Inicio Carballo ao día Avisos Aberto do 15 de setembro ao 30 de novembro o...

Aberto do 15 de setembro ao 30 de novembro o período voluntario de cobranza do IBI, o IAE e a taxa de lixo comercial

Martes 14 de setembro do 2021

Do 15 de setembro ao 30 de novembro desenvolverase o segundo período de cobro de tributos municipais do ano 2021:

  • Imposto sobre Bens Inmobles, nas súas modalidades urbana, rústica e de características especiais, cun total de 34.098 liquidacións ao cobro.
  • Imposto sobre Actividades Económicas, cun total de 358 liquidacións ao cobro.
  • Taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo e residuos sólidos urbanos, na súa modalidade comercial, cun total de 1.406 recibos ao cobro. 
Tal como acordou a corporación municipal na sesion plenaria celebrada o 30 de novembro de 2020, debido ás restricións na súa actividade por mor da COVID-19, os establecementos de hostalaría e viaxes desfrutan neste exercicio dunha bonificación do 37,5% na taxa do lixo, que xa se aplica de oficio nos recibos, polo que non terán que solicitala.

Lugar e formas de pago

Os/as contribuíntes poderán realizar o pago dos recibos nas oficinas da Recadación Municipal, situadas na rúa Camiño Novo, número 7, entreplanta Galerías Comerciais. Estes son os horarios de apertura:

  • De luns a xoves, de 09:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:30 horas.
  • Os venres, de 09:00 a 13:30 horas.
Os recibos domiciliados pasaranse ao cobro a partires do día 18 de outubro. A día de hoxe atópanse domiciliadas pouco máis de 14.000 liquidacións das 35.860 que compoñen os padróns, o que supón un 39% do total. As persoas que desexen domiciliar os seus pagos poderán facelo, para que teña efectos no actual período de recadación, ata o día 10 de outubro.

Como é costume, o Concello de Carballo remitirá cartas informativas aos contribuíntes, co detalle das liquidacións. En total realizaranse 18.631 envíos.

As persoas que o desexen poden examinar os padróns no Servizo de Xestión Tributaria do Concello, a fin de comprobar a exactitude dos datos que lles afecten, así como para facer constar o seu enderezo actual de notificación se non recibisen a carta informativa antes do día 10 de outubro.

Compartir: