Inicio Carballo ao día Novas Os datos de licenzas de edificación do ano...

Os datos de licenzas de edificación do ano 2021 amosan un tímido abrocho da actividade inmobiliaria

A Oficina Técnica Municipal recibiu solicitudes para a construción de 31 vivendas unifamiliares e 22 en dous bloques de pisos

Venres 7 de xaneiro do 2022

Edificio en construción entre as rúas Nicaragua, Brasil e Costa Rica

Edificio en construción entre as rúas Nicaragua, Brasil e Costa Rica

No ano 2021 tramitáronse no Concello de Carballo solicitudes de licenzas para a construción de 53 vivendas: 31 unifamiliares e 22 distribuídas en dous edificios de 11 pisos cada un deles. Estes dous novos bloques situaranse na rúa Perú e na Praza de Galicia, e virán a sumarse á primeira promoción en marcha dende o estoupido da burbulla inmobiliaria: un edificio de 19 vivendas que está en construción nun solar situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil.

Os datos reflicten un tímido abrocho da actividade inmobiliaria, que era practicamente inexistente dende o ano 2008. De feito, as 53 vivendas que se construirán nos vindeiros meses constitúen a cifra máis alta dende o 2009.

Na Praza de Galicia derrubaranse dúas edificacións en estado ruinoso

Na Praza de Galicia derrubaranse dúas edificacións en estado ruinoso

O sector continúa padecendo aínda os efectos do bum inmobiliario da primeira década dos 2000. No noso concello, o récord acadouse no ano 2006, no que se tramitaron solicitudes para  1.138 vivendas. A cifra caeu en picado a partir do 2008, e nos anos 2013 e 2014 tocou fondo, con só 6 vivendas cada ano. Dende o ano 2009, a práctica totalidade das licenzas solicitadas foron para casas unifamiliares.

Solar da rúa Perú no que está previsto construír outro edificio

Solar da rúa Perú no que está previsto construír outro edificio

No 2018 presentouse a primeira solicitude para a construción dun edificio de pisos, en concreto o situado entre as rúas Nicaragua, Costa Rica e Brasil. A licenza foi aprobada pola Xunta de Goberno Local a finais de xaneiro do 2019, e as obras empezaron hai uns meses. Na rúa Perú, un cartel sinaliza o solar no que está prevista a construción dun edificio, e na Praza de Galicia levantarase, segundo o proxecto básico aprobado o mes pasado pola Xunta de Goberno Local, un bloque de 11 vivendas, 11 rochos e 17 prazas de garaxe, nas parcelas identificadas cos números 5 e 6, nas que existen dúas casas en estado ruinoso que xa teñen licenza de demolición.

Compartir: