Inicio Carballo ao día Novas Un millón de euros de investimento nas...

Un millón de euros de investimento nas primeiras actuacións para a creación dunha rede de parques integradores

Comezaron as obras de reforma integral dos parques do Chorís e da Praza do Hospital, aos que se irán sumando máis nos vindeiros meses

Venres 12 de agosto do 2022

Obras no parque do Chorís

Obras no parque do Chorís

A altísima intensidade de uso que teñen os parques infantís da zona urbana de Carballo non só obrigan a realizar un mantemento constante, senón tamén á súa actualización periódica. Coa finalidade de renovalos, pero tamén de facelos accesibles para todos os nenos e nenas, así coma de crear espazos de convivencia entre a rapazada e as persoas adultas, fomentando deste xeito o vínculo emocional, dende o Concello de Carballo impulsamos unha rede de parques integradores na que xa temos consignado un investimento inicial de case un millón de euros.

Obras no parque do Hospital

Obras no parque do Hospital

Con esa filosofía xa está en execución un proxecto de renovación integral dos parques do Chorís e da Praza do Hospital, nos que realizaremos un investimento de 106.003,78 euros procedentes dos recursos municipais. A actuación afectará tanto ao recinto como aos xogos infantís, varios deles inclusivos. As obras, que comezaron esta mesma semana, son executadas pola empresa local Vázquez y Reino, e onte visitáronas o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo.

Na cantidade total tamén se inclúen os 551.568,40 euros do proxecto “Carballo para a infancia”, que será financiado cunha subvención da Deputación da Coruña do 80% do orzamento total, segundo o acordo asinado a semana pasada polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo. Grazas a esta achega acometeremos a reforma de integral dos parques da Praza do Concello, a Praza Eduardo Pondal e a Praza da Milagrosa, nos que, como no caso anterior, actuarase nos recintos e nas zonas axardinadas e realizarase unha renovación completa dos xogos infantís.

As actuacións transformadoras chegarán tamén nos vindeiros meses a varias parroquias, xa que con cargo ao remanente de tesourería do ano pasado será posible acometer, tal como aprobou o pleno no pasado mes de xuño, a reforma integral de toda a área de ocio da Ponte de Bértoa, incluído o parque infantil; a reforma integral do parque infantil de Razo e a creación dunha nova zona de xogos en Artes. En total investiranse máis de 300.000 euros.

Xunto a estas intervencións integrais, cuxos resultados serán visibles nos vindeiros meses, nestes momentos a Brigada Municipal de Obras está realizando traballos puntuais en varios parques, entre eles o da Praza do Outeiro, no que xa se renovou o mobiliario urbano e tamén está previsto acometer a mellora dos xogos. Dende o Concello de Carballo agradecemos ás familias usuarias que nos fagan chegar calquera posible anomalía que poidan detectar para poñerlle solución o antes posible.

Compartir: