Inicio Carballo ao día Novas Adxudicadas as obras do primeiro dos cinco...

Adxudicadas as obras do primeiro dos cinco proxectos deseñados para evitar as inundacións no río Anllóns

Augas de Galicia e o Concello de Carballo realizarán un investimento superior aos 300.000 euros na construción dun “bypass” na zona do Muíño do Quinto

Venres 18 de novembro do 2022

Muíño do Quinto

Muíño do Quinto

Augas de Galicia vén de adxudicar á empresa carballesa Vázquez y Reino, por un importe de 268.046 euros, as obras de construción dun bypass na zona do Muíño do Quinto. O Concello de Carballo, pola súa banda, fíxose cargo das expropiacións necesarias para a realización dos traballos, polo que o investimento total supera os 330.000 euros. Tal como establece o convenio entre ámbalas dúas institucións, a Xunta elabora, contrata e executa as obras, e o Concello aporta os terreos necesarios e comprométese a asumir a posta en servizo, explotación, mantemento e conservación das novas infraestruturas hidráulicas unha vez rematadas.

Inundacións do ano 2016

Inundacións do ano 2016

O bypass do Muíño do Quinto será o primeiro dos cinco proxectos incluídos no plan de prevención das inundacións nas ribeiras do río Anllóns en facerse realidade. O prazo de execución é de seis meses.

O principal obxectivo da actuación é a mellora da capacidade hidráulica do río ao seu paso polo Muíño do Quinto. Para conseguilo abrirase unha canle alternativa que permita derivar caudal en períodos de avenida. As obras afectarán ao paseo fluvial, polo que está prevista a construción dunha pasarela de madeira que dea continuidade ao trazado da senda.

Dentro do convenio entre Augas de Galicia e o Concello de Carballo tamén se encadra a reforma integral do parque de San Martiño, que saíu a licitación por 336.000 euros e que está pendente de adxudicación.

Ademais, en outubro foron aprobados pola Xunta de Goberno Local os outros tres proxectos: reforma da ponte de Isabel II, na rúa Fomento, que ten un orzamento de 1.949.461,88 euros; a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552, na Cepeira (Sísamo), por 1.241.219,80 euros, e a reforma da ponte da rúa do Sol e creación dunha canle de augas altas, por 1.594.905,39 euros. O proxecto tamén se someterá agora a información pública.

As obras, que suman en total algo máis de cinco millóns de euros, son co-financiadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e deben estar rematadas no ano 2023. O obxectivo de todas estas actuacións é evitar ou paliar o risco de inundación do Anllóns, apostando pola naturalización do leito do río e polas infraestruturas verdes fronte a actuacións urbanísticas que se realizaron décadas atrás e que afastaron o río do seu estado natural.

Compartir: