Inicio Carballo ao día Avisos O 14 de outubro presentaremos o Plan especial de...

O 14 de outubro presentaremos o Plan especial de Pedra do Sal nun acto público no Centro Social de Imende

Domingo 19 de setembro do 2021

Tras ser aprobado de xeito inicial na Xunta de Goberno Local, o plan especial de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e de protección do seu entorno será presentado á veciñanza nun acto público programado para o xoves 14 de outubro no Centro Social de Imende.

Dada a situación sanitaria, o aforo será limitado, polo que, coa finalidade de facilitar a asistencia do maior número de persoas posible, están previstas dúas quendas de presentación: a primeira, de 18.00 a 19.30 horas, e a segunda, de 19.30 a 21.00 horas. Para asistir a calquera delas será imprescindible inscribirse con anterioridade. As persoas interesadas deben chamar ao 981704705 e facilitar os seus datos.

O plan especial de Pedra do Sal, elaborado polo estudo Monteoliva Arquitectura, define o desenvolvemento dun ámbito de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural nunha das áreas máis sensibles do territorio carballés. Tras a aprobación inicial, a partir da publicación do anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia abrirase un prazo de información pública durante dous meses para que as persoas interesadas poidan consultar o documento e presentar as alegacións que consideren oportunas. As persoas titulares dos terreos afectados serán notificadas individualmente. Ao mesmo tempo, dende o Concello de Carballo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos ás administracións con competencias na zona afectada.

Tal como se establece no Plan Xeral de Ordenación Municipal, no ámbito do plan especial non poderán outorgarse licenzas ata o seu desenvolvemento.

Compartir: