Inicio Carballo ao día Novas As concellarías de Sanidade e...

20 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DA SAÚDE BUCODENTAL

As concellarías de Sanidade e Educación colaboran nunha campaña de saúde bucodental que chegará a 1.200 escolares

Luns 20 de marzo do 2023 Benestar

Maica Ures, María Gómez, Evencio Ferrero e Mar Eirís, na presentación

Maica Ures, María Gómez, Evencio Ferrero e Mar Eirís, na presentación

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde Bucodental, desde as concellarías de Sanidade e Educación poñemos en marcha unha campaña coa que pretendemos chegar aos 1.266 nenos e nenas de tres a sete anos escolarizados no noso concello.

Por que esta franxa de idade? Porque segundo a última Enquisa de Saúde Oral en España, un terzo dos/as menores de seis anos teñen caries na dentición temporal. Frear esa tendencia é o noso obxectivo, e por iso contamos coa colaboración da odontóloga carballesa María Gómez, que percorrerá todos os coles que se sumen á iniciativa e que acompañou hoxe na presentación ao alcalde, Evencio Ferrero, e ás concelleiras de Sanidade e Educación, Maica Ures e Mar Eirís.

María Gómez incidiu na importancia de adquirir uns bos hábitos de hixiene bucodental desde a infancia, e para iso, dixo, é imprescindible a implicación das familias. A odontóloga sinalou que canto antes se empece, mellor, e que hai que ter en conta cada etapa infantil e acudir cos nenos e nenas ás revisións establecidas polo Servizo Galego de Saúde. Pero tamén é importante mentalizar á rapazada, e niso consistirá o seu labor na escola. Dadas as idades dos/as participantes, serán sesións curtas, de media hora como máximo, cunha parte práctica moi importante. E ao remate faráselle entrega a cada escolar dun estoxo cun cepillo de dentes e un temporizador para que lles resulte máis doado controlar o tempo do cepillado.

A concelleira de Sanidade, Maica Ures, apuntou que a promoción da saúde, aínda sen ser unha competencia municipal, é unha preocupación permanente do goberno municipal. Nese sentido, o curso pasado púxose en marcha unha campaña de educación sexual nos centros de secundaria, e a través da Unidade de Condutas Adictivas (UCA) estamos a impulsar campañas de deshabituación non só das drogas, senón tamén do alcohol, do tabaco ou do xogo, entre outros hábitos nocivos para a saúde.

Mar Eirís, pola súa banda, destacou a importancia da escola para reforzar os hábitos saudables que se transmiten desde as familias e tamén desde as administracións, e nese sentido agradeceu a boa acollida que tivo a iniciativa nos colexios carballeses e a excelente disposición amosada polos equipos directivos, o que nos permitirá chegar a un total de 1.266 alumnos e alumnas dos colexios A Cristina, San Luís Romero, Fogar, Bergantiños, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, Canosa-Rus, Artai e CRA Ponte da Pedra.

O alcalde, finalmente, puxo o acento na necesidade de transmitir valores e hábitos saudables dende as idades máis temperás, destacou a implicación “de todos os actores” para o bo desenvolvemento da campaña e a importancia de que os nenos e nenas, ademais de aprender, o pasen ben. “Queremos que tamén sexa unha actividade lúdica” e que esta campaña “tamén sirva para que os sorrisos dos nenos e as nenas, como xa apuntou a concelleira Maica Ures, sexan sorrisos de saúde e de felicidade”.

Compartir: