos europeos ETI

Venres 23 de febreiro do 2024

A corporación municipal reunirase o luns 26 de febreiro para aprobar, entre outras propostas, o marco estratéxico e o plan de acción da Axenda Urbana de Carballo, “un documento de calado”, como o definiu o alcalde, Evencio Ferrero, do que terán que dispoñer nun futuro próximo todas as administracións que queiran optar á xestión de fondos europeos.

Xunto ao alcalde, na rolda de prensa na que se deron a coñecer os asuntos que integrarán o pleno, estiveron a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, xa que das súas áreas dependen varias das cuestións que tamén se debaterán na sesión ordinaria, e o concelleiro de Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade, que explicou máis polo miúdo o tema central do pleno.

Iván Andrade definiu a Axenda Urbana como “un documento de carácter estratéxico, que non ten rango normativo, é voluntario e marca as estratexias para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), pero que a partir de agora será preciso para acceder aos fondos ETI (Estratexias Territoriais Integradas), que substitúen aos antigos Edusi.

Carballo leva dous anos traballando na elaboración da Axenda Urbana, un proceso no que, ademais de realizar unha diagnose do punto de partida, recolléronse as achegas de técnicos dos distintos departamentos municipais, dos grupos da corporación e tamén da sociedade organizada, a través das sesións celebradas con asociacións empresariais, ambientais, culturais, deportivas, sociais, veciñais, de nais e pais de alumnos... O resultado de todo ese proceso é un documento que inclúe 55 accións “moi diversas, e con distintos niveis de prioridade”, centradas nos ámbitos social, do desenvolvemento sostible e da posta en valor do medio rural.

A partir da aprobación do documento por parte do pleno, procederase á súa publicación na páxina web e empezarán a prepararse os proxectos concretos para presentar aos fondos ETI.

Descargas

Compartir: