Inicio Carballo ao día Novas A Escola de Regueifa de Carballo, premio á...

A Escola de Regueifa de Carballo, premio á mellor falada do Enreguéifate!

A entrega de galardóns celebrarase o 14 de abril no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela

Xoves 23 de marzo do 2023 Lingua

Xa coñecemos as regueifas premiadas na sexta edición do certame Enreguéifate, o proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. Como en edicións anteriores, o certame contou con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios; e cun total de seis premios en cada unha das categorías: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.

O xurado, composto por Socorro García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago; Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; tivo que valorar un total de 43 regueifas, 35 delas inscritas na categoría escolar e 8 na xeral. Poden verse todas na canle de Youtube do certame e tamén na web.

RESULTADO DAS VOTACIÓNS

Categoría xeral
• A máis brava: Os e as regueifeiros de Compostela - “Tempo de notas”
• A máis aguda: Iván e Aroa - “Regueifa da Adolescencia”
• A máis diversa: Intercontinental - “Café con leite”
• A máis reivindicativa: Arrieiro e Chaminho - “A regueifa pedra Angular- freestile”
• A mellor falada: Escola de regueifa de Carballo - “Fachenda da nosa terra”
• A mellor cantada: Chámame lexión - “Regueifa co espello”

Categoría escolar
• A máis brava: Vivantistas de Dodro - “Interxerando”
• A máis aguda: Alumnado de 2º B do CEP Xosé Neira Vilas - “A Neira Horta”
• A máis diversa: Clase de 1º B do CEIP Quiroga Palacios - “Superheroes do cotián”
• A máis reivindicativa: Regueifeirxs chairegxs - “Regueixornal”
• A mellor falada: Uxía e María do Camballón - “A nosa lingua”
• A mellor cantada: 6ºA CEIP Agro do Muíño - “Rosalía”

O 14 de abril terá lugar a entrega de premios. Será na Gala Enreguéifate-Regueifesta, un acto que vai celebrarse no Auditorio de Galicia, en Compostela, e que suporá un final de festa conxunto dos dous proxectos educativos. Reunirá un milleiro de persoas, entre escolares e alumnado improvisador chegado de diferentes puntos de Galicia e de centros educativos de Euskadi e Cataluña.

Vídeos

Compartir: